¡Aqueles si que eran antroidos; os da Ulla! (Xosé María Castroviejo, "Memorias dunha terra")

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

En San Xián de Sales (Vedra), non só hai xenerais no Antroido: tamén hai xeneralas. A imaxe tomouse o 16 de febreiro de 2002. (c) H. Neira 2002  

Coplas de Antroido e cancións de baile

Chamada en parte do val Antroido e noutras zonas Entroido, esta é unha das festas que máis sona alcanzaron fóra da comarca. Son característicos os personaxes dos xenerais e os correos, homes montados dacabalo que percorren distintas parroquias da zona vestidos con vistosos uniformes. Nas últimas décadas, de xeito fixo ou discontinuo, os xenerais da Ulla apareceron no Entroido dalgunhas parroquias dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Padrón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.
A orixe destes desfiles de xenerais e correos parece estar na Guerra da Independencia. Xosé María Castroviejo relátao en "Memorias dunha terra" deste xeito: "Ponte Ulla: de tódalas parroquias chegaban as xentes para contempla-lo sen igual antroido. A parte principal era un combate entre os paisanos e as tropas de Napoleón. A francesada deixou un gran recordo en Galicia, onde houbo combates encarnizados dos napoleónidas coa paisanaxe. Xa de neno chamábame a atención oír nomear ós cazadores do val da Ulla, os cans con nomes como Ney e Soult".

Xenerais da Ulla en San Xoán de Santeles (A Estrada) preparándose para darlles vivas ós veciños da parroquia. Imaxe tomada o 9 de febreiro de 2002 (c) H. Neira 2002

Mario Blanco, alcalde da Estrada por varios anos, informounos que unha das características destes desfiles é que os seus integrantes empregan en numerosas ocasións o castrapo ou o castelán, imitando por tanto a lingua dos militares e chámanse a si mesmos "generales", usando a palabra castelá. Como mostra, achegounos dúas coplas destas máscaras:

General, general,
no vengha con valentías
generales coma este
los como todos los días.

Avanza caballo mío
por riba desa muralla
y atropalla al enemigo
que siempre nos asoballa.

Outro exemplo de copla de Antroido, que nos achega neste caso Enrique Neira, de San Miguel de Sarandón e en galego:

¡Alto aí, correo! ¿Pra onde vas tan apurado?
Que se pensas entrar en San Miguel de Sarandón
atravésoche o corazón con este forcado.
Xa sei que es de Neira e penso meterte dentro desta paxareira.

Na imaxe da esquerda vemos un xeneral da Ulla no Antroido ou Entroido do ano 2000, en imaxe cedida por Juan Martínez (c).

Un xove xeneral da Ulla e un abandeirado conversan cunha rapaza en San Xoán de Santeles (A Estrada), o 9 de febreiro do 2002, durante a celebración do Antroido (c) H. Neira 2002

Entrar na forma en que se organizan os "rexementos" de xenerais e correos, as máscaras de mozos e vellos, sería algo ben longo e xa está de sobras estudiado en libros como "O Entroido no Ulla", de Olimpio Arca. Sen embargo, si nos pareceu interesante recoller aquí unha serie de coplas, elemento ben antigo do Entroido e tamén dos bailes tradicionais, por faceren moitas delas referencia a distintos lugares do Val do Ulla. Estas coplas son pequenas composicións de carácter popular, das cales algunhas teñen rima en tódolos seus versos e outras só rima asonante nos pares. Moitas veces teñen música propia e en ocasións son usadas nas regueifas. A maioría das que ofrecemos fóronnos facilitadas por Eugenia, Josefina e María Pereira, Mercedes Neira, Benigna Parada e Jesús Lobato.
Velaí van algunhas mostras:

A miña muller é vella,
de vella non sobe á cama.
Arriba muller arriba,
malo varrizo te varra.

A miña muller é vella
e enterreina no arroio.
Cando paso por alí
sempre lle chisco de ollo.

A miña muller é vella
e enterreina nun palleiro.
Deixeille as manciñas fóra
para toca-lo pandeiro.

A miña Rosiña
ten un caravel.
Teno tan gardado
que eu non lle sei del.

A muller de Roque Troque
non ten faldra nin camisa.
Se llo sabe Roque Troque
halle de pega-la risa.

