Camiño da Ulla de belezas e ensoños (Antón Losada Diéguez, "Obra completa")

 Mapa comarcal da zona centro-occidental de Galicia obtido do CESGA e no cal sinalamos en azul o río Ulla e subliñamos en vermello o nome dos catro concellos dos que trata esta web

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos


Rutas e mapas

Se se desexa facer excursionismo a pé ou en bicicleta ou simplemente viaxar polo val do río Ulla é aconsellable facerse cuns mapas, e os mellores aínda que non totalmente exactos son os editados polo Instituto Xeográfico Nacional, que se poden encontrar nas principais librerías. Habitualmente, o instituto dispón de caseta propia nas principais feiras do libro de Galicia, o que aumenta as oportunidades de conseguilos.
Os números e nomes dos mapas que comprenden a zona son: 94-IV-Santiago de Compostela, 95-III-San Marcos, 120-II-Extramundi de Abaixo, 121-I-Vedra, 121-II-Carbia e 121-III-A Estrada, todos eles a escala 1:25.000. Os de escala 1:50.000 non son recomendables por ser xeralmente reproduccións non actualizadas dos mapas elaborados pola Dirección Xeral do Instituto Xeográfico e Catastral nos anos corenta, de xeito que non recollen as estradas novas ou as melloras efectuadas, nin o ferrocarril Santiago-Ourense, aínda en construcción naquela época.
De tódolos xeitos, se se desorientan e non teñen a man un compás ou un GPS (fantástico aparello que lles indica as coordenadas xeográficas do lugar onde se atopen, cun erro de poucos metros, e que é ideal para os despistados), non dubiden en preguntarlle á xente do lugar, que lles indicará coa súa tradicional amabilidade ónde se atopan.

COMUNICACIÓNS

En canto ás comunicacións diremos que o Val do Ulla é moi accesible, xa que se encontra na zona central de Galicia, moi preto de Santiago. Á esquerda pódese ver un mapa obtido do CESGA coas comarcas e municipios de Galicia (cada grupo de municipios da mesma cor constitúe unha comarca administrativa, que non coinciden coas comarcas naturais, que é o caso da Ulla; así, Boqueixón, Teo e Vedra pertencen á comarca administrativa de Santiago de Compostela e A Estrada á de Tabeirós- Terra de Montes). En vermello destacámo-los catro concellos dos que tratamos nesta web, de esquerda a dereita e de arriba abaixo: Teo, Vedra, Boqueixón e A Estrada. Téñase presente que non tódalas parroquias destes catro municipios forman parte do que chamamos A Ulla ou Val do Ulla.

O Val do Ulla está atravesado en dirección Santiago-Ourense pola estrada nacional 525 (Boqueixón, Vedra e A Estrada). A 541 leva de Santiago ata o concello da Estrada, pasando por Teo. E a propia vila da Estrada é atravesada pola ruta N-640, que desde terras lucenses leva a Vilagarcía de Arousa. Así mesmo, por Teo pasa, máis contra A Amaía que contra A Ulla, a estrada nacional 550, que vai da Coruña a Vigo, e maila autoestrada A-9, coa mesma orixe. E Boqueixón é percorrido en parte pola estrada LC-260, desde A Susana ata Ponte Ledesma, mentres en Vedra encontramos a LC 241, de Ponte Ulla a Pontevea. Desde Ponte Ulla a Boqueixón diríxese a 240.
A liña de ferrocarril que une Santiago e Ourense ten unha estación na Susana, unha aldea do concello de Santiago case na fronteira co concello de Boqueixón; outra en Santa Cruz de Ribadulla, no concello de Vedra, na que hoxe en día non hai persoal e na que, como no caso anterior, paran poucos trens, e outra na Bandeira (Silleda), xa fóra das terras ullás. O ferrocarril cruza o río Ulla pola ponte do desfiladeiro de San Xoán da Cova, unha das paisaxes máis impresionantes do contorno: "a agreste montaña, partida en dúas, como se a tivese fendido a coitela dun titán para abrirlle paso ó Ulla", en palabras do escritor Alfredo Vicenti, así que se pasan por alí non esquezan mirar pola fiestra.
Así mesmo, a liña de ferrocarril da Coruña a Vigo atravesa Teo, onde está a estación de Osebe, que coma as outras dúas caeu en desuso.
O Val do Ulla é tamén medianamente accesible en canoa polo río, aínda que para pasar os diques hai que cargar con ela. Por último e para sorprendelos, dicir que por pouco poden chegar á Ulla en avión, porque parte da pista do aeroporto internacional de Lavacolla está no concello de Boqueixón.

