Trasladan o sagrado féretro a un pequeno campo de certa señora chamada Lupa (Códice Calixtino, Libro Terceiro de Santiago)  

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Fonte do Santiaguiño en Outeiro (San Pedro de Vilanova,Vedra). (c) H. Neira 2000

Tradicións xacobeas

Primeiramente, para situármonos, imos tratar de resumir brevemente o conxunto de relatos orais e escritos que fan referencia á traslación do corpo do Apóstolo Santiago o Maior ata Compostela. O historiador e cóengo Antonio López Ferreiro encontrou mencionadas distintas versións desta tradición en documentos que posiblemente daten do século X e incluso algúns pode que sexan anteriores.
A historia comeza cando Santiago, un dos doce apóstolos de Xesucristo, é decapitado en Xerusalén por orde do rei Herodes Agripa ó redor do ano 42 d. de C., sendo o seu corpo recuperado polos seus discípulos. Tras sete días de navegación chegaron sete discípulos co corpo de Santiago ás costas galegas nunha "barca da pedra" (posiblemente un barco dos que facían o transporte de minerais coma o estaño naquela época).
E chegaron ó lugar que hoxe é Padrón, onde decidiron irlle pedir axuda á Raíña Lupa, señora das terras situadas nas dúas beiras do Sar, para levar o corpo a un lugar onde soterralo. A Raíña Lupa tería a súa residencia no Castro Lupario (a cabalo entre Brión, Rois e Teo), e alí se dirixiron.
De acordo con algunhas versións, a Raíña remitiunos ó procónsul Filotro, máxima autoridade romana daquelas terras, que os encarcerou. Pero, liberados por un anxo da súa prisión, volven os discípulos onda Lupa.
Segundo outras versións, a Raíña enviounos primeiramente a Duio (Fisterra) a ver o sacerdote da Ara Solis (culto solar), chamado Régulo, para que el decidise.
Este fixo prender os catro discípulos, mais de noite unha luz misteriosa céibaos da súa prisión e volven para onde deixaran o corpo santo. Pero os soldados ás ordes de Régulo decátanse da fuxida e perséguenos. Sen embargo, ó pasaren por unha ponte sobre o río Tambre, esta derrúbase e eles morren afogados no río. E os discípulos volveron onda Lupa a pedirlle de novo axuda.
Aquí xúntanse de novos as dúas versións, e cóntase que Lupa puxo a proba os discípulos de Santiago mandándoos ó Pico Sacro a coller uns bois que eran seus, dos que sabía que eran touros bravos, pero dicíndolles que os poderían usar para o traslado do corpo. Ó chegar ó Pico, un dragón atacou os discípulos, pero rebentou ó faceren estes o sinal da cruz. E cando foron coller os touros amansaron milagrosamente, feito ante o cal a raíña decidiu facerse cristiá. Os discípulos colleron, pois, os bois, e trouxeron o corpo do Apóstolo ata o monte de Libredón, en Compostela, onde o enterraron.
O sepulcro sería redescuberto a principios do século IX polo bispo de Iria Flavia, Teodomiro, despois de que un ermitán chamado Paio que vivía nas proximidades de San Fiz de Solovio, en Santiago, vise varias veces pola noite unhas estrañas luces. Estas aparecían enriba do lugar onde logo se encontrou o sepulcro que Teodomiro rapidamente identifica como o do Apóstolo Santiago e mesmo manda que ó morrer o soterren onda el. Comeza así a nacer unha cidade destino de múltiples camiños que hoxe é a capital galega, e á que están ligadas desde o principio as terras do Val do Ulla.
Por outra parte, non debemos esquecer que hai outras tradicións e lendas que falan da predicación do Apóstolo Santiago en terras galegas, incluso na dos amaeos, uns anos antes da súa morte.
E para rematar esta introducción, recordemos que na fonte do Santiaguiño, en San Pedro de Vilanova, hai unha pedra esculpida na que se ven os discípulos de Santiago indo ó Pico a coller os touros, e hai así mesmo unha torre cunha figura que supoñemos representa a Raíña Lupa. Na exposición "Santiago", aberta durante gran parte de 1999 no Pazo de Xelmírez da capital galega, púidose ver un cadro datado ó redor do ano 1480 procedente de Hungría, no cal se representaba a Raíña Lupa, os discípulos Teodoro e Atanasio e o corpo de Santiago nun carro tirado por bois. Tamén lembramos ter visto nunha anterior exposición un cadro portugués de hai varios séculos representando o Pico Sacro.

