¡Cantos contos argallados/ sobre del contan as vellas,/ de feitizos, de tesouros,/ milagres, mouros e recuas! (Benito Losada Astray, sobre o Pico Sacro en "Soazes d'un vello")

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 Un detalle da fachada do Pazo de Ximonde, Vedra. (c) D. Janeiro 1999

Un detalle da fachada do Pazo de Ximonde, Vedra. (c) D. Janeiro 1999

As lendas

Un especialista no tema, o profesor La Piere, afirma que "unha lenda é un rumor que pasou a formar parte da herdanza verbal dun pobo". A tradición oral do Val do Ulla é moi rica, e hai certos temas principais que son os máis estendidos tanto pola comarca como fóra dela. Así, decidimos artellar este capítulo ó redor de catro grandes apartados: o río Ulla e San Xoán da Cova; os mouros e os castros; as lendas cultas e finalmente os seres míticos.
Algunhas das tradicións e lendas que aquí relatamos teñen múltiples variantes, das que procuramos citar varias.

O RÍO ULLA E SAN XOÁN DA COVA

Un dos lugares máis interesantes que atravesa o río Ulla na comarca é o de San Xoán da Cova, un paso de catro metros de ancho nalgún punto, uns catorce de longo e de ata cincuenta de alto, que hoxe atravesa unha ponte destinada ó ferrocarril. Neste mesmo lugar existía un burato semellante ós buratos dos mouros do Pico Sacro, que ó parecer foi tapado durante a construcción da ponte devandita. Pedro Varela no seu libro "La Estrada" di que a tradición mantén sobre o paso de San Xoán da Cova o seguinte: "foi aberto por freires; que antes o curso do río era outro, e que formaba en todo o val de Cira un enorme lago. Isto último ten algunha base, pois no val referido, a pouco que se afonde na terra, encóntranse pedras labradas pola auga. Tal vez en San Xoán da Cova houbese un salto e a acción continua do líquido no transcurso dos séculos fose socavando o terreo ata abrirse paso. Ou quen sabe se reza con iso o do historiador que ó tratar do labor dos romanos en España, di que foi tan profundo que torceron o cauce dos ríos".
Alfredo Vicenti, en "A orillas del Ulla" di respecto de San Xoán da Cova: "Os anciáns do país refiren que nos séculos pasados houbo un convento sobre o cumio, e que en certa ocasión fuxindo un monxe do castigo ou da súa propia conciencia saltou de parte a parte. Sen embargo, ó tocar o peñón oposto enredouse nos hábitos e caeu cara a atrás dando co seu corpo no río; co que, morto en pecado mortal, é hoxe unha alma en pena.
Pola súa parte, os eruditos, representantes da superstición ilustrada, aseguran que o tallo é artificial e aberto a pico por unha lexión romana acantoada en Ponte Ledesma.
Para cohonestar o seu aserto invocan a regularidade e lisura de ambos cortes, a forma redondeada que afectan os cerros posteriores e o nome Lagos de diferentes lugares veciños.
O boquete alcanza como uns doce metros de lonxitude por catro escasos de latitude e pasa de trinta de altura das súas paredes que son entrambas igualmente rexas e inabordables".
Continúa asegurando que "o silvestre pero encantador recinto está considerado polos labregos como un lugar maldito, teatro de misteriosos dramas nocturnos".
Na escavación afumada que se percibe preto da liña superior dun dos escarpes desemboca o tenebroso intestino do Pico Sagro e estivo en tempos remotos o altar subterráneo dun mosteiro de benedictinos. Afirma ademais o vulgo que a dita escavación foi posteriormente o forno no que caldeaba os seus crisois unha partida de moedeiros falsos".
Refire así mesmo outra lenda: "Á beira da auga xace somerxida unha grade de bronce, da cal pende unha Campá, que ó promediar a noite de San Xoán toca por si soa a maitíns.
Á voz do metálico conxuro incorpórase sobre a grade un monxe, aparece en terra unha galiña con doce polos de ouro e senta á sombra dos loureiros unha fermosa dama branca.
A ave cos seus pitiños vai e vén da dama ó monxe, a campá continúa exhalando baixo as ondas monótonos lamentos e o tímido resplandor da lúa adhírese ás breñas máis altas para non interromper o fantástico coloquio.
