La Cuesta

 www.geocities.com/la_cuesta

 

Menu

·  Inicio
·  Aspectos Climatológicos
·  Economía
·  Economía Antigua
·  Estudio Cultural
·  Estudio Demográfico
·  Estudio Histórico
·  Estudio Xeográfico
·  Estudio Natural
·  Estudio Político
·  Turismo Rural
·  Festas
·  Enlaces
·  Lista de Correo
·  Chat
 

Idiomas

· Español
· Inglés
· Llïonés
· Gallego
· Catalán
· Euskera

 

Economía

A AGRICULTURA:

Unha vez preparada a terra e abonada, utilizando soamente o abono orgánico, esparexido a man e producido polos seus propios animais, procédese á sementeira; aínda que dependendo do producto que sexa sementarase en distinta época do ano. Os prados, que non requiren sementeira, abónanse cada ano utilizando cinza doméstica, costume moi antiga nesta aldea.

Os terreos son pequenos (minifundios) e o seu propietario cultívaos directamente. As continuas divisións familiares reduciron moito a superficie chegando a ser parcelas minúsculas. O sistema de cultivo empregado é o barbeito, o cal consiste en deixar sen traballar as terras un ano. Este método impide a recolección durante un ano polo que se empobréce o sistema económico.

Os productos máis característicos que son sementados son: patacas, remolacha forraxeira, fabas, verza, cabaza, cogombro, cabaciña, cebola, pemento, tomates, leituga, escarola, chícharo, porro, coliflor, garavanzos, nabo e acelgas. Todos estes productos seméntanse en poucas cantidades para o seu consumo familiar. Para as plantacións utilizan o sistema de morteiro, (remolacha, leituga e demais hortalizas, transplantándoas posteriormente), sucos (patacas, legumes...).

Durante o proceso de crecemento realízanse diversas tarefas, entre outras: escadar, entresacar, sulfatar, regar... Entre estes traballos o que máis evolucionou foi sulfatar, debido á utilización de productos químicos que rematan facilmente coas pragas. Antigamente o único praguicida existente era exterminar os insectos un a un.

 

AVEÑOS DE LABRANZA:

As ferramentas usadas son tradicionais, posto que a mecanización é practicamente nula, utilizando na maioría dos casos animais, aínda que nos derradeiros anos foron introducidos dous tractores. A preparación do terreo previo á sementeira, realízase coa axuda do gando vacún que unxidos van tirando do arado que rotura a terra. As vacas son unidas polo xugo que os protexe cunha pel de can que cobre tamén a cabeza dos animais. Se se desexa que algunha vaca non coma mentres estea traballando, colócaselle un bocal que lle impedirá facelo.

A sementa da pataca constitúe unha tarefa moi delicada e de longa preparación; unha vez arada a terra, o seguinte labor é a de achanar, que consiste en abrir sucos para que a planta non se rompa ao nacer; realízase coa rancilla, instrumento tirado por unha parella de vacas. A continuación régase e tíranse os anacos de pataca mesturados coa cal. Estes sucos son tapados con terra do seguinte ata cubrir toda a superficie. Unha vez rematado colócase unha presa de herba seca cravada no chan cun pao, o cal serve para indicar aquilo que está sementado (chámaselle pachiza).

A sega faise a man cunha fouce . A trilla faise cos manales e mais os trillos tirados polas vacas. A máis característica de todas as ferramentas é o carro, cunhas peculiaridades definidas: rodas macizas de madeira unidas ao eixe tamén de madeira, de maneira que xiran o mesmo tempo co que se consegue unha maior estabilidade, tendo en conta os desniveis do terreo. Son baixos e estreitos e hai que unir as dúas parellas de vacas para superar as fortes pendentes. Outro elemento tamén moi utilizado na agricultura é o arado feito en madeira de carballo e negrillo.

    
SISTEMA DE REGADÍO

A auga chega dun manancial e é canalizada mediante presas feitas con polas e terróns ata as terras de traballo. No rego dos prados existe un costume tolerante que consiste no "roubo" da auga de uns aos outros veciños. Por exemplo: Un veciño canaliza a auga dende a presa ata a seu prado, podendo a continuación ir outro detrás e sen ser visto, cortarlla e canalizala ata o seu. Isto non ocorre no verán porque a través do concello, todos os veciños amañan o regueiro e sortean a auga para regar todos os cultivos do verán.