O CÓDICE CALIXTINO

O Códice Calixtino ou Codex Calixtinus é un texto constituído por unha ampla e variada compilación relacionada co Apóstolo Santiago e a peregrinación ó seu sepulcro en Compostela. Data do século XII e dáse como obra de Calixto II, quen foi Papa desde 1119 ata 1124, logo de ser por varios anos arcebispo de Viena do Delfinado. O nome de Calixto antes de ser Papa era Guido de Borgoña, e era irmán do conde de Galicia, Reimundo de Borgoña, e primo do conde de Portugal, Henrique, ambos xenros de Alfonso VI.
Crese que Guido estivo en Santiago de Compostela ó morrer o seu irmán no ano 1107, e considérase que era amigo e favorecedor do bispo compostelán Diego Xelmírez e da Orde de Cluny.
O Códice está dividido en cinco libros e un apéndice con documentos. O libro terceiro refire a traslación do corpo de Santiago de Xerusalén a Galicia. Tras arribar a Iria co corpo de Santiago, os discípulos chegan a terras da raíña Lupa ou Luparia, á que lle piden que lles dea "un pequeno templo onde ela colocara un ídolo para adoralo". Lupa envíaos a falar co "rei que vive en Duio", a quen deberían pedirlle un lugar para o sepulcro.
O rei, despois de escoitalos prepáralles unha emboscada co obxecto de matalos, pero os discípulos descobren a trampa e foxen. Ó saber aquel da fuxida, perségueos cos seus cortesáns, mais ó cruzar unha ponte durante a persecución, esta derrúbase instantaneamente. Os discípulos volven onda Lupa e cóntanlle o sucedido, pedindo de novo a cesión do templo. A raíña simula ceder, pero en realidade engánaos enviándoos a coller "uns bois mansos que teño nun monte, e acarreando con eles o que vos pareza de máis utilidade e canto necesitedes, edificade o sepulcro".
Os discípulos chegan ó monte pero acométeos "un enorme dragón", que sen embargo rebenta ó faceren aqueles o sinal da Cruz. Despois bendín o monte, "chamado antes o Ilicino" e "foi chamado por eles Monte Sacro, é dicir, monte sagrado". Encontran despois que os bois prometidos eran "bravos", pero ó acometeren estes de repente vólvense mansos, e os discípulos póñenlles os xugos. Ela, "recoñecendo os admirables milagres", cede por fin e faise cristiá. Entón comezan as obras do sepulcro do Apóstolo, que custodiarán ata a súa morte dous dos discípulos que trouxeran o seu corpo, sendo enterrados despois no mesmo lugar.
Nos apéndices do Códice Calixtino inclúense unhas "Leccións segundo o papa León e o mestre Panicha", nas que de novo se cita cómo os discípulos de Santiago se enfrontan a un dragón no Pico, do que se di que "o monte, Sacro foi e é hoxe chamado".

