O Ulla é unha comarca virxiliana, terra adornada de grandes parras cubertas de vides, de suculentas froitas e hortalizas. (Reimóndez Portela, Sinde Lema e Espiño Matos, "El Camino a Santiago por el Sudeste")

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Unha pereira en flor na primavera do 2000 en Socastro (c) H. Neira 2000

A flora

Aproximadamente a metade do territorio do val do Ulla está ocupada por bosques; o resto son prados, que cobren ó redor dun doce por cento da superficie total, terras de cultivo aproximadamente o trinta por cento, e un dezaoito por cento que se reparte entre edificacións e estradas ou outras infraestructuras, superficie que tende a aumentar debido ó crecemento das poboacións e á construcción de novas casas.
Esta distribución é clave para estudiar a flora da zona. Citaremos só as especies máis abundantes ou relevantes, pois un estudio detallado da vexetación da zona bastaría para encher varios libros. Así, pois, excluiremos da lista os microorganismos e vexetais inferiores, é dicir, tódalas bacterias e algas e tamén os liques, fungos e carrizas, a pesar de seren importantes elementos do ecosistema, algúns prexudiciais, coma os mildius, que atacan a moitas plantas, e outros beneficiosos, pois enriquecen o solo ó descompoñer a materia morta ou ó fixar o nitróxeno atmosférico. Dedicarémonos xa que logo exclusivamente ás plantas superiores, tratando por separado os distintos ecosistemas: fragas, matogueiras, ribeiras dos ríos, prados, e por último, os ecosistemas artificiais, as terras de cultivo.

AS FRAGAS

Son un bo exemplo dos típicos bosques mixtos de Galicia, compostos por un estrato arbóreo, un arbustivo e outro herbáceo. Podemos atopar estas árbores: carballos (Quercus robur ou Q. pyrenaica, ou híbridos), sobreiras (Quercus suber), castiñeiros (Castanea sativa), olmos (Ulmus campestris), acivro (Ilex aquifolium) e, sobre todo, piñeiros (Pinus sp.) e eucaliptos (Eucaliptus globulus).
Atoparemos tamén (ou engancharemos neles): fentos (Filicatae), mimosas (Mimosaceae), xestas (Sarothamnus), toxos (Ulex)...

BOSQUES DE RIBEIRA

Nas ribeiras dos ríos e regatos atópanse ameneiros (Alnus glutinosa), bidueiros (Betula pubescens), salgueiros (Salix sp.), freixos (Fresnus excelsior) e loureiros (Laurus nobilis).

MATOGUEIRAS

Nas matogueiras predominan os breixos e as uces (Ericaceae), os toxos (Ulex sp.) e as silvas (Rubus fruticosus).

A raíz do toxo verde... (c) H. Neira 2000

PRADOS

Nos prados conviven varias decenas de especies, entre gramas, avea, trebos, margaridas, cardos, dentes de león, ranúnculos, nabizas e verzas silvestres, "leitugas"...

TERRAS DE CULTIVO

Moitas son as especies cultivadas na Ulla, entre elas as hortalizas. Ofrecemos aquí unha listaxe das familias máis abundantes.
Son solanáceas o tomate (Solanum lycopersicum), a pataca (S. tuberosum), os pementos morróns e os de Padrón (ambos da especie Capsicum anuum). Hai unha cucurbitácea, o melón (Cucumis melo); e entre as crucíferas, o ravo (Raphanus sativus), as verzas, o repolo, a lombarda, as coles de Bruxelas e a coliflor (subespecies de Brassica oleracea), o nabo (Brassica napus) e os grelos e as nabizas (son a mesma especie, Brassica rapa, pero as nabizas son os abrollos novos e os grelos a planta xa con flor).
Hai liliáceas, coma o allo (Allium sativum), a cebola (Allium cepa) ou os espárragos (Asparragus officinalis); entre as leguminosas temos as xudías e as fabas (fase xuvenil e froito de Vicia faba, respectivamente), os feixóns (Phaseolus vulgaris) e os tirabeques e os chícharos (ambos son Pisum sativum, pero os primeiros son dunha variedade da que se aproveita a vaíña, e os segundos doutra, da que se aproveitan os froitos); cultívase unha rosácea, a planta dos amorodos (Fragaria vesca); das umbelíferas cultívanse as cenorias (Daucus carota), e da familia das compostas aprovéitanse as alcachofas (Cynara solymus) e a leituga (Lactuca sativa).
Intrépidos agricultores teñen intentado, pero con pouco éxito, cultivar manises.
O cultivo dos cereais decaeu moito; o máis habitual é o millo (Zea mays), seguido polo trigo (Triticum aestivum), e, moi escasamente, centeo (Secale cereale) e avea (Avena sativa).
Especial importancia teñen as videiras (Vitis vinifera) nos catro concellos que analizamos, sobre todo, como xa dixemos, nas parroquias do val do Ulla. Esta é unha das rexións vitivinícolas máis importantes de Galicia, anque os seus viños non teñen a categoría de Denominación de Orixe por non haber producción uniforme e sendo moi recente a industrial, que en todo caso segue a ser minoritaria fronte á artesanal. Dános unha idea da importancia deste "cultivo" o feito de que case todas as casas teñen viñas, normalmente dispostas en parras, e adega con lagar e pipotes, aínda que a maior parte da producción sexa para autoconsumo.


