Todo o val debe ser percorrido e sentido como unha profunda unidade (Ramón Otero Pedrayo, "Guía de Galicia") 

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 Reloxo de sol en Santo Andrés de Vea, A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

Reloxo de sol en Santo Andrés de Vea, A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

A historia

Cando comezamos a reunir información para redactar este capítulo tiñamos só uns poucos datos sobre a historia da comarca, que eran os máis coñecidos e que se acostuman repetir en libros e folletos sen achegar case nunca nada novo. O noso labor consistiu en agrupar e organizar estes datos e ó mesmo tempo engadir outros moitos que conforme avanzou a confección do apartado encontramos en publicacións especializadas e que polas súas características son pouco coñecidas.
Hai aspectos específicos da historia do val que xa están moi ben estudiados, como o da emigración, pero a outros moitos prestóuselles pouca atención e case sempre a casos moi puntuais e non ó conxunto deles. Nós agardamos que esta achega poida servir no futuro para animar á elaboración dun estudio máis amplo e documentado, pois o interese de moitos dos feitos ben o merece.
Dicíao Ramón Otero Pedrayo en "Os ríos galegos": "O fermoso país ullán, franqueado ó mar de Arousa, forma pola súa riqueza e admirable composición dos elementos da paisaxe, polos seus monumentos e recordos, unha rexión interesantísima".
Tamén debemos aclarar que, posto que non somos especialistas no estudio da Historia, non entramos a xulgar se os datos que encontramos son totalmente válidos, aínda que si tratamos de contrastalos no maior número de publicacións que nos foi posible. Especialmente no que se refire ós documentos medievais, os propios historiadores dubidan de que a data atribuída a algúns deles sexa auténtica. Así mesmo, invitamos a calquera persoa que detecte erros a darnos conta deles a [email protected]

DEBIDO A QUE ESTE APARTADO NON ESTÁ REMATADO, OFRECEMOS SÓ UN RESUMO.

PREHISTORIA

A existencia de mámoas, que se encontran nos catro concellos que analizamos, é a proba máis palpable de que o Val do Ulla tivo habitantes humanos desde hai bastantes milleiros de anos. As primeiras construccións deste tipo aparecen no sur de Galicia ó redor do ano 3500 antes de Cristo (Megalítico inicial) e seguíronse edificando no resto da comunidade polo menos durante dous milenios e medio máis. Pódese ver no apartado de patrimonio cultural desta web ónde se localizaron algunhas.
E antes de que acabe o período de construcción destes monumentos aparece unha nova mostra de actividade humana: os petroglifos, gravados en pedra ó aire libre, dos que se coñece algún exemplo nos concellos analizados (ver igualmente en patrimonio cultural).

DA CULTURA CASTREXA Á ROMANA

Trala cultura megalítica chega a que hoxe chamamos castrexa, por seren os castros as súas pegadas máis patentes. Coñécese o emprazamento de varias ducias nos catro concellos que estudiamos, e estímase que a súa orixe está na etapa final da Idade do Bronce, ó redor do 800 a. de C.
Parece ser que os castros permanecían habitados cando chegaron os romanos e se estableceron en Galicia e así nalgúns deles encontramos ademais dos restos propios da cultura castrexa outros pertencentes á romana.
Aínda que os primeiros contactos dos romanos con Galicia teñen lugar no século II a. de C., a romanización comeza no século seguinte, pero será só no século I d. de C., cando se trace unha gran parte da rede de vías, das cales aínda hoxe se conservan restos ou polo menos o antigo trazado nalgúns lugares da comarca.
Na Gándara, no límite da parroquia de San Fins de Sales coa de San Breixo de Sergude, encontrouse en 1866 un miliario romano da época do emperador Calígula, chamado tamén César Caio Augusto Xermánico, que se custodia hoxe na Catedral de Santiago.
Estelas funerarias, restos de asentamentos, obxectos de uso cotiá ou un pequeno tesouriño foron pegadas que quedaron da época romana no Val do Ulla.