OUTROS DOCUMENTOS

O doutor da Universidade de París Jean Béleth escribiu posiblemente no ano 1182 unha obra titulada "Rationale divinorum officiorum". O capítulo CXL está dedicado a describir a festa de Santiago o Maior. Nel menciónase a traslación do corpo do Apóstolo "ó reino de Lupa". A versión difire un pouco da recollida no Códice Calixtino, dicindo que os discípulos foron presos por un home cruel ó que aquela os enviara e logo liberados por anxos. Ó perseguilos o seu captor, derrubouse unha ponte, morrendo os perseguidores. Logo é cando Lupa envía os discípulos a coller os touros bravos, que se converten en bois mansos. Finalmente Lupa convértese e dedícalle unha igrexa a Santiago.
Xoán Rodríguez do Padrón, no seu prólogo á Historia de Iria, escrita probablemente ó redor do ano 1444, di que "desde a paseon de Jesuchristo fasta a treladacion do corpo de Sanctiago foron onze anos: que foy tragido pol o mar en sete dias á o porto de Irea é sepultado en Compostella en tempo de Lupárea". Esta versión, como o propio autor sinala, ten como fontes o texto de Jean Béleth e o Codex Calixtinus.
Na segunda metade do século XV parece ter a súa orixe o "Breviario Compostelano", no cal se inclúe este Himno de Maitíns:
Gaude, foelix Hispania
Laetis exultans mentibus
Cui Ducis solemnia
Dignis cantando laudibus.
Hic est ille magnificus
Miles, potens certamine,
Primus palma glorificus
Apostolorum agmine.
Qui post mortem sententiam,
Navi deductur Yriam,
Tibi dedit notitiam
magnae coelestis curiae.
Ut reprobaret idola
Cum omnibus piaculis,
Jam fide facta es credula
Multis visis miraculis.
Nam draco magnus rumpitur
Percussus a discipulis;
Signo crucis obsequitur
Turba boum horribilis.
Caemento pons dissolvitur;
Turbae mergentur flumine;
Fera matrona vincitur
Christi suscepto nomine.
Corpus statim conditur
Diversis aromatibus,
Et Compostellam ducitur
Psalmis, hymnis coelestibus.
Ubi sepultum tumulo
Multis fulget prodigiis;
Virtutibus, vitae pabulo
Nos regens ac praesidiis.
Gloria tibi, Domine,
Qui natus es de Virgine,
Cum Patre et Sancto Spiritu
In sempiterna saecula. Amen.

Nas Antífonas de Maitíns, no Nocturno III, dise:
A rege locus petitur
In quo sepeliatur;
Caemento pons dissolvitur.
Turba (que) flagellatur.
Draco peringens rumpitur,
Tauri fortes domantur;
Fera matrona vincitur;
Et loca consecrantur.
Visis tantis miraculis,
Matrona baptizatur;
Et reprobatis idolis
Sepultura paratur.

A ENCÍCLICA "DEUS OMNIPOTENS"

O papa León XIII publica en 1884 a Encíclica "Deus Omnipotens" na que resume o que varios antigos documentos e códices dicían respecto da sepultura de Santiago: "Despois de morrer o Apóstolo Santiago en Xerusalén, foi recollido polos seus discípulos Atanasio e Teodoro, os cales se embarcaron co Santo Corpo indo abordar ás costas de España, correspondentes á rexión da Amaía, na que reinaba dona Lupe; esta raíña era idólatra e moi pérfida; pero os discípulos puideron librarse das maquinacións con que os perseguiu á súa chegada e tránsito, e, logrando internarse na rexión, déronlle sepultura ó Santo Corpo nun pequeno outeiro, fabricándolle un hipoxeo e unha pequena igrexa. Os seus discípulos permaneceron na súa custodia ata que, á súa morte, foron enterrados ó lado do Apóstolo polos naturais do país, que converteron ó cristianismo".

