Ese aire e donaire, con aquel de sinxelo señorío, das xentes da Ulla tanto como a rica e pulida fala (Xosé Filgueira Valverde)

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

 Quén é quén na cultura e na ciencia

Quixemos neste apartado falar dunha serie de persoas que no pasado ou no presente estiveron relacionadas dalgún xeito co Val do Ulla por nacer ou vivir nel, e que tiveron un destacado papel no eido da cultura, deixando ás veces reflectido o seu interese pola comarca nalgunha das súas publicacións, obras de arte ou a través doutros medios. Mentres non completámo-las biografías que temos destes persoeiros, indicaremos soamente uns poucos datos persoais e maila profesión ou razón pola que aparecen nesta listaxe. No caso dos escritores e escritoras non se indicou ningunha obra da súa autoría á espera de completa-la bibliografía que imos ofrecer deles.

Waldo Álvarez Insua
Naceu en Ouzande (A Estrada) en 1858 e morreu en Madrid en 1938. Destacado xornalista e escritor, tivo un importante papel entre a emigración galega en Cuba.

Apimio
Posiblemente mestre de obras da igrexa de San Pedro de Orazo (A Estrada), segundo a inscrición que nela encontrou Fermín Bouza-Brey: APIMI[US] FECIT.

Olimpio Arca Caldas
Naceu en Cuntis en 1928, tendo exercido como mestre na Estrada. É escritor e director do Museo Estradense "Manuel Reimóndez Portela".

José Barreiro Somoza
Naceu en Ribela (A Estrada) en 1938. Doutor en Teoloxía e licenciado en Dereito Canónico, así como licenciado e doutor en Historia, impartindo Historia Económica na Universidade de Vigo. Ten publicado numerosos libros e traballos de carácter histórico.

Manuel Bergueiro López
Naceu na Consolación, Tabeirós (A Estrada) en 1898. Foi mestre en varios lugares de Galicia e Asturias, e pola súa colaboración en publicacións xornalísticas, ingresou en 1958 na Real Academia Galega, sendo autor de varios libros.

Andrés Betetos
Escultor e pintor que traballou no século pasado na aldea de Vilarpiñeiro, en Santo André de Trobe (Vedra). Alí ergueu a ermida dos Remedios (1858) e fixo as súas imaxes e un crucifixo interior. Esculpiu tamén o cruceiro (1866) e un escudo (1851) que presidía o seu obradoiro. Outras obras del son un Neno Xesús na parroquial e outro na Corticela (a capela de estranxeiros da Catedral de Santiago).

Mario Blanco Fuentes
Naceu en Cuntis en 1917 e morreu na Estrada no 2000. Mestre nacional e alcalde da Estrada entre 1959 e 1971.

Roberto Blanco Torres
Naceu en Cuntis en 1891 e morreu en Entrimo en 1936. O gran xornalista e poeta a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1999 ten unha marcada relación coa Estrada, xa que en 1926 o seu irmán Mario Blanco Torres (pai de Mario Blanco Fuentes) estableceuse como secretario do Xulgado Municipal. Roberto escribiu con frecuencia na prensa galega e ultramarina sobre a vila da Estrada con non disimulada admiración.

Juan Luis Blanco Valdés
Naceu na Estrada en 1960. É subdirector do Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago e profesor de Lingua Española da UNED en Pontevedra. Ten publicados artigos, recensións e traballos de lingüística, literatura e lexicografía. Traductor de libros ó galego e autor de varios máis.

Roberto Luis Blanco Valdés
Naceu na Estrada en 1957. É catedrático de Dereito Constitucional na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Ten publicadas nas máis importantes editoriais españolas obras sobre esa disciplina.

Fermín Bouza-Brey
Naceu en Ponteareas en 1901 e morre en Santiago en 1973. Pasa parte da infancia en Vilagarcía de Arousa e cursa a maior parte do bacharelato en Pontevedra. En Santiago comeza os estudios de Filosofía e Letras (Historia), que finaliza en 1931, e os de Dereito, que remata en 1924. Traballou como xuíz na Estrada e entre os seus libros e traballos de investigación hai varios que fan referencia ó Val do Ulla.

