Cando no Palacio de Oca/ Á tardiña o sol fachea/ Parece un navío de ouro/ Que alá no lonxe fondea (Popular)

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 Capela e Pazo de Oca, A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

Capela e Pazo de Oca, A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

Os pazos

O Val do Ulla é terra de pazos. Estas construccións, orixinalmente creadas por nobres e fidalgos, acadaron nesta comarca o seu máximo esplendor, con exemplos como o Pazo de Ortigueira, en Santa Cruz de Ribadulla, ou o de Oca, en Santo Estevo de Oca, chamado o Versalles galego. Outros pazos de gran valor histórico e artístico son os de Guimaráns (San Mamede de Ribadulla), Vista Alegre (parroquia da Ponte Ulla), Pazo da Costa (Socastro, San Mamede de Ribadulla), Pazo de Ximonde (San Miguel de Sarandón) e Pazo de Marzán de Abaixo (Vedra). Unidos a case todos estes pazos aparecen pombais, fontes e capelas, así como xardíns de maior ou menor importancia.
A proliferación destas construccións débese a que a comarca ten unha morfoloxía moi suave. Esta suavidade do relevo concorda coa do clima e a bondade do terreo foi aproveitada desde antigo polas poderosas familias compostelás. Así, moitos pazos foron as casas de campo de familias da alta burguesía santiaguesa como os Abraldes, os Galos ou os Torre, esta última xa coñecida en tempos do arcebispo Xelmírez.
Na relación inclúense asemade os pazos e casas fortes que aínda non estando na comarca natural do Ulla si pertencen a algún dos catro concellos ós que nos referimos na obra.

BOQUEIXÓN

Casas grandes
Entre as casas de maior tamaño e valor están tres situadas en Donas, Oural (Valderrama) e Lamas.

Pousada
Encóntrase na parroquia de San Lourenzo de Pousada, construído con aparello pizarroso, de planta cadrangular e recentemente reformado, conservando unha porta de diamantes en xambas e dintel.
Fundouno Gregorio de Castro no século XVI e un dos seus habitantes máis famosos foi Cruz Gallástegui Unamuno, coñecido polos seus traballos de bioloxía vexetal e fundador en Santiago, en 1921, da Misión Biolóxica de Galicia que logo se trasladou a Pontevedra.

Quián
Non fomos quen de encontrar máis datos que o de que hoxe en día é sede dunha escola de capacitación agraria.

 

A ESTRADA

Casa do Cantón
Hoxe totalmente desaparecida, esta casa da parroquia de Rubín foi sede do concello da Estrada.

Casa Forte de Maíndo
Situada en pleno corazón do Val do Ulla (Santa María de Couso) e con magníficas vistas a este río. Pertenceu ó conde de Ximonde e foi nalgunhas ocasións hospedería do xeneral Franco nas súas frecuentes estadías na zona, quen pescaba no couto de Couso, que está a escasos metros.

Casa Miranda
En Santeles, na que se pode observar un escudo da Inquisición.

Casa de Recarei
Situada en San Miguel de Curantes. Cunha capela anexa, foi unha das casas máis sobranceiras da zona.

Casa Sesto
Enclavada en Ribela aínda conserva o escudo coas armas dos Gil e dos Taboada.

Casa de Valiñas
Encóntrase en San Martiño de Callobre; ten unida unha capela e ten un horreo dos máis sobranceiros da zona.

Correáns
Desta casa señorial, enclavada na parroquia estradense de Santa Cristina de Vinseiro, aínda quedan o pombal e mailo hórreo.

A Mota
Encóntrase no lugar da Mota, parroquia de Riobó. Está en moi bo estado de conservación e sobrancean a súa fonte, o xardín ou a gran chimenea.

Oca
Foi construído por Andrés Gayoso no século XVIII sobre as ruínas dunha fortaleza que fora do arcebispo Alonso I de Fonseca durante as guerras feudais e tamén casa forte de Suero de Oca. Posúe torre almeada e brasóns, e unha capela dedicada a Santo Antonio de estilo barroco con torres xemelgas. Os seus xardíns, con fermosas fontes e estanques, foron cualificados como "o Versalles galego". A fortaleza anterior ó pazo pertenceu durante un tempo ó Arcebispado de Santiago, que lla cedeu ó rei Felipe II para que a vendese. Comprouna a compostelá María de Neira por 195.775 marabedís en 1586. Anos despois, Gonzalo Neira legoulla á familia dos Gayoso que reedificaron a torre e construíron o corpo principal do Pazo.

