"O Ouro de Agricola" | ir a principal

Reseñas de prensa

2004. Novela "O ouro de Agricola"

Zaragoza, 2004. Editorial Edelvives-Tambre (colección catavento). A partir de 14 anos. ISBN 84-263-5209-X. Autor: Enrique Vázquez Pita

Comentarios del autor | Bibliografía | Índice | Cronología | Reseñas en prensa |Reportajes | Capítulo inédito: Solpor Negro | Capítulo inédito: Con Tais | Fe de erratas |
 
Reseñas de prensa
-Ingredientes para a novela de aventuras. (Faro da cultura / Faro de Vigo).
-Intriga na Gallaeccia . Crítica (Suplemento Culturas / La Voz de Galicia)
- Unha novela de intriga na Galicia romana (La Voz de Galicia)
- Biblioteca Virtual Galega (BVG) - Universidade de A Coruña
 

Informe Centro Ramón Piñeiro http://www.cirp.es

Primeria novela xuvenil do xornalista Enrique Vázquez Pita que nos presenta un relato histórico detectivesco con transfondo aventureiro e doses de acción no marco da Galicia romana. O autor artella unha multiplicidade de historias, cunha trama máis ficticia ca real, arredor da personaxe de Severo Cecilio Segundo, un liberto que traballa como escriba ao servizo do senador Caio Plinio Segundo, e que podería ser caracterizado coma un antiheroe. Este chega ao Porto do Ártabros cun encargo moi importante, entregar un papiro a unha misteriosa dama, Fannia Calvina, e conseguir avisar ao gobernador Agrícola, quen se atopa no Porto preparando a invasión de Caledonia, de que coide o ouro que se atopa nas montañas de Medulium, imprescindíbel para pagarlle ás tropas. Mentres cumpre esta empresa, descobre unha suposta trama de corrupción na que estarían involucrados altos cargos romanos e, Severo, sempre fiel ao seu traballo, sufrirá accidentes que o levarán a un final tráxico. Para descubrir aos responsábeis, recorrerá aos procedementos da lóxica, aprendidos dun filósofo grego exiliado. A súa cultura, reflexións e maneria de pensar chocan coa súa antiga condición, e así son moitas as alusións a filósofos, poetas ou deuses. As intrigas, a crítica social e o amor alternan entretecendo un pano de fondo no que quedan ao descuberto as grandezas e as miserias da Roma imperial nos tempos de Domiciano. Cando vemos unha imaxe como a da cuberta do libro, fotografía de AGE, a práctica de observar, descifrar, entrever, adiviñar… ponse en xogo. É unha imaxe de carácter conectivo coa trama, ao situarnos diante dunhas moedas de ouro, que nos levan a pensar nun momento histórico determinado: o imperio romano, o que nos sitúa no escenario antes de empezar a ler o texto.

A aventura de Aurífero Medulium e a trabe de ouro do Imperium romano

12 de Setembro de 2004 por Armando Requeixo

El Correo Gallego Suplemento: Correo das Culturas

Subliña a escaseza na literatura galega de creacións narrativas que teñan a Roma e a Grecia clásicas como escenario das súas tramas.

Dáse conta de que esta obra chega ás librarías galegas para sumarse á ondada de novelas histórico-detectivescas con transfondo aventureiro e ambientación grecolatinas.

De seguido, preséntase o argumento da obra onde as intrigas palatinas, a crítica social e o amor alternan entretecendo un pano de fondo no que quedan ao descuberto as grandezas e as miserias da Roma imperial nos tempos de Domiciano.

A Galicia romana .

[13/02/2005 22:06] por Manuel Rodríguez Alonso

Vieros (http://www.vieiros.com)

A medio camiño entre a novela histórica e a novela xuvenil, o autor presenta a intrahistoria da Galicia romana dun xeito novidoso, pois estamos afeitos a ver a romanización desde a perspectiva dos beneficios que lle proporcionaou a Galicia —a latinización, a construción de calzadas e outros edificios, a transmisión da técnica e da cultura grecolatina—, pero non a considerar que realmente Roma espoliou os recursos galegos, coma o ouro de Monte Furado, estragou a nosa paisaxe ou escravizou centos de galegos para traballaren nas súas obras públicas e minas.

