Domina as paisaxes do Ulla a silueta do Pico Sacro, o cumio máis belo e simbólico de Galicia (Ramón Otero Pedrayo, "Guía de Galicia")

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Algúns dos países que recibiron máis emigrantes do Val do Ulla desde o primeiro tercio do século XX

A emigración

A emigración deuse no Val do Ulla desde hai séculos, e en parte está en relación coa forma de propiedade da terra e a estructura económica e social da zona. No excelente estudio de Ofelia Rey "Aproximación a la historia rural en la comarca de la Ulla (siglos XVII y XVIII)", a autora recorre a arquivos parroquiais posteriores ó ano 1600 para o seu traballo, e neles constata que hai uns poucos casos de emigración dentro do Reino no século XVII, mentres no XVIII e XIX aumentan e os emigrados teñen como destino Andalucía, Castela ou o servicio real (exército). A historiadora distingue entre ausencia estacional, polianual e definitiva.
A primeira "debeu revestir unha grande importancia numérica; hai indicios da saída de cuadrillas que van á sega a Castela ou á vendima. Andalucía parece ser destino de xente que queda alá por varios anos ou de xeito definitivo, con puntos de recepción como Cádiz (principalmente), Sanlúcar de Barrameda, Puerto Real ou Rota". O maior número de saídas coincide coas etapas de crise económica e polo tanto de fame, rexistrándose bastantes mortes de xente da Ulla no Hospital Real de Santiago neses anos.
Polo que se refire ós mozos recrutados "ó servicio da Súa Maxestade" Ofelia Rey encontrou datos dalgúns que morreron en lugares como Veracruz (México), Flandes (Países Baixos e Bélxica) e Italia.
No estudio "La emigración a América en la cuenca media del Ulla", Rey Castelao e Ricardo Turnes sinalan que durante o século XIX foi moi importante a emigración a Cádiz e incluso a Portugal dos mozos que tiñan que facer o servicio militar. Desde 1880 aumenta a emigración a América: Arxentina é o destino dun 60% da xente que marcha do Val do Ulla, e outros países receptores en América son Cuba e Uruguai. Tamén hai quen viaxa a Porto Rico ou Brasil e incluso a Filipinas. Dentro de España, o destino preferido é Cádiz e en menor medida Madrid.

SOCIEDADES


Na Habana, Bos Aires e Montevideo formáronse pois comunidades de ulláns bastante importantes, e iso orixinou a fundación de diversas sociedades. En 1915 foron creadas nesas tres capitais outras tantas sociedades que agruparían colectivos de menor entidade, baixo o nome de "Hijos del Ayuntamiento de La Estrada", todas elas promovidas por Pedro Varela (autor de "La Estrada", 1924). Pero xa desde 1910 funcionaba en Bos Aires a "Sociedad Parroquial de Vedra".
Sabemos ademais que na Habana houbo, polo menos a principios deste século, dúas sociedades chamadas "Calo y Viduido" e "Sociedad Hijos del Valle del Ulla y su Comarca". Esta última foi constituída en 1928 e agrupaba xente de dez parroquias da Estrada e dúas de Silleda (tendo en conta que a de Cira estaba en Silleda).
En Bos Aires as sociedades de Vedra e Teo chegaron a ter un periódico conxunto, chamado "Unión de Teo y Vedra", que tiña como lema "Por la instrucción, protección y emancipación del pueblo gallego". Entre os obxectivos destas asociacións estaban promover a ensinanza en Galicia e protexer os socios con menos recursos.
Rey e Turnes apuntan como causas de emigración, xa citadas no século XIX, as seguintes: crise da industria téxtil, que non pode colocar a producción de liño; incremento da fiscalidade estatal desde 1838; servicio militar obrigatorio, tamén desde 1838; crise da producción vitícola desde 1853, debida en parte ás plagas; e o estado de miseria de gran parte dos veciños, que son braceiros e xornaleiros, e que non encontran na comarca industria nin comercio que lles dea traballo.