ÉPOCA MEDIEVAL

A chegada dos vándalos asdingos e a dos suevos e a desaparación da estructura política e administrativa romana marca o inicio da Idade Media. Os vándalos asdingos practicamente estiveron só de paso, mentres os suevos se asentaron en Galicia. Da súa época practicamente non hai restos nos catro concellos dos que falamos neste libro.
E non sabemos qué sucedía na comarca na época na que chegaron á Península os árabes e bérberes, como tampouco do que ocorreu durante as primeiras décadas da súa dominación. Sen embargo, se se chegou a dar, parece que esta non foi longa.
O descubrimento no século IX, por parte do bispo de Iria Flavia Teodomiro, dunha tumba que inmediatamente identificou coa do Apóstolo Santiago, discípulo de Xesucristo, fai nacer ó redor dese lugar a cidade de Santiago de Compostela, á que se chegará a través de varios camiños, un dos cales, prolongación da Vía da Prata, atravesa Boqueixón, Vedra e A Estrada, mentres o Camiño Portugués e a Ruta do Mar da Arousa e Ulla entran por Teo. Conforme avanza a Idade Media, érguense varios mosteiros na comarca, que estarán vencellados máis ou menos directamente á Igrexa compostelá. Deles quedan hoxe varias igrexas parroquiais.
Parece que os viquingos estiveron de paso, nalgunha das súas expedicións na busca de botíns cos que enriquecerse, e segundo un documento conservado na Catedral de Ourense, o mosteiro de San Xoán da Cova foi destruído por eles no ano 968, razón pola que tivo que ser reedificado dez anos despois.
Lugares da comarca aparecen nomeados en numerosos documentos medievais, case sempre en privilexios reais, testamentos ou mencionados no relato dalgunha das frecuentes loitas entre nobres e incluso reis.
No final da Idade Media sucede a gran revolta irmandiña, que supón o derrubamento de varias das fortalezas existentes nos catro concellos que estudiamos ou nas súas proximidades, anque algunhas foron reconstruídas despois.

A IDADE MODERNA

No século XVI comeza o asentamento de varias familias nobres compostelás en terras da comarca, e non encontramos rexistrados grandes acontecementos, salvo a peste que se estendeu nalgunha zona desde 1568 e a grande enchente de 1571 que desfixo as pontes da Ulla e Sarandón.
Tras un século, o XVI, no que tenden a desaparecer as loitas feudais, a comarca vivirá no XVII unha auténtica revolución na alimentación e na agricultura, coa chegada na década de 1630 do millo.
Fronte ós commissos medievais, durante estes séculos, a división administrativa supraparroquial é o señorío xurisdiccional ou couto, dependente case sempre de familias nobres ou burguesas que aspiraban a selo.
No século XVIII, o da Ilustración, xorden en Vedra ou están relacionadas co concello, figuras como a de Pedro María Cisneros, conde de Ximonde; Juan Ignacio Armada, marqués de Santa Cruz de Ribadulla ou Luís Marcelino Pereira, cofundador en Madrid do periódico "El Censor" e considerado o primeiro xornalista galego. Os tres terán relación coa Real Sociedade Económica de Amigos do País, de Santiago, e na Guerra da Independencia, xa no século XIX, loitarán os dous primeiros contra os franceses e o último a favor deles.

A IDADE CONTEMPORÁNEA

Entrada xa a Idade Contemporánea, seguramente o primeiro acontecemento de grande importancia na historia do Val é a chamada Guerra da Independencia, na que se rexistraron bastantes mortos entre os paisanos que combatían ou se resistían ós franceses, que por outra parte non tardaron en marchar de Galicia. Durante a Guerra, residiu durante case dous meses no Pazo de Ortigueira, en Santa Cruz de Ribadulla, o coñecido escritor e político asturiano Gaspar Melchor de Jovellanos.
Poucas décadas despois, a partir de 1836, a comarca vese inmersa en varias das guerras carlistas, coa aparición de varias partidas que non acadaron un dominio territorial firme. Xa fóra desa primeira guerra carlista, o pronunciamento de Solís no ano1846 tivo nos catro concellos que estudiamos escenarios decisivos.
A finais do século XIX adquire grande importancia o agrarismo, coa creación de sociedades agrarias en diferentes parroquias, e dentro dun proceso que acabará coa redención dos foros de orixe medieval nas primeiras décadas do século XX.
A chegada da II República e a Guerra Civil marcaron de xeito importante a vida no Val, que sufriu unha dura posguerra cun aumento da emigración. Trala superación dos anos da fame, entre outros factores gracias ás remesas monetarias enviadas polos emigrantes, a comarca desenvólvese sobre todo a partir dos anos sesenta. Na actualidade o proceso continúa, incrementándose pouco a pouco o número de servicios dispoñibles na comarca e a calidade de vida das persoas que residen nela.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1