Plataforma Nunca Máis de Carnota

Van do Prestige e Aínda Non Dimitiu Ninguén ¡Dimíteos ti!

 

CARTA ÓS QUE DIN QUE GOBERNAN ESTE PAÍS
DUNHA SEREA AFINCADA NA COSTA DE CARNOTA

As miñas bagoas son negras por ver o meu lar tinguido dese negro veneno que mata o noso futuro, a miña vida, o mar.
Asomeime e tamén a ribeira está cuberta de escuridade, so alumeada por unha branca marea de solidaridade que con poucos medios e moito corazón loitan como heroes contra esa besta do averno negro.
Vin a homes e mulleres cabalgando sobre as ondas en barcos e jamelas, sacando coas súas mans espidas o chapapote mortal.
Xentes de tódalas idades, do mar e de terra adentro, foron quen de ver a realidade desta catástrofe e acudiron a loitar co chapapote, pero tamén tiveron que enfrentarse á carencia de medios, de información, de infraestructuras e de organización. Ninguén foi quen de ensinarlles que facer e moitos deles foron rexeitados por complices do chapapote que argumentaban que non eran necesarios, por operarios desbordados impotentes ante a desatención polas institucións que deberían estar dende o primeiro momento á fronte dos voluntarios, e acabaron retornandos ós seus fogares vencidos pola inoperancia que non polo fuel ou buscando outro lugar no que poder ser útiles na loita.
Non entendo este mundo de medias verdades e mentiras enteiras, que de nada serven para resolver o problema. O chapapote non desaparecerá por dicilo alguén nin por catalogalo como plastilina, ou falar de explendor nos areais. Os medios de comunicación non informan senon que din o que os incompetentes queren que se diga, censúrase ós que queren falar claro, manipúlanse os informes técnicos, desacredítase a quen impotente berra ante a desfeita, e insultan a todos aqueles que teñen os ollos abertos e vendo a verdade queren dicirlla ós demais. Quen non ve a negra e triste realidade está cego de prepotencia, vive soñando que é un deus poseedor da verdade absoluta demonizando ós que non lle son fieis. Queren que creamos nos miragres, no fuel que se evapora e no Plan Galicia que deixa ó verdadeiro afectado, o mar , so morte morte e olvido. Xogan a mercaderes e queren vender como bebedizo miragreiro o que xa lle pertence ó pobo galego por dereito, sempre esquecido dos deuses.
Farta de que se ignore ó máis indefenso e perxudicado, o meu mar, adentreime terra adentro para berrar a miña impotencia portada a ombreiros de homes e mulleres que entenden estas miñas bagoas e alentada por unha gran marea de incontables almas xemelas movidas polo mesmo amor ó mar e á vida, polo respecto a un planeta que todos temos que compartir. Homes e mulleres ós que lles dou dende aquí as gracias, no meu nome e no do mar, xente 100% digna, xente que si ve o chapapote e que non esquecerá esta desfeita, que non lles perdoará a súa incompetencia, as súas mentiras, as súas ausencias, os seus insultos e as súas ameazas. Non se deixarán enganar nin se venderá por esmolas manchadas de negrura, da mesma que rezuma do seu negro corazón de chapapote.
Para rematar, quero dicirlles que non quero as súas simpatías, nin a súa caridade, quero xustiza, que cumplan coa súa obriga, que poñan dunha vez tódolos medios necesarios, tanto técnicos como humáns para loitar contra o fuel. Quero que se elaboren plans de actuación en caso de emerxencia, que nas costas haxa medios anticontaminación permanentes (aínda que só se afunda un barco cada dez anos), que deixen de por trabas a quen si quere loitar, de mercar o silencio (con cartos que non son seus), que deixen de mentir sobre o verdadeiro estado do mar, tentando tapar o problema como lixo debaixo da cama.
Diría moito máis pero sei que non lle abrirei os ollos ó cego que non quere ver, que non me oirá o xordo que non quere oir, así que remato con dúas verbas que resumen tanta impotencia e dor: NUNCA MÁIS


A serea Mila

voltar editorial

 

Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza


Federación Ecoloxista Galega


 

Olla os Cormorán GZ
publicados atá de agora




O recuncho de
Epi Truel


Páxina de Nunca Máis Alcobendas


Arredemo


Master en xestión de catástrofes


¡Contacta con nós!

 

Voltar arriba

 


Hosted by www.Geocities.ws

1