Arredor do río arriba non hai varas que cortar. Estes mociños de agora todos se queren casar (Popular)

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 Pontevea, Teo/A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

O río Ulla, ó seu paso por Pontevea, Teo/A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

Ríos, pontes e termalismo

A comarca recibe o nome do río Ulla, un dos máis longos e caudalosos de Galicia, e ó cal se lle chama tamén en terras ullás "río Grande" ou "o río da Ulla". Pertence á vertente atlántica, e segundo estiman os xeógrafos, a súa cunca fluvial é a máis extensa da Comunidade galega despois da do río Miño, pois abrangue máis de 2.700 quilómetros cadrados. O río e os seus afluentes máis importantes recollen a chuvia que cae nos concellos da Estrada, A Golada, Ames, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Dozón, Forcarei, Lalín, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Padrón, Rianxo, Rodeiro, Santiago de Compostela, Santiso, Silleda, Teo, Toques, Touro, Valga, Vedra e Vila de Cruces.


Aínda que se discute ónde está realmente o seu nacemento, a proposta máis aceptada e que recollen, entre outras publicacións, a "Gran Enciclopedia Gallega", é a que indica que nace en Monterroso, estando as súas fontes en Ansar, a 640 metros de altitude sobre o nivel do mar, no monte Picouzo tamén a uns 640 metros de altitude, e entre Santo Estevo e Fondevila a uns 620 metros.


Aínda nesta parte, que se corresponde co curso alto do río, a corrente non é como cabía esperar tumultuosa, pois o río discorre por unha superficie aplanada, entre os 500 e os 600 metros de altitude.


Únese ó primitivo regueiro o Rial, no mesmo concello, e pouco despois o Ribeiro. Máis abaixo recibe un gran número de afluentes, como o Ponte Vilela, o Caragón, o Barreiro, o Peizal, o Pambre, o Furelos, o Beseña e o Muíño, ata chegar ó encoro de Portodemouros, onde recibe o Arnego, que baixa a renderlle tributo desde a serra do Faro, e que recolle as augas dos numerosos regueiros da Terra de Camba.

NO VAL

Na nosa comarca, antes de chegar a San Xoán da Cova, recibe como afluentes, entre outros, ó río Pontillón, ó rego de Valpedre, que discorren pola provincia da Coruña e ó río Deza, da provincia de Pontevedra, que baixa dende os montes do Testeiro e recolle as augas do Toxa, que pouco antes da unión salva un desnivel de 60 metros, creando unha das máis fermosas fervenzas de Galicia.


Logo do paso de San Xoán da Cova, que parte o filón de seixo da Serra do Pico, únense ó Ulla varios pequenos regueiros: o Marque, o Busos, o Liñares e o Vea, da parte de Pontevedra, e o rego de San Cristovo (que nace nunha fonte do Pico Sacro, a cinco quilómetros da unión co Ulla), o Pereiro (nalgúns lugares de Boqueixón chamado Freixido ou Zaramo) e o Santa Lucía (tamén chamado Tella), da parte da Coruña.


Máis adiante recibirá o río Sar, que chega de Compostela, pola ribeira da Coruña, e o Valga e o Louro, pola ribeira de Pontevedra; estes tres ríos, e tamén o Ulla vense afectados en Pontecesures pola depresión coñecida como Val da Amaía ou "depresión meridiana", que percorre Galicia en dirección Norte-Sur, separando as rías das serras centro-occidentais.
Finalmente o Ulla desemboca no océano Atlántico, creando a máis fermosa das rías galegas, defendida ó norte pola serra da Barbanza.
O caudal, medido en Santiso, vai dende os vinte metros cúbicos por segundo nos chuviosos meses do inverno a pouco máis dun metro cúbico en xullo ou agosto, pero hai que ter en conta o control que se realiza no encoro de Portodemouros. A forza da corrente do Ulla e da maioría dos seus afluentes foi usada ata os anos sesenta para facer funcionar decenas de muíños de cereais dos cales se fala en detalle no apartado de patrimonio cultural.


