RAICEIROS.ORG - WEB DA ASOCIACION RAICEIROS
NOVAS
QUEN SOMOS
PROXECTOS
CANTIGAS
GUNDIAN
O VAL DO ULLA
A REQUINTA
ACTIVIDADES
MUSEO VIRTUAL
CONTACTO

O son da requinta

 O son da requinta, a disposición da comunidade de internautas

Quen non tivo aínda a oportunidade de escoita-lo son da requinta en directo nin de mercar algún dos escasos discos que inclúen pezas interpretadas con requintas, ten desde agora unha nova opción: descargar de balde desde esta web dúas pezas interpretadas por membros de A Gaita de Sarandón (www.agaitadesarandon.com). As dúas están gravadas en formato MP3, e para escoitalas nun ordenador é preciso dispoñer dunha aplicación gratuíta coma o WinAmp (para PC), MacAmp Plus (para Mac) ou Quicktime (para PC e Mac). Quen dispoña dunha conexión lenta a Internet deberá ter en conta que pode levarlle varios minutos descarga-los arquivos ó seu ordenador, posto que un deles ocupa 1,5 MB e o outro 1,7 MB. Pódense descargar desde aquí:

 O Luís (1,7 MB)

 Rumba de Carcacía (1,5 MB)

O instrumento

Descrición técnica:

A requinta é unha frauta traveseira clásica construída en madeira (maiormente buxo ou hedra), de calibre cónico inverso (é dicir, que é máis ancha na parte na que se produce o son que na contraria) composta por cinco pezas, que reciben o nome de pechos. A pesares de ter aproximadamente as mesmas medidas que as frautas clásicas en Fa e de que da efectivamente un Fa a 440 Hz se tapamos tódolos buratos e empregámo-la escala máis baixa, a requinta vai subindo a súa afinación segundo subimos de escala (aumentando a velocidade e presión do aire insuflado), ata afinar en Fa # (Fa sostido) na escala na que é tocada. A requinta, de feito, afina só nesta escala de Si natural que se obtén a cabalo entre as oitavas aguda e sobreaguda do instrumento. A obtención desta escala impón o pago de dúas peaxes: o emprego de tranquillas, que complican notablemente a dixitación (ve-lo esquema que se adxunta a continuación), e a obriga de tocar realizando continuos golpes de aire, para obter dunha forma máis precisa as notas máis agudas do instrumento. Son estas dúas quizais as características que diferencian claramente á requinta do resto de frautas traveseiras galegas.

A continuación, amosamos unha requinta na cal diferenciamos cada unha das súas pezas, para logo facer unha pequena descrición de cada unha delas.

 

Embocadura ou pecho dos beizos:
É onde se produce o son. Ten unha lonxitude duns 16 cm. e calibre cilíndrico.

Barrilete:
Permite a afinación do instrumento. Adoita ter unha lonxitude duns 7.6 cm. e calibre tamén cilíndrico.

Terceiro pecho ou primeiro corpo:
Nel están os buratos correspondentes os dedos índice, medio e anular da man esquerda. Ten unha lonxitude duns 16.5 cm. e calibre cónico inverso e é a única peza que carece habitualmente de aderezos metálicos.

Cuarto pecho ou segundo corpo:
Ten os buratos correspondentes ós dedos índice, medio e anular da man dereita e é dunha lonxitude aproximada de 11.7 cm. e calibre cónico inverso.

Pecho da chave ou pecho da clave:
Ten un único burato que é atacado coa axuda dunha chave pechada (que pecha o burato na súa posición de repouso) que se acciona mediante o dedo pequeno da man dereita. Esta chave ou clave metálica é a que lle da nome a esta quinta peza, que mide uns 7.6 cm. e ten calibre cónico inverso.

 A historia

Temos que ter en conta que, ante todo, a requinta é unha frauta traveseira, polo cal é na historia deste instrumento onde debemos busca-la súa orixe. Hai varios datos morfolóxicos que axudan a situala cronoloxicamente. O primeiro dánolo o feito de que as dúas primeiras pezas sexan cilíndricas e as tres seguintes cónicas inversas. Esta conicidade foi introducida arredor do 1670 polos artesáns da corte francesa de Versalles e é imprescindible para conseguir que as notas dos rexistros máis altos, obtidas mediante o incremento da presión e velocidade e/ou o cambio do ángulo de ataque do aire insuflado, estean afinadas coas dos rexistros baixos.

O segundo dato de relevancia vén aportado polo número de pezas. Mentres que as frautas traveseiras medievais e renacentistas estaban na súa maioría construídas nunha soa peza, as frautas barrocas son xa divididas en tres pezas (embocadura, corpo e pé, ó que se lle engade xa a chave de Re #, que é a que ten a requinta), o cal facilita non só a introducción da mencionada conicidade, senón tamén os axustes internos nos buratos. A división en cinco pezas, coa aparición do barrilete para permitir unha mellor e máis doada afinación, tivo lugar arredor do 1785, que foi o ano no que Richard Potter patentou a corredeira de afinación, así como o primeiro tipo de chave aberta e o tapón para a afinación do que as requintas están dotadas e que vai no pecho dos beizos. Podemos concluír pois que a requinta ten seguramente a súa orixe nas frautas traveseiras fabricadas con posterioridade a esa data.