Preguecido
Situado en Santa María de Aguións, foi fundado no século XVI por Gómez de Soutomayor, cóengo da Igrexa de Santiago. Conta cun hórreo de gran tamaño e un pombal ben conservado.

Quiñóns
Está na parroquia de Oca, próxima ó famoso pazo. Consérvase moi próxima a esta casa a estructura dunha capela na que se encontrou unha lápida cunha inscrición que fai referencia ó seu fundador, Bartolomeu Reimóndez.

San Paio de Figueroa
Ten entre os seus devanceiros a Xoán González de Figueroa; situada hoxe xa en pleno núcleo urbano de A Estrada está totalmente en ruínas, albiscándose só algunhas paredes e algún escudo que falan dun pasado glorioso.

Torre de Guimarei
Situado na parroquia de San Xulián de Guimarei; o escudo da Estrada mantén nun dos seus lados unha torre que fai referencia a esta, hoxe en restauración. O pazo anexo a esta ten o teito de pedra, fronte á madeira empregada habitualmente nos teitos dos edificios antigos.

Torre de Renda
Tamén a carón mesmo do río Ulla, en Santeles, onde se recadaban as rendas do contorno.

Xerliz
Tamén en Guimarei, trátase dunha casa, en estado ruinoso, que conserva a súa escalinata e o hórreo e maila capela.

 

VEDRA

Casas grandes
En San Xulián de Sales está a Casa Grande de Cibrán, hoxe casa de turismo rural, dentro dunha propiedade amurallada cunha pequena capela.
En Laraño está a Casa do Sol, chamada así porque no lintel do portalón hai unha pedra heráldica cun sol esculpido, xunto á lúa e estrelas.
Na parroquia de Vedra encontramos a Casa Grande de Pousada, con capela e hórreo de fins do século XVIII e a Casa Grande do Burgo, que ten tamén unha capela.
Na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla, destaca a Casa de Lema, na Famelga, no recinto da cal hai unha fonte que pertenceu a un mosteiro que parece ser existiu en Santardao.
En Galegos (San Pedro de Vilanova) hai tamén unha casa con capela hoxe chamada Pazo Galegos, onde viviu o cóengo, historiador e escritor Antonio López Ferreiro.

Pazo da Costa
Encóntrase na aldea de Socastro (San Mamede de Ribadulla) e fóra da súa muralla e nunha pequena carballeira encóntrase a capela de Santo Andrés de Socastro. Posúe un interesante hórreo e un pombal, así como un cruceiro e esculturas que adornan o contorno da capela.

Guimaráns
Propiedade en tempos de familias como os España, Galos ou Abraldes, apelidos da burguesía compostelá famosos desde o século XIV. Estas familias posuíron terras tanto en Santiago coma na Ulla, e así os Abraldes ergueron o pazo de Guimaráns no século XVII, que pasou por herdanza ós Varela Abraldes, marqueses de Monroi (título outorgado tamén no século XVII). Hoxe é de Luis Armada e Comyn, irmán do marqués de Santa Cruz de Ribadulla e tamén descendente dos Abraldes.
No escudo da capela, dedicada ó Espírito Santo, figuran as armas das familias Galos (varios galos), Aldao ou Maldonado (cinco lises), Castro (seis roeis) e Abraldes (sete puntas de xadrez).
O pazo posúe fachadas de cantería en posición de escadra, dúas chemineas con remates picudos e un par de balcóns saedizos de ferro. A porta da entrada ó predio do pazo é de arco de medio punto, franqueada de pilastras que rematan en bólas de pedra. Sobre a porta o escudo, coa coroa marquesal e ornado de loureiros e cintas, cos escaques dos Abraldes, os galos dos Galos, unha banda engolada de dragante acompañada dunha flor de lis e unha vieira, a espada dos roeis dos Feixoo, a cabeza de lobo dos Moscoso, o pico e lanzas dos Caamaño, as faixas xadrezadas dos Soutomaior e as bandas dos Mendoza.

