cinelog.gif (3623 bytes)
BREVE HISTORIA DO CINECLUBE
MEMORIA DE ACTIVIDADES (1995-2001)
FUNCIONAMENTO DO CINECLUBE

Ampliar a imaxe

Un dos folletos de man
editados para as sesións semanais
do Cineclube,
neste caso en decembro de 1974.





O logotipo do Cineclube durante
boa parte dos anos oitenta e noventa.

    BREVE HISTORIA DO CINECLUBE

     A principios do curso 1970-71 naceu, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio, o Cineclube Padre Feijoo, herdeiro da tradición cineclubista da cidade que durante os sesenta foi representada polos cineclubes Ourense —de efémera vida, nacido en 1961 e fenecido pouco despois— e Miño —posto en marcha ao pouco de pechar o anterior, e aberto ata 1964—. Nos setenta, o Padre Feijoo «desbordará os límites dun mero cine-clube e converterase nun dos elementos máis dinamizadores do movemento cultural, contribuíndo ao surximento e desenvolvemento dunha das manifestacións cinematográficas máis interesantes da década: as "Xornadas de Cine en Ourense"» (Ángel Luis Hueso en Historia do Cine en Galicia, Vía Láctea, 1996, pp. 185-6). As Xornadas pasan no 78 a se denominar «Xornadas do Cine das Nacionalidades», abandeirando así o nacente cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado.

     Durante os oitenta, e xa definitivamente separado da Escola, o Cineclube segue con ciclos como as Mostras Cinematográficas (oito edicións) ou, máis tarde, o titulado «Espacios fílmicos», en colaboración co Cine Dúplex. A isto hai que engadir a organización de cursos de formación cinematográfica e conferencias, ciclos de cinema infantil, de humor, expresionismo alemán, cinema francés,... e a edición de folletos e catálogos en galego practicamente desde a súa fundación (especialmente desde 1974; v. Marcos Valcárcel, «Apuntes para a historia do cineclubismo galego», en Entregas de Comunicación Cultural, nº 7, Consellería de Cultura, 1984).

     As proxeccións do Padre Feijoo teñen pasado por multitude de salas durante estes anos, desde cinemas comerciais ata salóns de actos públicos ou privados; coa inauguración a principios dos oitenta da Casa da Cultura, o seu salón de actos é acondicionado, mediante a instalación de dous vellos proxectores de 35 mm —que aínda hoxe seguen en funcionamento—, mercados de segunda man e que teñen posibilitado que o Cineclube teña en Ourense unha especie de ‘sede’ para as súas sesións. Soamente a fins dos noventa pasou a utilizarse de forma intermitente o Teatro Principal, equipado co gallo do Festival de Cinema Independente —utilización interrompida despois por un cambio na política da xerencia da sala—, e actualmente existe o proxecto, paralizado, de restauración e reequipamento da sala da Casa da Cultura.

 

Ampliar a imaxe

A imaxe actual do Cineclube
foi creada en 1995 polo deseñador
Rober Araújo.
     Moitas persoas teñen pasado pola directiva do noso Cineclube: lembremos, por poñer tan só uns exemplos, a Emilio Losada —primeiro presidente da entidade—, Segismundo Bobillo —tamén membro dos cineclubes precursores—, José Paz, Marcos Valcárcel, Eloy Lozano, Manuel Aián, Afonso Blanco... ata chegar á actual, presidida por Alberto Llorente desde 1995. Un dos logros do Padre Feijoo foi a consecución da creación da Federación de Cineclubes de Galicia, con sede na cidade das Burgas e que hoxe por hoxe agrupa a todo o cineclubismo existente no país.

     O Cineclube Padre Feijoo é un dos cineclubes en activo máis antigos de Galicia, tan só superado polo Cineclube Pontevedra (que foi creado en 1954) e polo Cineclube Carballiño, que só ten un ano máis. Aínda que a atención institucional ao labor cineclubístico deixa moito que desexar —o noso Cineclube ten sobrevivido nos últimos anos no límite da débeda, con axudas só para ocasións específicas— máis de trinta anos traendo bo cinema á cidade de Ourense son un feito que hai que celebrar, e a mellor maneira é seguindo adiante.

 

MEMORIA DE ACTIVIDADES
Desde a temporada 1995-96

Anos 1995 e 1996

Ano 1997

Ano 1998

Ano 1999

Ano 2000

Ano 2001

As fichas técnicas das películas proxectadas desde o ano 2000 poden verse nesta mesma web, cos seus correspondentes carteis e ligazóns.

 

Modelo de carné de socio
posto en circulación en 1995.

FUNCIONAMENTO DO CINECLUBE

Para asistir ás proxeccións do Cineclube Padre Feijoo —por norma xeral, no salón de actos da Biblioteca Pública (Casa da Cultura, Rúa Concello 11, Ourense)— abonda con ter asinado algunha vez a ficha de inscrición. Dita ficha non compromete a nada, e as cuotas de socio/a poden pagarse semanalmente, só por aquelas películas que se vaian visionar. A cuota semanal é de 3 euros (2,40 euros no caso de titulares de carné de estudiante ou Carné Xove).
O socio ou socia que emprega este sistema é Socio/a Base. Se, a maiores da cuota semanal, paga 6 euros anuais, pasa a ser Socio/a Colaborador/a, o que lle dá dereito a acceder á Biblioteca e Videoteca da Federación de Cineclubes de Galicia (Rúa Ramón Cabanillas 1-entr., 32005 Ourense; aberta de luns a venres, de 10 a 14 h), a entrar no sorteo mensual dos carteis das películas proxectadas e a diverso material promocional proporcionado polas distribuidoras (postais, guías, etc.).
Existe tamén a figura do Socio/a Protector/a, que unicamente paga 60 euros anuais, o que lle outorga todos os dereitos do Socio/a Colaborador/a e non ten que pagar ningunha cuota semanal.


Voltar ao inicio

Hosted by www.Geocities.ws

1