A tinta do meu bolígrafo é miña...

... e ,polo tanto, fago con ela o que quero como se escribo acerca dos hábitos de masturbación en parella da mosca común. Sen embargo, esta vez discorrerá o meu discurso sobre outras cuestións que chamaron poderosamente a escasa atención que lle son capaz eu de prestar a todo aquelo que non sexa durmir; comezarei  dicindo que me preocupan moito os temas sociais, polo que falarei do que é, a todas luces o feito social maís importante deste pobo; anque en principio, a miña intención era falar do Automobilismo con maiúsculas e en xeral; pero vendo que xa me está saíndo longo dabondo este tratado sobre Automobilismo Deportivo, vaia,estou adiantando acontecementos, voume conformar con centrarme en certas peculiaridades do Automobilismo Deportivo na localidade de Pontenova.

            Remontémonos uns anos atrás. O peor mal da sociedade segundo moitos que viviron aquela época era a falocracia ou machismo; pois ben, agora moitos (home, non tantos) opinamos que a peste deste pobo é o Automobilismo con maiúsculas, entendendo como tal a “paixón desmedida por ter un carro con moitos cabalos mecánicos e moitas válvulas”. Iso sí , non é bon meter no mesmo saco ó Automobilismo Deportivo (porque senon Perilla Diabólica e Cia nunca me publicarían esta deposición mental); ten que quedar claro que o Automobilismo Deportivo nesta localidade é un feito singular, con certas peculiaridades que nunca tal se viron noutro lado do universo coñecido; é sen dúbida unha manifestación cultural que, ai oh, a ver se se arraiga e se fai tradición. Como todolos grandes inventos da Humanidade, entre os que poden citarse ó Rockanrol ou o bocata de Nocilla con anchoas, o Automobilismo Deportivo é algo mestizo, ou sexa, unha “fusión entre dúas correntes de caracteres ou personalidades moi distintas”. Isto último, son consciente, cómpre aclaralo. Imaxino que non pasaría desapercibido para ninguén que certos visionarios intentaron mestura-lo Automobilismo Deportivo con outros deportes con máis ou menos éxito. Sirva como exemplo o que se conta a continuación.

            Un dos intentos máis orixinais, sendo ademáis a práctica multitudinaria, e ata o momento a única na que os afeccionados fundaron unha asociación para defende-los seus intereses, atopámolo no Slalom Automobilístico. Este nome provocou polémica, a ALXDS4R ( Asociación Local para a Xestión e Desenvolvemento do Slalom Sobre 4 Rodas) prefire a denominación de Slalom sobre 4 rodas; Pistón Bermello cre que a denominación correcta é Slalom Automobilístico, pero no fondo dalle igual e incluso non lle parece mal que cada un lle chame como queira, así que a polémica durou pouco.

Os resultados  acadados polos sufridos pioneiros non foron especialmente brillantes, non se sabe se por falta de neve ou por exceso de árbores; o caso é que a baixada era dificultosa, ardua e minaba a moral dos ousados pioneiros. O ideal segundo a ALXDS4R sería habilitar montes pelados darriba pabaixo, reclamación á que lle fai eco Pistón Bermello dende a güeb, polo que agardamos que en breve se realice o soño de todo Automobilista Deportivo con alma de esquiador ( de Slalom Deportivo , non de “picadeiros”, non confundamos); soño ó que aínda non houbo ningunha aproximación razoable posto que os teóricos da ALXDS4R (vaia, os entendidos) estiman que tres ou catro toxos sería o límite máximo tolerable non pernicioso para a práctica deste “lúdico, interesante e, por se fora pouco, edificante e constructivo pasatempo”, segundo eles mesmos dicen que, anque temen  quedarse curtos con estes calificativos,  “tamén é certo que non existen outros máis apropiados para calificar a este deporte”. Para rematar  con esta Actividade Automobilística, recalcar que os afeccionados a practican en pésimas condicións, o que non axuda en absoluto a que espalle, ademáis de crebar moitas vocacións.