Emilia Bouza Álvarez
Naceu na Estrada en 1936. É autora de estudios históricos.

Mercedes Brea López
Naceu en 1950 na Estrada. É catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago e autora de libros e traballos de investigación.

Xosé Manuel Cabada Vázquez
Naceu en San Xurxo de Codeseda (A Estrada) en 1901, e morreu en Linares (Xaén) en 1936. En 1930 é mestre nacional e diácono e en 1931 licénciase en Historia. Colaborou en diversas publicacións, escribiu un poemario e traduciu ó galego o "Catecismo" do padre Astete.

Manuel Campos Saborido
Naceu en Ribela en 1901 e colaborou en periódicos como o estradense "La Palanca".

Xosé Carballude Blanco
Naceu en Rubín (A Estrada) en 1956, e simultanea o seu traballo como catedrático de Latín coa investigación e a traducción, así como coa creación no campo da literatura infantil e xuvenil.

Fernando Casás
Naceu en Gondomar (A Estrada) en 1946. Formouse en Brasil, onde residiu ata o 1989. Nas súas esculturas e instalacións brasileiras amosa a súa preocupación pola ecoloxía e reproduce formas da natureza e xa en Galicia opta por traballar con elementos do contorno e especialmente elementos arquitectónicos.

Estrella Castro Navarrete (Estrellita Castro)
Naceu en Sevilla en 1912 e morreu en Madrid en 1983. Tonadilleira, bailarina e actriz, protagonizou varias películas de tema folclórico. Segundo o xornalista Suso Souto ("O Correo Galego", 8 de abril de 1999), o pai de Estrellita Castro era da parroquia estradense de San Pedro de Ancorados, chamábase José Castro Bascuas e emigrara a Andalucía, onde nace Estrella. Cando esta tiña dez anos, tróuxoa coa súa irmá á aldea estradense de Pousadela, onde os anciáns recordan cómo cantaba xa tonadillas co seu acento andaluz, e aínda se recorda cál era a súa casa. Axiña volveu a Sevilla, para debutar ós doce anos como artista.

Xosé María Castroviejo Blanco-Cicerón
Naceu en Santiago en 1909 e morreu en Tirán (Moaña) en 1983. En Compostela estudiou Filosofía e Letras e Dereito, sendo profesor antes de dedicarse profesionalmente ó xornalismo, ámbito onde chegou a dirixir "El Pueblo Gallego". Poeta, narrador, ensaísta e dramaturgo, escribiu libros tanto en castelán como en galego e recibiu o Premio Nacional de Literatura.

Pedro Cisneros
Segundo conde de Ximonde, escribiu un volume sobre heráldica e foi un dos personaxes máis importantes de Santiago e da Ulla no século XIX.

Adolfo Constenla Costa
Naceu en Cernadela (San Xián de Tabeirós, A Estrada). Sacerdote autor de diversos traballos e publicacións.

José Fernández de Ponte
Naceu en Tabeirós, foi xornalista e autor dun poemario.

Ignacio Fernández de Henestrosa y Ortiz de Meoño
Naceu en 1860. Marqués consorte de Camarasa, editou a principios deste século un libro sobre a Casa de Camarasa onde fala do Pazo de Oca.

Carlos Fernández-Nóvoa Rodríguez
Naceu na Estrada en 1930. Licenciouse e doutorouse en Dereito e chegou a ser catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago. Publicou varios libros sobre esa disciplina.

Gregorio Ferro Requeijo
Naceu en Santa María de Lamas (Boqueixón) en 1742 e morreu en Madrid en 1812. No ano 1804 foi nomeado director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, cargo ó que tamén optaba Francisco de Goya.

