Estatutos


Atrás Principal Seguinte

 

CAPÍTULO I:DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO:

 CAPÍTULO II: ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN

CAPÍTULO III: A ASEMBLEA XERAL

CAPÍTULO IV: SOCIOS

CAPÍTULO V: FINANZAS

CAPÍTULO VI : DISOLUCIÓN

DISPOSICIÓN ADICIONAL

CAPÍTULO I

DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO:

 

 Artigo 1º. Coa denominación Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA)  “ A LAGOA “ do Novo CEIP de Monforte de Lemos, procede adapta-los Estatutos desta Asociación, ao amparo da Lei Orgánica do Dereito á Educación 8/1985 e da Lei Orgánica 1/2002 do 22 de Marzo e demais leis e disposicións complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

Este nome é provisional en tanto o Centro non dispoña de nome propio. Pasando nese momento a denominarse “ Asociación de Nais e Pais de Alumnos A LAGOA do CEIP...”

 

Artigo 2º. Esta Asociación constitúese por tempo indefinido.

 

Artigo 3º. Terá como fins os seguintes:

a)      Asistir ás nais, pais ou titores en todo aquilo concernente á educación dos seus fillos ou pupilos.

b)      Colaborar nas actividades educativas e extraescolares do Centro, cooperando coa dirección do colexio no estudo de métodos ou procedementos que sirvan para aumenta-lo nivel educativo.

c)      Promove-la participación dos pais dos alumnos na xestión do Centro.

d)      Asistir aos pais de alumnos no exercicio do seu dereito a intervir no control e xestión do Centro.

e)      Facilita-la representación dos pais de alumnos no Consello Escolar do Centro.

f)        Estimula-la participación dos pais de alumnos na programación xeral do ensino a través do órgano colexiado correspondente.

g)      Fomenta-las relacións de cooperación do Centro con outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do entorno.

h)      Promove-la plena realización do principio de gratuidade no ámbito do Centro, a efectiva igualdade de dereitos de tódolos alumnos sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza ou sexo.

i)        Requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, recadando a atención e axudas que esta mereza.

j)        Promover actividades formativas e culturais, como cursos, conferencias, coloquios ou seminarios, para informar e orientar aos socios nos problemas relativos á educación dos fillos.

k)      Promover reunións de colaboración de pais con profesores e as boas relacións entre ambos.

l)        E todos aqueles non recollidos nos Estatutos e que sexan conformes á Lei.

 

Artigo 4º. Para o cumprimento destes fins realizaranse, loxicamente, todas aquelas actividades formativas, culturais e de estudo e reunións con tódolos sectores da comunidade educativa e todas aquelas outras tendentes a cumpri-los fins sinalados e que sexan conformes á Lei e decididas polos órganos competentes.

 

Artigo 5º.  A) Para a realización das actividades que lle son propias a Asociación utilizará locais do Centro, facilitando o Director a integración de ditas actividades na vida escolar tendo en conta o normal desenvolvemento da mesma.

B) Aos efectos da utilización dos locais do Centro a que se refire o apartado anterior será necesaria a previa comunicación da Xunta Directiva da Asociación á Dirección do Centro.

 

Artigo 6º. O ámbito da Asociación é local e fixa o seu domicilio no Novo CEIP de Monforte de Lemos, sito na rúa Emilia Casas Baamonde, s/n, 27400 Monforte – Lugo.

 

 

CAPÍTULO II

 

ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN

 

Artigo 7º. A Asociación estará representada e administrada por unha Xunta Directiva formada por:

-         Un Presidente

-         Un Vicepresidente

-         Un Secretario

-         Un Tesoureiro

-         Vocais: un mínimo de tres e un máximo de cinco.

 

Tódolos cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos. Esta será nomeada e revocada pola Asemblea Xeral e o seu mandato terá unha duración de dous anos.

 

Artigo 8º. Os membros da Xunta Directiva que esgotaran o prazo para o que foron elixidos, continuarán ostentando os seus cargos ata o momento en que se produza a aceptación dos que os van substituír.

 

Artigo 9º. A Xunta Directiva será elixida pola Asemblea Xeral, presentándose listas abertas de candidatos, dos cales os nove máis votados formarán a devandita Xunta e os seguintes quedarán como suplentes por orde de votos.

A xunta electoral estará formada por dous socios que declaren a súa intención de non presentarse ás eleccións. Serán nomeados pola Asemblea Xeral que deberá ser convocada  trinta días antes das eleccións pola Xunta Directiva.

As candidaturas deberán ser presentadas perante a mesa electoral ata quince días antes das eleccións e deberán ser socios da Asociación de Nais e Pais de Alumnos “ A LAGOA “ do Novo CEIP de Monforte de Lemos.

A mesa electoral estará formada pola xunta electoral e presidida polo membro de máis idade, publicará o censo de asociados e enviará a cada un deles as papeletas cos nomes de tódolos candidatos, colaborando para iso a Xunta Directiva saínte.