O TÍO ALBERTE E PEPIÑO


Un curioso relato sobre as consecuencias da emigración e ademais ambientado no Val do Ulla foi escrito por Valentín Lamas Carvajal e publicado no xornal "O tío Marcos da Portela" o 4 de febreiro de 1877. Reproducimos aquí só unhas liñas:
"Sentado na baranda do ponte da Ulla, atopábase o tío Alberte, pouco máis, pouco menos, alí polas catro da tarde un día de festa, cando viu chegar un coche e baixarse dil un mozo, asina como dus trinta anos. Ó velo sobrecolleuse, cavilou un pouco dempois, e como quen ten a seguranza do que ve e pensa, dixo: "ai, vate o demo! Ou pirdín o xuício, ou aquil é o Pepiño de Silleda, o que tiven oito anos de criado na miña casa, e que marchou dempois pra Bos Aires". Ó Pepe non se lle despintou a presoa do tío Alberte, asina é que ó baixar do coche, foise direito a il como un fío, e díxolle:
- A la pa de Dió, señor Alberte. ¿Que hay de nuevo po esta maldita tierra?
- ¡Ai, vállame Dios, e como te puxeron en Bos Aires, meu filliño! ¿Ti seica non vés bon da cabeza?
- Los que nostan buenos son ostés los gallegos; ahora que se foron para mi los tiempo de la inorancia, ahora que hace años que no estoy mantido con el miserable y arrastrao pan de grona, me alcontro mas despavilao, y, vamos al decir, soy lo mesmo que una presona decente.
- ¿Que demos de mistura é a que falas Pepiño?
- Pusqué, ¿se le ha figurado a osté que yo siguiría hablando gallego como si fora un lobo del monte? Misté que redios: no faltaría mas que ver que después de recebir yo tanto lustré de ilustración, tuviese la chiflaura de echar gallegadas. No, tío Alberte, no; las presonas decentes asina como yo, deben hablar tal como conresponde a la guena socieá".
Pedro Varela sinala en "La Estrada" que a emigración "provoca inconvenientes e ten as súas vantaxes". Entre os primeiros: "Ó elemento de forza formado pola pubertade e a idade viril, lévao xeralmente a suxestión do éxodo, máis alá destas campiñas, a dedicarse a un traballo mellor remunerado, pero con resta prexudicial de brazos e esforzo no solar natal, onde apena presenciar o sacrificio de mulleres, vellos e nenos, ante o agro consumidor de enerxías e aberto ás inclemencias do tempo".
Pero a principios deste século tamén hai vantaxes: "Os fillos da Estrada, por regra xeral, anque se ausenten, deixan vinculado o seu espírito na terra natal; evocan e añoran o lugar no que ó mundo viñeron, acométeos esa nostalxia ou sentimento patriótico que leva o nome enxebre de morriña, e volven; moitos despois de xirar a cantidade necesaria para a compra do predio en que antes de emigrar traballaron, e case todos para levantar entre os casaríos vetustos, as casiñas modernas e brancas das que están salpicadas as nosas aldeas. Estas construccións, suxeitas a regras novas de adianto e hixiene, serven de pregón e estímulo para que se vaian cambiando as vellas mazmorras, por outras urbanizacións máis salubres e bonitas; de tal sorte que hoxe non existe xa para as persoas máis encopetadas da Vila, o temor de ter que quedar a comer ou pasar a noite en calquera parte do Distrito, pois en tódalas parroquias se encontran habitacións aseadas, camas limpas e ben postas, e mesas nas que se serven con delicadeza os bos manxares e o bo café. E así vai penetrando debido ós americanos, a civilización no pobo rural. (...) Os americanos, como se lles chama polo común, teñen no seu pro outra virtude, e é a dun entusiasmo grande pola instrucción primaria: así se observa que no país funcionan varias entidades alentadas por eles, co plausible fin de educar a infancia".
De todos xeitos, tamén a política e a relixión influía na creación e fins destas sociedades, segundo lembraba Antón Losada Diéguez, criticando algunhas delas, en Céltiga, en Bos Aires, o 25 de xullo de 1929: "Alá en América... Alá en América a fonte da desgaleguización bota a eito. Alí se afían os fouciños que veñen logo a segar as raíces da alma galega. É total a incomprensión daqueles que se cren máis progresivos e máis galegos. Para redimir a Galicia pensan sobre todo no anticlericalismo e con el fan unha mestura de socialismo español, comunismo ruso e masonismo americano, cocidos nos fornos de infindas sociedades, sub-sociedades e pros. Todo novo, moi novo. ¡Canto progreso, meu Deus!".
E seguimos falando da emigración despois de ver este anaco do relato. Durante este século, a emigración concentrouse fundamentalmente en países como Arxentina ou Venezuela, aínda que tamén hai e houbo ulláns en Alemaña, Brasil, Cuba, Estados Unidos, Francia, Luxemburgo, México, Reino Unido, Suíza ou Uruguai, e mesmo o Sueste asiático. Dentro de España, os puntos de destino foron principalmente Madrid, Cataluña, o País Basco e Canarias.
Como dixemos, os cartos retornados polos homes e mulleres emigrados contribuíron en boa medida a modernizar moitas explotacións agrícolas e á construcción de novas vivendas en toda a comarca, así como a numerosas reformas das xa existentes. Pero non soamente a iso: tamén axudaron na construcción de escolas e bibliotecas, na reparación e mellora de igrexas ou na constitución de caixas de aforro rurais.