VERSIÓNS VARIADAS

E agora comezamos xa a reproducir parcial ou totalmente o que se di nalgúns lugares sobre todos estes feitos e personaxes. Debemos dicir que en certas publicacións, fundamentalmente as escritas en castelán, se fala do Pico como Sagro, mentres noutras se opta por Sacro, forma que se usa na comarca. Nós optamos por usar como única forma en tódolos textos a palabra Sacro.
A tradición xacobea dos varóns apostólicos aparece desde finais do século XI ou principios do século XII, nunha carta apócrifa sobre o Apóstolo Santiago que tradicionalmente se lle atribuía ó Papa San León, pero que o profesor Fernando López Alsina pensa que en realidade o texto do documento mencionaría a León, Patriarca de Xerusalén, dirixíndose á cristiandade occidental para certifica-la autenticidade dos restos de Santiago e explica-la maneira en que chegaron a Galicia.
Fala o texto do "monte antigamente chamado Ilicino e que despois da chegada do Apóstolo Santiago se chamou Montesacro, pois os sete Varóns Apostólicos purificárono de toda impureza e do hálito do mortífero dragón, rociándoo con auga bendita".
E agora, queremos reproducir aquí o texto gravado en pedra na Fonte do Santiaguiño, en Outeiro (San Pedro de Vilanova), construída orixinariamente nunha beira do antigo Camiño Real ou Camiño de Santiago, e varias décadas despois trasladada ó lugar onde está hoxe, tamén nunha marxe desta ruta:
"ANO DE 1670. FVENTE DE SANT[IAG]O QUE HICIERON SVS DISCIPVLOS S. THEODORO I S: ATHANACIO. A ESTE MONTE LOS INBIO LA REINA LOBA A BVSCAR LOS BVEIES PARA LLEBAR SV SANTO CVERPO DE PADRÓN A DONDE OI ESTA. I LLEGADOS FATIGADOS A ESE LVGAR LES ACOMETIO VN FIERO DRAGON. HACIENDO LA SEÑAL DE LA + REBENTO I LOS TOROS BINIERON TRAS ELLOS COMO MANSOS CORDEROS. POR LO QVAL SE CONBIRTIO ELLA CON TODA SV FAMILIA. I PARA MEMORIA DESTO I ALIBIO DE SVS PEREGRINOS I PASAGEROS HICO AQVÍ ESTA FVENTE EL D. D. PEDRO DE VALDÉS, FEIJO I NOBOA CNO LECTORAL PROVINCIANO GNL DE SANTIAGO".
Moitas relatos de tema xacobeo aínda se conservan na tradición oral e outros xa están reflectidos en libros. Entre os diferentes autores que falan disto, está Pedro Varela, que en "La Estrada" di: "O Pico Sacro é un dos lugares máis estreitamente unido á traslación do cadáver do Patrón das Españas, que entrando desde o mar pola boca do Ulla, conducírono Atanasio e Teodoro discípulos do Apóstolo, ata os dominios da rica e poderosa Raíña Lupa; quen en principio, temerosa de caer en desagrado con Filotro, legado do emperador romano, non quería consentir o enterramento nas súas posesións, que se estendían a un e outro lado do Sar; máis tarde, observando que os touros, a pesar da súa bravura se deixaban poñer ó xugo tranquilamente para conducir en carro a arca pétrea na que os restos do Santo estaban depositados, deu o consentimento e converteuse ó cristianismo".
Segue dicindo que se ten escrito "que os discípulos de Santiago derrubaron o ídolo dedicado á Serpe que había no Monte Ilicino (tradición compostelá do século IX da que se fai cargo a epístola de San León)" e lembra que os ulláns conservan o dito "Boi bravo vente ó carro que o manda o Apóstol Santiago".
E agora chegamos a outro dos puntos interesantes neste apartado de lendas. "Non hai dúbida: a orixinal montaña garda un segredo". Isto dicía do Pico Sacro Alfredo Vicenti en "A orillas del Ulla". E é que no cumio do monte hai un estreito calello que o atravesa de parte a parte e que é chamado "calello da Raíña Lupa", así como unha franxa de terreo ó redor do cumio chamada "horta da raíña Lupa".
