Ciencias da Terra e do medio ambiente
Principal Arriba Bioloxía Ciencias da Terra e do medio ambiente Xeoloxía

 

Utilizarase o texto CIENCIAS DA TERRA E DO MEDIO AMBIENTE, da editorial McGraw Hill.

 

OBXECTIVOS XERAIS

O desenvolvemento desta materia ha de contribuír a que as alumnas e alumnos adquiran as seguintes capacidades:

1.       Comprende-lo funcionamento dos sistemas terrestres, as interaccións que se dan entre eles e as súas repercusións sobre o sistema humano.

2.       Coñece-las medidas preventivas ou correctoras que se deben de adoptar para contrarresta-las repercusións negativas que sobre o sistema humano provocan as manifestacións enerxéticas do planeta.

3.       Coñece-las posibilidades de renovación dos recursos naturais e adapta-lo seu uso e límite de explotación a estas posibilidades.

4.       Avalia-los beneficios económicos obtidos da utilización dos recursos naturais, tendo en conta as súas características, así coma os impactos provocados pola súa explotación.

5.       Investiga-los problemas ambientais dende unha perspectiva globalizadora que integre tódolos puntos de vista, recollendo datos, elaborando conclusións e propoñendo alternativas.

6.       Tomar conciencia de que a natureza ten os seus límites e que para asegura-la supervivencia  non hai que domina-la natureza senón aproveitarse dela respectando as súas leis.

7.       Saber utilizar certas técnicas de tipo químico, biolóxico, xeolóxico, estatístico, económico e das novas tecnoloxías da información e a comunicación para trata-los problemas ambientais.

8.       Amosar actitudes para protexe-lo medio natural escolar, familiar e local, criticando razoadamente medidas que sexan inadecuadas e apoiando propostas que axuden a melloralo.

 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

A seguir salientamos en negriña os criterios de avaliación tal e como se recollen no BOE de 16 de xaneiro de 2001

1.       Aplica-la Teoría de Sistemas ó estudio da complexidade e do carácter interdisciplinario das Ciencias ambientais, chegando a defini-lo concepto de Medio Ambiente baixo un enfoque sistémico e realizando modelos sinxelos que reflictan a estructura dun sistema natural ou a súa variación no tempo.

Pretendemos conseguir que o alumnado entenda o medio como un sistema de interaccións complexas, deduza a profunda interdependencia de todos e cada un dos procesos que ocorren na Terra, que sexa quen de elaborar modelos de sistemas sinxelos, de enumerar unha serie de repercusións en cadea da alteración de calquera das variables das que se compoñen e de valora-la importancia da toma de decisións no funcionamento dos sistemas.

2.       Situar correctamente na escala do tempo xeolóxico os cambios ambientais de orixe natural acaecidos ó longo da historia do planeta e comparalos cos que teñen a súa orixe nas actuacións humanas.

Pretendemos que o alumnado sexa quen de comprender modelos sinxelos sobre a regulación do clima no noso planeta; de sinalar na escala do tempo xeolóxico os momentos máis representativos dos principais cambios ambientais na historia da Terra: cambios na composición atmosférica (aparición da vida, aumento de osíxeno atmosférico, descenso do CO2, aparición do ozono e aparición do nitróxeno atmosférico), glaciación carbonífera, desertización triásica, extinción dos dinosauros e glaciacións cuaternarias; de sinala-las causas e efectos sobre o clima terrestre destes cambios e de compara-la duración dos mesmos con outros cambios debidos ás intervencións humanas (incremento do efecto de invernadoiro e outros cambios na composición atmosférica).

3.       Analiza-las interaccións mutuas entre o sistema económico humano e os sistemas naturais terrestres, utilizando os conceptos de recursos, residuos, riscos e impactos e clasificando cada un deles segundo diferentes criterios.

Que o alumno/a sexa quen de deducir que o sistema económico está incluído dentro do sistema ecolóxico, que está supeditado a este último tanto polas súas fontes ou entradas (os recursos) coma polos seus sumidoiros ou saídas (contaminación, residuos e impactos) e que non é sostible no tempo dende ningún punto de vista (ecolóxico, económico ou social) calquera acción humana que presupoña que o sistema económico é un sistema illado e na marxe do sistema ecolóxico.