O que é completamente descoñecido é o camiño que a requinta seguiu para chegar á Ulla, onde as frautas traveseiras se manifestaban unicamente en formas moi simples (construídas en madeira, sen chaves, de calibre cilíndrico e dun único corpo ou, como moito, divididas en embocadura e corpo). Pódense sen embargo formular varias hipóteses ó respecto. Unha destas hipóteses apuntaría á chegada destas frautas integradas en formacións militares francesas durante a invasión napoleónica (1808-1814). Sábese que este tipo de frautas eran empregadas polas bandas militares e hai testemuñas da presencia das tropas de Napoleón en terras da Ulla, polo cal se pode admitir a posibilidade de que fosen estes ou outros soldados os que trouxesen este tipo de frautas. A catedral de Santiago constitúe outra das vías posibles de chegada. É coñecido que a catedral dispuña dunha capela de música propia á cal os músicos accedían mediante oposición e sabemos, por exemplo, da convocatoria nos anos 1744 e 1750 de oposicións ó posto de frautista. É probable polo tanto que as frautas alí tocadas precisasen nalgún momento de amaños e/ou modificacións, ou incluso que se quixesen facer reproduccións e que para iso acudisen ós artesáns de máis sona da zona. Un deles estaba en Riobó, ó sur do río Ulla, e del e dos seus descendentes falaremos logo. Cabe tamén a posibilidade de que estas frautas fosen traídas á zona da Ulla por algún peregrino, pois de todos é sabido o poder de convocatoria que Santiago tiña para os fieis de toda Europa naquel entón. Non podemos, de tódolos xeitos, aportar ningunha certeza con respecto a estas tres suposicións.

Tampouco son coñecidas dun xeito certo cáles son as modificacións que estas frautas sufriron ata dar lugar á requinta, nin en qué orde sufriron estas modificacións. É sen embargo case seguro que a morfoloxía da requinta tal e como hoxe a coñecemos fose conformada no taller dos García de Riobó. Deste obradoiro saíron case a totalidade das requintas que se tocaron no Val da Ulla, polo cal é moi probable que os artesáns que alí traballaron fosen os que adaptasen a frauta orixinaria para a súa adaptación á música tradicional. Se cadra xa arredor do 1800, na época na que se cre que a requinta debeu de chegar á Ulla, Joaquín García Rey fabricase gaitas, frautas e pínfanos no seu taller de Riobó. A Joaquín sucedeuno toda unha saga familiar: primeiro seu fillo Antonio García de Oca (1820-1872); logo seu neto Joaquín García García (1856-1934); despois o neto deste, Jesús Espiño García (1920-1976); e na actualidade o fillo deste último, Joaquín Espiño Martínez.

O grupo de requinteiros A requinta de Carcacía logo de tocar nas festas de Laíño

A partir desa adaptación, a requinta fíxose moi popular como acompañamento das gaitas, ata chegar a se estende-lo uso do termo requinta, que pasou a denominar non só ó instrumento, senón tamén á agrupación que o empregaba. Os grupos de gaitas e requintas proliferaron ó longo de todo o Val da Ulla e acadaron un grande apoxeo a partires dos anos 20 con grupos como A requinta de Carcacía, A requinta de Lampai, A gaita de San Miguel (coñecido tamén como Quinteto Gallego), Os gaiteiros de Albín, A gaita de Vedra ou Airiños do Ulla. Coa chegada das orquestras, os grupos tradicionais deixaron de ser contratados para as romarías, polo cal as formacións foron disolvidas, caendo a requinta nun total desuso. A grande cantidade de grupos de música tradicional que xurdiu nos anos 80 tampouco retomou o uso deste instrumento, que tivo que agardar ata que no ano 1993 Enrique Montero publicou un traballo no que recollía as súas indagacións acerca del. Aínda así, hoxe quedan moi poucos requinteiros en activo, cinco deles integrados na Asociación Xuvenil Raiceiros que está a traballar intensamente na recuperación deste instrumento.

por Gerardo Albela González
Requinteiro 

Os membros da Asociación Raiceiros desenvolveron entre 2001 e 2004, no marco do seu Proxecto de Recuperación da Requinta, unha serie de obradoiros polos colexios da Ulla. Nestas actividades, pretendeuse que os máis novos aprendesen nocións sobre a música que se facía na Ulla, facendo especial fincapé na requinta.

 O recordo

"Tocaba a requinta... tocaban nas procesións, tocaban nas romarías, nas foliadas...", dicíanos o escritor Xosé Neira Vilas na entrevista que concedeu a Raiceiros na primavera do 2002.

O autor, natural de Gres (Vila de Cruces) coñece a requinta desde moi novo.

Na imaxe, entrevista a Xosé Neira Vilas en abril do 2002 (c) H. Neira 2002

A arte

 Carlos Bóveda, o pintor das requintas

Raiceiros tivo ocasión de entrevistar nas festas da Pascua de 2003 ó pintor de Pontecesures Carlos Bóveda, quen expuxo no Centro Social de Padrón varias das súas obras, logo de ter mostrado os seus traballos no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. Bóveda viu actuar cando era novo á Requinta de Carcacía e non lle esqueceu desde aquela, por iso nos seus cadros de temas musicais aparecen requinteiros... e requinteiras.

Prema nas fotos para velas a maior tamaño. As imaxes son © H. Neira 2003

     

 A Gaita de Sarandón

A Gaita de Sarandón (www.agaitadesarandon.com) é un grupo de requinteiros xurdido en San Miguel de Sarandón (Vedra, A Coruña), como consecuencia do Proxecto de recuperación da requinta emprendido por Raiceiros. Na Gaita de Sarandón xúntanse requinteiros vellos e novos.

A Requinta da Laxeira

A Requinta da Laxeira xurdiu tamén en San Miguel de Sarandón, como o grupo dos requinteiros máis novos. En www.galegos.org pódense ver algunhas fotos e vídeos do grupo.




© Asociación Raiceiros 2002-2009. Web creada en maio de 2002 e actualizada en febreiro do 2009

Hosted by www.Geocities.ws

1