Publicacións dos emigrantes

Os centros e sociedades galegas no exterior acostumaban publicar e aínda o fan, boletíns informativos dirixidos ós seus asociados nos cales informaban de noticias destacadas referentes á súa terra. Imos citar aquí algunhas destas publicacións das que tivemos coñecemento, a maioría delas a través do CD-ROM "Repertorio da prensa galega da emigración", publicado polo Consello da Cultura Galega:

El Eco de Teo
Revista mensual dirixida por Manuel Oliveira editada en Bos Aires a partir de 1916. En castelán, con algunha colaboración en galego.

El Estradense
Publicación mensual do Centro Cultural del Partido de La Estrada. Comezouse a editar en Bos Aires, dirixida por Teodoro García, e os primeiros números gardados no Consello da Cultura son de 1980. En lingua castelá, con colaboracións literarias en galego.

Unión de Teo y Vedra
Órgano oficial das Sociedades Agrarias de Teo e Vedra. Os primeiros exemplares gardados no Consello da Cultura son de 1920, sendo daquela o seu director M. Carneiro Martínez. Editábao en Bos Aires a Federación de Residentes de Teo en Sudamérica.

Vedra Hoxe
Publicación trimestral da Sociedad Parroquial de Vedra de Mutualidad y Cultura en Bos Aires. Os primeiros números gardados no Consello datan de 1990, e están publicados fundamentalmente en castelán con algunha colaboración en galego.

 

Centros e sociedades de ulláns na emigración


Datos tomados da Guía de Recursos Acción Exterior de Galicia, publicada pola Xunta de Galicia en 1998. Como é obvio, en moitos países onde hai emigrantes da comarca e sen embargo non teñen formadas sociedades propias, normalmente están agrupados en centros galegos ou españois.

Arxentina
Centro Cultural Partido de la Estrada
Av. México 2.849.
1223 Buenos Aires

Sociedad Parroquial de Vedra
Av. José Mármol 760/764.
1236 Buenos Aires

Venezuela
Centro Benéfico Social Hijos de A Estrada
Av. Nueva Granada, s/n.
1040 Caracas
Apartado 40.205
Caracas
Teléfono 58 2 2385217

Ulláns no mundo. Dúas vidas, dúas historias

A nosa páxina web sobre a comarca estivo aberta desde o comezo á xente da Ulla ou con familia orixinaria dela, calquera que sexa o lugar do mundo onde residen. Toda persoa que o desexe pode contarnos onde vive e deixar alí o seu enderezo se quere que outros cibernautas lle escriban. ¿Quen sabe se iso non permitirá reencontros de familiares ou amigos?
O noso enderezo electrónico é: [email protected]
Aínda que na web se recibiron visitas de polo menos corenta países, ata setembro de 1999 só dous emigrantes se decidiron a contarnos as súas aventuras fóra de Galicia. Sen embargo, outros máis téñennos escrito co fin de encontrar familiares ou saber cousas dos seus apelidos. A estes homes e mulleres axudámolos no que puidemos e vaia para eles o noso agradecemento polas palabras amables que nos dedicaron.
De tódolos xeitos, consideramos oportuno publicar estas dúas cartas, porque os seus autores nolo ofreceron e porque pensamos que son interesantes. Velaí a primeira:

Manuel J. Torres Barco
[email protected]

Nacido en Agoso (Teo) en 1948, emigrou a Bos Aires (Arxentina) en 1957 e a California (Estados Unidos) en 1974. Está casado e ten un fillo e unha filla. Na actualidade reside en Rancho Cucamonga, San Bernardino, California (Estados Unidos) e traballa como director técnico de producto en Louis Vuitton USM. Entre as súas afeccións están conducir motos Harley, veleirismo, computadoras e ser gaiteiro.
Segundo nos contou, "Rancho Cucamonga, a cidade onde vivo coa miña familia, ten un nome de moita sona en todo Estados Unidos xa que foi feito popular polo uso sobre todo nas tiras de comics, querendo indicar un lugar remoto. A orixe deste nome é india e significa "moitas augas". Encóntrase nas ladeiras dos montes de San Bernardino, nunha zona por onde baixan as augas do desneve.
O primeiro poboador europeo foi un galego, don Antonio Lugo, que recibiu estas terras ó seu cargo cando chegou por aquí cos misioneiros desde México. Non tivo fillos homes e o seu apelido xa está perdido, pero aínda se conserva a súa casa familiar como monumento histórico onde este ullán que vos escribe, ten o atrevemento e orgullo de ir tódolos anos, na festa do aniversario, a temperar na gaita a "Muiñeira de Lugo" como para coitar dos meigallos... Unha aperta moi grande. Manolo "o machote d'Agoso".

Outro internauta ullán que nos escribiu desde ben lonxe:
Manuel Ángel Matalobos y Otero
http://www.angelfire.com/ma/MATALOBOS/index.html
[email protected]

"Chámome Manuel Ángel Matalobos y Otero e son coñecido no Internet por AnxoRoxo ou no Texas os amigos chámanme Angelfire. Nacín na zona da Estrada no ano 1954 e crieime ata os 11 anos coa miña familia nos Outeiros en Lamas (A Estrada) aínda que andaba sempre entre os familiares de Ancorados, Berres e Pontevea.
Ós 11 anos fun a vivir para o Texas co meu tío e alí estiven, despois coñecín o Sueste Asiático coas empresas semi-gobernamentais dos USA tales como Halliburton Corp, e despois coa Foster Wheeler, onde traballei como enxeñeiro industrial primeiro e despois como director comercial.
No ano 1993 recibín unha oferta do grupo empresarial Entrecanales (hoxe Acciona-Necso) para traballar na central en Madrid como director para a zona en desenvolvemento da Asia e deixei os ianquis a toda présa pensando que era a miña oportunidade de volver para preto do Ulla e poder ir nadar como de rapaz na Pontevea cando me petara...
Mais despois de catro meses en Madrid (onde case tódalas fins de semana viaxaba a Galicia) o grupo comezou a coller proxectos importantes tales como pontes atirantadas, estacións de metro cibernéticas en Hong Kong, o edificio máis alto do mundo na Malaisia, un tren bala en Taiwán, etc.
E tiven que moverme para a zona, pois din na central que só eu entendo os chineses, malaios, tailandeses e vietnamitas. E así aínda estou aquí nesta zona despois de 19 anos intentando ir de volta para a miña terra e facer algo de interese alí por ela. En fin, agora xa pronto vai ser...
Dende o 1993 residín en Hong Kong pero agora xa dende o 1997 vivo en Singapur e viaxo moito entre Singapur-Kuala Lumpur-Bangkok-Hanoi-Taipei-Singapur, como rutina de traballo.
Eu levo nesto do Internet alá desde o tempo do Unix no 1979 e cando no 1994 comezou o Daniel Romero o Vieiros (Aldea Galega no Net) e despois o Iván Rocha o Enxebre (Buscador Galego) comecei a ter máis contacto coa terra e facer xuntanzas entre nós, coa xente que andamos nos foros galegos como Galicia-L e soc.culture.galiza, do que tamén participei como fundador hai uns anos. Pois agora tamén seguimos en contacto entre nós e xuntámonos cando podemos, posiblemente alá para o fin do ano ou para Reis.
Quere felicitarvos pola paxina web excelente do Ulla e darvos unhas fortes apertas dende aquí na Asia para todos vós...
Anxo.
Abur".


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1