            Outra manifestación , non menos curiosa, é aquela da que vou a falar a continuación. Seguramente poucos vislumbraron que o Automobilismo Deportivo se podía conxugar cun deporte tan aparentemente distinto como é aquel grandioso espectáculo ( non Espetáculo ) de tirarse a unha piscina dende un trampolín facendo malabarismos coma tirabuzóns e outros. Afortunadamente, unha mente preclara de máis aló de Titirimundi, non se sabe por casualidade ou ebriedade (de ser por isto último acabamos de proporcionar un argumento irrefutable para que non penalicen a aqueles que conducen cunhas copas entre o peito e o lombo) , fíxonos un esbozo do que será o futuro do Automobilismo Deportivo;  naquela pequena demostración prescindiu de trampolín ( tirou de carraca e o bordillo da beirarrúa fixo o resto) e no que o río Eo fixo de piscina. Este é un achádego caralludo porque así o río ten unha funcionalidade  máis ( a única, posto que de cocho que tá nestes momentos non vale nin pa bañarse, nin pa pescar, nin pa beber del, ben se deita que hai bares) e así a ninguén se lle ocorrerá tiralo, vendelo por  tres pesetas ou mandalo ó vertedeiro de lixo porque agora que o río vale para algo non é plan desfacerse del.

            Esta especialidade, fáltame dicilo, denomínase Salto-Automobilístico Deportivo e a localidade ideal para practicalo é A Pontenova, que, a pesares de non ter unhas instalacións modernas, ten un río único en todo o mundo que se presta de marabilla para estas algueiradas; despois de todo, ¿qué máis da?, uns cantos centos de litros de aceite

máis non se lle notarían. Aparte de todo isto, as autoridades locais ven con moi bos ollos que a xuventude teña iniciativas propias e en absoluto se entrometen neste tipo de actividades que, como todo Automobilista Deportivo debería saber, resultan moi adecuadas para rodar un caldeiro do trinque.

            Para finalizar mencionarei, esta vez de pasada, outra orixinalidade do Automobilismo Deportivo local. Esta cecais conleva menos riscos que as anteriores pero executada tal e como os cánones mandan é coma as outras, un auténtico e primoroso Espetáculo Automobilístico (Deportivo, por suposto); trátase do Polo-Automobilístico Deportivo. Esta está moito menos desenvolvida cas anteriores pero tamén é porque o abismo entre un cabalo animado e os 50 CV mecánicos dun diesel que eu me sei é moi grande ( dixo O Piloto), e iso que é un diesel porque mellor non falar de [..autocensurado..] que practica cun coche modelo [..autocensurado..] que, por certo, por se fora pouco nin sequera é o seu. Ata o de agora o máximo progreso que se fixo non foi máis aló de trompear nestas singulares e gráciles monturas polo que sería o terreo de xogo. Ademáis é un deporte de equipo, vamos que só hai un equipo participando; nunca, segundo os meus informes, se celebrou unha confrontación entre dous conxuntos, máis que nada por se resulta que sae frontal. Un último apunte, a mellor hora para practicalo: entre lusco e fusco pro ó mencer, pola fresca.

            Ben, o caso é que dixen moito máis do que tiña que contar, eu seguía esbardallando pero tampouco é cousa de aburrir maís ós que cheguen lendo ata aquí que supoño que non serán moitos. En todo caso, se a alguén, polo que fora, non lle gustou que lle bote azucre e bueno como iba dicindo que xa non sei que era pois que claro  o que pasa é que o rollo é que dende logo o que non se pode facer baixo ningún conceto é seguir así ¿sabes? porque claro é como  dicía eu  ¿non? que posto que non é plan nin hai pretexto pra elo e todo eso e blablablabla pois por causa que non por culpa de non sei  que e que sei eu e eu que sei e que máis da que xa tá acabando e de feito pois xastá.....

(acabouse).

 

Por certo, despois de ler este artigo, ¿aínda queda alguén ó que lle apeteza falar de Automobilismo Deportivo? .

 

O Barón da Birra  

 

Hosted by www.Geocities.ws

1