A visión evapórase ó despuntar o día".
No mesmo libro, Vicenti menciona que "cando unha tenaz seca abruma as meses que se dobran como se estivesen a punto de morrer, o habitante dos vales, converte os seus ollos en ademán de súplica a San Xoán da Cova, porque cre que alí nacen os tronos", mentres que "cando as chuvias do inverno ameazan destruír a vexetación que xermola, o ribeireño mira con ansiedade cara ó cumio do Pico Sacro e así que a ve despoxada do seu capuz de néboas senta máis tranquilo á beira do fogar, seguro de que moi pronto radiará o sol na altura".
Pola nosa parte, nós recollemos da tradición oral en San Miguel de Sarandón (Vedra) unha lenda sobre Donas e San Xoán da Cova: "Contan que o sitio onde está a aldea de Donas [San Pedro de Donas, Boqueixón] antes estaba inundado. A auga caía dun alto, e foi facendo o pozo [pozo de San Xoán da Cova, no río]. Ó abrirlle un paso á auga que quedaba encharcada enriba, foi cando fixeron o estreito e cando houbo a aldea. Din que o paso o abriron os frailes de San Xoán da Cova".
En San Miguel de Sarandón contounos Camilo Neira: "O estreito abrírono os flaires. Había un home alí arriba, e díxolles que se llo abrían que lle daba unha recompensa. Os flaires preguntáronlle que qué lles daba, e el díxolles que un filla (tiña dúas). Entonces os flaires preguntáronlle: ¿cal delas? E de aí vén o nome de Caldelas (aldea próxima a San Xoán da Cova).
Pola súa parte, Manuel Reimóndez Portela ten outra versión: "conta tamén a lenda que, antes de ser aberto o paso das augas existía un lago moi grande; ó dono desas terras que o arrodeaban aparecéuselle o demo propoñéndolle abrirlle paso ás augas coa condición que lle dese unha das dúas fillas, moi fermosas, que tiña; e que en troques abriríalle paso e el podería desta maneira agrandar as súas posesións de terra. Mandando nel a cobiza cerrou o trato, entón o demo abriulle paso ás augas e o veciño fíxose coas terras... cando apareceu a reclamar a débeda presentáronse as dúas mozas, mais era tanta a fermosura delas que o demo perplexo preguntou... ¿cal delas? Os veciños din que por iso ten ese nome a aldea de Caldelas".
Finalmente, quédanos por falar da lenda da grade de ouro do Pozo de San Xoán da Cova, punto do río Ulla moi profundo situado nas proximidades do paso do mesmo nome. Esta versión recollémola en Socastro (San Mamede de Ribadulla, Vedra): "No pozo de San Xoán da Cova hai unha grade de ouro que ten un encanto. Nada máis se pode sacar cando unha vaca ten dous cuchos xemelgos, e non sacarlle leite ningún, non muxila. En Santa Cruz [de Ribadulla], en Eiravedra, naceron dous cuchos dunha vaca e a muller non se dou conta que lle sacou un pouco de leite á vaca. Entonces, cando lle dixo ó home o que fixera, ela colleu e botoulle o leite por riba do lombo á vaca, pero xa non valeu.
Cando un buzo foi abaixo, ó pozo, a enganchar a grade, seique apareceu unha vella fiando sentada na grade de ouro, e cando ían enganchar, que lle dixo: "Se lle cortaras as mans á muller...", e que desapareceu o encanto outra vez".
Reimóndez Portela lembra que "outros din que no fondo do pozo de San Xoán aparece unha vella con cabelos de ouro, peiteándose cun peite do mesmo metal. O día de San Xoán ó mencer vese bailar o Sol".
A profesora Mar Llinares, no seu libro "Os mouros no imaxinario popular galego" tamén a menciona. Ela recolleu en San Miguel de Castro (A Estrada) este relato: "No Pozo de San Xoán [no Ulla] hai unha grade de ouro que é un encanto. Non o pode sacar calquera, porque é cousa [sinalando cara ó ceo]. Hai que estar ben con arriba".
Na mesma parroquia tamén lle contou un home que "eu estiven trece anos alí de garda na obra [viaducto do tren que cruza o río] e polos anos corenta e pico cando había moita miseria, vin a moitos ir alí, serían ignorantes, para sacar a grade. Non debían estar benditos porque non a sacaron".