Antonio López Ferreiro describiuna no seu artigo "El Monte-Sacro de Galicia": "É tamén digno de atención un terraplén de pouco máis de dous metros de alto, sostido pola parte da vertente por unha escarpa formada de pedra e terra que rodea o Pico desde o punto en que se levanta sobre a serra. A este terraplén chámaselle a horta da raíña Lupa".
No folleto "Boqueixón", editado polo propio Concello, sinálase tamén unha lenda de apariencia culta, segundo a cal o calello "foi obra da espada de Hércules". Sen embargo, de Hércules sempre se dixo na mitoloxía clásica que usaba unha maza e un arco, pero non se menciona ningunha espada.
En todo caso, moi próximos a el hai dous túneles perforados no monte que se coñecen co nome de "buratos dos mouros". Un deles crese que puido ser parte dunha mina romana e o outro foi feito no século XVI e comunica con aquel. Pero non se sabe a onde chega este, porque é costume que os visitantes do Pico boten polos dous buratos pedras, para oír como caen, e así o fondo está cheo delas, ignorándose se realmente o túnel acaba alí. Algunhas das persoas que teñen baixado polo burato din, en todo caso, que había unha forte corrente de aire que ó seu entender viña da dirección do río.
E é que vinculado a estes está outro burato, en San Xoán da Cova, no lugar do antigo mosteiro, do que se di que estaba comunicado baixo terra cos buratos do Pico. Hoxe, parece ser que o túnel de San Xoán da Cova está tapado, desde que se fixeron as obras da ponte do ferrocarril.
Outras lendas falan de que os buratos do Pico tamén chegan por baixo da terra ata unha casa en Touro, ata a catedral de Santiago, o monte Pedroso, ou a desaparecida Torre da Insua, erguida antano nunha pequena illa no medio do río Ulla no lugar de Cora (A Estrada).
Pedro Varela lembra que algunhas lendas sinalan os buratos do Pico como "a entrada ó palacio da Raíña Lupa". Di así mesmo que o Pico "foi habitado, segundo algúns historiadores, polos suevos, os romanos e os árabes, e alí prestábanlles xuramento ós seus reis" (isto último parece puramente imaxinado).
En canto ós buratos do Pico sinala que á parte da versión de que foron minas ou de que o monte foi un volcán (totalmente equivocada porque ningún volcán bota seixo), "ata corre a versión de que as explotaban os freires de San Xoán da Cova" e indica asemade con respecto ó burato que "o vulgo cre que alcanza subterraneamente San Xoán da Cova".
En lugares como Socastro (Vedra) pódense recoller lendas coma esta: "Din que os mouros levaban os seus cabalos por dentro dos buratos do Pico, para darlles de beber no río Ulla". Hainas semellantes en varios castros galegos e portugueses, e dous deles moi preto: o de Guimarei, na Estrada, e o Castro Lupario, historia da cal nos falaron en Rúa de Francos (Teo), e incluso unha señora asegurounos que o seu marido coñecía un lugar na beira do río ó que chegaba a cova que saía do castro. Parece ser que este home entrou nela e viu que ía cara a arriba, cara ó castro, pero non se arriscou a subila de todo por temor a derrubamentos.
O cardeal Jerónimo del Hoyo, nas Memorias das súas visitas parroquiais de 1607, afirma que lle contaron que "en tempos adoitaban botar algúns patos e aves pola boca desta mina [un dos buratos do Pico], e que ían saír ó dito río [o Ulla]", xunto ó mosteiro de San Xoán da Cova.