Antonio Fraguas Fraguas
Naceu en Cotobade en 1905 e morreu en Santiago no 1999. O que foi Cronista Oficial de Galicia, académico e destacado intelectual, na década dos trinta dirixiu a sección teatral da Agrupación Artística Estradense e foi profesor no Instituto da Estrada. Publicou diversos traballos sobre os castros da Estrada.

Felipe de la Gándara y Ulloa
Naceu en Allariz (Ourense). Frei Felipe, membro da Orde de Santo Agostiño, foi cronista oficial de Galicia e publicou en 1673 un libro sobre a Casa de Oca.

Manuel García Barros
Naceu en Ulla, Berres (A Estrada) en 1876, e morreu en Pousada (San Martiño de Callobre, A Estrada) en 1972. Cursou por libre a carreira de Maxisterio e exerceu ata 1936, ano no que lle foi retirado o seu posto por motivos políticos. A súa loita contra o caciquismo levouno ó cárcere antes e despois da Guerra Civil. Autor de numerosos artigos e libros.

Gerardo García Campos
Naceu en Santiago en 1949 e morreu en Santa María de Teo en 1998. Licenciado (1972) e doutorado (1975) en Enxeñería de Telecomunicacións en Madrid. Tras pasar por compañías como GTE ou Televés, en 1990 incorpórase á dirección xeral de Intelsis (Sistemas Intelixentes), compañía especializada en telecomunicacións que entre outros traballos realizou as redes telemáticas das universidades de Santiago e Vigo. Autor tamén de libros e artigos especializados.

José Manuel García Iglesias
Naceu en Santiago de Compostela en 1950 e está vinculado a Vedra por ser de alí a súa nai. Estudiou Maxisterio, Historia, Xeografía e Historia da Arte. É catedrático de Historia da Arte Moderna e Contemporánea e comisario de exposicións como "Galicia no tempo", sendo tamén un dos responsables da organización das do Xacobeo 99, ademais de autor de varios libros.

Xoán Carlos Garrido Couceiro
Naceu na Estrada en 1965. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, cursou o doutoramento en Antropoloxía. Foi responsable comarcal do Sindicato Labrego Galego e director do xornal Fouce, así como autor de varios libros.

Gerardo Gasset Neira
Naceu na Pobra do Caramiñal en 1899 e morreu en Vedra en 1969. Diplomático, entre os seus destinos estiveron Perú e Portugal. Autor de varios libros. Como curiosidade, dicir que era primo de José Ortega y Gasset.

Luis Gigirey y Morentín
Naceu en 1859 en Santiago. Escribiu un tratado titulado "Análisis de las aguas de Puente Vea".

Xosefa Goldar
Naceu na Estrada en 1953. Licenciada en Filosofía e Letras en Santiago, dá clases nun instituto de Ensino Medio en Vigo. Publicou narracións en varias publicacións galegas e un libro.

Manuel Gómez Lorenzo
Naceu en San Xurxo de Codeseda (A Estrada) en 1847 e morreu en Santa Eulalia de Vedra en 1923. Creou a primeira escola da parroquia de Vedra (edificio hoxe ocupado pola Biblioteca Municipal). Hoxe, o seu nome é tamén o da capital municipal de Vedra: Avenida do Mestre Manuel Gómez.

Marcial José González Vigo
Naceu na Estrada en 1945. Escritor.

Ernest Hemingway
Naceu en Oak Park, Chicago (Estados Unidos) en 1899 e morreu en Ketchum en 1961, acadando o Premio Nobel de Literatura en 1954.Pasou longas tempadas en Santiago nas décadas dos vinte e os trinta e, segundo o director de Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, "desde Santiago, saía practicamente tódolos días a pescar, unhas veces ó Ulla e outras ó Tambre".

Alberto Insua
Naceu na Habana en 1855, fillo do escritor e xornalista estradense Waldo Álvarez Insua, e el mesmo escritor moi popular.

Enrique Labarta Pose
Naceu en Baio (A Coruña) en 1836. Nun dos seus libros describe o ambiente festivo nas terras de Tabeirós.