 

OS MOUROS, CASTROS E FORTALEZAS

Xosé Manuel Reboredo en "El folklore en los castros gallegos" di respecto do castro de Texexe que "As xentes vían bailar o Sol desde o castro na mañá de San Xoán. No castro hai unha pedra cunha pileta en forma de ferradura, da cal, segundo a tradición, ó amencer o día de San Xoán, sae unha galiña cos seus pitiños, que son de ouro".
Ademais sinala que no monte do Seixo, en San Xoán de Cercedo (A Estrada) hai un castro con lendas da galiña con pitiños de ouro que sae a noite de San Xoán.
Manuel Reimóndez, José Espiño e Mariano Sinde lembran en "El Camino a Santiago por el Sudeste" que había a lenda de que nas marxes da Torre da Barreira (Riobó, preto do Pazo de Oca), se oían os xemidos dunha doncela, encantada polo xigante que destruíu a fortaleza para ocultar o acceso á súa morada.
Alfredo Vicenti cóntanos do Castelo de Cira: "Hai quen asegura que o castelo, a falta de trasnos, garda un tesouro, o segredo do cal está consignado na inscrición carcomida que a penas se entrevé preto do resalte onde encaixaban as ameas. Algunhas comadres das aldeas circunveciñas refiren en secreto ter visto varias noites, a San Miguel de Castro sentado no interior das ruínas lendo no libro de San Ciprián á opaca luz dunha lanterna".
Xosé Luís e J.M. Laredo e Efrén Vázquez, no seu folleto "Vedra" (1991), falan tamén de San Xoán da Cova, citando o que conta Carreras i Candi na súa Xeografía do Reino de Galicia: "Dise que antigamente o río se embalsaba nunha extensa lagoa ocupando as terra que hoxe forman o val de Subcira e Ponte Ledesma (Boqueixón). Engade a tradición que os monxes do mosteiro de San Xoán da Cova furaron o monte para desecar a lagoa, dando orixe a este estreito paso. O certo é que no século XIV existía un mosteiro de templarios escondido entre as rochas do desfiladeiro, pero do que non queda rastro ningún. O Paso da Cova, salvado agora pola ponte do ferrocarril, é un angosto estreitamento do Ulla de só catro metros de ancho durante un percorrido de catorce metros. A caída vertical dos paredóns é duns cincuenta metros".
O de que o mosteiro era de templarios é Carreras o único autor que o di e non sabemos en qué se baseou, en todo caso parece ser que o mosteiro foi de freires bieitos que vivían segundo a regra de Santo Agostiño. O mosteiro sufriu o ataque de viquingos na Idade Media, pero foi o río Ulla o que o derrubou nunha enchente no ano 1571.
Vaiamos agora cos castros e os mouros. A profesora Llinares transcribe unha nova lenda sobre o Castro de Francos ou Lupario (Teo): "Vivían os mouros na Eira do Castro. Alí había un túnel que ía por baixo da terra ata o fondo do río, onde está a Ponte dos Mouros. Por alí levaban os cabalos a beber". Unha señora da casa máis próxima á ponte de Francos sinalounos ós autores deste libro que o seu marido sabía dun burato que daba xusto na beira do río e que ó entrar nel se vía que subía cara a arriba, cara ó castro aínda que este home non subiu ata arriba por temor a derrubamentos.
Outra recollida en San Xoán de Calo (Teo): "Desde aquí os mouros vían o río e pescaban nel". E a terceira e última do Castro de Socastro (Teo): "Aquí na eira vivían os mouros que logo marcharon".
Non son os únicos dos que se fala na comarca. Do Castro de Socastro (Vedra) dise tamén que nel vivían os mouros; no Castro de San Bartolomeu, en Santo André de Vea (A Estrada), diversos autores sinalan a existencia de muros e o feito de que a tradición oral local sinala a existencia nel de tesouros. Hai ademais lendas referidas ós castros en Outeiro e na Casa do Monte da mesma parroquia estradense.

