A todo hai quen gañe (Popular)

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Xogos populares

 

A situación de moitos dos xogos e deportes tradicionais no Val do Ulla desde hai ben tempo é similar á do resto de Galicia: cáseque ninguén os practica e pouca xente se acorda deles. Nós quixemos dedicarlles unhas liñas a aqueles que se xogan ocasionalmente e que dalgunha maneira chegaron ata os nosos días, e mais a aqueles que seguen gozando de boa saúde á hora de enredaren rapazas e rapaces. Quedan excluídos da relación os xogos nos que interveñen balóns e pelotas, e elementos modernos coma as chapas, pois á fin cun nome ou outro seguen existindo. Tampouco se falará de xogos de mesa.

A estornela
Podemos citar como o máis parecido a un deporte a estornela, consistente en golpear cun pao de tamaño semellante a un bate de béisbol (a panca), o carozo dunha espiga de millo ou un pao pequeno (a estornela), gañando quen o envía máis lonxe, segundo determinadas regras. Unha das formas de xogar consiste en que varios xogadores se colocan tras unha liña, e seguindo a orde previamente decidida, collen, cando lles toca, a estornela na man. Logo, lánzana ó aire e, cando chega á altura da cintura, golpéana para chimpala o máis lonxe posible. Outra forma de lanzamento consiste en cruzar unha estornela enriba doutra, de maneira que un extremo quede no aire. Golpéase desde arriba e entón a estornela salta dando voltas e golpéase de novo para mandala lonxe. Noutras zonas de Galicia, a estornela chámase billarda e xógase de diferentes formas.

A chave
Coñécense distintas formas de xogar a ela. O habitual é que a chave sexa un aparello de ferro, consistente nunha especie de poste ou vástago de pequeno tamaño sobre o que se colocan aspas tamén de metal que poidan xirar sobre este. O obxectivo do xogo é lanzarlles a estas aspas obxectos de pequeno tamaño pero pesados, como moedas, para que xiren e así iren sumando puntos os diferentes equipos de xogadores, tendo en conta factores como a distancia desde a que se fan os lanzamentos.

A mariola
En canto a xogos, temos a mariola, onde rapaces e rapazas formaban unha roda e movíanse continuamente ó redor dun obxecto designado como centro.

A panda
Este xogo aínda adoita ser hoxe parte das clases de ximnasia nas escolas. Como mínimo precísanse dúas persoas, unha das cales fai o papel de "burro" ou "burra", abaixándose e poñendo as mans nos xeonllos, e a outra apoia as mans nas súas costas e sáltalle por riba, intercambiando a continuación os papeis.

A pita cega e as agachadas
Na pita cega, cos ollos tapados, un xogador ou xogadora busca os outros, que o desorientan dándolle voltas e berrando. Cando o que fai de pita cega atrapa un, este queda no seu lugar. Nas agachadas, o que queda conta cos ollos tapados ou pechados xunto a unha parede ou árbore (a casa) e cando remata destápaos, dá a volta e ponse a buscar os outros. Estes intentarán chegar á casa (lugar de orixe) e tocala, de maneira que quedarán salvados. O que queda, cando vexa algún dos xogadores, debe correr cara á casa e berrar o seu nome en alto, de maneira que será ese participante o que quedará na vindeira quenda.

Arrondeeiras
Máis que arrondeeiras fixas, o que se acostuma ou acostumaba facer era usar viñas ou árbores fortes para pendurar aí os dous extremos dunha corda ou adibal e sobre o sitio para sentar poñer un saco. Despois, tomar impulso... e arrondearse.

Asubiote
O asubiote é unha especie de chifre que se constrúe con dúas cascas de landras. Estas encáixanse como se as dúas xuntas formasen un ovo. Logo faise un burato para que entre o aire e asubíase.

Buxaina, bailarico ou trompo
As buxainas, que aínda se poden encontrar hoxe nas tendas, son un enredo ben tradicional, e ademais dese nome reciben o de bailaricos ou o de trompos, facéndose bailar na man ou no chan, existindo diferentes formas de lanzalos e podendo establecerse competicións.

