Avelino Díaz
Avelino Díaz Díaz naceu en Santa Comba da Órrea, concello de Riotorto (Lugo), o día 14 de novembro de 1897. Aos dez anos foi vivir a Meira coa súa familia e no 1910 emigrou á Arxentina, voltando a Galiza no 1916 e volvendo a saír no 1920 para Cuba onde estivo moi pouco tempo e de alí foi cara a Bos Aires (1921). A infancia de Avelino Díaz tivo días tristes, soubo de sufrimentos, o que lle foi dando namentres medraba unha mocidade de rexa moral con inquedanzas de home estudioso para chegar na madurez a ter unha personalidade literaria de fonda raizame galega. Empurrado polo sentimento galego que lle naceu na diáspora achegouse á colectividade de Bos Aires e comezou a facer xornalismo. Colaborou en Céltiga, Despertar Galego e no seu sucesor Galicia, do que foi director durante algúns anos, así como nos xornais Opinión Gallega, Lugo e a Revista Galicia Emigrante que dirixía Luís Seoane. Durante a guerra civil Avelino púxose a traballar coas organizacións de axuda á España Republicana. En contacto coa Federación de Sociedades Galegas realizou unha morea de tarefas solidarias. Coa derrota das forzas leais comezaron a chegar os exiliados, entre eles o "guieiro natural dos galeguistas", Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Avelino participou na creación das Irmandades Galegas participando do seu xornal A Nosa Terra. Nun dos seus artigos o propio Avelino Díaz sinala sobre o momento político: "Manteñamos ergueita a nosa fe, vivamos coa esperanza e fagamos no adiante, como fixemos ata agora, do amor á nosa patria a oración laica de todos os días e de todas as horas. O noso pobo vive e ten inquietude. Mañá mesmo pode ser día de redención". O 28 de xuño de 1936 díxonos que "os tempos foron chegados e que -as nosas vaguedades cumprido fin terán-". En 1947 publicou Debezos en galego
Justo Rivas FernándezNace o 3 de xuño de 1873 no Mazo de Ferreiravella, daquela na parroquia de Riotorto (actualmente pertence á de Espasande de Baixo), de familia sumamente humilde. É vocación serodia: ingresa no Seminario aos dezaoito anos. Estos dous feitos farán que a súa formación literaria e gramatical se resintan durante toda a súa vida: nunca chegou a falar correctamente o castelán.
No ano 1900 é ordeado sacerdote, tendo obtido en todas e cada unha das asignaturas a calificación de meritissimus. Tres anos máis tarde, acada o título de Doutor en Teoloxía e Licenciado en Dereito Canónico, pola Universidade Pontificia de Santiago de Compostela.
O 31 de xullo de 1922 é nomeado Bispo titular de Priene (Turquía) e auxiliar do Cardeal Arcebispo de Santiago de Compostela, D. José Martín de Herrera; días máis tarde, o insigne purpurado noméao Provisor, Vigairo Xeral do Arcebispado e Delegado Xeral de Capelanías, Conmutacións e Redencións. Á morte do Cardeal (8 de decembro de 1922) é elexido por unanimidade Vigairo Capitular. O Dr. Rivas queda electo pero non consagrado. Nesta situación estraña ficou, en Santiago, dous anos longos sen poder recibir a ordenación episcopal ata que por Real Decreto de 21 de outubro de 1924 foi nomeado pola S. M. o Rei, Bispo de Plasencia, sendo preconizado, por Pío XI, para a mesma sede no Consistorio de 18 de decembro. Recibe o episcopado o 26 de xullo de 1925, en Santiago, de mans do nuncio apostólico Monseñor Tedeschini, auxiliado polos Bispos de Mondoñedo e Lugo. O 20 de xaneiro de 1925 o Vigairo Capitular de Plasencia, Dr. Francisco Javier Flórez Gómez, anuncia a tódolos diocesanos a nova da preconización do Dr. Rivas para a sede placentina. Sucede nesta cadeira episcopal ao prestixioso D. Ángel Regueras López.
Fai a súa entrada na diócese o 13 de setembro de 1925. O seu pontificado placentino, de curta duración, impresionou a todos pola súa sinxeleza, bondade e espírito de traballo. A morte sorpréndeo en Santiago, o 16 de xullo de 1930. Contaba cincuenta e sete anos e dispúñase a participar e solemnizar, coa súa presenza, as festas xacobeas. Está soterrado na Catedral Metropolitana da Cidade do Apóstolo.
José EcheverríaTras finalizar a Primeira Guerra Mundial morreu en París José Echeverría, audaz e enxeñoso inventor de todo tipo de artiluxios, natural da aldea do Mazo (Ferreiravella, concello de Riotorto) onde naceu no século XIX. Este singular personaxe, do que apenas se coñecen detalles da súa vida, inventou e patentou un carro de combate, usado polas tropas británicas na Primeira Guerra Mundial, e que gozou de gran éxito grazas á facilidade de manobra que ofrecía. Nos xornais ingleses, franceses e alemáns da época tivo unha gran repercusión este invento bélico, que en España pasou practicamente desapercibido. |