 

AS LENDAS CULTAS E OUTRAS LENDAS

Ademais das lendas populares, encontramos en varias publicacións algunhas outras que cualificamos de cultas por seren moi elaboradas e non telas escoitado nunca na tradición oral. Cremos que estes relatos, posto que son iso máis que outra cousa, puideron ser artellados a partir de lendas, aínda que estas serían só unha base.
Así, Manuel Vidal Rodríguez en "La Tumba del Apóstol Santiago" (1924) di que "hai quen cre que... despois de atravesar varios corredores hai unha sala marabillosa, coa entrada defendida por un monstro con figura humana, que ten un machado erguido para descargar sobre o que ouse achegarse; e no centro da sala existe unha fonte con canos de ouro, que manan incesantemente auga de azougue, e que esta sala dá acceso a outra, que é un verdadeiro panteón, pois está rodeada de sartegos".
Recentemente o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades recuperou a novela histórica "Alira de Elfe" e a narración "A Reina Loba", ámbalas dúas de Manuel Lois Vázquez, e esta última cualificada polo autor como "Lenda histórica".
"A Reina Loba" lévanos á época sueva a través dunha narración da vida de Oaria, filla do conde Deza e nobre da corte de Hermengario O Xusto. "Alira de Elfe" está ambientada na mesma época, o século V. Conta a frustrada conspiración contra o rei Hermengario e o seu amor imposible con Alira, filla do conde Elfe.
As dúas obras, nas que aparece o Pico Sacro como un dos escenarios, inspíranse no libro "Los Reyes Suevos de Galicia" (A Coruña, 1860), de Benito Vicetto, no que este dicía do monte que "no cume existía unha rocha de cristal sobre a que se poñían de pé os reis suevos no acto da súa coroación, rocha que cos raios ardentes do sol de xullo, parecía a pupila daquel cíclope fantástico que tiña por vestidura sempre verdes e perfumadas florestas". Aínda que a relación dos reis suevos co Pico Sacro non ten hoxe en día credibilidade histórica, imos reproduci-lo que dicía Vicetto no devandito libro sobre a cerimonia de coroación: "o rei suevo dirixíase con tódolos seus dignatarios do Estado ó monte máis alto (en Galicia era o Pico Sacro), ascendía ó cume da montaña sagrada e colocado de xeonllos na rocha situada na cima, coa cara volta ó seu pobo, permanecía en pé e cuberto, coas espadas levantadas, os sacerdotes suevos poñían a coroa sobre a súa fronte. Entón o rei poñíase en pé sobre a mesma rocha e mostraba en alto a súa espada, ó mesmo tempo tódolos demais de xeonllos e volven as súas espadas coas puntas cara á terra para mostra-la súa obediencia ó rei".