A muller de Roque Troque
ten un burato no cu
que llo fixeron os ratos
pensando que era pan cru.

A muller que capa os homes
vive no campo de Noia.
Fuxí homes, fuxí homes
que aí vos vén a capadora.

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrincar.
Os amoriños primeiros
son moi malos de olvidar.

A Virxen de Guadalupe,
aquela máis pequeniña,
o día que eu me case
ha de ser miña madriña.

As de alá de arriba
cando van co gando
espetan a vara
e bailan o tango,
e bailan o tango
e maila muiñeira.
As de alá de arriba
non hai quen as queira.

As mozas de Sarandón
son coma o eucalipto.
Por dentro teñen de todo
e por fóra moi bonito.

As mociñas de Vilanova
unha si e outra non,
agarran a seu pai polas barbas
e dinlle ¡Arre por aquí castrón!

As nenas de Vilanova
din que non beben viño,
e debaixo do mantelo
levan o xerro escondido.

Airiños airiños aires,
airiños da miña terra.
Airiños airiños aires,
airiños levame a ela.

Aldeíña de Socastro,
aldea que todo ten:
boa mazán, boa pera,
boa neniña tamén.

Anda Maruxiña,
remenda o refaixo,
remenda o refaixo
por riba e por baixo.
Por riba e por baixo
e por darredor,
anda Maruxiña
remenda mellor.

Arrabea pola peneira,
arrabea por peneirar.
Arrabea por ter amores,
arrabea por te casar.

Arredor do río arriba
non hai varas que cortar.
Estes mociños de aora
todos se queren casar.

Arriba naranxa,
abaixo limón.
Os mozos que hai aora
non valen un patacón.

As mozas de Sarandón
son coma o eucalipto.
Por dentro teñen de todo
e por fóra moi bonito.

As nenas de Vilanova
din que non beben viño
e debaixo do refaixo
levan o xerro escondido.

- ¿Bailaches Carolina?
- Bailei, si señor.
- Dime con quen bailaches.
- Bailei co meu amor.

Cando á mesa sentas cregos
meu Santiago queridiño
levas os xamóns da Estrada
os cuxos, o pan e o viño.

Cando canto canto ben,
quen me oe ben me comprende.
Doume Dios habilidá
pra comprar a quen me vende.

Canta rula, canta rula,
canta rula naquel souto.
O que espera desespera
polo que está na man doutro.

Carballeira de San Xusto,
carballeira de ramada.
Naquela carballeiriña
perdín a miña navalla.

Casadiña de tres días
xa levaches unha tunda.
Se cho saben as solteiras
non se che casa ningunha.

Croucho-pelado foi ó muíño,
perdeu a pucha e morreu de frío.
Morreu de frío, quedou estirado,
ó pé do río Croucho-pelado.

Da banda de alá do río,
do río da outra banda,
teño unha raparigüela
que moitos recados me manda.

Da banda de alá do río,
sentín cantar unha melra.
Éche a miña queridiña
que anda pañando na herba.

Debaixo daquel tellado
onde María cantaba,
cando María canta,
a cadela dá ó rabo.

Debaixo do lavadoiro
onde María lavaba,
atopei un anillo de ouro
e unha mazán colorada.

E non vai ben
e non vai ben
a escopetiña
cargada no tren.

Era o viño meu ben, era o viño.
Era o viño que por min falaba.
Era o viño meu ben, era o viño
era o viño que me emborrachaba.

Este pandeiro que toco
é de pelica de ovella.
Inda onte comeu herba,
hoxe toca que arrabea.

Estou facendo un traxe,
xa non me falta todo.
Solo me falta
a tela e o forro.

Estrelliña do luceiro,
estrella da claridá.
Vaise o día, vaise a noite,
váisenos a mocedá.

Eu cantar cantaba ben,
a gracia non era moita:
quedoume no lavadoiro
cando fun lava-la roupa.

Eu queríame casar,
miña nai dime que é cedo.
Ela como está casada,
non sabe as ganas que eu teño.

-Eu queríame casar;
miña nai, non teño roupa.
-Casa miña filla casa,
unha perna tapa a outra.

Gracias a Dios
que hoxe comemos
catro panciños
e cinco debemos.