Carabuñas
Ó chegar o tempo das cereixas xogábase coas súas carabuñas ó "Rei, rei, por aquí pasei". É dicir, que se collían as carabuñas entre os dedos polgar e índice, e repetindo a frase "Rei, rei, por aquí pasei, pola punta da uña, salta carabuña" lanzábanse canto máis lonxe mellor.

Carreiras de sacos
As carreiras de sacos son sobre todo dos días de festa do verán, aliñándose os corredores dentro de cadanseu saco e tentando chegar os primeiros ó final do percorrido marcado. Os sacos deben sosterse coas mans e avánzase saltando.

Carrilanas
Nos últimos anos fíxose moi popular en Boqueixón a Carreira das Carrilanas, competición na que toman parte pequenos vehículos construídos fundamentalmente de madeira que, partindo desde preto do cume do Pico Sacro se lanzan por unha pista abaixo, cun certo perigo para os pilotos, que deben extremar a seguridade.

Enredos de madeira
Coñécense algúns enredos de madeira para montar e desmontar, con pequenas pezas de grosor semellante a un lapis.

Serra comadre, serra compadre
O xogo consiste en que un neno ou nena lle colle as mans cruzadas ó outro e tira delas alternativamente facendo que serra na madeira, e cantando "Serra comadre, serra compadre, na madeiriña do señor abade, ti ca lima e eu ca serra, facemos diñeiro coma terra".

Tiratacos
Un xoguete moi popular en tempos foi o tiratacos. Trátase dun pao de sabugueiro que se baleira de tal xeito que forme un cano e que a súa parte interior quede unida a un mango. Este retírase para introducir no cano a munición, os froitos do loureiro, que son metidos a presión e lanzados despois empuxando o mango do tiratacos. Pódense acadar lanzamentos de ata vinte metros de distancia.

Torres de carozos
Así que se debulla o millo quedan os carozos, que valen para seren queimados coa leña, pero antes diso pódese enredar con eles, facendo torres. Para iso colócanse de dous en dous, perpendiculares uns a outros, ata onde se sexa capaz de construír sen que a torre veña abaixo.

Xogos con palabras e cancións


Cancións infantís coma estas podían ser usadas como xogo:

Unha pega rabilán
puxo un ovo na quintán
puxo un e rebolou
puxo dous e rebolou
puxo tres e rebolou
puxo catro e rebolou
puxo cinco e rebolou
puxo seis e parou

Uni, doni,
teni, coteni,
fagheni, chinchín,
carroupín, carroupés,
conta ben
que son des

Á unha, sae a Lúa,
ás dúas, sae o Sol,
ás tres, ti ben o ves,
ás catro, non sei canto,
ás cinco, de viño branco faise tinto,
ás seis, cantan os reis,
ás sete, tira Pepe
e de sete para riba, tira Pepe tira,
ás oito, de pan de trigo faise biscoito,
ás nove, non casa a muller sen o home,
ás dez, non vai a cabra para o monte sen pés,
ás once, pasa o río por debaixo da ponte,
ás doce, non hai porco que non foce,
ás trece non hai crego que non rece,
ás catorce, ti retorce.

DEBAIXO DUN CASTIÑEIRO...

 

O poema que reproducimos a continuación, orixinalmente empregado como xogo de nenos, foi recollido por Marcial Valladares (na imaxe) en Vilancosta, Berres, e publicado no tomo IV da Biblioteca de Tradiciones Populares Españolas, Madrid 1884.

Recuperouno Loís Carré Alvarellos, nun volume titulado "Contos populares da Galiza".

Debaixo dun castiñeiro
paseando unha galiña
caeu degarado ourizo
e un golpe lle deu na crista,
bota a correr a galiña
e dille de presa ao galo:
-Fuxa, señor galo, fuxa,
que cae o ceo en anacos.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Apreta o galo a correr
e, cô raposo encarando:
-Fuxa, -dille,- señor Pedro,
que cae o ceo en anacos.
- Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bota o raposo a correr
e, atopando o can ao paso:
-Fuxa, -dille,- siñor can,
que cae o ceo en anacos.
-Quém llo dís, señor raposo?
-Díxomo o siñor galo.
-Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bótase o can a correr
e cô lobo tropezando:
-Fuxa, -dille,- señor lobo,
que cae o ceo en anacos.

