O Pico Sacro é a confirmación do camiño andado (Antón Fraguas)

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Mozas de San Pedro de Vilanova na romaría do Santiaguiño. (c) Luís Ballesteros 1997

Os Camiños de Santiago

Desde que Santiago de Compostela se converteu en centro de peregrinacións da cristiandade na Idade Media, os peregrinos que de todas as partes do mundo se achegaron e se achegan á cidade foron utilizando determinadas rutas ou creando outras novas no seu camiño.
Polos catro concellos que estudiamos pasan a Ruta Marítima do Mar de Arousa e Ulla, o Camiño Portugués e o Camiño Real de Ourense a Santiago ou Vía da Prata, vieiros dos que imos dar unha pequena descrición. Ademais, segundo o director do Museo do Pobo Galego e Cronista Oficial de Galicia, Antón Fraguas, "o Pico Sacro é a confirmación do camiño andado cando o peregrino vén polo Camiño Francés".

Ruta Marítima do Mar de Arousa e Ulla

Este camiño non só leva peregrinos a Santiago, senón que tamén conduce a Padrón e á ría arousá ós que xa chegaron á capital galega por algunha outra ruta e queren coñecer o lugar de chegada do corpo do Apóstolo Santiago que menciona a tradición xacobea.
A actual ruta marítima permite ver as ribeiras dos concellos bañados polas augas da ría de Arousa e mais polo río Ulla desde a súa desembocadura ata Padrón. No percorrido encontraremos unha serie de cruceiros erguidos en pequenas illas no medio da ría e do río, que conforman un sorprendente viacrucis marítimo para a Semana Santa.
Pero veremos moito máis que as cruces de pedra. Pola ribeira do norte temos as terras de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ata chegar a Catoira.
Pola ribeira do sur están O Grove, Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e finalmente Catoira. Desde Catoira éntrase xa polo río Ulla e tras pasar Dodro arríbase a terras padronesas, onde se recomenda visitar diversos puntos das localidades de Padrón e Iria. Neste último lugar estivo a primitiva sé episcopal compostelá, que perdeu tal condición poucos anos despois de que o bispo Teodomiro revelase que descubrira o sepulcro de Santiago, para ser trasladada a sé ó lugar que hoxe é a capital galega. En Padrón únese á ruta arousá a portuguesa, que tratamos noutro apartado.
O antigo camiño de Iria a Santiago era probablemente unha vía romana, que entraba no que hoxe é o concello de Teo pola Rúa de Francos. A actual estrada pasa tamén por alí e despois por Casalonga e Ameneiro ata chegar ás Galanas, onde deixa o concello para entrar no de Ames, no núcleo do Milladoiro. O nome deste lugar procede, segundo se ten dito en numerosas publicacións, do feito de que os peregrinos se axeonllaban alí ó ver ó lonxe as torres da Catedral de Santiago. Desde o Milladoiro xa se entra, por certo, no concello compostelán.

Camiño Portugués

As autoridades portuguesas teñen definidas ata seis rutas tradicionais a Santiago, algunhas delas con dúas posibilidades de entrada en Galicia. Cinco deses seis camiños portugueses desembocan en distintos puntos do que en Galicia chamamos Camiño Portugués, mentres outras rutas continúan polo Camiño Real de Ourense a Santiago.
Así, están o Camiño do Noroeste, procedente do Porto, Viana e Caminha, que entra por Tui; o Camiño do Lima, que saíndo do Porto atravesa Ponte de Lima e vai ata as terras tudenses; o Camiño do Norte, que desde Porto vai por Barcelos e Vila Nova da Cerveira ata entrar por Tui; o Camiño de Celanova (unha das dúas saídas), que partindo do Porto atravesa Braga e Ponte da Barca para desembocar en Salvaterra e de alí vai a Porriño; e o Camiño de Lamego (unha das saídas), que desde aquela localidade pasa por Braga e Ponte da Barca ata Salvaterra.
O que en Galicia chamamos xenericamente Camiño Portugués reúne, como dixemos, esas cinco rutas procedentes do país veciño, comezando para tres delas o percorrido por terras galegas en Tui, para logo pasar por Salceda e Porriño. Alí únense as outras dúas para continuar as cinco a través de Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón, para entrar pouco despois en terras de Teo.
Este tramo final, sen embargo, xa o comentamos no apartado dedicado á Ruta Marítima do Mar de Arousa e Ulla, xa que ámbalas dúas vías se unen na vila padronesa.