Heicho de dar queridiña,
heicho de dar que o teño.
Heicho de dar queridiña,
o anillo do meu dedo.

Indo pra Santiago
dou a volta o meu capote.
Acordáronme as nenas
e mailas papas do pote.
Indo pra Santiago
escurripei nunha cereixa.
Escurripado que sea
quen no camiño ma deixa.
Indo pra Santiago
na Taberna do Salgueiro,
díxenlle a un vello meu sogro,
e saleume verdadeiro.

Manoliño foi ó viño,
perdeu o xerro no camiño.
Mal do xerro, mal do viño,
mal do cu de Manoliño.

Manuel Manueliño,
ollo de millo miúdo.
Andas engañando as nenas
de noite no escuro.

Manuel por ve-la nena
fíxolle unha ponte de prata.
A nena non pasa por ela,
Manuel todo se mata.

Manueliño barqueiro,
Manueliño barqueiro.
Pásame Manueliño
nas alas do teu sombreiro.

Marchan correndo prá casa
con deseos de almorzar.
Botan os ovos na cunca
e súa nai ten que pasar.

Mariñeiro non,
que vai e non vén.
Un carpinteiriño
que traballe ben.

Maruxiña do portelo,
a do refaixo marelo.
Á túa nai xa llo dixen,
a teu pai téñolle medo.

Miña nai, miña naiciña,
como a miña non hai ningunha,
que me quentaba a cariña
co calorciño da súa.

Miña nai e maila túa
van xuntas á romería.
A miña vai de capote,
a túa vai de mantilla.
Túa nai e maila miña
van xuntas á romería.
A túa como é larpeira
comeulle todo á miña.

Miña nai e maila túa
quedan no río berrando,
por culpa dunha galiña
que tiña amores cun galo.

Miña nai e maila túa
van xuntas na romería
mala morte mate a túa
que a miña se volvía.

Miña nai, lávame a roupa.
Hoxe veño dunha romería,
mañán marcho pra outra.

Miña nai, miña naiciña
como miña nai ningunha.
Lávame a miña camisa
dentro da manga da súa.

Miña nai por me casar
ofreceume canto tiña.
Aora que estou casada
pagoume cunha galiña.

Miña nai por me casar
prometeume un lote de allos.
Aora que me casei,
quen quere allos, quen quere allos.

Moreniña, por morena,
téñoche o ollo botado.
Has de ser miña muller
ou non hei de ser casado.

Na beira do mar
hai moito que ver.
Baila, miña Maruxa, si,
baila que bailas moi ben.

-Nena, nena, que vénde-las peras
¿cantas che mandaron dar?
-Pra ti meu queridiño
non mas mandaron contar.

San Miguel de Sarandón, Vedra. (c) C. Neira 1998

No medio de San Miguel/ hai un carballo das mentiras/ onde se xuntan as nenas / pra gobernar moitas vidas. San Miguel de Sarandón, Vedra. (c) C. Neira 1998


 

No medio de San Miguel
hai un carballo das mentiras,
onde se xuntan as nenas
pra gobernar moitas vidas.

Non quero home grande
que o quero pequeniño.
Con sete varas de tea
fágolle un pantalonciño.

Non quero home pequeno,
a miña me ha de valer.
Que me parece na casa
unha escoba de varrer.

Non te cases cun ferreiro
que te queiman as muxicas.
Cásate cun carpinteiro
que fai cousas bonitas.

Nosa Señora do Carmen
ela tamén foi muiñeira
tiña a xesta de palma
palanqueta de oliveira.

O blanco é meu irmao,
o tinto meu parente.
Non vou a feira nin festa
que non vexa a miña xente.

O can, o can, o raio do can
roeulle as cirolas ó meu cirolán.
Se llas roeu, deixarllas roer,
que o meu cirolán cirolas ha ter.

O cantar do arrieiro
é un cantar moi baixiño.
Cantábano en Ribadavia
oíase no Carballiño.

O demo do vello
coa vara de aguillada
ele zumba que rezumba
ele zumba que rezumba
ele zumba que rezumba
nos ollos e na cara.

Ó muíño de meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto baixalo
e cando está baixo erguelo.

O paxaro cando chove
mete o rabo na silveira.
Así fai a boa moza
cando non ten quen a queira.

