LIMIAR
  

    Xosé González Lopez, natural de Carballo de Hospital, aldea do concello de Quiroga, faleceu o 10 de setembro de 1997.
    A penúltima vez que estivo nun hospital, para ser intervido nunha operación, levou un caderno, coa intención de escribir nel as súas memorias durante os días que tivese que quedar alí.
    Somentes tivo tempo de escribir unha introducción na que contaba que foi polos meus tres irmáns e máis eu, os seus catro netos, por quen decidiu escribir as súas memorias:
    Meu avó perdeu a fala nesa operación a causa dunha trombose, non foi exactamente perder a fala.. a palabra médica é "afasia", esqueceu como combina-las letras para formar palabras. E naquel caderno quedou unha inroducción sen rematar, e unha chea de palabras ou intentos de palabras.. nomes de pobos ou xentes que escribía cando non eramos quenes de entendelos coa súa mímica e os seus balbuceos..

    Chamábanos "burros" de seguido. Esa era das poucas palabras que se lle entendían perfectamente: "burro", "Ai Deus", "Carallo"... Carallo.. lembro unha vez que na miña casa, en Vigo, amoseille un programa do ordenador no que unha voz lía con acento yankie todo aquelo que ti escribiras. El escribiu "carallo", e non paraba de rir.. caéndoselle as bágoas e berrando 'Ai Deus' mentres escoitaba como unha voz ridícula pronunciaba sen paixón ningunha a palabriña..

    Meu avó non chegou a escribir as súas memorias, pero quedan nas nosas mentes moitos recordos, e perdoade se me estendo de máis gardando algúns deles nesta páxina: xogaba ó tute coma ninguén.. polas noites eu marchaba para a cama, coa miña irmá, e cando ela quedaba durmida erguíame e corría á terraza, onde me agardaban el e os meus dous irmáns, para xoga-la partida.
    Non había noite en que non asomara a cabeza á nosa habitación, co seu sorriso e os seus ollos vivarrachos, e non había noite en que non lle pedíramos un conto. Non coñezo a ninguén que conte os contos tan ben como os contaba o meu avó..
Nos seus ratos libres.. os poucos ratos libres que deixa o traballo do campo, tallaba a madeira. E a proba de que non se lle daba nada mal, son varias exposicións que fixo en Quiroga, Ponteceso, Silleda.. e os distintos encargos ou regalos que fixo.
    Eu lembro especialmente un relevo que quedou na igrexa de San Salvador de Hospital, e que sempre me amosaba, con ollos brillantes cando íamos á misa. O meu mellor recordo: foi unha noite que pasei na casa, en Sampaio. El andaba algo tristón, e eu non daba durmido na cama, por que metéraseme na cachola que necesitaba dicirlle que o quería.. como se non o soubese. Parecíame parvo erguerme, achegarme a el, que aínda estaba no salón coa televisión prendida, e soltarlle un "quérote". Parvo no sentido de que non cría que puidera entender a magnitude desa palabra. Non era un "quérote" mimoso, coma os abrazos agarimosos que lle daba a miúdo ó calor da fogueira, ou os bicos que me daba el, picando coa súa barba a medio afeitar. Era un "quérote" que saltaba do corazón á gorxa. O pensamento máis sincero e certo que tiven na miña vida. ¿En que ton debe dicir alguén un "quérote" semellante?.
    Saltei da cama e marchei cara ó salón. Sen saber exactamente qué facer, pero segura de que non podía seguir mais alí tumbada.. Limpei as bágoas e entrei.
Alí estaba o meu avó, cunha talla enriba da mesa, boca abaixo, tratando de escribir algo. Senteime canda el e tratei de axudarlle.
    Nunca tomei unha decisión tan acertada como a de erguerme aquela noite. Alí estaba eu, sentada a carón do meu avó, interpretando cada un dos seus xestos, balbuceos, e palabras mal escritas.. o seu nome escribíao perfectamente "Xosé González Lopez" .. pecha e abre os ollos.. ¡¡naceu!!.. o nome do lugar non tiven que axudarlle a escribilo..
    E cada vez que acertaba unha palabra.. unha aperta.. e eu saltando da cadeira de felicidade. ¿Que qué é isto? Pois o Crismón da Hermida. ¿Que non? .. ¿como que non? ¿Non é o Crismón da Hermida? Si pero non.. si pero non. Mira que tardei eu, de parva, en darme conta.. e el berrándome unha e outra vez, cun sorriso impaciente, BURRA!!!
....
E por fin..
    ¡¡UNHA REPRODUCCION!! ¡Unha reproducción do Crismón da Hermida!     Menuda aperta que me deu.. e alí quedei eu abrazada.. os dous triunfantes.. e susurreille por fin o "quérote".
Xa non hai moito mais que contar, por que aí quedou a lembranza máis feliz da miña vida.
 

    A el van adicadas estas páxinas.. nas que co tempo irei intentando escribir os contos que el me contou, e outros que seguramente coñecía.. e outros que irei atopando, e que de seguro lle iría contando eu se estivese vivo, igual que lle contei os seus, cando xa non mos podía contar el, e asomaba a cabeza á habitación polas noites, e eu mandábao entrar, para lle contar un conto. E el ría tapando a boca, esvarando algunhas bagoas.. e eu abraiábame o ver que podía existir no mundo alguén tan feliz.. e, aínda máis, alguén tan feliz a pesares de todo.

    Tamén quero agradecer a Bieito Romero que me fixera lembrar a necesidade do que pretendo facer: o comezo do curso, os estudios lograron que esquecera as miñas intencións, escoitar a historia dos Raqueiros e os seus consellos, axudoume a espertar as miñas inquedanzas.. Tamén teño que agradecerlle a bibliografía recomendada e, naturalmente, un consello que, ainda que é (ou debería ser) por todos coñecido, nunca ven de máis lembra-lo: "non deixes de escoitar nunca aos teus maiores xa que de ahí ven a sabiduría máis ancestral."

    Contos, cantigas,lendas, refráns.. e un berro de "SOCORRO" por se alguén que se achegue por aquí, ten algo que contar ou correxir.

Páxina Principal
g[email protected]
 
Bibliografía

Non están todos os que son.. nin son todos os que están (algunhas cousas xa non lembro de onde diaños as saquei, e algúns destes libros aínda non os 'utilicei' para amplia-la páxina.. eso si, todos son mais que recomendables).

Las leyendas tradicionales gallegas (Leandro Carré Alvarellos). Ed. Espasa-Calpe

Lebhar Ghabala (ou libro das invasions de irlanda.). Ed. Akal

Ritos y creencias gallegas  (Xesús Taboada Chivite. Ed. Akal

Antropología Cultural de Galicia  (Carmelo Lisón Tolosana). Ed.Akal

Contos populares de Galiza (Luis Carré Alvarellos)

Contos populares da provincia de Lugo  Editorial Galaxia.

Lendas galegas de tradición oral  (X.M. González Reboredo) Ed. Galaxia

Contos e Lendas dos países celtas  (Jean Markale)

Lembranzas de vellos Editado po-la Xunta de Galicia

Hosted by www.Geocities.ws