O VELLO QUE PRANTOU A VIÑA

De Vilancosta (Berres, A Estrada), proceden tamén estoutro xogo, que recolleu Loís Carré Alvarellos en "Contos populares da Galiza", co título "O vello que prantou a viña".

Era un vello e prantou unha viña.
Luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Veu a cabra e rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Vaise o can e matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara.
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Ven o pau e matou ao can que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Ven o lume e queimou o pau, que matou ao can, que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Ven a i-auga e matou o lume, que queimou o pau, que matou ao can, que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Vaise o boi, e bebeu a i-auga, que matou o lume, que queimou o pau, que matou ao can, que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Ven a corda e prendeu ao boi que bebeu a i-auga, que matou o lume, que queimou o pau, que matou ao can, que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Vaise o rato, e rilou a corda que prendeu ao boi, que bebeu a i-auga, que matou o lume, que queimou o pau, que matou ao can, que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

Veu o gato e comeu ao rato, que rilou a corda, que prendeu ao boi, que bebeu a i-auga, que matou o lume, que queimou o pau, que matou ao can, que matou â cabra, que rilou a viña que o vello prantara,
luns e martes
de madrugada,
tras do outeiro
da pedra furada.

ERA E NON ERA

Velaí outro xogo de palabras contado por Camilo Neira de San Miguel de Sarandón, quen llo escoitou ó seu avó Xan Parada, de San Cristovo de Merín (Vedra):

Era e non era
andaba na arada
tiña corniños
e moqueneaba.

Veulle recado
que seu avó
e súa avoa
non eran nada.

Colleu os bois ó lombo,
botou o arado a pacer,
deixoulle herba ó xugo
que se podera encher.

Botou por alí
adiante
a cabalo dun carro
cun forno ó lombo.

Chegando á casa de Bernabé
todos iban na cama
non sendo el
que estaba a pé.

-Tras, tras.
¿Quen ta?
- Ninguén
que son eu

Véñovos decir que
lle poñades a extremaunción
a voso pai e vosa nai
que van do outro mundo pra este.


UNHA VELLA PUXO COLES

Contada por Camilo Neira de San Miguel de Sarandón:

Unha vella puxo coles na pedra furada.
Foi a cabra e comeu as coles que puxo a vella na pedra furada.
Foi o pao e pegoulle á cabra que comeu as coles que puxo a vella na pedra furada.
Foi o lume e queimou o pao que lle pegou á cabra que comera as coles que puxo a vella na pedra furada.
Foi a auga e apagou o lume que queimou o pao que lle pegou á cabra que comeu as coles que puxo a vella na pedra furada.

GATO, ¿DÁSME O RABO?

Contada por Camilo Neira de San Miguel de Sarandón:

- Gato, ¿dásme o rabo?
- Se me dás leite.
- Vaca, ¿dásme leite pra lle dar ó gato pra que me dea o rabo?
- Se me dás herba.
- Herbeira, ¿dásme herba pra lle dar á vaca pra que me dea leite pra lle dar ó gato pra que me dea o rabo?
- Se me dás auga.
- Pozo, ¿dásme auga pra lle dar á herbeira, pra que me dea herba, pra lle levar á vaca, pra que me dea leite, pra lle dar ó gato pra que me dea o rabo?
- Se quere o mozo.
- Mozo, ¿dásme o pozo pra que me dea auga pra lle dar á herbeira pra que me dea herba pra lle dar á vaca pra que me dea leite pra lle dar ó gato pra que me dea o rabo?


TRABALINGUAS

Contado por Camilo Neira de San Miguel de Sarandón:

Un lobo rubio roe un loro duro.
Se un lobo rubio o roe, un loro duro o remoe.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1