4.       Relaciona-las interaccións enerxéticas entre as diferentes capas do interior terrestre, cos procesos de formación de recursos e cos riscos e impactos que estes procesos ocasionan no sistema humano.

Que o alumnado sexa quen de diferenciar entre os procesos xeolóxicos externos e internos en canto á transferencia de materia e ó fluxo de enerxía; de comprender que a xeosfera se comporta como un sistema con dúas entradas de enerxía que se mantén en equilibrio dinámico e, por iso, que pode ser fonte de recursos enerxéticos e minerais e causante de riscos; de contrasta-la diferencia existente entre os procesos lentos e os paroxísmicos.

5.       Explica-las interrelacións entre os sistemas fluídos externos da Terra, orixe, estructura e influencia sobre os demais sistemas, especialmente o humano.

Que o alumnado sexa quen de comprende-lo funcionamento da máquina climática como un sistema constituído polas capas fluídas; describi-las entradas e saídas deste sistema, así como as súas transferencias de materia e enerxía; así como as súas consecuencias sobre o clima, os cambios no relevo e a súa influencia para os seres vivos; e de valora-la importancia da súa investigación á hora de predicir e facer fronte ós riscos climáticos.

6.       Indicar algunhas variables que inciden na capacidade da atmosfera para difundir contaminantes, razoando en consecuencia, cáles son as condicións meteorolóxicas que provocan maior perigo de contaminación e distingui-las diferencias da química ambiental nas diversas capas atmosféricas.

Que o alumnado coñeza algunhas variables que inflúen na capacidade difusora da atmosfera (presión, humidade, temperatura, gradientes, topografía, urbanizacións, etc.) que poidan modificala, aumentando o risco de contaminación; así como os seus efectos sobre a saúde humana ou sobre o contorno. Ademais, que sexan quen de determinar algunhas das principais formas de detección, prevención e corrección da contaminación atmosférica.

7.       Utilizar técnicas químicas e biolóxicas para detecta-lo grao de contaminación presente en mostras de auga, valorando o nivel de adecuación para o desenvolvemento da vida e o consumo humano.

Que os alumnos e alumnas aprendan a calcular algúns dos parámetros que hoxe se usan para determina-la calidade das augas como a DBO, a cantidade de O2 disolto, a presencia de materia orgánica ou as especies biolóxicas indicadoras de contaminación, sabendo a partir deles diagnostica-lo seu grao de axeitamento para o desenvolvemento da vida ou o consumo humano. Ademais, pretendemos que coñezan as principais técnicas de depuración das augas e que manexen leis para a súa protección.

8.       Indica-las repercusións da progresiva perda de biodiversidade, enumerando algunhas novas alternativas para frear esa tendencia.

Que o alumnado saiba valora-la biodiversidade na súa triple dimensión como un legado recibido, froito de millóns de anos de evolución que é necesario preservar, como a lingua e a cultura. Ademais, que sexan quen de determina-las causas naturais e inducidas que a poñen en perigo e de enumerar algunhas medidas de carácter persoal, social ou político para a súa preservación.

9.       Explicar nunha cadea trófica cómo se produce o fluxo de enerxía e o rendemento enerxético de cada nivel, deducindo as consecuencias prácticas que deben de se ter en conta para o aproveitamento dalgúns recursos.

Que o alumnado aprenda a aplica-la regra do 10%, valorando que as perdas en forma de calor fan diminuí-lo rendemento enerxético de cada nivel; e que sexan quen de extrapola-las repercusións prácticas que ten, por exemplo, o feito de consumir maioritariamente alimentos dos últimos niveis tróficos.

10.   Determina-los beneficios que se obteñen da explotación de recursos enerxéticos, minerais, hídricos, forestais, etc., considerando os prexuízos do seu esgotamento e os do impacto ambiental producido por esta explotación.

Que os alumnos/as aprendan a clasifica-los recursos en renovables e non renovables; que comprendan o significado desta clasificación e que aprendan que a renovabilidade dun recurso renovable está condicionada ó ritmo da súa utilización. Preténdese que sexan quen de analiza-las causas e os efectos en canto ó uso dos mesmos. Ademais, preténdese que sexan quen de detectar, criticar e achegar unha serie de medidas para evita-los impactos producidos pola explotación dos recursos, valorando a importancia dos “custos ocultos”, e da posta en práctica duns mecanismos de ecoeficiencia.

