Polo río abaixo vai/ unha troita de pé,/ corre que te corre,/ quen a podera coller./ Quen a podera coller,/ quen a podera pescar,/ polo río abaixo vai/ unha troita de pé. (Popular)  

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

Esquío en San Miguel de Sarandón, Vedra. (c) D. Janeiro 1999

A fauna

Coa fauna faremos o mesmo que coa flora, citaremos só as especies máis importantes, tanto salvaxes como domésticas, empezando polas primeiras:

INVERTEBRADOS

Os invertebrados superan en número, e probablemente tamén en biomasa, ós vertebrados, e o papel que xogan no ecosistema é fundamental. Entre eles temos varios tipos zoolóxicos de vermes (platelmintos, nematodos, anélidos), que viven na terra ou na auga, e algúns moluscos, como os caracois ou as lesmas. Pero os máis abundantes son os artrópodos, isto é, arácnidos, miriápodos (cempés e milpés) e, sobre todo, insectos.


Están representadas varias ordes de insectos, e as máis importantes son as que seguen: odonatos, representados polos cabaliños do demo; plecópteros ou moscas de auga; dermápteros, como as cadelas de frade; dictiópteros, principalmente cascudas; psocópteros, diminutos bechiños que viven en solos con follas caídas; homópteros, como os pulgóns, que zugan a saiva das plantas; heterópteros, as chinches, que zugan o sangue dos animais; ortópteros, entre os cales temos os saltóns e os grilos; lepidópteros, como as bolboretas e a couza; os inaturables dípteros, é dicir, moscas, mosquitos e tabáns ou atabaos; sifonápteros, ou sexa, pulgas; himenópteros, como avespas, abellas, abezóns e formigas, entre as cales as máis interesantes son as formigas constructoras de montículos, que fan formigueiros no monte de ata un metro de altura; e, finalmente, coleópteros, entre os cales temos os escaravellos e as vacalouras.

VERTEBRADOS

Os vertebrados podemos clasificalos como peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. Son en total unhas cento trinta especies, pero moitas son realmente difíciles de observar; frecuentemente os zoólogos confirman a súa presencia unicamente polas pegadas, os excrementos ou as egagrópilas (restos como ósos e pelo que os depredadores non poden dixerir).

PEIXES
Os peixes atópanse principalmente no río Ulla, e non tan abundantemente como antano, debido ó control do caudal realizado no encoro de Portodemouros, á contaminación e á presión dos pescadores.
As principais especies son: lamprea (Petromyzon marinus), que aparece en gran parte do curso do Ulla e que deu orixe á Festa da Lamprea de Teo, celebrada durante algúns anos; zamborca (Alosa fallax), que non sobe máis alá do Couto de Ximonde, pois non é unha especie que dea grandes saltos; en canto ó salmón (Salmo salar), que se festexa gastronomicamente na Estrada, dicir que se está levando a cabo un plan para a súa recuperación, e existe unha pequena piscifactoría dependente da Xunta de Galicia no antigo muíño do Couto de Ximonde; a troita (Salmo trutta fario) e o reo (Salmo trutta trutta) son co escalo (Chondrostoma polylepis) as especies das que se rexistra maior número de capturas.
Pódense atopar tamén vermellas (Rutilus arcasii) e anguías (Anguilla anguilla); por último temos unha pequena pobación de espiñento (Gasterosteus aculeatus).

ANFIBIOS
Entre os anfibios podemos atopar: os limpafontes (Triturus boscai e T. marmoratus); a píntega (Salamandra salamandra); a salamántiga galega (Chioglossa lusitanica); o sapiño comadrón (Alytes obstetricans); o sapo raxado (Discoglossus galganoi); o sapo común (Bufo bufo); o sapo corriqueiro (Bufo calamita); a estroza (Hyla arborea); a ra patilonga (Rana iberica); a ra vermella (Rana temporaria), e a ra verde (Rana perezi).

RÉPTILES
Os réptiles están representados por: escáncer común (Anguis fragilis); lagarto arnal (Lacerta lepida); lagarto das silvas (Lacerta schreiberi); lagartixa galega (Podarcis bocagei); lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica); esgonzo común (Chalcides chalcides), e finalmente, ofidios: a cobra lagarteira común (Coronella austriaca); a serpe riscada (Elaphe scalaris); a cobra de colar (Natrix natrix); a cobra de auga (Natrix maura) e a víbora de Seoane (Vipera seoanei), a única velenosa, que se distingue polas manchas en forma de V na parte superior da cabeza.

AVES
Podemos observar preto de sesenta especies de aves, pero o avistamento non confirma que críen na zona, porque, por exemplo vense ás veces gaivotas, pero son aves que crían na costa, e voan terra adentro na procura de alimento.