O relato ou lenda máis elaborado que encontramos sobre o Pico Sacro procede dun exemplar do "Periódico de agricultura, ciencias naturales y artes", publicado en Santiago en 1838. Asínao S.O. e di o seguinte: "Oculta habitación de covardes mouros, depósitos de numerosas e encantadas riquezas e outros epítetos desta natureza, prodíganlle comunmente ó Pico Sacro os habitantes das súas abas. Aseguran que de alí saen os tronos, que para alí ven voar os froitos en remuíños ó tempo da colleita e que alí se sepultan grandes cantidades dos seus viños e non poucos dos seus gandos en virtude dunha forza máxica irresistible. Tamén contan que algúns se fixeron ricos no comercio secreto cos agarenos que alí viven, e aínda se atreven a sinalar persoas. ¡Haberá crenzas máis ridículas! Pois elas non obstante con diferencias máis ou menos marcadas son o pábulo das lendas con que se divirten sentados ó redor dos tizóns, ou á sombra das árbores os habitantes de ambos hemisferios. Os ingleses teñen o seu Ourisk, os alemáns a súa dama branca, os franceses a súa Merlusina, e os españois os seus mouros.
Entre os contos singulares que acerca do Pico Sacro oímos, parécenos digno de referirse o seguinte.
"Nunha época indeterminada houbo en Galicia un Régulo tan ansioso de posuír a ciencia e sabedoría deste mundo, que determinou viaxar para adquirila. Despois de correr gran parte da terra, chegou a unha selva tenebrosa, a penas iluminada polos primeiros albores da mañá, no interior da cal divisou á entrada dunha caverna un home de rostro espantoso, de mirar severo, provisto dunha desmesurada barba, brillante como a luz das estrelas, con só unha perna e esta de asno, vestido cunha túnica de cor de sangue, e cun gorro na cabeza, semellante a un bonete. Estaba este ser misterioso sentado sobre unha pena, e diante de si tiña apoiado a outra un desmedido librazo aberto, sobre o cal daba golpes cunha variña á maneira de mestre de capela cando marca o compás. A cada golpe saía da caverna multitude de animais de varias clases que se achegaban a el como para renderlle homenaxe. Privado de movemento quedou o nobre galego con aquela visión, cando saíndo un tigre da caverna, abalánzase a el e seguramente o tería devorado, a non impedirllo a voz atronadora do máxico da selva, que levantando a cabeza e mirándoo con afabilidade dille:
-Mortal, o que busca a sabedoría non teme; se algunha vez advirte perigo retrocede sen deterse, pero se só ve risco reflexiona para evadilo. Achégate pois e non temas.
Así o fixo o viaxeiro, tremendo sen embargo. O máxico abre unha folla do gran libro, inclina a vara, colle unha frecha e continúa:
- Volve á túa patria e estudia nela as produccións da terra e os astros do ceo: isto basta para ser sabio, porque calquera parte do mundo é unha imaxe de todo el. Chegarás a ela nun momento, atravesando a rexión do aire, montado nesta frecha, a cal conservarás por cen anos e un día: ó cabo deste tempo crávaa no val máis extenso dos teus dominios coa punta cara ó ceo, e ó momento como se se apoderase de ti un doce sono, morrerás para ser Rei nos séculos futuros. A lúa parará sobre a frecha e así como eleva as augas do mar levantará a terra e fará nacer alí un monte sagrado, abundante en ouro e pedras preciosas, que che servirá a ti de sepulcro e de asilo á nación que a honra, cando se vexa vencida.
Voou o régulo montado na frecha, como voan as bruxas cando van ás súas sabatinas sobre un pao de vasoira, e ó seu tempo cumpriuse a profecía do máxico. Levantouse sobre o val do Ulla, que antes era chan, ese monte no cal hai algúns séculos se pecharon os mouros fuxindo dos cristiáns e desde entón viven soterrados axudándonos a comer as nosas colleitas".
O autor deste relato, máis que lenda, conta a continuación a súa visita ó Pico acompañado de tres amigos, cos que logrou baixar a un dos buratos dos mouros e coller pedras de mostra, e sinala que ó final, "satisfeitos os nosos desexos empezamos a baixar da altura e a penas chegaramos á súa aba, sucedeunos unha aventura que non esperabamos, pero que era conseguinte á idea que teñen os paisanos acerca dos encantos do monte. Téndonos observado desde lonxe, reuniuse unha cuadrilla deles, e armados de garrotes saíron a recibir os que crían amigos dos encantadores. Apoderáronse dos productos das nosas fatigas e tivéronnos detidos ata tanto que algúns que chegaron despois, coñecendo a un de nós, influíron para que nos soltasen, o que efectuaron aínda murmurando dos encantadores e encantamentos".
Manuel Reimóndez Portela, nun artigo publicado o 25 de xuño de 1988 en El Correo Gallego dá conta dunha serie de lendas que recolleu na Estrada:

A tenda arraiada da parroquia de San Pedro de Orazo
No mediodía da parroquia no monte chamado Bendexa óllase unha gran pedra chea de pozas á que a xente lle chama a pedra do Aro ou da Ara (coidamos que non se tratará de verdadeiras aras); pois alí nesta mesma pena apareceuse polo serán unha tenda arraiada.
Unha rapaza que andaba co gando quedou abraiada vendo tanta fermosura; sobre dun mantés cheo de adubíos aparecían multitude de cousiñas de ouro, e unha fermosísima moza á fronte dela.
Paseniñamente foise achegando cos ollos ben abertos mirando de fite e o corazón a carreiras; aquelo era un verdadeiro encanto, arrodeada dun total silencio falou a moza garrida:
- E logo, ¿gústanche estas cousiñas?
- Si, moitísimo.
- ¿E cal che gusta máis?
- Aquelas tixeiriñas.
- Pois son túas, podes levalas...
Colleu a tixeiriña de ouro, envolveuna nun pano da man, arrecadou o gando e botou a trote chegando á súa casa en Bendexa. Chamou alpurizada por parentes e veciños e paseniñamente foi desenvolvendo o pano... non tiña nada, era un encanto.

A tenda da parroquia de San Xián de Tabeirós)
No monte da pedra, en Tabeirós, existiu unha pena chea de pozas ou aras (hoxe o sitio é unha canteira). Pois alí tamén aparecía unha tenda arraiada da mesma maneira que en Orazo... mais o que lle gustaba a unha moza que pasou por alí foi un fermoso refaixo e a moza encargada da tenda, cando llo pediu díxolle unhas palabras que non entendeu... a moza rosmou e doulle o refaixo. A moza botou a correr toda leda... polo camiño ocorréuselle desenvolver o refaixo e atouno arredor dun carballo para ver como campaba... en canto atou o carballo ardeu volvéndose cinsas.
Así houbéralle pasar a ela como castigo por non terlle dito á fermosa moza unhas palabras para desencantala. Tamén en Tabeirós, nos Batáns apareceuse unha tenda arraiada, e preguntoulle a fermosa moza:
- ¿Gústache a tixeiriña?
- Gústame unha cheíña...
- ¡Ai! Se fora para cortarche a lingua pola coachiña... e desapareceu.

O tesouro de Nigoi
Noutros tempos un veciño encontrouse cun descoñecido que viña lendo nun libro e dicía: Ó baixar do Casteliño / na congostra do Gardal / hai unha pedra de forma de ferradura / que non se pode arrincar.
O veciño decatouse de que se trataba da paraxe onde estaban, pregoulle ó descoñecido que seguise lendo... mais este decatándose do veciño foise... e seguiu lendo e di a xente que alí hai un tesouro, din tamén que as pedras nese camiño non se gastan e peta a foco (estivemos alí e ¡claro que peta a foco!).
Da mesma maneira esta lenda é ben coñecida na mesma paraxe: Entre Castro e Castrelo (Nigoi e Torreboredo) hai cinco mulas e un camello.
Tesouros témolos en Amourelle en Curantes, no Pereiro en Berres e outros máis.

Lendas de cabritos de ouro
Estaban unhas mozas de Cimáns (Tabeirós) cantando e quentándose ó lume, que acenderan para escorrentar o frío, no muíño dos Batáns. De súpeto entrou un cabrito... quedaron sorprendidas e dándolle mágoa colleuno unha moza no colo e quentárono ben ó mor do lume. En canto estivo quente ceibouse e fuxiu correndo ó mesmo tempo que ía dicindo... ¡A E JU JU!... as mozas de Cimáns quentáronme o cu.
Outra versión fala da aparición do cabrito neste muíño... unha moza colleuno e levouno para a súa casa, envolveuno no mandil... cando lle pareceu que estaba quente desacochouno... e convertérase en ouro.