Cada votante elixirá entre sete e nove persoas da lista, non sendo válidas as papeletas con máis candidatos elixidos.

Os resultados serán proclamados pola xunta electoral unha vez finalizado o reconto de votos e resoltas as reclamacións se as houber.

De non presentarse máis de nove persoas que cumpran os requisitos, serán nomeados automaticamente como Xunta Directiva.

 

Artigo 10º. A Xunta Directiva elixirá de entre os seus membros os cargos correspondentes.

 

Artigo 11º. As vacantes que se puideran producir por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, ou por incumprimento das obrigas propias do cargo, poderán cubrirse provisionalmente por outros membros da Xunta Directiva ata que se celebre a primeira reunión da Asemblea Xeral.

 

Artigo 12º. A Xunta Directiva reunirase tódolos meses do curso escolar e ademais sempre que sexa convocada polo Presidente. Tamén deberá reunirse a petición dun terzo dos seus compoñentes. Quedará validamente constituída cando asistan a metade máis un dos seus membros e, para que os seus acordos sexan válidos, deberán ser tomados por a maioría dos votos correspondentes aos presentes. En caso de empate, o voto do Presidente será de calidade para deixar sen efecto o empate.

 

Artigo 13º. As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a tódolos actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requira segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

Son facultades particulares da Xunta Directiva:

a)      Dirixi-las actividades da Asociación e leva-la xestión económica e administrativa, acordando realiza-los oportunos actos e contratos.

b)      Executa-los acordos da Asemblea Xeral.

c)      Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral os Balances, Contas e Programa anual de actividades.

d)      Resolve-la admisión de socios se fose necesario.

e)      Nomear Delegados para unha determinada actividade da Asociación.

f)        Calquera outra que non sexa de competencia exclusiva da Asemblea e sexa conforme á Lei.

 

Artigo 14º. A convocatoria das reunións da Xunta Directiva será feita polo Presidente, coa orde do día e unha antelación mínima de corenta e oito horas, agás en casos de urxencia nos que se convocará no momento que sexa necesario. A orde do día será fixada polo Presidente, tendo en conta as peticións dos demais membros, formuladas coa antelación suficiente.

 

 Artigo 15º. O Presidente terá as seguintes atribucións:

a)      Representar legalmente á Asociación anta toda clase de Organismos Públicos ou Privados.

b)      Convocar, presidir e levanta-las sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixi-las deliberacións duna e doutra.

c)      Ordenar pagos e asinar xunto co Tesoureiro os libramentos, cheques, etc.

d)      Recibir en nome da Asociación calquera cantidade que proveña de subvencións de entidades públicas e/ou privadas.

e)      Autorizar coa súa sinatura os documentos, actos e correspondencia da Asociación.

f)        Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle, ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen perxuizo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

g)      Asumirá tamén, en todo caso, tódalas facultades que a Lei estableza.

 

Artigo 16º. O Vicepresidente será o encargado de substituír ao Presidente en ausencia deste, motivada por enfermidade ou calquera outra causa, e terá as mesmas atribucións que este. O Presidente poderá delegar nel a atención ou xestión de asuntos determinados ou un conxunto dos mesmos, previa conformidade da Xunta Directiva.

 

Artigo 17º. O Secretario terá ao seu cargo a dirección dos traballos meramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os libros da Asociación legalmente establecidos e o ficheiro de asociados e custodiará a documentación da entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles nos correspondentes rexistros, así como a presentación das contas anuais, do programa de actividades e o cumprimento das obrigacións documentais, nos termos que legalmente corresponda; ademais velará pola conservación dos locais sociais e gardará o selo da Asociación.

 

Artigo 18º. O Tesoureiro estará encargado de recadar e conserva-los fondos da Asociación. Levará o Libro de Caixa e asinará os libramentos de fondos xunto co Presidente; elaborará o proxecto de orzamento que a Xunta Directiva debe presentar ante a Asemblea Xeral e preparará as contas que deban someterse a dita Asemblea.

 

Artigo 19º. Os vocais terán as obrigas propias do seu cargo como membro da Xunta Directiva e poderán recibir por acordo desta o encargo de presidir ou coordinar grupos de traballo así como a execución de encargos, comisións, representacións e outras tarefas que pola Xunta Directiva lle fosen encomendadas.

 

 

CAPÍTULO III

A ASEMBLEA XERAL

 

Artigo 20º. A Asemblea Xeral é o órgano supremo e soberano da Asociación e estará integrada por tódolos socios.

 

Artigo 21º. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. A ordinaria celebrarase obrigatoriamente unha vez ao ano, dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio e nela proporase a aprobación das Contas, Orzamentos e o Programa xeral da actuación social. A Asemblea Extraordinaria celebrarase cando o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten por escrito razoado ao menos o 10% dos asociados especificando os motivos concretos da súa solicitude, que deberán figurar na orde do día.

 

Artigo 22º. A convocatoria das Asembleas Xerais farase por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea, en primeira convocatoria, mediarán ao menos cinco días, facendo constar , así mesmo, a data e hora en que se celebrará a segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a media hora.