EXPLORACIÓNS DOS TÚNELES DO PICO

Ós buratos dos mouros teñen baixado moitas persoas, a pesar das dificultades existentes. Mesmo recentemente adestraban nel soldados de corpos especiais, que debían entrar por un dos buratos do cumio e saír polo outro. Pero mesmo hai séculos, e con menos medios, tamén se exploraron.
A boca orixinal do túnel é a occidental, a máis próxima ó cume, á que se entra subindo, e estaba por baixo do castelo que en tempos houbo no Pico. A esta boca chégase por un camiño en trincheira, ó parecer artificial, de seis metros de profundidade, doce de lonxitude e dous de ancho, que fende o cumio do Pico en dous, en dirección Norte-Sur. Isto é o que se coñece como "calello da Raíña Lupa", e que segundo Antonio López Ferreiro puido servir de foxo do castelo do Pico.
Cando Jerónimo del Hoyo visitou o monte en 1607, a boca occidental estaba moi tapada e, segundo el, a do lado oriental fora aberta só un anos atrás: un tal Juan Antón, veciño da Coruña, afirmaba que na parte oriental do Pico había tesouros. Movidos por iso, uns homes labraron alí unha baixada a modo de contramina; atoparon moi grandes ocos e espacios, e viron que a mina continuaba para o río, e "nisto gastaron neciamente as súas facendas".
O bispo José Guerra Campos, quen escribiu dous libriños sobre o Pico Sacro, cóntanos que o padre xesuíta Álvarez Sotelo, que visitou o Pico en 1698, referiuse ás bocas do túnel, e en concreto á principal: "non obra de natureza, como se viron algunhas, senón de homes" e "correspóndese a unha coa outra" porque "un curioso disparou un arcabuz cara a dentro pola parte que mira a Poñente, e ó cabo de pouco saíu o fume da pólvora pola oriental".
O mesmo Álvarez Sotelo transmitiu o relato dunha exploración feita en 1649 por outro xesuíta:
"Entramos pola boca occidental con luces nas mans, arrastrando por espacio de tres brazas [1 braza=1,6 metros]. Ó cabo delas hai outro espacio que ten de longo outras tres ou catro, e a bóveda tan alta, que con dificultade un home de moi alta estatura pode tocala coa man. Camiñando adiante, sóbese por unha costiña dereita que vai adiante para debaixo da torre [do antigo castelo]. Á fin da distancia destas brazas atópase unha boca, ou entrada dunha profundísima cova, a modo de caracol de torre con campás, con escaleiras arredor para baixar e subir, formadas na mesma pena, que é branca coma a neve. Botei abaixo máis de dez pedras, que saltando de chanzo en chanzo, baixaron facendo horroroso estrondo, sen acabar de percibir o oído o remate do seu curso, con oírse moito espacio de tempo o son. De aquí adiante ninguén se atreveu a pasar, senón un animoso mozo que desprezando os perigos que o difícil camiño ameazaba, atouse cunhas fortes cordas, que para o intento se levaban previstas; e descendeu, téndollelas os outros, ata vinte brazas. Atopou en varios sitios no camiño dous ou tres madeiros algo podres, introducidos na escaleira, que chegaban desde o chan ata o alto da bóveda. Encontrou tamén ó final desta distancia unha abertura ou burato que correspondía a un pozo, do que este recibía escasa luz; e deixándoo a un lado, proseguía a cova máis perigosa que ata alí.