Como adoita ocorrer nos relatos xuvenís, a narración é unha novela de protagonista. Severo é un liberto romano, descendente posiblemente dunha galega que traballaba escravizada nas minas de ouro do Monte Furado, que ten que vir investigar unha posible fraude no ouro que desde Galicia se envía a Roma. É un personaxe que nos cae ben, porque aproveitou as oportunidades que lle ofreceu a familia de Plinio o Vello e Plinio o Novo para conseguir unha formación, que non se limita a aprender a ler, senón que estudou os principios do dereito romano e a filosofía e arte de razoar dos sofistas gregos.

Severo actúa como un investigador que vén a Galicia para pescudar nunha fraude de ouro nas minas de Monte Furado e que ía destinado á facenda romana. Pero non é un home de acción, senón un home de pensamento. Descobre os que realizan a fraude grazas a súa capacidade dedutiva. Por outra banda, cando ten que elixir entre a súa honradez de cidadán e facerse rico, quedando con parte do ouro cuxa desaparición investiga, cégao a paixón do ouro, e pensa en coller a súa parte e facerse rico. Non é, así, un personaxe plano. Esta loita que se produce entre deber e avaricia é un dos acertos da novela. O novelista resolve ben a loita: á fin, Severo non consegue o ouro, pero queda contento, porque acadou a honra e cumpriu coa familia que o protexeu e con Roma.

Acerto do novelista é recrear a intrahistoria ou vida miúda tanto en Roma, capital do Imperio, coma na afastada provincia de Galicia. No caso galego, como xa indicamos, dá unha visión ambivalente e realista da romanización, pois se é certo que os romanos trouxeron as súas técnica e cultura, tamén é verdade que non o fixeron por altruísmo, senón que, como todo imperio, viñeron a Galicia para facerse co seu ouro, cos seus cabalos e ata cos seus habitantes, para os utilizaren como soldados, escravos nas obras públicas ou, cando menos, pagadores de impostos.

As descricións, ás veces prolixas, fan que o argumento perda interese, mesmo que se faga aburrido e que só pareza un pretexto para facer unha recreación histórica da Galicia romana. Custa por iso, en ocasións, seguir a lectura, e máis pode custarlle a un lector xuvenil.

Nestes tempos de exaltación de heroes violentos e que triunfan pola forza, o protagonista da novela consegue os seus obxectivos, mesmo case facerse co ouro que lle tenta roubar ás lexións romanas que o transportan coa simple axuda duns lexionarios e gladiadores vellos e retirados, grazas á súa intelixencia e capacidade dedutiva, nunca pola forza bruta nin a violencia. Mesmo os compañeiros seus que usaron a forza perecen e el logra salvarse da persecución das lexións, unha vez fracasado o roubo do ouro, mercé á súa intelixencia.

En canto á corrección e riqueza lingüísticas, sempre moi dignas de terse en conta nunha novela dirixida a un público xuvenil e escolar, hai que salientar o coidado posto polo autor e a editorial en conseguir un galego correcto e rico como se amosa na boa e enxebre fraseoloxía utilizada, no emprego do infinitivo conxugado ou no intento de construír uns diálogos que reproduzan a lingua oral espontánea, pero correcta. Non obstante, hai algunhas grallas, poucas, que sería doado evitar en próximas edicións como utilizar xunguir co significado de ‘unir’, talla no canto de talle, algúns empregos incorrectos da preposición a con complemento directo, o emprego de diadema como feminino por castelanismo, algún caso de lle por lles ou o poderíamos e o úneco da páxina 103.

Xa que logo, novela moi útil, especialmente para o alumnado de Cultura clásica e Latín do noso ensino secundario e medio, que poden ver cal foi a acción de Roma en Galicia, cos seus aspectos positivos, pero tamén cos negativos, que supón toda pertenzaa un imperio.

