Artigo da Moura nº 1 de 1998

 

HISTORIA E CONSTRUCIÓN NACIONAL: MANUEL MURGUÍA.

 

Prudéncio Viveiro Mogo

 

Unha das principais utilidades que se lle deu ao estudo da História foi a de servir de base para un proxecto de construción nacional. Será no século XIX cando as nacións comecen a se construir tal e como as coñecemos hoxendia. A História xogará un importante papel nesas construcións nacionais, convertendo-se en instrumento de coesión interna e de reforzamento da memória colectiva para a afirmación nacional. Tal situación converterá ao novecentos no século das nacións, mas tamén no século da História, devido ao grande papel que xoga nas construcións nacionais.

      O desenvolvimento historiográfico decimonónico non vai ser uniforme. Asi, de xeito xeral, podemos dicer que existen duas posicións históricas enfrentadas: por un lado temos a influéncia que vai ter no discurso historiográfico a Revolución francesa (1789) e os sucesivos movimentos liberais de 1830 e 1848. Por outra parte, tamén na historiografia afectará a contra-revolución, é nese ámbito onde temos que situar o Romanticismo alemán, que terá a Herder como figura  mais sobranceira. De cada posición histórica vai xurdir unha ideia de nación diferente: dun lado, o liberalismo transmitirá-nos a ideia de nación herdada da Revolución francesa, tendo o seu fundamento na Soberania Nacional e na ideia de cidadán; por outro lado, a liña do Romanticismo vai resaltar sobretodo a etnicidade, a ideia orgánica da nación, facendo fincapé no “Volksgeist” ou espírito do povo.

      Existen, xa que logo, duas ponlas historiográficas, a liberal e a romántica, e estas serviron tamén a distintas ideias de nación. Na Galiza a orixinalidade vai estar na síntese que se realizará entre romanticismo e liberalismo. Nos autores galegos do século XIX  será importante a etnicidade e o celtismo, situacións ambas que os converten en historiadores románticos, mas hai que mencionar a induvidável filiación liberal dos historiadores galegos do século XIX. Deste xeito se o romanticismo vai xeralmente unido ao conservadurismo, no senso de que ollan cara o pasado coa ideia de recuperar vellas institucións feudais e corporativas, para resucitá-las no presente, isto non ocorre nos historiadores galegos. Os autores galegos ollaran cara o pasado, mas non con nostálxia. A sua ideia de etnicidade tiña unha función clara: a de prestixiar à Galiza, recuperar un pasado glorioso para construir un futuro próspero. Non podemos deixar de mencionar aqui a funcionalidade que se lle está a dar à História, pondo-a ao servizo dun proxecto nacional: o da Galiza.

      O xeito de prestixiar a Galiza vai mudar no século XIX a respeito de como se viña facendo alomenos desde o século XVI, cando a glória da Galiza estabelecia-se en ser o primeiro dos povos españois, o que pretendia resaltar a História era a españolidade da Galiza. No século XIX o prestíxio non vai ir por ese camiño, senón que a glória vai vir dada por ser a Galiza un povo direrente aos do resto da Península, e esa diferenza devén da orixe celta da povoación da Galiza, o celtismo será o guieiro que seguen a maioria dos historiadores à hora de plantexar a orixe egréxia da povoación galega.

      Dentro do que é a xeneralización do celtismo no século XIX temos que facer unha precisión: na maioria dos historiadores o celtismo só adquire un valor cultural, só acada unha perspectiva histórica, quer dicer, non lle van dar unha finalidade política; é o caso de historiadores como Verea y Aguiar, Martínez Padín ou Vicetto; a intención destes autores era a de prestixiar à Galiza; cunha História apoloxética, mas da que non se tira nengunha conclusión política. Caso diferente será o de Manuel Murguía, quen porá as suas investigacións históricas ao servizo dun proxecto político: o galeguismo; é aqui onde se pode dicer que a História cumpre un papel fundamental na construción nacional.

      Deste xeito, o caso mais claro, e mais importante, de vencellación entre Historia e construción nacional na Galiza imo-lo atopar en Manuel Murguía, o historiador galego mais importante do século XIX, tan importante que deixará unha forte impronta, tanto pola sua figura como pola sua obra, que permanecerá até ben avanzado o século XX. Sen dúvida, podemos afirmar que Murguía é o apóstolo do celtismo na Galiza, o home que identificou totalmente aos celtas coa povoación galega. O celtismo converte-se no cerne de toda a argumentación de Murguía, o alicerce encol do que se ergue todo o seu edifício histórico-político. A importáncia de Murguía devén de que através da argumentación histórica da raza contribuirá a sementar unha consciéncia nacional, é dicer, irá lavrando o galeguismo, aproveitando a raza como factor de reivindicación.