Valentín Lamas Carvajal
Naceu en Ourense en 1849. Escribiu varios textos relacionados coa comarca da Ulla, cando menos un poema, dous contos e unha novela que se desenvolve en parte nela.

Esperanza Lema Bouzas
Naceu en Pontevea (Teo) en 1943. Pintora que reflicte en moitos dos seus cadros paisaxes da Ulla. Ten exposto as súas obras en lugares como Vigo, Ponferrada, Pontevedra, Santiago, Salamanca, Ourense ou Nova York.

Antonio López Ferreiro
Naceu en Santiago en 1837, no edificio que hoxe é sede do Instituto da Lingua Galega, e morreu en Vedra en 1910, tras vivir neste concello durante moitos anos, no que hoxe é chamado Pazo Galegos (San Pedro de Vilanova). López Ferreiro foi nomeado en 1866 párroco de Santa Baia de Vedra e en 1871 concedéronlle o cargo de cóengo arquiveiro da Catedral compostelá. Dedicouse durante anos ó estudio da historia da mesma, froito do cal foi a publicación dunha monumental obra histórica. Autor doutros libros de historia e de novelas, estas últimas en galego.

Lopo
Xograr que estivo na corte de Fernando III o Santo (1217-1252), que tería participado na conquista de Sevilla en 1284, e do que José Sanmartín di que puido ser da parroquia estradense de Santo Estevo de Lagartóns.

Juan Manuel Lorenzo Lorenzo
Naceu en Santa Cristina de Vea (A Estrada). Catedrático de Latín na Universidade Complutense.

Benito Losada Astray
Naceu en Santiago en 1824 e morreu en San Mamede de Ribadulla en 1891. Estivo presente no levantamento de Solís en 1846. E só no último cuarto do século comeza a súa actividade literaria, con poesías en castelán e máis tarde en galego.

Antón Losada Diéguez
Naceu en Ourense en 1884 e morreu en Pontevedra en 1929. Político e escritor que residiu durante moitos anos na Estrada.

O Mestre Martiño
Posiblemente Martiño é o nome do mestre de obras da igrexa de San Miguel de Sarandón, segundo consta nunha inscrición na parede exterior do lado sur deste templo.

Xosé Manuel Martínez Oca
Naceu na Estrada en 1942. Autor de numerosos libros e relatos.

Carlos Mella Villar
Naceu no Foxo (A Estrada) en 1930. Foi vicepresidente da Xunta de Galicia e parlamentario en dúas lexislaturas. Publicou varios libros e é colaborador asiduo da prensa galega.

Xosé Manuel Mosquera Carbón
Naceu en Moreira (A Estrada) en 1960 e morreu en 1982, tras empezar os estudios de Maxisterio na Universidade de Santiago e publicar poemas na revista poética "Dorna". Era coñecido como Xoseme.

Constantino Neira Baloira
Arcipreste de Tabeirós, publicou algúns traballos relacionados coa zona.

Xosé Neira Vilas
Naceu en Gres (Vila de Cruces) en 1928. Emigrou a Arxentina, onde realizou un importante labor cultural dentro da comunidade galega de emigrados e exiliados e logo trasladouse a Cuba, onde pasou varias décadas. Hai uns anos volveu de novo a Gres coa súa dona, a tamén escritora Anisia Miranda, onde hoxe en día hai unha biblioteca e unha fundación cultural que levan o seu nome. Autor de varios libros, algúns deles verdadeiros símbolos da literatura galega contemporánea.

María Xesús Nogueira Pereira
Naceu en Berres (A Estrada) en 1968. Autora de artigos e traballos especializados sobre literatura, así como coautora de varios libros.

David Otero Fernández
Naceu en Santiago en 1946 e traballa como profesor na Estrada. Foi presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Autor de varios libros.