7 de octubre de 2004 | Faro de Vigo | Faro da Cultura Infantil / Xuvenil |pag. VII

Ingredientes para a novela de aventuras

Por Paula Fernández

Enrique Vázquez Pita (A Coruña, 1970) xa ten amosado en moitas das súas obras cales son as súas preferencias dentro da literatura: as viaxes, o fútbol ou o cómic están entre estas e froito delas son Europa na Mochila (2000), unha guía para viaxar con poucos recursos, Forza Dépor (1992) ou Eurodépor (2003), todas enfocadas cara a un público xa adulto e maduro. O Ouro de Agrícola é a súa primeira novela xuvenil e nela pon de manifiesto outra que ha ser unha das súas grandes paixóns, a historia. A novela, ambientada no imperio romano, amosa un exhaustivo coñecemento da Roma clásica e, no medio dunha trama máis ficticia ca real, introduce datos históricos sobre conquistas e mesmo reflexións morais sobre feitos cometidos polos romanos.

Sévero, o liberto dun senador romano, protagonista da novela e que podería ser caracterizado como un antiheroe, chega ao Porto dos Artabros cun encargo moi importante: conseguir avisar a Agrícola, quen se atopa no Porto preparando a invasión de Caledonia, de que coide o ouro que se atopa nas montañas de Medullium e que era imprescindible para pagar ás tropas. Mentres cumpre esta empresa descobre unha suposta trama de corrupción na que estarían involucrados altos cargos romanos e Severo, sempre fidel o seu traballo, sufrirá accidentes que o levarán a un final tráxico que non sorprenderá ó lector, pois ao longo da lectura quen le pode apreciar que a historia semella un anuncio da súa morte; a condición de escravo liberado, o ton solemne e estrañas voces e presaxios provocan un sentimento de solidariedade co protagonista mesmo antes de saber cal vai ser o seu destino.

O protagonista é complexo. A súa cultura, reflexións e maneira de pensar chocan coa súa antigua condición, e así son moitas as alusións a filósofos, poetas ou deuses. Esta complexidade esténdese ao resto dos personaxes, todos perfectamente deliñados valéndose dos flashbacks e construindo así unha novela completa e pechada na que ata o espazo engaiola pois non resulta difícil recoñecer cales son os lugares dos que fala, todos vinculados ás lendas e á historia de Galicia.

Unha obra moi axeitada para o alumnado de ESO e Bacharelato, moi aproveitable polos docentes sobre todo no que atingue á historia de Galicia e á historia da lingua e unha lectura apaixoante para quen le cargada con todos os ingredientes dunha boa novela de aventuras.


29 de mayo de 2004 | La Voz de Galicia | suplemento Culturas | página 47

Intriga na Gallaecia

Enrique Vázquez Pita constrúe en "O Ouro de Agrícola" unha narración que combina suspense e documentación histórica

As poderosas lexións romanas conquistaron un vasto imperio que comprendía case todo o mundo coñecido do seu tempo. Ao chegar a Galicia, os bravos soldados de Roma experimentaron un gran terror ao ver como o mar engulía o sol ao poñerse no horizonte de Fisterra. Este feito é o arranque de O Ouro de Agrícola, unha novela do xornalista Enrique Vázquez Pita na que recrea o periodo de romanización en Galicia.

O autor artella unha multiplicidade de historias arredor da personaxe de Severo Cecilio Segundo, un liberto que traballa como escriba ao servizo do senador Caio Plinio Segundo. Severo arriba no Portus Magnus Artabrorum, o grande peirao romano do Noroeste, nun tempo no que aínda está en construcción o faro que agora coñecemos como a Torre de Hércules. Aínda que el non o sabe, trae un papiro para a misteriosa Fannia Calvina, desterrada de Roma. Ao mesmo tempo, o xeneral Agrícola prepara a invasión de Caledonia, no norte de Britania, é dicir, Escocia.

Gallaecia era unha importante fonte de recursos para os romanos, en concreto, a súa actividade mineira, que ten como referente máis claro a extracción de ouro nas Médulas. Nestas circunstancias, Enrique Vázquez Pita constrúe unha historia de intriga que funciona como un relato a cabalo entre o detectivesco e o suspense, con escenas e pistas que non son o que parecen a primeira vista.

O autor introduce ademais grandes doses de acción cara ao final da novela, coa descrición de enfrontamentos armados, lexionarios, arqueiros e outras batallas que achegan viveza ao descorrer do libro, que tamén funciona como unha interesante panorámica da vida romana en Gallaecia. Este é outro factor valioso de O Ouro de Agrícola: a inclusión de tramas secundarias que enriquecen o conxunto da narración. Un exemplo son as conversas filosóficas que manteñen varias personaxes, Severo entre eles, nos que reflexiona sobre a lóxica como camiño para resolver situacións ou unha achega á concepción do cosmos polos romanos.