      Para Murguía, pois, é a raza celta onde se fundamenta a nacionalidade galega, a Galiza pertenceria a unha raza diferente ao do resto dos povos peninsulares. O celtismo é o elemento fundamentador da Galiza, o que lle imprime carácter. O celtismo é a base do “Volksgeist” galego, a raza oferece uns costumes e un xeito de vida próprio. Esta raza celta atopa a sua comprovación na História, no proceso histórico é onde se demostra o carácter celta da Galiza. Cómpre ter en conta que Murguía à hora de valorar o celtismo na História non destaca tanto a orixe celta da Galiza, canto a continuidade céltiga ao longo da História, é dicer, é mais valorada a permanéncia dos caracteres céltigos co paso do tempo. Desde a sua chegada os celtas imporian os seus valores, que chegarian incólumes até a actualidade. Factores como a conquista romana ou a romanización non terian efecto sobor do carácter celta da Galiza,e, pola contra, a chegada dos suevos favoreceria mais a impronta céltiga. Tampouco o submentimento da Galiza aos Reis Católicos acadaria lixar o componente céltigo. Que o celtismo pervivera até a actualidade é o que lle dá valor reivindicativo, xa que con tan nobre orixe a Galiza non pode ficar no submetimento.

      Unha vez que ten ergueito o seu edifício histórico, Murguía vai-no pór ao servizo do seu proxecto político: o rexionalismo galego. O celtismo acada toda a sua funcionalidade prática criando a consciéncia nacional galega, demostración de que a História contribui asi à construción nacional. E cal é a misión  que cumpre a História no proxecto político murguián?. Primeiramente axudar a criar unha identidade própria, unha nobre orixe factor de reivindicación. O celtismo entende-se tamén coma factor de superación das contradicións internas e das fendas sociais. É claro que o celtismo impugna o centralismo español, xa que o carácter celta dá-lle à Galiza unha vida diferenciada, que tamén esixe unha vida política própria. O celtismo cumpriu tamén un factor de modernización, a orixe nobre devia estar en conxunción coa economia do país, o prestíxio celta devia axudar tamén ao prestíxio da economia. Recapitulando: temos que a construción de Murguía baseia-se en vários factores encadeados: unha raza, fundamentadora da nacionalidade; à sua vez esa raza atopa demostración na História, e esa História está posta ao servizo dun proxecto político, que ten por misión reivindicar a causa da Galiza. Raza e História son, xa que logo, os elementos fundamentais da argumentación de Murguía. Asinalar tamén o papel que Murguía lle concede à língua galega coma factor nacionalitário, anque esta cuestión non será desenvolvida plenamente até o século XX.

      Podemos observar como estamos no outro extremo da História apoloxética dos séculos anteriores, que resaltavan a españolidade da Galiza. Na argumentación de Murguía ocorre todo o contrário, resalta--se a diferenza da Galiza a respeito do resto da Península, é dicer, produciu-se un claro desprazamento do referente nacional: Da España à Galiza. Deste xeito xa nos atopamos con elementos dun movimento nacionalista: un referente de afirmación, que é a Galiza e o celtismo; e un referente de negación, que é a España/Castela.

      Sendo a raza un dos principais argumentos de Murguía a sua posición pode levar a crítica coa acusación de racista; cómpre ter en conta que o critério de raza en Murguía é fundamentador, non xenófobo, quer dicer, as referéncias à raza neste autor van dirixidas aos galegos, para acordar do seu letargo secular, para servir de base a un programa de reivindicacións que tiña por finalidade mellorar as condicións da Galiza e dos galegos. A sua apoloxia da raza era para o “consumo interno” dos galegos, e non ia dirixida contra ninguén. No esquema de Murguía non hai formulacións agresivas nen violentas, e isto deve-se fundamentalmente à sua ideoloxia liberal que bloqueava calquer decantación política-ideolóxica de tintes racistas. A construción de Murguía non teria nada quer ver coa doutro contemporáneo seu, Sabino Arana, no que si son claros os plantexamentos racistas e xenófobos. Pola mesma a ollada de Murguía ao pasado non é para recuperá-lo (cousa que si acontecerá con Alfredo Brañas),senón  que o celtismo converte-se en factor de europeidade e modernización para a Galiza. Non se pode atacar a Murguía cos parámetros que o racismo acadou en tempos posteriores, a afirmación dunha raza e a eliminación doutras. Esa non foi nunca a postura de Manuel Murguía.

      À fin e ao cabo o importante non é que fóramos ou non celtas, senón a finalidade que co celtismo se pretendia: dar-lle un pasado glorioso à Galiza para sementar nos galegos a consciéncia nacional e facer que se ergueran e loitaran polo seu país. O esquema céltigo murguián non vai contra ninguén, está posto ao servizo da Galiza, ao servizo de todo un Povo. Valoremos iso de Manuel Murguía.


 

 


    BIBLIOGRAFIA.

 

    BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.: “A Historia da Historia: Aproximación a unha historiografia galega (séculos XVI-XIX)”. IV Xornadas de Historia de Galicia. Historiografia Galega. Ourense. 1988.

      BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.: “Aproximación a unha historiografia galega”. Semata. Nº 5. Santiago de Compostela. 1993.

      MÁIZ, Ramón: “Raza y mito céltico en los origenes del nacionalismo gallego: Manuel M. Murguía”. Revista Española de Investigaciones Sociológicas.  Nº. 25. 1984.

      MÁIZ, Ram´on: “A función político ideolóxica da Historia no discurso do nacionalismo galego”.  Actas Congreso Internacional da Cultara Galega. Santiago de Compostela. 1992.

      BERAMENDI, J.G. / NÚÑEZ SEIXAS, X.M.:  O nacionalismo galego. A NOSA TERRA. Vigo, 1995.

 

                                                                         PRUDÉNCIO VIVEIRO MOGO.

 

VOLVER

 

A Moura 2002

Hosted by www.Geocities.ws

1