Actualmente están en construcción a autoestrada Santiago-Ourense, estimándose que no primeiro semestre do ano 2003 estará xa concluído o tramo Santiago-Silleda. Esta autoestrada terá unha saída no concello de Vedra. E está en proxecto a liña de tren de alta velocidade entre Santiago e Ourense, que atravesaría Boqueixón e A Estrada sen ter estación en ningún destes dous concellos.

RECOMENDACIÓNS

A accesibilidade da comarca invita a visitala. Pola súa beleza natural é ideal para a práctica do excursionismo, a pé, en bicicleta, dacabalo ou incluso en coche ou por outros medios; tamén é unha boa zona en canto a vivendas de turismo rural, onde se pode descansar da esgotadora vida urbana; outras razóns para visitala son as súas festas e romarías, gastronómicas ou relixiosas, e o seu patrimonio histórico-artístico.
O turista concienciado non deberá prender lume ó aire libre, para evitar incendios; nin degradar o contorno depositando lixo en lugares incorrectos; deberá acampar nos lugares axeitados e respectar plantas e animais, a propiedade privada e procurar observar os usos e costumes dos habitantes da zona.
Non faremos agora unha relación pormenorizada do material necesario para a práctica de cada un dos deportes arriba citados, limitándonos a sinalar que anque se pode practicar o excursionismo cun equipo mínimo consistente en calzado adecuado, tamén é aconsellable ir provisto doutros aparellos; naturalmente dependerá do tempo que se lle pensa dedicar á viaxe.
De todos os xeitos é recomendable para rutas longas ir provisto dunha mochila, na que levar comida (conservas, galletas, pan, embutidos, chocolate...), bebidas sas (auga, zume, refrescos), roupa (alomenos un chuvasqueiro se se pensa que o tempo pode variar e tamén gafas de sol e un sombreiro ou unha viseira), panos de papel, dependendo da época protector solar, apósitos para posibles feridas, mapas e compás, unha libreta e un lapis, uns prismáticos e unha cámara fotográfica.
Nalgúns libros sobre excursionismo recoméndase asemade levar bolsas de plástico,unha corda resistente, un bastón, unha ferramenta multiúsos, un rolo de cinta adhesiva, un costureiro, unha lanterna de pilas, un chisqueiro, un espello e mesmo unha pequena radio; moitas veces a importancia destes últimos elementos só se aprecia en situacións nas que se precisan pero desafortunadamente carécese deles, e, xa que non son tan pesados nin caros non é tanto traballo levalos, especialmente se a excursión é en grupo e se reparten axeitadamente.
Evidentemente, o indispensable para facer cicloturismo é a bicicleta, un tándem ou aparellos equivalentes, pero tamén é importante usar roupa axeitada e casco e levar ferramentas e parches ou unha cámara de reposto para solucionar as picadas; e, na estrada, respectar escrupulosamente as normas de circulación.
Isto último é aplicable tamén ós peóns e ós xinetes; para estes últimos o elemento principal á parte da besta é a sela, xunto cos arreos e as botas.
Se quere ir de acampada teña coidado á hora de establecer o campamento de quedar o máis abrigado posible dos elementos meteorolóxicos e non chantar a tenda enriba dun formigueiro.
Leve a súa propia auga ou pregúntelles ós habitantes da zona pola potabilidade das fontes; non se fíe das augas límpidas e cristalinas, porque ás veces son peores.
De tódolos xeitos se vostede non está familiarizado cos deportes ó aire libre e desexa comezar a practicalos merque algún manual monográfico, ou fágase socio dalgún grupo de afeccionados, pois estes deportes é preferible practicalos na compaña de varias persoas, desfrútase máis e se se sofre algún accidente cóntase coa súa axuda.
Se ademais vostede non acostuma facer exercicio físico debería facer un chequeo médico e pasar por un adestramento antes de coller a bicicleta e tentar emular a Indurain; non faga demasiados esforzos se non quere sufrir os dolorosos efectos da acumulación de ácido láctico nos músculos ou acabar cos pés cheos de ampolas ou esfolados.

