Domina as paisaxes do Ulla a silueta do Pico Sacro, o cumio máis belo e simbólico de Galicia (Ramón Otero Pedrayo, "Guía de Galicia")

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Pola boca morre o peixe... Pazo de Oca, A Estrada (c) A. Tarrío 1999

A lingua

A comarca da Ulla recolle a maioría dos seus trazos lingüísticos do bloque Occidental, aínda que pola súa complexidade, extensión xeográfica, e pola difícil delimitación desta zona, nalgunhas ocasións aparecen trazos do bloque Central, segundo a división que se fai no libro "Dialectoloxía da lingua galega" de Francisco Fernández Rei.
O río Ulla é, en moitas ocasións, o divisor dunha ou doutra característica da lingua. Non se coñece ningún estudio da lingua da comarca da Ulla -ou do Ulla como tamén se di na parte pontevedresa da comarca- que a abranga tal e como nós a consideramos. O feito de, ademais, quedar fóra do mapa de comarcalización actual da Xunta de Galicia fai, se cabe, máis difícil que se poida concibir un estudio de algo que oficialmente non existe, aínda que si ten entidade natural desde tempos inmemoriais.
Fernández Rei na división que fai no seu libro das falas galegas (en bloque Occidental, Central e Oriental), inclúe a comarca no bloque Occidental; dentro deste na área Pontevedresa; na subárea Ulla-Umia; e na microsubárea da Ulla. Precisamente cando fala da área Pontevedresa di: "Nela inclúense as falas pontevedresas do bloque Occidental e mailas da comarca da Ulla coruñesa".
Algunhas das características lingüísticas que a continuación referimos están tiradas do devandito volume do profesor da Universidade de Santiago:
1.- Ausencia de cheísmo.
2.- Maioritariamente formas cantabamos, cantaramos con acentuación etimolóxica.
3.- Verbo "caír" (maioritario) no canto de "caer".
4.- Ditongo "oi" en moito, troita, noite, etc.
5.- Paradigma A de deícticos (este, esta, esto).
6.- Vocal temática "e" en colleu, parteu, etc.
7.- "Dou" no IP de dar, que é o que aparece maioritariamente no galego.
8.- Pronome átono "lle". Esta forma do pronome de terceira persoa é a maioritaria en Galicia, aínda que pode aparecer a forma "ñe" e no galego de Zamora rexístrase unha variante "le".
9.- Primeira persoa do IP da primeira conxugación cantei. Esta é a forma máis abundante na xeografía galega.
10.- Terminación "­ches" na segunda persoa do IP (cantaches).
11.- Radical "troux"- maioritario, aínda que tamén se usa "troug-", fronte a outras variantes que aparecen en Galicia como "tru(i)-" ou "trux"-.
12. Emprego do suxeito pronominal "ti" no canto de "tu". A opción que se usa na comarca do Ulla é característica, en xeral, do galego da Coruña e Pontevedra, fronte ó "tu" etimolóxico do resto do galego e falas do sur de Pontevedra.
13.- Se falamos do seseo e da gheada, características definitorias da nosa lingua, a comarca da Ulla presenta gheada en toda a súa xeografía; se nos referimos ó seseo só unha parte da comarca pertencente á provincia da Coruña presenta seseo explosivo (sapato, socos), mentres que na provincia de Pontevedra só se aprecia seseo implosivo (lus, des), o mesmo que nas restantes zonas ullás en terras coruñesas.
Aínda que, pola súa extensión, algunhas zonas pontevedresas que están bañadas polo Ulla presentan seseo, como é o caso de San Miguel e Santa Mariña de Barcala. Estas, como pertencentes ó Concello da Estrada, e co río Ulla como referente inescusable, presentan seseo implosivo e explosivo.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1