Lenda de Entrecastrelos (Ribela)
Un veciño á noitiña baixou unha fortísima costa ata o muíño no Umia alá no fondo... entretívose arranxando a fariña e cando botou a porta fóra fixérase case de noite, cubrírase de néboa e non encontraba o carreiro para subir a fortísima costa cara á casa. Foise poñendo nervioso e de súpeto sentiu como un forte trono, aparecéuselle unha nube negra e o home desesperado tremendo de medo... ata que preguntou:
- ¿E logo que fago?
E unha voz medoñenta respostoulle:
- Métete aquí.
Era un oco moi negro, era o cu do demo. Cando ía obedecela ocorréuselle facer o sinal da cruz, e entón o demo desapareceu por encanto.
Ten A Estrada lendas de moitos dos castros, con trabes de ouro e de alquitrán, camiños soterrados para ir levar as bestas a beber ós ríos, ou comunicándose con outros castros... (28 castros, a maioría con lendas). Moitas máis lendas de tesouros soterrados, santos aparecidos, montes e fontes con lendas.

Lenda de lobos do Cruceiro da Gándara
Quédanos por engadir neste apartado unha lenda ou tradición recollida por Fermín Bouza-Brey, publicada en "Nós" (número 97, Ourense, p. 20). Foi publicada despois por Castelao en "As cruces de pedra na Galiza" e por Xosé Manuel González Reboredo en "Lendas galegas de tradición oral", 1995.
Di así: "No lugar de Cerqueiras da parroquia de Santa Cristina de Vea, concello da Estrada, e de fronte da capela da Gándara, dedicada á Virxe de Aránzazu, tópase un cruceiro barroco de boa arte popular. Ten no varal de sección poligonal a figura dun frade francisco con palma na man dereita que ben puidera ser Santo Antón aínda que sen neno; na cruz presenta a Cristo encravado, por unha banda, e pola outra a Virxe triunfante, cos brazos abertos como no pasamento da Ascensión, con anxos todo ó redor.
No basamento ten este epígrafe:
JUAN DE PORTO Y CATALINA DE RIBEIRA SU MUGER PAGARON ETA OBRA AÑO 1742
Nunha das faces do varal estoutro bastante comesto polo tempo:
ANTE ES/ TE CRUCE/ RO... VN/ ...SALVE/ ... APEDIMIº/ DE QUIEN/ LO MANDÓ/ HACER AÑO/ DE 1747
Os veciños do lugar Francisco Barcala Sinde e Xosé Barcala, duns corenta e cinco anos, contáronnos a lenda do erguemento do cruceiro manifestando que, cando o lugar da Cerqueira era todo unha carballeda, había moitos lobos nel e certo día levaron as feras unha meniña, filla dos Xan de Porto e Catalina de Ribeira que figuran na inscrición do cruceiro. Buscaron os pais a nena inzados de dor sen topala por ningures. Acudiron entón á Virxe que na capela recibe homenaxe e pregaron acesamente. Cando volveron a buscar deron coa nena viva e sa acariñando un lobo morto que á beira tiña. Os pais agradecidos fixeron erguer o cruceiro que alí está".

Cruceiro e capela da Gándara en Cerqueiras, Santa Cristina de Vea, A Estrada (c) D. Janeiro 1999

A lagoa sacra de Olives
Fermín Bouza-Brey refírenos que a Lagoa Sacra da parroquia estradense de Olives ten posiblemente que ver cun antigo culto ás augas, anterior á época romana. Pola súa parte, Pedro Varela describe o lugar desde xeito: "Entre Olives e Seoane de Forcarei, alá na altura do monte, está a Lagona Sacra, que consiste nunha lagoa moi notable, duns vinte ferrados de extensión, presentando en todo o seu perímetro vestixio de amurallamento. Cóntase que se librou nas súas inmediacións unha gran batalla e que os cadáveres foron botados ó lago; por iso a amurallaron despois, para evitar profanacións, e a denominan Lagona ou Lagoa Sacra. En inverno hai alí moitos patos".

O equipo de A Ulla, Comarca Virtual tivo ocasión de visitar ese lugar en setembro de 1999, estando seca a lagoa, pois parece ser que soamente ten auga en inverno.