A narración nútrese en todo momento de pequenos detalles que revisten verosimilitude a descrición dos protagonistas e as súas accións, aínda que nas primeiras páxinas do libro retrasan un chisco o arranque da trama. Estas precisións afectan tamén á lingua e á caracterización en función de tribos.

O Ouro de Agrícola ten o dobre mérito de poder lerse como unha historia de intriga e acción, e, ao mesmo tempo, unha fonte valiosa e amena para coñecer aquela Gallaecia á que chegaron os romanos. É, tamén, unha proba de que a historia galega contén episodios dabondo para construír grandes ficcións, sen ter que recorrer a modelos alleos.

A.M.


6 de mayo de 2004 | La Voz de Galicia | sección Cultura | página 47

Enrique Vázquez Pita novela unha historia de intriga na Galicia romana

«O ouro de Agrícola» recrea o tempo no que se construía a Torre de Hércules

No libro nárrase unha viaxe por lugares como Lucus Augusti ou as Médulas

(La Voz | Redacción) A historia de Galicia está chea de episodios que serven de excelente materia prima para construír ficcións. Enrique Vázquez Pita escolleu o período da romanización para basear a súa última novela O ouro de Agrícola , publicada por Tambre na súa colección Catavento, unha historia chea de acción e intriga. O seu protagonista, Severo Cecilio Segundo, escriba dun influínte avogado, chega á Gallaecia nunha misión secreta. No Magno Porto Ártabro estase levantando o faro que será a Torre de Hércules e alí fai escala a flota de Agrícola na súa viaxe a Britania, e o protagonista coñece outros fitos da presenza romana en Galicia: visita as factorías de salazón de Vicus Heleni (Vigo), navega en barca polo Miño nas inmediacións de Lucus Augusti (Lugo) e observa o funcionamento das minas de ouro das Médulas.

Este escriba verase envolto nunha conspiración para roubar ese ouro, que el tratará de abortar. Para descubrir aos seus responsables, recorrerá aos procedementos da lóxica, aprendidos dun filósofo grego exiliado.

Os textos de Plinio

Vázquez Pita comezou a idear a historia de O ouro de Agrícola hai vinte anos, nunha excursión ás Médulas. Naquel tempo comezou a investigar a posible relación entre as minas do Bierzo e o célebre monte Medulio, no que, segundo a tradición, os primeiros galegos preferiron a morte antes que renderse a Roma. Despois o autor leu os escritos do historiador Plinio o Vello e outros textos nos que se describía a pegada romana en Galicia. Con estes elementos propios da historia, o autor armou un relato no que a intriga e a acción fan avanzar a narración: tamén aparecen gladiadores, arqueiros sirios, lexionarios ou saqueadores, entre outros personaxes que dotan de verosimilitude e emoción á vez ao libro.

Enrique Vázquez Pita incorpora tamén algunhas palabras e termos que se empregaban hai dous mil anos. É o caso de balux , co significado de pebida de ouro, e que xa aparece nos escritos de Plinio. O protagonista de O ouro de Agrícola recibe o nome de Fermara, unha palabra coa que se designaba a aquel 'que chegaba do mar'. Enrique Vázquez Pita, xornalista de La Voz, é autor tamén de Europa na mochila , un libro de viaxes no que describe catro percorridos en tren no Interraíl.


Biblioteca Virtual Galega (BVG) - Universidade de A Coruña
• O ouro de Agrícola • [Editorial Tambre] O ouro de Agrícola é unha novela en que o seu autor, Enrique Vázquez Pita, desenvolve unha historia de intriga no marco da Galiza romana. Así, o seu protagonista, Severo Cecilio Segundo, escriba dun influínte avogado da época, chega á Gallaecia e se ve envolto nunha conspiración para roubar o ouro das Médulas, que el tratará de abortar. Para descubrir os responsábeis recurrirá aos procedementos da lóxica aprendidos dun filósofo grego exiliado.

 

 

 

 

 

Hosted by www.Geocities.ws

1