Ramón Otero Pedrayo
Naceu en Ourense en 1888 e morreu en Trasalba (Ourense) en 1976. Membro da Xeración Nós, publicou novelas, ensaios, poemas e obras de teatro de sobra coñecidos. Segundo sinala José Sanmartín, os seus primeiros artigos xornalísticos publicounos na prensa estradense.

Juan Pardo
Naceu en Palma de Mallorca en 1942 fillo dun mariño que máis tarde foi destinado a Ferrol e que logo chegou a almirante. Pasa algunhas tempadas na súa casa en San Cristovo de Remesar (A Estrada), onde ademais de descansar compón temas.

Rosalía Pazo Maside
Naceu na Estrada en 1956. É pintora, escultora e ceramista e ten obras en lugares como a Facultade de Bioloxía de Santiago, o Colexio Marcote de Mondariz e Vigo e a Academia Nós de Vigo.

Manuel R. Pereira Valcárcel
Naceu en Ouzande (A Estrada) en 1955. Escritor.

Francisco Potel Pardal
Naceu en Xanza (Valga) en 1887 e morreu en 1939. Foi párroco de Santa María de Lestedo (Boqueixón). Durante a súa estancia como crego na parroquia boqueixanesa escribiu varios poemas referentes á comarca.

Manuel Rei Romeu
Naceu en Berres (A Estrada) en 1964. Autor de libros e estudios especializados en literatura.

Manuel Reimóndez Portela
Naceu na Estrada en 1916 e morreu en 1994. Compaxinou a profesión de médico con outras moitas ocupacións como a de alcalde da súa vila natal. É autor de varios libros.

Ánxel Adolfo Rey Ballesteros
Naceu en Codeso (Boqueixón) en 1952. Autor de varios libros.

Ramón Rey Baltar
Naceu en Padrón en 1882 e morreu en Gerli (Arxentina) en 1969. Destacado médico e galeguista. É autor de varias coplas relacionadas co Pico Sacro e mais de varios libros.

Ofelia Rey Castelao
Naceu en Valboa (Arnois, A Estrada) en 1956. Estudiou e doutorouse en Xeografía e Historia, sendo hoxe profesora titular de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras, máis de cincuenta entre libros e artigos, están varios traballos relacionados co Val do Ulla.

Rodrigo
Moi posiblemente é o nome do promotor da construcción da igrexa de San Pedro de Orazo (A Estrada), con orixe no século XI.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Naceu en Rianxo en 1886 e morreu en Bos Aires en 1950. A razón de que citemos aquí o mítico político galeguista e escritor é que nalgunhas das súas obras pictóricas e debuxos reflicte paisaxes da Estrada. Ademais, un dos seus avós era de Vedra, posiblemente da parroquia de Santo André de Trobe. Recordemos que casou na Estrada en 1912 con Virxinia Pereira, e que tamén alí naceu o seu fillo Alfonso en 1914, quen morreu en 1928.

Gonzalo Rodríguez Mourullo
Naceu en Calo (Teo) en 1935. É catedrático de Dereito na Universidade Autónoma de Madrid. Como narrador, foi membro fundacional do movemento Nova Narrativa Galega.

Bernardo Rodríguez Ribeira
Naceu en San Xián de Vea (A Estrada) en 1853 e morreu en Bos Aires en 1924. Escribiu relatos e composicións poéticas para xornais e revistas da emigración.

Álvaro Rodríguez Sanmartín
Naceu en Tabeirós. Autor de ensaios sobre educación.

Celestino Sánchez Rivera
Naceu na Rioxa e chegou a ser cronista oficial de Santiago. Autor de libros e artigos xornalísticos, algúns deles relacionados coa comarca.

Juan Ramón Sanmartín Losada
Naceu na Estrada. Estudiou Enxeñería e é doutor pola Universidade de Colorado (Estados Unidos). Na actualidade é catedrático de Física na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade Politécnica de Madrid. Autor de artigos científicos e libros.

