Editorial da Moura nº 1 do ano 1998

 

Editorial

 

Miguel Anxo Sartal Lorenzo

 


    Son moitas as revistas de todo tipo que hoxe nos rodean, e variados os temas que as compoñen. A maioría delas toman o camiño da especialización, o da formalidade, ou convírtense en mensaxeiros de determinados grupos con obxectivos case sempre polítcos.

    O noso gusto pola Historia, Xeografía, e Historia da Arte (como alumnos desta Facultade que somos), polas Humanidades en xeral, así como outras disciplinas que nos poden aportar novos horizontes á realidade en que vivimos xestou, alá nunha tarde soleada de Marzo do ano pasado, a idea da creción dunha revista.

   Tería que ser algo informal, para ler e comenta-los temas en calquera sitio, como na cafetería. Os contidos serían flexibles, serios pero de lectura fácil, e nos que habería desde artigos dun traballo de investigación ata a recensión dun libro que cres que vale a pena ler, ou un congreso ó que asistiches, unha viaxe, un lugar, algo que che fixo reflexionar,.... Temas de actualidade sobre os que queres da-lo teu punto de vista, comentarios, creación literaria. Unha revista aberta a todos, participativa, onde todos  marquémo-     

-lo rumbo a seguir, que en principio parte desde o achegamento ós estudiantes, á sociedade, xogando un papel importante a divulgación e a reflexión. Ademais tentarase dar información ós universitarios, de bolsas, cursos, congresos, conferencias, etc.; de todo aquilo que a xente quere saber pero que sempre se entera logo de que pasou.

    Estas son a grandes rasgos as pautas que nos marcamos, de ti depende que vaia adiante ou non. Neste primeiro número podes ver mellor por onde van os tiros, os contidos e as divisións. Se che gusta pódesnos apoiar de dúas maneiras, lendo a revista e aportando ideas, ou participando nela directa ou indirectamente. Directamente botándonos unha man na confección, e indirectamente pero de gran importancia, enviándonos escritos teus á dirección que en páxinas interiores che indicamos, e así poder ser publicados.

    Nun mundo como o actual, onde os valores que priman son os da utilidade e competitividade, entendidos mecánica e tecnicamente, apoiados coa desculpa do progreso, outros posicionamentos distintos teñen unha recepción social moi reticente, deixándolles pouco sitio para podérense desenvolver. É por isto que desde estas follas queremos abrir unha porta para todos aqueles que aínda cren que ó ser humano lle interesan outras moitas cousas. Vós diredes.

 

VOLVER

 

A Moura 2002

Hosted by www.Geocities.ws

1