Volver
Contomundi
Os contos do mundo | Los cuentos del mundo

 

 

 

A raposa e as sardiñas
(Galicia, España)

Un sardiñeiro levaba un burro cargado cunha caixa de sardiñas que arrecendían a frescas a máis dun quilómetro. Chegou o cheiro ao nariz dunha raposa, e pensou como faría para darse unha farta delas.

Discorreu de facer o morto no camiño por onde ía pasar o sardiñeiro, de xeito que cando pasou e viu a raposa dixo:

-¡Ai, home, que sorte che tiven hoxe! ¡A pelica desta raposa aínda che ha de valer uns bos cartos!

E, sen máis, pillouna polo rabo, púxoa enriba das sardiñas e seguiu o seu camiño botando conta das cousas que ía mercar cando vendese a pelica. Pero a raposa, en canto se viu soa, comezou a botar sardiñas ao chan ata non deixar ningunha no caixón. Entón tamén se tirou ela.

Buscou unha cesta, colleu as sardiñas todas e marchou á sombra dun castiñeiro a comelas mentres dicía:

-A listura da raposiña enganou ao home das sardiñas...

 

Subir

 




Locations of visitors to this page


http://es.geocities.com/ismaildemalpica

© Mario Aller

transparent
Hosted by www.Geocities.ws

1