O réxime do río Ulla é pluvial, isto é, a maior parte da auga que leva provén da chuvia, pois os montes onde os seus afluentes e el teñen as súas fontes a penas reciben precipitacións en forma de neve.

A PESCA

Por último falaremos da pesca no Ulla: xa quedan lonxe os tempos nos que os habitantes da zona das fontes do río mataban a paos os salmóns, ou os contratos a mantido cos xornaleiros, que debían especificar o máximo de días nos que estes ían comer salmón, cousa que nos dá idea do gran número de peixes desta especie que remontaban o río en épocas pasadas. Pero aínda agora se pode practicar a pesca con relativo éxito nos coutos de Couso (tamén chamado Xirimbao), Sinde e Ximonde, especialmente escalos e algunha troita. O río Pereiro foi repoboado recentemente con troitas.

BARCAS E PONTES

No pasado, as relacións comerciais e sociais entre os habitantes dos concellos de Boqueixón, Teo e Vedra, por unha banda, e os do concello da Estrada pola outra foron posibles gracias ás pontes e as barcas que cruzaban o río Ulla. No "Cantigueiro popular" de Marcial Valladares, encontramos referencias coma esta: "Bonita é a barca de Neira,/ a barca de Valladares;/ aposto a que máis bonita/ n'a viron estes lugares".
Ademais de en barca tamén se podía cruzar o río polos muros de contención construídos para que a maior parte da auga pasase polos muíños das ribeiras, como os de Ximonde ou Reboredo, pero corríase o perigo de esvarar e darse un baño de xeito involuntario.


A maioría das barcas eran pequenas, só para pasar persoas, e situadas en remansos do río, como por exemplo as de Neira de Abaixo, Santeles, Ribeira... Como a ponte de Sarandón caera debido á enchente de 1571, tempo despois construíuse no seu lugar un transbordador que permitía levar gando á feira da Estrada sen ter que ir ata Ponte Ulla; esta barca-transbordador estivo en servicio ata que se construíu a actual ponte de Sarandón, na década de 1920.


No río Ulla as pontes que ata este século permitían pasar dunha beira á outra eran catro:
-Ponte Ledesma, situada augas arriba de San Xoán da Cova, cruza o río dende a parroquia de San Salvador, do concello de Boqueixón, ata a de Santiago de Gres, do concello de Vila de Cruces. Ten nove arcos e presúmese que no lugar existía unha ponte romana que formaba parte da calzada que ía de Braga a Astorga pasando por Lugo; seguramente as súas pedras foron aproveitadas polos canteiros que construíron a ponte de orixe románica (posiblemente do século XV) que podemos ver na actualidade. Na igrexa de Gres consérvase a pedra que sinalaba a antiga peaxe.
-Ponte Ulla cruza o río un quilómetro augas abaixo de San Xoán da Cova, unindo a parroquia de Santa María Madanela de Ponte Ulla (Vedra) coa de San Xián de Arnois (A Estrada). Trátase dunha ponte de orixe románica, pero reformada polo arquitecto santiagués Tomás del Río no século XVIII, e posteriormente de 1800 a 1802 polo mestre ponteiro Xosé Cachafeiro Escudero, quen gañou a licitación da obra por 565.940 reás de vellón. Con todo, debeu sufrir danos na Guerra da Independencia, porque despois de 1820 segue habendo na Ponte Ulla unha barca para cruzar o río. Na casa máis próxima á ponte na beira coruñesa cobráronse en tempos os portádegos por pasala.
-De igual arquitectura era a ponte de Sarandón, pero como xa dixemos derrubouse en 1571 e foi substituída pola nova, que une San Miguel de Sarandón e San Mamede de Ribadulla en Vedra con Santa Mariña de Ribeira na Estrada. Houbo unha barcaza para cruzar o río ata que nos anos vinte se rematou a actual ponte, comezada a construír no 1924. Orixinalmente o dono da barcaza foi Xoán Abraldes, señor do Couto de San Mamede de Ribadulla, sendo posta despois ó servicio da Real Facenda.
-A ponte de Pontevea pode ser catalogada como posrománica, xa que se construíu entre os séculos XIV e XV, reconstruída no XVIII; ten seis arcos e apartadoiros en acordeón. Une a parroquia de San Cristovo de Reis en Teo coa de Santa María de Couso na Estrada. Á súa beira existe unha ponte construída hai poucos anos.