Aquí caeu de ánimo o mozo, considerando a dificultade que tería, se pasase adiante, para subir; e así, por telo pedido, tirámolo arriba, anque con moito traballo, porque non o viamos. Despois fomos á boca que mira ó Oriente, e serve de entrada ó pozo. Volveu entrar el mesmo, tanto era o seu ánimo atado coas cordas; e baixou por chanzos que teñen de distancia de dous a tres estados [1 estado= 2 metros] ata un estado antes da abertura que dixen arriba.
Mais desde el abaixo non pode baixarse senón descolgándose polo aire a unha profundidade inexplicable, que é o mesmo pozo, non dereito coma outros, senón en forma de caracol coma a cova, anque moi dereito e perigoso, o cal asombrou moi grandemente a todos. E ningunha experiencia máis quixemos facer por temer prudentemente non sucedese algunha desgracia que chorasemos amargamente".
Doutra banda, o padre Álvarez Sotelo relata que "un home que estivera nas Indias e vira as minas de prata, andando por este monte recolleu unhas pedras que atopou sobre a terra, e botándoas na forxa dun ferreiro, sacou oito ou dez onzas de fina prata, que lle trocaron os prateiros de Compostela".
O escritor e xornalista Alfredo Vicenti relata en "A orillas del Ulla" que arredor de 1870 entrou pola boca occidental e baixou polo pozo: "Suspendido dunha corda, descende pouco a pouco o explorador, observando á luz da súa lanterna o cuarzo húmido da escavación, os roídos chanzos da parede, ou o perfil da porta obturada que aparece despois de baixar os primeiros seis metros (...). Nun mes de abril de 187... só xacían no fondo: unha cruz de madeira, semellante ás que protexen os defuntos, á beira dos vieiros; uns farrapos de algodón que debían ter sido pano feminino; o esqueleto dun can ou raposo; un madeiro groso de cinco palmos de lonxitude (1 palmo= 21 centímetros); un fragmento de vela de cera; tres cadeíñas de cobre perfectamente oxidadas, e un prodixioso número de pedras. O recinto saturado de humidade non acusaba vestixio ningún de galería".
O vizconde de San Alberto, quen explorou a mina nos primeiros anos deste século, enviou un informe á Real Academia da Historia no que di:
"... non moi distante da entrada, existe unha cavidade maior, algo así como a parte ancha dun embudo, desde onde baixa vertical un pozo; a súa profundidade poderá ser de 16 a 20 metros.
Coinciden naquel punto, ou atópanse a non moita distancia del, algunhas outras galerías, ascendentes unhas, laterais outras, pero de escasa altura todas, e polas que con dificultade se anda; existindo ós lados do pozo unha especie de fornelas ou ocos, que houberan podido servir (de ter sido a cova unha mina) para colocarse homes nelas, e dar duns a outros o mineral que do fondo puidera extraerse.
Ó fondo do pozo baixaron, valéndose de cordas, os obreiros que con nós levabamos; pero hai nel tal cantidade de pedras, guindadas por espacio de tantos anos polos visitantes da cova, que se fixo imposible continuar a nosa investigación".
Da suposta saída do burato ou mina en San Xoán da Cova di Alfredo Vicenti que "na escavación afumada que se percibe (...) desemboca o tenebroso intestino do Pico Sacro e estivo en remotos tempos o altar subterráneo dun mosteiro de benedictinos".