Camiño Real de Ourense a Santiago ou Vía da Prata

Atravesa a comarca ullá pola Estrada, Vedra e Boqueixón cara a Santiago e por estas terras chámaselle habitualmente Camiño Real (en Bandeira coñécese tamén por Camiño Ulleiro, na Ulla por Vereda da Ulla ou A Calzada e incluso nalgúns lugares recibe o nome de Camiño dos Franceses), conservándose en boa medida o seu itinerario.
Se hoxe en día se coñece tamén como Ruta da Prata ou Vía da Prata é porque este camiño se converteu en continuación natural daquela.
En efecto, segundo opinión de moitos estudiosos do Camiño, a Vía da Prata foi orixinalmente unha calzada romana que unía Mérida con Astorga. Esta ruta foi aproveitada nos séculos seguintes á desaparición da estructura administrativa romana e isto mesmo fixeron moitos peregrinos que procedentes do sur e do leste utilizaban diferentes tramos da antiga vía.
Cando acababa o trazado desta había varias rutas que desde Astorga finalmente ían dar a Ourense.
Debemos sinalar que Ourense é tamén punto de destino para varias das rutas portuguesas a Santiago, que continúan desde alí polo Camiño Real cara á capital galega. Así, o Programa de Promoción Conxunta Santiago- Camiños do Miño promovido polo Goberno Portugués sinala como rutas con destino en Ourense o Camiño de Celanova, o da Xeira Romana e o de Lamego.
O Camiño de Celanova comeza no Porto e ten dúas saídas, unha por Salvaterra cara a Porriño e o Camiño Portugués en Galicia, e outra por Lobios e Entrimo, cara a Celanova e de aí a Ourense.
A Xeira Romana, que parte desde Braga, ten igualmente dúas saídas, unha pola Cañiza e a outra por Lobios e Entrimo, onde se une á ruta anterior.
Finalmente, o Camiño de Lamego, con outras dúas saídas: a de Salvaterra por un lado (entrando desde Braga) e outra que desde Vila Real e Chaves pasa por Verín e Xinzo para unirse ás outras en Celanova.
Así, temos que Ourense funcionaba en certa maneira como punto de reunión dos camiños portugueses e dos procedentes de Castela. Desde a cidade das Burgas ata Dozón pódense seguir dúas rutas:
Unha delas leva a esa localidade pasando por Casas Novas, Cea, Piñor, O Reino, Corna, e San Martiño. A outra atravesa Casas Novas, Oseira, Mirallos, Coiras e Gouxa ata chegar ó seu destino.
En Dozón unifícase o Camiño e segue por terras de Silleda, Chapa e Bandeira. Desde alí pódese continuar por Lamela, para entrar no concello da Estrada, pasando por Castrovite, Penaporrín e O Seixo, e cruzar o río pola Ponte Ulla introducíndose así no concello de Vedra.
Desde esta localidade, sobe o vello Camiño Real por Vista Alegre, Monreal e As Quenllas ata a aldea de Outeiro (parroquia de San Pedro de Vilanova), onde encontramos a capela do Santiaguiño e unha fonte con inscrición referente á Raíña Lupa.
Esta fonte do Santiaguiño posúe unha estatua de Santiago e outras dúas dos seus discípulos Teodoro e Atanasio.
Os profesores Ramón Otero Túñez e Ramón Yzquierdo Perrín afirman no seu libro "El Coro del Maestro Mateo" que as que representan os discípulos proceden do antigo coro románico da Catedral de Santiago, edificado baixo as ordes do Mestre Mateo, o autor do Pórtico da Gloria, onde representarían dúas figuras bíblicas. A da esquerda sería orixinalmente unha estatua de Xoel e a da dereita do rei David.
Neste mesmo libro mencionan unha terceira estatua do mesmo Coro, desfeito a principios do século XVII, que se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e que chegou alí desde "un pazo da zona do Ulla". Esta representaría a Santiago o Menor.
Na fonte consérvase unha inscrición sobre a traslación do corpo de Santiago, da que falamos no capítulo sobre as tradicións xacobeas.
A capela próxima á fonte edificouse en 1676 e a carta e escritura de fundación é de 1680, e nela faise de novo referencia ó traslado: "en memoria de teren estado alí os seus dous discípulos S. Atanasio e S. Teodoro cando viñeron buscar os bois para levar o seu sagrado corpo á parte onde hoxe está nesta apostólica Igrexa como é notorio e a súa tradición". Así mesmo menciónase a condición de camiño de peregrinos: "e o dito ermitán ha de ter e teña obriga de recoller na dita casa os peregrinos que alí chegaren".
Desde alí o Camiño continúa baixando e entra pouco despois no concello de Boqueixón, por onde segue ata as proximidades de Lestedo, quedando o Pico Sacro á dereita. Na igrexa de Santa María de Lestedo, o presbiterio estivo ornamentado, segundo di López Ferreiro, con interesantes pinturas murais posiblemente do século XIII, das que se conserva un fragmento cun peregrino co seu bordón e cabazo, esclavina de ante, sombreiro coa ala levantada pola parte anterior, sentado nun banco e descansando co rostro apoiado sobre a man dereita.
Entra logo de novo en Vedra para atravesar o río Pereiro por Ponte Busacos (preto da Picota), e seguir pola Gándara ata A Susana, onde xa encontran os camiñantes as terras do concello de Santiago.
Desde alí vaise ata Santa Lucía e Angrois, chegándose en pouco tempo ó barrio santiagués de Sar, onde se conservan aínda restos da antiga calzada medieval e unha ponte de pedra que atravesa o Camiño para deixarnos ó final dunha costa ante a porta de Mazarelos. Esta é a única que resta das sete que tiña a cidade e nela encontramos unha inscrición na que se lembra a chegada por ese camiño dos viños da Ulla e do Ribeiro desde a Idade Media.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1