ITINERARIOS

Anque o mellor é buscar cada un o seu camiño, pasaremos agora a presentar algúns itinerarios que se poden facer a pé, dacabalo ou en bicicleta, e que permiten desfrutar coa visión das paisaxes e dos principais monumentos da comarca. Neste mesmo libro hai apartados sobre o patrimonio histórico-artístico e as festas e romarías, ou o Camiño de Santiago, que complementan a este, e que xunto coa axuda dos mapas arriba citados permitiranlles elaborar itinerarios personalizados consonte os seus intereses. Outro feito que facilita a práctica do excursionismo na comarca é que actualmente a sinalización das estradas e pistas, indicando os nomes das poboacións e as direccións, é bastante boa.
No final de cada itinerario indicamos lugares onde se pode coller un autobús, pero por suposto pódese escoller unha casa de turismo rural para pernoctar ou ben hoteis e hospedaxes, e continuar ó día seguinte con novos itinerarios.

ITINERARIO 1
Aproximadamente 25 quilómetros por terras de Boqueixón: desde Lestedo, a quince quilómetros de Santiago pola estrada N-525, e onde se pode ver a capela de Nosa Señora de Lourdes, sóbese ó Pico Sacro seguindo a pista sinalizada que está a carón do cuartel da Garda Civil.
A pista leva ata a capela de San Sebastián, e dende alí sóbese por unhas escaleiras ata o cumio, pasando polo Calello da Raíña Lupa; desde alí vense as paisaxes da comarca do Ulla, e en días excepcionalmente claros tamén a ría de Arousa.
A mesma pista leva ó outro lado da serra, pasando pola Granxa, aldea cunha igrexa do século IX dedicada a San Lourenzo. Partindo de alí e tomando o camiño que leva cara ó Leste crúzase o río Pontillón; pouco despois de cruzalo vírase cara ó Norte e nuns minutos chégase a Boqueixón, a aldea que lle presta o nome ó concello.
Virando ó Sueste e camiñando tres quilómetros chégase á aldea de Donas, preto do paso de San Xoán da Cova, e onde se pode coller a pista que vai a carón do río cara ó Nordés para ir a Ponte Ledesma e contemplar a súa ponte medieval; desde alí e seguindo a estrada LC-260 en dirección Noroeste chégase a Forte, onde se atopa a Casa do Concello. Seguindo a mesma estrada vaise a Sergude; a medio quilómetro ó Sur atópase o pazo de Quián e a Escola de Extensión Agraria. Volvendo un pouco atrás e continuando pola estrada LC-260 vaise á Susana, xa no concello de Santiago, situada a uns catro quilómetros ó Noroeste do punto de partida.

ITINERARIO 2
Aproximadamente 20 quilómetros por terras da Estrada: pártese da vila da Estrada, onde o máis destacable é a Casa do Concello, proxecto do arquitecto José Franco Montes, comezada a levantar a principios do século XX no que hoxe é a praza da Constitución. Desde aí vaise ata o río Ulla, dirixíndose en dirección Nordés polos labirínticos camiños destas terras; a dous quilómetros nesa dirección, na parroquia de Santa María de Aguións, atópase o Pazo de Preguecido.
Na dirección mencionada e por diversos camiños que permiten apreciar a beleza natural do Val do Ulla pódese chegar a San Martiño de Riobó, parroquia na que se atopa o Pazo da Mota, a uns seis quilómetros de Aguións; dende Riobó e seguindo a mesma dirección Nordés dous quilómetros chégase a Loimil, onde hai unha fermosa igrexa románica.
O Pazo de Oca, que posúe un dos máis fermosos xardíns de Galicia, queda aproximadamente a un quilómetro; dende alí vaise ata a estrada de Santiago a Ourense e séguese cara ó Noroeste, isto é, cara a Santiago, ata o río.
Desde a ponte antiga cóllese outro camiño que pola beira do río vai subindo ata a ermida de Nosa Señora do Gundïán, que a pesar de estar na ribeira de Pontevedra é parte do coruñés concello de Vedra; continuando a ascensión chégase ó cumio do monte de San Miguel de Castro, dende onde se pode desfrutar de fermosas vistas do val do Ulla. Volvendo á Ponte Ulla e seguindo a estrada cara a Santiago uns centos de metros pódese visitar Santa Cruz de Ribadulla.