Videiras no Pazo de Ximonde,Vedra. (c) D. Janeiro 1999

Cultívanse decenas de variedades, pero as principais son: de branco, albariño, collón de mico, catalán branco; de rosado, americano roxo; de tinto, tintilla, tinto redondo e alvillo. O resultado do pisado das uvas e da fermentación do seu mosto son viños ácidos, afroitados e de baixa graduación alcólica (a penas chegan ós oito graos), pero moi apreciados xa dende a Idade Media. Xa daquela viaxaban polo Camiño Real a Compostela, entrando polo Arco de Mazarelos (a única das portas das murallas que se conserva), lugar no que existe hoxe en día unha placa conmemorativa de tal circunstancia.
Pero estes viños poden usarse ademais para a obtención por destilación das famosas augardentes da Ulla; as uvas pisadas, o bagazo, tamén poden dar augardente por destilación; por último, a augardente de máis graduación e máis cara, pola escasez da materia prima, é a de borra, que se obtén da destilación dos pousos do viño.

Como se ve, das viñas, coma dos porcos, apróveitase todo: o froito, as uvas, que se poden consumir directamente; o zume ou mosto; o viño, producto da fermentación alcólica do mosto por parte do fungo Saccharomyces ellipsoideus, da familia das levaduras; as augardentes, obtidas por destilación do viño ou de residuos; e se unha bacteria do xénero Acetobacter estraga o viño non hai que preocuparse, pois ó final obterase un excelente vinagre.
O resto da producción de alimentos vexetais corre a cargo das árbores froiteiras, entre as cales temos pexegueiros (Prunus persica), cerdeiras (Prunus avium), figueiras (Ficus carica), nogueiras (Juglans regia), maceiras (Malus sylvestris), pereiras, pereiros e codorneiros (Pyrus communis), nespereiros (Mespilus germanica), marmeleiros (Cydonia oblonga), ameixeiras (Prunus domestica); antigamente os froitos das oliveiras (Olea europaea) do Pazo de Ortigueira usábanse para elaborar aceite. Aproveitamos para recordar aquí unha relación de gastos nunha homenaxe ós bispos de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Astorga, achegada polo cóengo fabriqueiro da Catedral de Santiago o 11 de decembro de 1745. Nela sinálanse 290 reás e 16 maravedís gastados polos "propios que foron a varias partes e trouxeron pescado, perdices, etc, e froita de Ribadavia e da Ulla", así como 206 reás "pola froita que se comprou no Ribeiro, na Ulla e nesta cidade".

Recentemente apareceu outro "cultivo", o de árbores ou arbustos de xardín, como camelieiras (Camelia japonica). Cultívanse tamén polas súas flores especies como os caraveis (Dianthus caryophyllus) e gladiolos (xénero Gladiolus) que se destinan á exportación.

A camelia, a flor da camelieira. Socastro. Vedra (c) H. Neira 2000


Por último dicir que nos pazos se poden atopar especies vexetais pouco frecuentes, principalmente no de Oca, que recibe a denominación de "O Versalles Galego" pola beleza dos seus xardíns, onde abundan as especies exóticas, traídas desde hai séculos de América, Asia, África e Oceanía.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1