11.   Investiga-las fontes de enerxía que se empregan actualmente en España e no resto de Europa, avaliando o seu futuro e o doutras alternativas enerxéticas.

Que os alumnos/as aprendan a realizar pequenas investigacións, compilando datos sobre as fontes de enerxía utilizadas no noso país e na UE, sobre a súa dependencia do exterior e sobre o seu futuro, avaliando, ademais, a súa rendibilidade.

12.  Planificar unha investigación para avalia-los riscos máis frecuentes que pode sufrir unha zona xeográfica do, noso país tendo en conta as súas características climáticas, litolóxicas, estructurais e as debidas ó impacto humano, realizando un informe no que se indiquen algunhas medidas para mitiga-los riscos.

Que o alumnado saiba detectar e clasifica-los principais riscos que afectan a unha zona xeográfica concreta; diferenciar, en canto á súa contribución ó risco total, entre os tres factores de risco (perigosidade, vulnerabilidade e exposición); distinguir entre perigo e risco. Ademais, aprenderán e aplicarán a cada caso concreto os principais métodos de predicción e detección.

13.   Enumera-las razóns polas cales existen en España zonas sometidas a unha progresiva desertización, propoñendo algunhas medidas razoadas para palia-los seus efectos.

Que se comprendan as causas polas que no noso país o risco de erosión é moi elevado; do influxo que teñen os factores que incrementan a erosividade, como o tipo de precipitacións ou a erosionabilidade, como o relevo, a litoloxía ou a cobertura vexetal; e a acción humana nos procesos erosivos. Ademais, pretendemos que se coñezan algunhas medidas para a protección dos nosos solos.

14.   Avalia-lo impacto ambiental dun proxecto onde se definan algunhas accións que poidan causar efectos negativos no medio natural.

Que o alumnado aprenda a identificar e avalia-lo impacto ambiental dun proxecto (obra pública, fábrica, etc.), mediante o uso dalgunhas técnicas como a matriz causa-efecto de Leopold e outras, determinando a intersección entre as accións humanas e os efectos ambientais e obtendo como resultado global unha valoración cualitativa do impacto.

15.   Diferenciar nun problema ambiental entre os argumento do modelo “conservacionista” e os do “desenvolvemento sostible”.

Que os alumnos/as aprendan a diferenciar, nun texto ou en informacións de prensa, os argumentos do modelo conservacionista ou do desenvolvemento sostible, entendendo que a visión dos problemas ambientais varía segundo o grao de desenvolvemento económico e social e ten en conta diferentes intereses e criterios. Ademais, pretendemos que comparen eses dous modelos con outro: “a explotación incontrolada” e que aprendan a argumentar en contra deste último a partir das regras de Herman Daly.

16.   Propoñer unha serie de medidas de tipo comunitario que poida segui-la cidadanía encarreiradas a aproveitar mellor os recursos, a diminuí-los impactos, a mitiga-los riscos e a conseguir un medio natural máis saudable.

Que os alumnos e alumnas aprendan e asuman as grandes alternativas mundiais para aproveitar mellor os recursos e diminuí-los impactos a recomendacións sinxelas, que poidan ser seguidas por unha comunidade, como as referidas ó aforro de enerxía e de auga, á diminución de impactos por efecto dos aerosois, á participación en accións cidadás encarreiradas á protección do medio ou as referidas a evita-la aparición de situacións de risco.

17.   Utilizar modernas técnicas de investigación (GPS, fotografías de satélites, radiometrías, etc.) baseadas nas novas tecnoloxías da información e a comunicación, en pequenas investigacións ambientais.

Que coñezan as principais aplicacións das novas tecnoloxías ó estudio do medio, que aprendan as principais técnicas nas que están baseadas, que interpreten fotografías aéreas e de satélite e que valoren a importancia das novas tecnoloxías á hora de previr e corrixi-lo deterioro ambiental ou na detección e prevención dalgúns riscos.

 
Hosted by www.Geocities.ws

1