Estas terras que parecen un prado son a Lagoa Sacra, que durante o verán está seca (c) D. Janeiro 1999

 

SERES MÍTICOS

Xa o dicía Alfredo Vicenti en "A orillas del Ulla": "O vasto territorio comprendido baixo o nome xenérico da Ulla, tan fértil en produccións agrícolas como ocasionado a fantasmagorías poéticas". No seu libro fala dos trasgos, "Diaños familiares, xoguetóns e simpáticos ata certo punto, afeccionados con extremo á zambra dos muíños e ás gozosas veladas do inverno.
Cando chove e ventea con máis ímpeto, pero sempre despois do toque de ánimas, óense algunha vez lastimeiras queixas á porta das casas.
Con tal que a dona sexa compasiva abre e encontra un cordeiriño branco cos vellóns empapados e medio morto de frío, tómao nos brazos e acomódao nun ángulo do fogar despois de acariñalo con tenrura.
Proseguen todos o diálogo interrompido, volve reinar unha alegre animación ó redor do lume... pero de pronto estala unha gargallada histérica na altura. O cordeiro desapareceu. Entón, os pobres rurais caen na conta de que lle deron hospedaxe a un trasgo, o cal en recompensa ri con sorna desde o cabalete do tellado.
Cada cal retírase amoucado e abatido á súa vivenda, augurando desde logo unha malísima noite, e con razón, porque este espertará no mellor do seu sono ó oír o estrépito infernal das tazas e pucheiros rotos na cociña; aquel oirá ata que amañeza o día xordos golpes, dados a intervalos na cabeceira da súa cama; o outro, a harmonía monótona e aguda do sarillo que dará voltas por si só no sobrado, e o de máis alá, desatentadas carreiras por riba das tellas.
É o peor, que non hai oración, sinal da cruz ou hisopazo de auga bendita, capaz de escorrentar os impertinentes diaños. Dise que isto se consegue soamente facéndolles sentir algún acceso dos infranaturais e pouco aromáticos, que atacando o olfato delicadísimo dos trasnos os indigna e pon en fuga; pero non está aínda ben probado".
Pero hai máis que trasgos. Entre os seres que habitan nas lendas da Ulla hai uns animais, os gazafellos, dos que se di que son pequenos e de tamaño parecido ó dos coellos. Cóntase así mesmo que se poden cazar nos montes polas noites. Para iso habería que levar un saco, ter moita paciencia e convence-los gazafellos de que entren nel dicíndolle-la frase: "Gazafello, ven ó rello".
O Meco e o Home do Saco son os malos por excelencia que ameazan os nenos e nenas: "Vai vir o Meco" ou "Vaite levar o Home do Saco", e o mesmo podemos dicir doutro semellante a estes: o Cocón. Tamén está Pedro Chosco, desta vez cun dobre significado. Dise de cando ós nenos lles vén o sono, que vén Pedro Chosco, ou sexa que é hora de deitarse. Sen embargo nalgúns lugares ten un significado negativo: se non dormes, vaite levar Pedro Chosco.
Vicenti relata, ridiculizándoas, as supersticións que lles atribuían a meigas e aparecidos diversas enfermidades de persoas e animais, e defende para eles atencións terapéuticas e psiquiátricas no lugar de acudir a remedios pararrelixiosos, comúns, polo que conta, a finais do século XIX.
O autor tamén nos fai saber dunha súa aventura: "nun enmarañado monte cuberto de piñeiros e situado moi cerca do río Ulla, acampaba durante as noites máis escuras do inverno, unha alma provista dunha luz azul, que lles ofrecía ós que pasaban un ferrado de moedas de ouro, con tal de que se comprometesen a facer xaxún de pan e auga un ano enteiro.
Cando isto souben, unha idea luminosa atravesou o meu espírito.
Unha semana máis tarde, ás dez ou once da noite atravesaba eu a Costa da Amargura, que tal é o nome do devandito monte.
Non chovía, pero o vento azoutaba con furia a copa dos piñeiros executando con eles un singular e fúnebre concerto.
Co corazón palpitante e a mirada atenta, posuído desa inquietude que precede a todo acontecemento sobrenatural, esperei media hora, unha hora.
O frío obrigoume a levantar o campo.
Non vira luz ningunha, nin sequera a dun verme de luz.
¡Terrible decepción! ¡A alma en pena adiviñou sen dúbida que eu intentaba cobrarlle adiantado e non facer xaxún despois dun só día!".


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1