A GANDERÍA:

Do mesmo modo que a agricultura a gandería é na súa totalidade de subsistencia, aínda que nalgúns casos fanse vendas a outras aldeas da zona. As principais especies existentes na aldea son:

1. Gando Vacún ou Bobino:

Na aldea existen dezaoito cabezas de gando vacún pertencentes a un mesmo veciño. A raza máis típica é a do "país" que ultimamente está sendo substituída por a "Parda Alpina"e algunha pinta.
Antigamente tamén había un touro utilizado para a reproducción. Do seu coidado encargábanse tódolos veciños que tiñan vacas, sendo proporcional ao número de cabezas e multando os que non querían realizar ese traballo. Tamén existían as "beceras", consistían en coidar o gando en terreos comunais entre tódolos veciños propietarios de vacas, dunha forma rotativa e determinada, conforme ao número de cabezas. Todo esto xa non existe hoxe, loxicamente porque todas as vacas pertencen a unha soa persoa. O leite e a carne obtida das vacas é principalmente para o consumo da familia aínda que de vez en cando véndense entre amigos e a xente da zona.

2. Gando Ovino e Caprino:

Existen ó redor dunhas cento quince ovellas pertencentes tamén ó mesmo veciño que as vacas. A ovella mais común é a "churra",pequena e resistente ó clima e ó relevo do terreo.O sistema de coidado era a "velia",semellante á "becera". A penas hai cabras; saen en rabaño coas ovellas. As crías de ovella e de cabra, son a principal fonte de riqueza , así como a venda de la e tamén o seu autoconsumo para calcetíns.

3. Gando Porcino:

Un apartado moi importante dentro da actividade gandeira é a cría do porco, animal que polas súas características aprovéitase practicamente na súa totalidade, serve de dieta alimenticia ós veciños deste aldea, ó mesmo tempo que contribúe ó seu abastecemento. A matanza ten lugar,xeralmente, no mes de decembro, facéndose chourizos, xamóns, lombos...etc. O touciño consúmese na súa totalidade, aproveitando parte del na elaboración de xabón. Así mesmo, a manteiga é utilizada como substituto do aceite, aínda que cada vez en menor medida. A matanza cúrase ó fume, en cociñas que destacan pola súa característica cor ennegrecida. Unha vez finalizada a mesma inmediatamente cómprase unha nova cría, xeralmente no mes de febreiro, que será cebada con productos de cultivo; polo tanto, no mesmo momento que se pecha un ciclo, iniciase outro novo que desembocará nunha próxima matanza.

4. Aves:

As aves de curral son abundantes, a súa carne e ovos utilízanse para o consumo da familia.

5. Abellas:

Tamén é moi importante a explotación da abella. Hai un veciño que se dedica ás colmeas para obter o mel. Ten 56 colmeas e estas ademais de producir mel para o consumo familiar véndese a amigos e coñecidos.

EXPLOTACIÓN DA LOUSA:

Un elemento moi importante para a economía do aldea é a recente existencia dunha explotación de lousas, Pizarras España, que lle paga á aldea unha cantidade de diñeiro ó ano. A existencia desta canteira parece ter importancia para a aldea xa que pode facer que retorne a xente da cidade á aldea en busca de oportunidades de traballo, xa que a canteira ten gran demanda de postos de traballo. O inconveniente é que se produce un gran impacto ambiental.

CAZA E PESCA:

A pesar de tódolos traballos realizados pola xente para poder subsistir diariamente, sempre lles quedan ratos libres que dedican ó seu lecer. Hai un coto de caza maior e menor que pertence á xunta veciñal da aldea e tamén hai pesca da troita no río Eria. A caza e a pesca ademais de proporcionar diversión, tamén serven para mellora-las condicións alimenticias da xente, polo que parece ser necesaria para moitos dos veciños da aldea.

Hosted by www.Geocities.ws

1