O raposo érache pillo
érache moi arteiro.
Andaba como o raposo
por debaixo do palleiro.

Ó San Sebastián corramos
na cima do Pico Sacro,
para ver cal raia o sol
polas torres de Santiago.

Para vir a xunto a min,
para vir a xunto a min,
vai lava-la cara
vai lava-la cara galopín.

Pasando por Vilariño,
por Vilariño cantando,
as nenas de Vilariño
quedan no río lavando.

Pasei pola túa porta
coma un perdigón cantando.
Desvelo da túa vida
que sempre me anda lembrando.
Pasei pola túa porta,
erguín os ollos e vin
un letreiro que decía:
"Eu para ti non nacín".
Saquei un e puxen outro:
"Ti para min non naciches,
eu para ti tampouco".
Pasei pola túa porta
e puxen a man no ferrollo.
A ladra da túa nai
meteume un pao polo ollo.

Peneirei, peneirei,
peneirei por un cribo.
Fixen un pan
de relón coma trigo.

Pola viña vendimada
calquera pode correr.
Dáme un abrazo meniña,
que ninguén cho ha saber.

Polo río abaixo vai
unha troita de pé,
corre que te corre,
quen a podera coller.
Quen a podera coller,
quen a podera pescar,
polo río abaixo vai
unha troita de pé.

Quedaches de vir ás nove,
viñeches ás nove e media.
Pensas que non é pecado
engañar a unha morena.

-¿Quen cho dixo, quen cho dixo,
que eu lavaba no rigueiro?
-Coñecincho no cantar,
e seguinte polo carreiro.

Quen me dera non é ter,
quen me dera non é ter,
unha neniña bonita
debaixo do meu poder.

San Benitiño do ollo redondo,
hei de ir alí miña nai se non morro.
Hei de levar un molete de pan,
e unha bota de viño para o camiño.

Se vas ó San Benitiño
non vaias ó de Paredes,
que hai outro máis milagreiro
no conventiño de Leres.

San Migueliño das uvas,
moito tardas e pouco duras.
Se viñeras catro veces no ano
ningún criado buscaba amo.

-Se queres que vaia verte
de noite polo lunar
matara-la cadeliña
que non fai máis que ladrar.
-A cadela non a mato
que non teño outro can.
Se non queres vir de noite
vén mañán pola mañán.

Se queres que o carro cante,
bótalle o eixo no río
e despois de ben mollado,
canta como eu asubío.

Subín por Ardilleiro Grande
e beixei polo Pequeno.
Collín amores na Granxa
e deixeinos en Reboredo.

Teño que ir e vir a Calo
pola collida do millo.
Teño que ir e vir a Calo
pero de Calo non me despido.

Teño que subir ó alto,
que do alto vexo ben.
Tamén vexo os meus amores
se me enredan con alguén.

Teño un amor na montaña,
teño un amor montañés.
Teño un amor na montaña
e na Ulla teño tres.

-Túa nai e maila miña
van xuntas á romería.
A túa como é larpeira
comeulle todo á miña.
-Miña nai e maila túa
van xuntas á romería.
A miña vai de capote,
a túa vai de mantilla.

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada.
Unha semaniña enteira,
esa si que é muiñada.

Unha pera, dúas peras,
non tiña máis a pereira.
Unha era para min
e a outra para a compañeira.

Unha vella máis ben vella,
máis vella que o meu chapeu,
tratáronlle o casamento
e levantou as mans ó ceo.

Vinde acá mulleres
pícaros e todo
vinde ve-lo dote
que me deu meu sogro.
Unha cabra cega
con cabirto mono
unha manta vella
con remendo novo.

Vindo de Berres vin unha nena,
viña do monte de calcetar.
Díxenlle ola, pedinlle un bico
e non mo quixo dar.

Xa me dixo teu pai
que te chame a bailar
e no medio do baile
que te deixe quedar.
Que te deixe quedar,
que te deixe quedar.
Xa me dixo teu pai
que te chame a bailar.

Xúroche os clavos dun carro
e as vergas dunha cesta,
que nunca venciches batalla
nin agora vences esta.

Zapateiro corrieiro
faime as miñas zapatillas,
que non podo andar descalza
que me pico nas espicuriñas.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1