ITINERARIO 3
Aproximadamente 30 quilómetros por terras de Teo. Pódese partir de Santiago e coller a estrada N-550, de Santiago a Padrón e que nos leva ata Rúa de Francos pasando polo Milladoiro e Casalonga. Alí, ó chegar á carballeira, se se segue o camiño máis á esquerda, pódense ver os restos da pequena ponte ó parecer de orixe romana que salva o río Tinto. Continuando polo mesmo camiño, a man esquerda encóntrase o Castro Lupario, tamén chamado Castro de Rúa de Francos, do que se di que nel vivía a Raíña Lupa.
A ruta continúa ata Calo, e desde alí pódense coller outros camiños en dirección Sueste de novo, para, pasando por Luou, Fornelos, Rarís e Reis chegar ata Pontevea, onde o río é cruzado por unha ponte medieval. Moi preto están o couto salmoeiro de Couso e a ponte do Xirimbao, que poden ser visitados desde os dous lados do río, por tanto desde Teo e A Estrada.
Ó volver atrás collerase a estrada C-541, que leva cara ó Norte ata A Ramallosa, sede do goberno local e onde, polo tanto, está situada a Casa do Concello. Dende alí e seguindo a mesma estrada chégase a Cacheiras, onde se pode aproveitar para ver o seu peto de ánimas e a súa igrexa parroquial. Seguindo cara ó Norte vaise á localidade dos Tilos, na fronteira co concello de Santiago, cidade da que partimos.

ITINERARIO 4
Aproximadamente 30 quilómetros por terras de Vedra. Partindo da Susana, no concello de Santiago, séguese a estrada N-525 un quilómetro, ata Santa Marta, onde deixaremos a estrada para coller o antigo Camiño Real, que se seguirá ata a ponte medieval de Ponte Busacos, que se ve á dereita da N-525 (en dirección Santiago-Ourense) entre as árbores que rodean o regato.
Dende alí pódese ir pola beira do río Pereiro ata a fervenza de San Fins de Sales e logo seguir un camiño cara ó Sur que leva a Marzán de Abaixo. En Marzán de Arriba está a ermida de San Caetano ou San Quiatán, e ó lado dela o Castro Alto. Desde alí xa se ve a Avenida do Mestre Manuel Gómez, nome que recibe a estrada que conecta a N-525 coa LC-241 ó seu paso pola parroquia de Santa Eulalia, e onde está a Casa do Concello.
Tomando rumbo Sudoeste durante dous quilómetros chégase a Xián; dende alí e virando ó Leste chegarase a San Pedro de Sarandón, onde se pode baixar ata o Ulla e ir ó couto de Ximonde; e tirando para o Norte pódese ir a San Miguel de Sarandón, e de alí baixar outra vez cara ó río para ver o pazo de Ximonde.
Partindo de Ximonde pódese coller algún camiño cara ó Nordés, ata o pazo da Costa, preto da aldea de Socastro; de aí vaise con facilidade ata a estrada N-525, e cruzándoa pódese chegar tamén facilmente a Outeiro, onde se atopa a igrexa do Santiaguiño e unha fonte cunha inscrición sobre a traslación do corpo do Apóstolo Santiago. Volvendo á estrada e seguíndoa en dirección a Ourense chégase ó Pazo de Guimaráns; máis alá queda Santa Cruz de Ribadulla, onde se pode ver o Pazo de Ortigueira; seguindo a estrada chegarase a Vista Alegre, aldea con dous pazos homónimos e que está a menos dun quilómetro de Ponte Ulla, onde se pode ver a igrexa de Santa María Madanela, a ponte vella, o río e o impresionante paso de San Xoán da Cova.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1