Citaremos, pois, só as especies de cría confirmada: o miñato (Buteo buteo); o falcón pequeno (Falco subbuteo); o lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus); a perdiz (Alectoris rufa); o paspallás (Coturnix coturnix); a torcaza (Columba palumbus); a rula (Streptopelia turtur); o cuco (Cuculus canorus); a curuxa (Tyto alba); o moucho de orellas (Otus scops); o moucho real (Strix aluco); o vencello (Apus apus); a bubela (Upupa epops); o peto verdeal (Picus viridis); o peto real (Dendrocopus major); a laverca (Alauda arvensis); as andoriñas común e dos penedos (Hirundo rustica e H. rupestris); a andoriña de cu branco (Delichon urbica); as lavandeiriñas real e branca (Motacilla cinerea e M. alba); o melro de río (Cinclus cinclus); o carrizo (Troglodytes troglodytes); a papuxa das amoras (Sylvia atricaprilla); o chaschás (Saxicola torquata); o rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros); o paporrubio (Erithacus rubecola); o melro (Turdus merula); o ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus); o ferreiriño común e o bacachís (Parus ater e P.caeruleus); o ferreiro abelleiro (Parus major); o gabeador (Certhia brachydactyla); o pimpín común (Fringilla coelebs); o verderolo (Carduelis chloris); o liñaceiro común (Acanthis cannabina); o paporrubio real (Pyrrhula pyrrhula); o pardal (Passer domesticus); o pardal orelleiro (Passer montanis); os voraces estorniños (Sturnus unicolor); o reiseñor (Oriolus oriolus); a pega marza (Garrulus glandarius); as pegas rabilongas (Pica pica), que poden formar grupos pequenos e aliarse cos corvos para expulsar aves de rapina dos seus territorios; os corvos pequenos (Corvus corone) e os corvos grandes ou montañeses (Corvus corax) tamén poden formar grupos; por último temos ó faisán (Phasianus colchicus), do cal hai algúns exemplares asilvestrados, salvados in extremis da cazola.

Unha andoriña no Pazo de Oca, A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

Unha andoriña na coroa dun banco pétreo no Pazo de Oca, A Estrada. (c) A. Tarrío 1999

MAMÍFEROS

Hai tamén unhas trinta especies de mamíferos, a maioría deles micromamíferos, como ratos, toupas, etc.; os principais son: o ourizo cacho (Erinaceus europaeus); a toupa (Talpa occidentalis), a inimiga eterna dos agricultores; o furapresas (Galemys pyrenaicus); os furafollas (varias especies do xénero Sorex), que poderían ser os chamados biosbardos; os furaños (xénero Crocidura); morcegos de ferradura (xénero Rhinolophus); o morcego común (Pipistrellus pipistrellus); o morcego orelludo (Plecotus auritus); o coello (Oryctolagus cuniculus); a lebre (Lepus capensis); o esquío (Sciurus vulgaris); o leirón careto (Elyomis quercinus); a trilladeira dos prados (Microtus agrestis); a corta dos prados (Pitymys lusitanicus); a rata de auga (Arvicola sapidus); as ratas, común e de campo (Rattus norvegicus e R. rattus); o rato do campo (Apodemus sylvaticus); o rato caseiro (Mus musculus); o armiño (Mustela erminea), de apreciada pel; a donicela (Mustela nivalis); o furón (Mustela putorius); a garduña (Martes foina); a lontra (Lutra lutra); o porco teixo (Meles meles); a algaria (Genetta genetta); o gato bravo (Felis sylvestris); o porco bravo (Sus scrofa); o mítico raposo (Vulpes vulpes) e, ocasionalmente, pasa pola zona o non menos mítico lobo (Canis lupus).


Entre os animais domésticos e/ou de granxa temos as abellas (Apis mellifera); os paspallás (Coturnix coturnix); os galos e as galiñas (Gallus gallus); dende hai pouco os pavos (Meleagris gallopavo); coellos (Oryctolagus cuniculus); ovellas (Ovis aries); cabras (exemplares domesticados da especie de cabra salvaxe Capra aegarus); cabalos e bestas (Equus cabalus); burros e burras (Equus asinus); porcos (exemplares "domesticados" de Sus scrofa, o porco bravo); bois e vacas (Bos taurus), principalmente vacas de raza frisona, máis rendibles que as rubias galegas, pero as directivas da Unión Europea sobre producción láctea provocaron que diminuíse o seu número.
Por suposto hai cans "de palleiro" (Canis familiaris) e gatos (descendentes do gato africano, Felis lybica), que ó ser abandonados volven ó seu modo de vida salvaxe. Á parte de que non sexa ético abandonar un can, é certamente reprobable, pois os cans salvaxes poden formar grupos para atacar gando, e mesmo atacar persoas se se senten acosados.

Dous burros pacendo en San Miguel de Sarandón, Vedra (c) H. Neira 2001

A REALIDADE ECOLÓXICA

Para rematar, dicir que a realidade ecolóxica do val do Ulla non é tan sinxela como poida parecer despois de ler esta pequena memoria. Os humanos viviron nestas terras dende tempos remotos, se non en harmonía, polo menos sen causarlle danos irreparables ó ecosistema, pero neste século as actividades humanas destructoras incrementáronse enormemente: no nome do Progreso ampliáronse as estradas existentes e abríronse outras, ás veces sen razón; cortáronse indiscriminadamente ou, aínda peor, queimáronse bosques de árbores autóctonas para substituílas por eucaliptos, máis rendibles; fanse competicións cinexéticas nas que non se mata un animal para comelo, senón para conseguir un trofeo...
Os efectos destas e doutras cousas son a perda da diversidade de especies e un solo empobrecido, o que nos fai temer que dentro de pouco tempo O Ulla ou A Ulla, como lle queiramos chamar á comarca, perda parte do seu verdor, para ser substituído nalgunhas zonas por un deserto de rocha.
Entre as medidas oportunas para remediar esta situación están a elaboración de plans urbanísticos correctos, coa participación de ecólogos e xeólogos á parte de arquitectos; unha maior vixilancia contra os incendios forestais; obrigar a replantar ó cortar un bosque, etc.
Só actuando deste xeito poderemos conservar A Ulla como a coñecemos, fermosa, chea de vida, e evitar que as vindeiras xeracións nos lembren como uns individuos ruíns que destruíron a esencia da súa propia vida, a súa terra.


Escríbanos a [email protected]

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
Hosted by www.Geocities.ws

1