MOUROS

A hipótese máis común é, pois, atribuírlles a escavación dos buratos ós romanos, que poderían ter buscado ouro no Pico, xa que este é de cuarzo. López Ferreiro dixo que encontrara no cume do monte fragmentos de ladrillo e cerámica romanos. Vidal, en "La Tumba del Apóstol Santiago", sinala que os romanos puideron facer o túnel para levar o mineral extraído do monte ata o río Ulla, e transportalo en barcas ata o porto de Iria.
Mar Llinares cóntanos tres lendas referidas á Raíña Lupa no seu libro "Os mouros no imaxinario popular galego":
"A raíña Lupa no Pico Sacro apareceuse a un pastor e el asustouse. Foi ó cura, e díxolle que non tivera medo. Outro día foi e ela apareceuse de serpe. Era para lle subir polo corpo arriba e non había que ter medo. Pero cando empezou a subir doulle para atrás e desapareceu. E era unha fortuna ó mellor. É que era un encanto" (Outeiro, Boqueixón).
"Un arrieiro servíalle viño á raíña e ós seus. Non sei que pasou, e déronlle un xustillo para a muller, pero o arrieiro púxollo a unha árbore e ardeu. Parece que tiña o trato secreto, pero con mulleres non hai segredo, e dixo o que non conviña e castigárona con iso" (Pazos, Lestedo).
"A raíña Lupa tiña o castelo na cima do monte, eu vía as pedras e as escaleiras cando era novo e levaba as vacas ó monte. A raíña estaba fiando, e doulles o fío [ós discípulos do Apóstolo Santiago] rindo para que os unciran [os touros], e os touros rebentaron e xa os puderon usar no carro. Chegaron a un sitio e alí plantaron, era Compostela. Alí enterraron o Apóstolo" (Pazos, Lestedo).
Outra lenda que recolle Mar Llinares referida ó Pico:
"No fondo do monte está a Fonte do Ouro, que ten un encanto. É un tesouro, un encanto de ouro, que había que descubrir cunhas palabras. Non sei se era cousa de Deus ou do demo, eu non o quixen saber" (Pazos, Lestedo).
Alfredo Vicenti dinos que "as consellas campesiñas, realzadas polo instinto poético do vulgo, din que a caverna [do Pico] lle serve aínda de albergue á fermosa raíña Lupa, a unha tribo de mouros que por dentro dela baixan a abrevar no Ulla os seus cabalos, a numerosas damas encantadas e infinitos duendes".
O profesor Avelino Abuín de Tembra conta, nunha entrevista realizada por El Ideal Gallego o 25 de xuño de 1992, outra lenda que di que "o palacio da Raíña encontraríase nun subterráneo debaixo do Pico Sacro que o une co Monte Pedroso, e que se prolonga ata o río Ulla, con propiedades, tamén, para a fecundidade. Ese subterráneo poderían ser as covas que existen no lugar, anque ocultas moitas delas". Tamén nos lembra unha curiosa tradición: "parellas de tódalas idades soben ó monte sagrado e levan a cabo unha cerimonia pagá: tomar os aires de San Xoán e recibir os sete raios do sol, que nace tras unha noite de cacharelas purificadoras e que baila ó saír".
E continuamos falando dos mouros, pois segundo din en San Pedro de Vilanova (Vedra), "os mouros fixeron os buratos do Pico. Primeiro facían buratos pequenos na pedra; logo metían neles cuñas de madeira seca. Despois botábaselles auga ás cuñas, que inchaban, e a pedra rompía". ¿Serían estes mouros os romanos?
Pola súa parte, Murguía pensaba que o monte podía estar dedicado a Xúpiter Elicio ou ben consagrado a unha divindade que simbolizaba o lume. Por iso, na súa opinión, xurdiu esta fórmula de invocación do Pico, ante o que el identificou como epidemia do Lume ou Fogo de Santo Antón:
Pico Sagro, Pico Sagro
Que te consagrou o bendito Santiago
Con seus bois e con seu carro,
Líbranos deste fogo airado:
Por la intercesión de la Virgen María
Un padre nuestro y un Ave María.
Outra fórmula era que un enfermo desde calquera confín que lle permitise ver o Pico Sacro, ofrecendo pan enriba dunha pedra dicía: "Pico Sacro, Pico Sacro... sáname deste mal que eu trago".
O escritor ullán Marcial Valladares escribiu un poema titulado "A Fonte do Pico Sagro", no que di:
Os touros e gran dragón
Que medo estonces causaban
E de Lupa de Padrón
Suntuosas casas gardaban,
Nárranos a tradición.

Touros que, ante a crus coutados,
En Compostela puxeron,
De varóns santos guiados,
Restos que estes nos trouxeron
Do seu Maestro embarcados.

O profesor de Literatura e crego Manuel Vidal Rodríguez publicou no ano 1924 o libro "La tumba del Apóstol", coa intención de divulgar "as orixes do sartego do Apóstolo, da basílica que lle serve de mausoleo e da cidade que lle fai garda de honor". Nese mesmo ano publicou e estreou, con escenografía de Camilo Díaz Baliño, a obra teatral "La reina Lupa", drama histórico en tres actos e un cadro musical sobre as orixes da capital galega. A tradición teatral foi continuada nos últimos anos na festa do Santiaguiño en Outeiro (San Pedro de Vilanova, Vedra) onde se representase tamén a traslación do Apóstolo, e no 1999 Títeres Cachirulo representou en Compostela a súa obra "Santiago, historia dunha viaxe".
Así mesmo, o Pico Sacro foi motivo de atención para os intelectuais da Xeración Nós. Así, en xullo de 1926 chegaron ó Pico Sacro en peregrinación a Santiago desde Ourense Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Sánchez e Xavier Prado Lameiro. En Silleda uníranselles Florentino Cuevillas e Alfonso V. Monjardín. Alí agardábanos varios membros do Seminario de Estudos Galegos, como Lois Tobío ou Martínez López. A crónica da súa peregrinaxe realizouna Xavier Prado para "A Nosa Terra".


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1