Xa que nos puxemos a falar de pontes, citaremos algunha máis, como a ponte medieval de Francos, preto de Calo (Teo), no camiño que levaba de Iria Flavia a Santiago; só se conserva un arco románico en non moi bo estado, e parece ser que reparado no século XVI ou XVII. Outra ponte que constitúe parte do patrimonio histórico da comarca é a coñecida como "de Busacos", tamén de época medieval, que permite cruzar o río Teixo ou Teo, na parroquia de San Fins de Sales, en Vedra; está situada na antiga ruta do Camiño Real, que remataba en Santiago.


No século XX, á parte da ponte de Sarandón, construíronse novas pontes en Ponte Ledesma, Ponte Ulla e Pontevea, variantes esixidas por mor do incremento do tráfico rodado; tamén se construíu a ponte da liña de ferrocarril Santiago-Ourense en San Xoán da Cova; por último construíronse dúas pontes colgantes, só para paso de persoas en Ximonde e no Xirimbao, que non se poden usar na actualidade ante o perigo de rotura dalgúns dos cables ou táboas que as compoñen.


Así pois, se deciden visitar esta fermosa comarca, cruzar o Ulla non lles será un problema, xa sexa en automóbil, a pé ou cun carro do país, como o que di a copla: "Se queres que o carro cante,/ bótalle o eixo no río/ e despois de ben mollado,/ canta como eu asubío".


Por outra parte, o Val do Ulla vense moi ben desde diferentes montes da comarca. Por suposto o Pico Sacro, desde o cal se divisa desde Santiago e toda a Ulla e mesmo nos días despexados se pode ver o mar, a ría de Arousa. Desde San Miguel de Castro, na Estrada, excelentes panorámicas do río e da Serra do Pico. Desde os montes de Lampai, en Teo, vese a desembocadura do río Ulla na ría de Arousa e desde Montouto (Cacheiras, Teo), domínase a cidade de Santiago, unha parte do val e a imaxe sempre inconfundible do Pico Sacro.

TERMALISMO

Para completar esta pequena información hidrográfica podemos falar de termalismo, pois existen na comarca varias fontes termais en distinto estado de conservación e uso. Dúas delas, con augas de penetrante e desagradable olor que nos indica a súa gran riqueza en compostos de xofre, están situadas nas aldeas de Caldelas (o topónimo xa nos indica a presencia de augas termais) en Vedra, e Donas, en Boqueixón. Antano estiveron moi concorridas, pois ós efectos curativos derivados da súa inxestión súmanse as súas virtudes para o tratamento de enfermidades cutáneas e cauterización de feridas.


Pola parte da Estrada, encóntranse varias fontes abandonadas ou semiabandonadas. Así, hai augas sulfurosas termais na parroquia de Callobre (sobre a beira dereita do río Liñares, e xa fóra da Ulla) e preto da Ponte do Viso. En Vilacriste (parroquia de Cora, A Estrada) hai tres fontes de augas sulfurosas frías, propias para curar certos males, especialmente da pel, aínda que hoxe están abandonadas e teñen un difícil acceso. Hai outras fontes de calidade semellante na parroquia de Codeseda.
No lugar da Igrexa, en Loimil, encóntranse augas ferruxinoso- carbonatadas, o mesmo que en Sandán (Tabeirós).
Así mesmo, en Pontevea, preto da citada ponte, cen metros augas arriba, hai unha fonte termal moi importante á que aínda hoxe se recorre para curar males da pel.

Burga de Pontevea, Teo. (c) A. Tarrío 1999


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1