Van
do Prestige e Aínda Non Dimitiu Ninguén ¡Dimíteos
ti!
VRÁN,
PICHE E MENTIRAS
Isto
que vos vou contar pasoume en Agosto do 2003 nas Illas Cíes,
no meu país, Galiza.
Uns
días que tiven de vacacións decidín pasalos
no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Xa, xa sei que
non era o mellor sitio para tentar de recuperar a cabeza despois
de nove meses de pensamento cáseque único sobre
o chapapote, pero quería estar alí este ano tamén,
ollar como estaban.
De
partida manexaba dous tipos de información. Por unha banda
a oficial: tanto tódol@s membr@s do partido que nos governa
a nivel estatal e galego (mentireir@s), coma os medios de comunicación
na súa práctica totalidade (mentireir@s tamén)
dicían que tódalas praias de Galiza estaban esplendorosas
e aptas para o baño. O Parque Nacional non era menos, esplendoroso
tamén.
Doutra banda, a non oficial: eu, cos meus ollos podía ver
como a Bocadorío e moitas máis praias de Carnota
tiñan piche a esgalla, como noutras praias de Galiza seguían
e seguen tendo piche por un tubo e como segue chegando fuel novo
(será dese que se perdiu nos cálculos oficiais).
Tiña tamén visto unhas fotos da praia de Figueiras
(ou dos Alemáns) nas illas Cíes do mes de Xuño,
onde amosaban unha marea negra, e tiña lido unha entrevista
a unha parella á que lle mentiran,e que poideran comprobar
que non estaban limpas.
Como,
por moitas mentiras que teña oído na miña
vida, sigo a esperar e a reclamar o dereito á información,
tanto se ven dun organismo privado coma dun público, chamei
antes de coller o barco para saber cal era o estado das Cíes
e se tódolos areais estaban aptos para o baño. A
mentira foi o que obtiven por resposta: a mentira que oculta a
realidade sabida e a mentira que engana a sabendas. "Eu non
sei..." ou "si, si, está todo limpo"
Collín
o barco en Cangas. Ía cáseque valeiro, pero reparei
que nos acompañaban 4 ou 5 membros de Salvamento Marítimo.
Estranoume, xa que outros anos non os tiña visto, e a miña
mente e corpo sentiron de novo a carraxe da mentira: algo non
era coma a versión oficial me tiña dito. Pergunteille
a un deles: ¿sabes como están as illas? ¿sabes
se están limpas? "Si, lo sé, pero no te puedo
contestar, trabajo para salvamento marítimo" foi a
súa resposta. A carraxe xa me mordía nas entranas.
¿Tes orde de non contar a verdade? "Por escrito no,
pero hai cosas que se saben aún que no estén escritas",
respoutoume apuntando o que todos sabemos que pasa: se te moves
contra o poder non saes na foto (se non que llo digan ós
que saen en tódalas fotos ou ós que foron retirados
de golpe de todas elas). Non lle perguntei máis nada, só
lle dixen que debíamos ter dereito a non ser enganados,
e calei. El, noutro xesto de prepotencia, díxome "No
te preocupes, la playa a donde vais a ir va a estar muy limpia"
Sabía que se estaba a referir ó areal de Rodas (o
que sae nas fotos), entón díxenlle: a min gústame
máis o areal de Figueiras ¿podo ir? ¿está
limpo? A calada foi a súa resposta e xa non falamos máis.
Ó
chegar ás Cíes entereime da verdade: a praia de
Figueiras (ou dos Alemáns) estaba pechada, non se podía
entrar ne-la. Estaban sacando piche do fondo a esgalla, tarefa
na que participaban os meus acompañantes de viaxe no barco.
Ate tiñan unhas mangueiras para o bombeo a un barco que
estaba arriba, a recoller tan oculta carga tódolos días.
Se os da FPG queren saber de onde ven o chapapote que se descarga
tódolos días en Cangas, teñen ahí
unha das respostas.
Sentinme
aldraxado, enganado e estafado. A min informáranme que
podía disfrutar do areal de Figueiras, que estaba limpo,
esplendoroso, en perfectas condicións para o baño,
e non era así. ¿A quén lle reclamo? ¿Denuncio
ós políticos que nos malgovernan e nos minten? ¿Denuncio
ós medios de desinformación de masas, algún
deles público, que só están para seguir o
xogo do poder, non da información? ¿Denuncio ó
Concello de Vigo? ¿Denuncio ó Parque Nacional das
Illas Atlánticas (así de paso collo ó concelleiro
de medio ambente do PPrestige, outro dos ascendidos polos servizos
prestados)?
Tentei
de conter a carraxe que me come por dentro dende o 13 de Novembro,
quería recuperar a cabeza uns días. Non poiden ir
á praia dos Alemáns, so un día, a agachadas,
a estar ó lado dela un pouco, como levo estando estes meses
a carón de toda a nosa costa aldraxada e ferida de morte.
Tampouco fun ó areal de Rodas, estiven no das Conchiñas.
Non desconectei de todo: estiven con xente que pelexou todo o
ano contra o piche, as mentiras e a incompetencia, alí
nas Cíes (versión non oficial). Tamén tiven
a versión oficial: un xornal galego repetía neses
días a mensaxe institucional: tódalas praias de
Galiza están aptas para o baño.
Cando
ía coller o barco de volta a Cangas, parei na oficina de
información do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Pedínlles o libro de reclamacións: tíñanme
mentido e enganado e quería deixar unha queixa por escrito.
"Eiquí non temos libro de reclamacións, se
ques podes subir á caseta dos gardas do parque, que coido
que teñen unhas follas para suxerencias". ¿Suxerencias?
Claro, entendín a realidade: non podemos reclamar contra
o poder, eles están ó marxe das obrigas dos demais
mortais. Nin siquera podemos protestar se non os mentireiros,
terroristas e demáis somos nós. ¡¡Reclámallo
nas elecións!! Non é tan doado, os medios de desinformación
farán o seu cometido... Deste xeito, non dei máis
voltas, e decidín deixar a miña queixa por escrito
nesta páxina. De momento, xa están tentando de prohibir
a verdade tamén en internet, quédanos un caderno
onde poder deixar un anaco de liberdade.
Nunca
me acostumarei ó engano e Nunca Máis mudarei de
xeito de pensar.
XÁN
NINGUÉN
|


Asociación
para a defensa ecolóxica de Galiza 
Federación
Ecoloxista Galega


Olla
os Cormorán GZ
publicados atá de agora
O recuncho de
Epi Truel

Páxina de Nunca Máis Alcobendas
Arredemo

Master en xestión de catástrofes
¡Contacta con nós!
Voltar arriba
|