 

Artigo 23º. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos asociados e en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados presente.

Os acordos da Asemblea Xeral Ordinaria tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións. No caso da Asemblea Extraordinaria, os acordos tamén se tomaran por maioría simple, agás aqueles aos que fai referencia o artigo seguinte.

 

Artigo 24º. A Asemblea Xeral reunirase con carácter extraordinario, obrigatoriamente, cando se tomen acordos relativos a:

-         Disposición e enaxenación dos bens propiedade da Asociación.

-         Nomeamento da Xunta Directiva.

-         Modificación dos Estatutos da Asociación.

-         Disolución da Asociación, sendo convocada a Asemblea, neste caso, con este único punto na orde do día.

-         Solicitude de declaración de utilidade pública da Asociación e integración en Federacións.

 

En todos estes casos será necesario o voto favorable dos dous terzos dos asociados presentes na Asemblea.

 

CAPÍTULO IV

 

SOCIOS

 

Artigo 25º. Poderán ser membros da Asociación as nais, pais e titores dos alumnos que cursan estudos no Novo CEIP de Monforte de Lemos, sito na rúa Emilia Casas Baamonde, s/n, 27400 Monforte – Lugo.

 

Artigo 26º. Serán dereitos dos asociados:

a)      Elixir e ser elixible para todas as funcións representativas da Asociación.

b)      Ter voz e voto nas reunións da Asociación.

c)      Tomar  parte en todas as actividades da Asociación.

d)       Dirixir peticións e propoñer iniciativas aos órganos de goberno da Asociación.

e)      Obter e recibir da Xunta Directiva canta información precisen sobre a xestión asociativa.

f)        Asistir a todas as reunións e actos convocados pola Xunta Directiva.

g)      Colaborar activamente no cumprimento dos fins da asociación e na execución e eficacia dos mesmos.

 

Artigo 27º. Serán deberes dos socios:

a)      Observar e cumpri-los estatutos da Asociación e os acordos da Asemblea.

b)      Contribuír economicamente ao sostemento da Asociación na forma e modo que estableza a Asemblea Xeral.

 

Artigo 28º.  Causarase baixa na Asociación:

a)      Por petición do interesado.

b)      Por baixa dos fillos matriculados no Centro.

c)      Por impago das cotas, mediante un apercibimento previo da Xunta Directiva.

d)      Polo incumprimento dos Estatutos.

e)      Por utilización da Asociación con fins alleos aos específicos da mesma.

 

Artigo 29º. Para excluír a calquera socio polas causas dos apartados d e e do anterior artigo, deberá abrirse un expediente pola Xunta Directiva no que se sinalaran detalladamente os feitos que orixinan a expulsión. Así mesmo  deberase oír ao  propio  expedientado que poderá presentar as alegacións que considere oportunas para a súa defensa e que se unirá ao expediente que estudará a Xunta Directiva e propoñerá a decisión que considere oportuna. Se optase pola expulsión, presentará a decisión na próxima Asemblea Xeral quen despois de oír á Xunta Directiva e ao socio, se o solicitase, tomará unha decisión que será inapelable.

 

 

CAPÍTULO V

FINANZAS

 

Artigo 30º. Os recursos económicos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:

a)      As cotas dos socios periódicas ou extraordinarias que serán determinadas pola Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.

b)      As subvencións, legados, herdanzas ou doazóns que puidera recibir de forma legal e que sexan aceptados tanto que proveñan de persoas físicas ou xurídicas.

c)      Calquera outro recurso de procedencia lícita.

 

Artigo 31º. A Asociación carece de patrimonio fundacional.

O patrimonio social que se vaia constituíndo estará composto por tódolos bens que se adquiran para a realización dos fins sociais. A súa administración económica correspóndelle á Xunta Directiva.

 

Artigo 32º. O exercicio asociativo e económico coincidirá co inicio e a fin do curso escolar que fixe a Administración Educativa para cada ano académico.

 

 

CAPÍTULO VI

 

DISOLUCIÓN

 

Artigo 33º. Esta Asociación disolverase voluntariamente  cando así o acorde a Asemblea Xeral convocada ao efecto e por acordo duna maioría de dous terzos dos asociados.

 

Artigo 34º. En caso de disolución nomearase unha comisión liquidadora que, unha vez extinguidas as débedas e se houbese sobrante líquido destinarase  a aquelas entidades sen fin de lucro dedicadas á realización de fins educativos cun espírito semellante ao que anima a esta Asociación e que se sinalará na Asemblea Xeral na que se acorde a liquidación.

 

 

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

 

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de Marzo, reguladora do Dereito de Asociación, así como a lei Orgánica 8/1985 reguladora do Dereito á Educación do 3 de Xullo e demais disposicións específicas de aplicación da Comunidade Autónoma de Galicia o do Dereito Estatal Supletorio en ausencia do Autonómico segundo dispón a Constitución Española.

Hosted by www.Geocities.ws

1