RAMIRO DA BARCA

 

” Chamabanlle   á familia de Ramiro “ os da Barca “ ,porque  seu bisabó e seu abó tiveran barca no Miño , entre  Portomarín e Belesar .Desto  fai muitos anos , cando ainda  ninguén  pensaba no famoso embalse que deixou Portomarín sobre as augas , e coa vila as famosas viñas .

A barca do bisabó e do abó  de Ramilo non era  propiamente unha barca , senón un caixón , que se sirgaba  cunha corda  tendida de ribeira a ribeira , e o patrón axudaba cunha pértega de guía .

Na barca  pasaba o río xente , pero tamén porcos , xatos e algún cabalo .E máis dunha  vez pasaron no caixón , pintado de vermello , viaxeiros que non eran do país , que ben se lles vía que eran de lonxe pola fala e pola vestimenta .

Unha vez  chegou ao embarcadeiro da Ribeira esquerda un home cáseque xigante ,envolveito nunha gran capa azul con voltas coloradas e cuberta a cabeza cunha birreta mui galoneada en ouro .Calzaba botas de  brillante coiro que lle chegaban aos xoenllos.

Polo que se vía viaxaba soio e a pé , e non levaba máis equipaxe que unha trompeta en bandoleira , mui lucido o metal , como si a cada paso lle estivesen pasando un pano .Ramiro contaba según a versión que dou do choio o seu bisabó .

O forasteiro mui barbado , dou os bos días e preguntou si podían  pasalo  á  ribeira  dereita , onde o agardaban  cun cabalo  para seguir  viaxe a Ourense .O barqueiro , bisabó , como digo , de Ramiro , díxolle  ao forasteiro  que tiña que agardar  media hora , que estaba á  espera  dun parente de seu , que chegaba  cuns cabritos .O forasteiro  alporizouse , e berrando dixo que el non era home de esperar  por uns cabritos  e un feirante .

O bisabó de Ramiro  erre que erre  que tiña que agardar  polos cabritos , e o forasteiro  que tiña presa  e que tiña que pasalo  axiña  .Si houbese  amosado  a man cunha propina , supoñamos  catro pesetas , o bisabó  de Ramiro , seguro que o pasaría  sin agardar ao parente  cos  cabritos , que podían  agardar  éstes pacendo , e a feira de Chantada era ainda  para o  día seguinte .

O forasteiro  case espumeaba  por aquela boca , berraba  palabras  forasteiras , e vendo a terquedade  do bisabó  de Ramilo , botou man  da trompeta e tocou .Tocou un áer de alarma  que debeu  de escoitarse  en Sarria  e mesmo en Lugo .Ergueuse  un gran vento frío , e da outra banda do río  botouse á auga un cabalo mouro , que agollapaba sobre as ondas .O forasteiro  tocou agora un áer   máis suave  , que  parecía como asubío , decíndolle  ao cabalo  onde se atopaba .O bisabó  de Ramiro  veu  un coitelo ensanguentado na man do forasteiro , e santiguose .E o santiguo salvouno , que o coitelo caíu ao chan , e o cabalo afondouse nas augas polas que agallopaba como por campo de maio .

-¿ É o forasteiro  ?

Pois o forasteiro saíu voando , botando lume , e perdeuse cara  ao  Páramo , deixando un ronsel  de fume negro .

-¡ Sería un demo tolo !, comentara  contando o caso o bisabó de Ramiro .

Anos  despois , perto de Triacastela , atoparon a trompeta , limpa , brillante , e na buguiña tiña  un letreiro que decía  “Made in England”.O forasteiro sería, en todo caso , un demo inglés .¿E qué se lle perdería  en Ourense ?.

 

                                                                                       ALVARO CUNQUEIRO

 

 

 

                             Texto:      © EDITORIAL GALAXIA, S.A.- Reconquista , 1 - VIGO

 

Volver á  páxina anterior

Hosted by www.Geocities.ws

1