Ortigueira
Máis coñecido por pazo de Santa Cruz de Ribadulla, xa que é o nome da igrexa que está no interior do seu recinto, que é parroquial. Antigamente chamábaselle Torre de Ortigueira e foi mercada a principios do século XVI polo cóengo da Catedral de Santiago Juan Ibáñez de Mondragón. Construído polos Abraldes, que emparentaron cos Mondragón, converteuse en casa nobre coa dignidade de Título de Castela na época de Andrés Ibáñez de Mondragón Ozores de Sotomayor Eremuzqueta y Lamas, cabaleiro da Orde de Santiago que tamén obtivo o título de Rexedor Perpetuo da cidade de Santiago. O título de Marqués de Santa Cruz de Ribadulla foille outorgado no ano 1683 por Carlos II.
Isabel Salgado de Mondragón casou con Pedro Manuel de Armada e Taboada, de familia fidalga ourensá establecida en Vide e desde aquela consérvase o apelido Armada.
O pazo ten unha traza austera e está unido á capela por un arco. Na fachada hai dous escudos cos brasóns dos Mondragón, os Zubieta e os Eremuzqueta, e encóntrase tamén o escudo dos marqueses de Santa Cruz, con dous dragóns enfrontados. Fóra da casa, destaca a fonte da Coca, barroca e coroada por un escudo coa vieira de Santiago e coas armas dos Mondragón. Hai así mesmo un reloxo de sol ben interesante.
O pazo está rodeado dun parque que deseñou Juan Ibáñez de Mondragón e se acrecentou en tempos de Juan Ignacio Armada (quen dirixiu o Batallón Literario na Guerra da Independencia) e posteriormente na época de Iván Armada, quen introduciu especies como o eucalipto ou a camelia, ata entón moi pouco coñecidas en Galicia.
Nun recanto do xardín, a fonte da Nogueira, Gaspar Melchor de Jovellanos escribiu parte da súa "Memoria en defensa de la Junta Central" impresa na Coruña en 1811, sobre as actividades políticas daqueles anos, na chamada Guerra da Independencia. Da súa estadía no pazo na primavera de 1811 deixou dito que foron "os mellores días da miña vida".
O primeiro Mondragón do pazo, o cóengo da Catedral compostelá Juan Ibáñez, edificou e dotou unha capela na propia Catedral para ser enterrado preto do Apóstolo, a chamada Capela de Mondragón, e construíu tamén a igrexa do pazo, trazando os primitivos xardíns e plantando a carreira das oliveiras, en forma de cruz.
Hoxe en día, a propiedade do pazo intégrana unhas 60 hectáreas de terra.

Vista Alegre
Andrés Ferreiro de la Torre, casado con María García, foi o fundador en 1708 do vínculo do pazo de Vista Alegre. Esta é unha casa de planta rectangular, balconada de pedra, fachada mirando cara ó río e xardín. No seu escudo están as ferraduras dos Ferreiro, o castelo e o león dos Torre e as garzas dos García de Castrís. Hoxe en día o edificio converteuse en restaurante.

Ximonde
Os Cisneros, descendentes de Alfonso XI, foron os seus donos, así como dunha enorme extensión de terra e do couto pesqueiro de Ximonde. Foi en 1522 cando o arcebispo de Santiago, Juan Tabera, designou como o seu mordomo a Pedro de Cisneros, quen fundou as casas de Ximonde en San Miguel de Sarandón e en Vea. A propiedade mantívose xunta ata este século, en que se foi dividindo. O título de Conde de Ximonde foi creado por Carlos III en 1766 e foi nese século cando o pazo acadou o seu maior esplendor.
A súa estructura orixinal incluía unha ala principal e dous corpos menores situados nos extremos da mesma, cara ó mesmo lado (o posterior). Neste século un deses corpos foi derrubado, e así hoxe a estructura ten forma de L.
Na fachada principal hai tres balcóns voados con varanda de ferro. O escudo do pazo posúe coroa e está presidido polo escusón do xadrez dos Cisneros, xunto con follas de figueira dos Figueroa, os roeis dos Sarmento, os escaques dos Ulloa coas súas faixas, os seis roeis dos Castro e os escaques de Valadares ou Bermúdez.
A fachada posterior posúe un pórtico de arcos de medio punto e unha galería adintelada con columnas. Balaustradas e unha fonte monumental completan o conxunto. O couto de pesca de Ximonde pertenceu a esta propiedade. Preto do pazo está o pombal da Pedreira.
Os condes de Ximonde tamén posuíron pazo en Santiago, na rúa do Preguntoiro, que pensamos é o edificio dos antigos Almacenes El Pilar.

Pazo de Ximonde, Vedra. (c) Darío Janeiro 1999

Pazo de Ximonde, Vedra. (c) Darío Janeiro 1999


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1