Francisco Regueiro Moreira
Naceu en Tomonde en 1884, aínda que se criou na parroquia estradense de San Lourenzo de Sabucedo. Deixou varios escritos inéditos.

Manuel Sanmartín Puente
Naceu na Estrada. Licenciado en Dereito, publicou traballos sobre esa disciplina.

Anxos Sanmartín Rei
Nacida na Estrada. Autora de varios estudios sobre literatura.

Goretti Sanmartín Rei
Nacida na Estrada. Autora de varios estudios sobre literatura.

José Sanmartín Sobrino
Naceu na Estrada en 1934. Tras rematar o Bacharelato emigrou a Venezuela, onde residiu ata 1992, ano no que volveu á Estrada e no que morreu. Publicou varios libros sobre A Estrada.

Paio Soárez de Tabeirós
Trobador orixinario de Tabeirós (A Estrada), membro da pequena nobreza medieval galega, e activo na primeira metade do século XIII. Xunto co seu irmán, Pero Vello de Tabeirós, desenvolveu a súa actividade poética na corte nobiliaria de Rodrigo Gómez de Trastámara.

Salvador Soutullo Carolo
Naceu en Barcelona en 1965, fillo de emigrantes de Camporrapado (Boqueixón).Escritor e un dos impulsores dunha iniciativa coa que se pretende logra-la unión de tódolos centros galegos en Europa.

Xosé Dionisio Valladares
Naceu en 1787 e morreu en 1864. Foi abandeirado do Batallón Literario en 1809, avogado e auxiliar de Fontán na súa Carta Xeométrica de Galicia. Pai de Avelina, Marcial e Serxio Valladares.

Avelina Valladares Núñez
Naceu en Vilancosta (Berres, A Estrada) en 1821 no seo dunha familia fidalga e morreu en 1902. Aínda que non publicou ningún libro en vida, conserváronse dela poemas que recentemente foron publicados.

Marcial Valladares Núñez
Naceu en Vilancosta (Berres, A Estrada) en 1825 e morreu en 1903. Autor da primeira novela en galego publicada modernamente e doutros libros e poemas.

Serxio Valladares Núñez
Naceu en 1823 e morreu en 1855. Escritor de varias memorias económicas e de poesías.

Manuel Daniel Varela Buxán
Naceu en Lamas (A Estrada) en 1909 e morreu en 1986. Emigrou de moi novo a Arxentina, onde fundou con Maruxa Villanueva e Fernando Iglesias "Tacholas" a Compañía Gallega Maruja Villanueva, que nun principio se chamara Aires da Terra. Eles estrearon en 1941 "Os vellos non deben de namorarse", de Castelao. En 1950 regresa a Galicia. Foi autor de máis de trinta obras teatrais, moitas estreadas en Arxentina.

Pedro Varela Castro
É o autor do primeiro libro publicado sobre o concello da Estrada, do que foi alcalde. Ademais foi impulsor de asociacións de emigrantes estradenses na Habana, Bos Aires e Montevideo.

Pero Vello de Tabeirós
Trobador de orixe galega, activo probablemente xa na primeira metade do século XIII. Irmán de Paio Soárez de Tabeirós, e como aquel desenvolveu a súa arte na corte de Rodrigo Gómez de Trastámara.

Manuel Ventura Figueroa
Naceu en 1708 en Sorribas (Santa Cristina de Vea, A Estrada) e morre en 1783. Chegou a ser secretario do Papa, arcebispo de Laodicea e ministro da Cámara de Castela. Creou unha fundación benéfica para axudar a pagar os seus estudios a xente que reunise uns determinados requisitos.

Ramón Verea García
Naceu en 1833 en San Miguel de Curantes (A Estrada). Publicou varios libros e fundou en Bos Aires o semanario "El Progreso".

Alfredo Vicenti
As orixes deste escritor e político son bastante escuras. Estímase que naceu en Santiago de Compostela en 1850, licenciándose en Medicina. Político, xornalista e autor de interesantes textos sobre o Val do Ulla.

 


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1