Fernando Blanco  de LemaFernando Blanco de Lema

(CEE 1796 - LA HABANA 1875)


Fernando Blanco de Lema

Naceu en CEE (A Coruña) o 18 de outubro de 1796. Moi novo emigrou a La Habana onde logo de adicarse a industria e as finanzas deixou un capital inmenso e numerosos edificios. No seu testamento dispuxo a creación dun colexio de primeira e segunda ensinanza no seu pobo e casa natal. 

Despois de moitos avatares, no 1886, foi inaugurado o Colexio Fernando Blanco en Cee. Este centro tivo gran repercusión na formación dos veciños da comarca. A mediados do s. XX  converteuse en Instituto Laboral, logo de Formación Profesional e na actualidade é un  Instituto de Secundaria.

Os restos do filántropo repousan na capela do colexio. En Cee ten unha rúa adicada, e en 1973 ergueuse un monumento diante da fachada do edificio.


Fundación Fernando Blanco de Lema

O Centro de primeira e segunda ensinanza do mesmo nome naceu como resultado da vontade de Fernando Blanco de Lema, expresada no testamento en data 2 de abril de 1875, na Habana (Cuba).

Fernando Blanco de Lema foi un destacado filántropo do século XIX en Galicia. Naceu en CEE (A Coruña), o 18 de outubro de 1796 e faleceu na Habana (Cuba) o 8 de abril de 1875. Sendo neno foise para a illa caribeña onde se adicou a industria e as finanzas. Deixou a súa morte un capital inmenso e numerosos edificios.

Morreu solteiro e sen fillos "de ninguna clase", deixou unha grande fortuna e nomeou a dous albaceas "para que con mis bienes y sus productos funden en mi pueblo natal y casa en que nací un Colegio de primera y segunda enseñanza que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal, bien entendido que desde el momento que el Gobierno quisiera encautarse por cualquier evento o causa sea cual fuere de dicho Colegio faculto desde ahora a mis albaceas y fideicomisarios para que los empleen en otras obras benéficas y de caridad en mi pueblo..."

Aínda que o testamento sinalaba a súa casa natal como futuro edificio do Colexio, o solar tiña só seis metros de fronte por oito de fondo.Os terreos lindantes eran moi caros, entón decidiron a compra de terreos no pé do Monte Armada, no lugar coñecido como "Agra de Cee". A compra ascendeu a 93.800 reales de vellón. Máis tarde mercaron outra finca colindante destinadas a prácticas de Agricultura (4.942 rls. de vellón). A finca "Campo de Vallecas" de 2.240 m² foi adquirida no 1936.

Construcción do Colexio de Segunda Ensinanza:

O arquitecto Aguilar foi o redactor dos proxectos. As obras comezaron o 2 de agosto de 1880. Segundo a acta da Corporación Municipal con motivo da colocación da primeira pedra o director da obra "dio la voz de empiezo y lo efectuaron las tres brigadas a un tiempo, resonando a la vez en el espacio el estruendo de numerosas bombas, repique de campanas, clamores y vítores por la multitud de gentes que habían concurrido y concurrieron..."

Antes do remate das obras o 6 de maio de 1884, houbo dúas folgas dos traballadores, reclamando aumento de xornal e pola separación das obras do mestre aparellador. As obras interiores non remataron ata 1886. En outubro puido iniciarse o curso con tres profesores e un director. O importe total das obras ascendeu a cantidade de 185.921,77 pesos. Na adquisición de material pedagóxico e obxectos de ornamentación 4.659,55 pesos.

Fundación mediados s.XX

Outros servicios, axudas e persoal:

En 1887, creouse a Estación Telefónica Interurbana, tamén aberta ó público. Os gastos eran sufragados pola propia Fundación. Os beneficios obtidos foron destinados a obras públicas do pobo.En 1906, o Colexio firma un contrato coa Electra de Juan Cereijo (salto de auga do río Carboal) para a instalación do alumeado eléctrico.A principios de século, eran sufragados os dereitos de matrícula, libros de texto, viaxes e estancia de Santiago ós alumnos pobres do Colexio que quixeran dar validez oficial ós estudios feitos.Ademais das prazas de profesores, mestres, médico, farmacéutico e capelán, traballaban para a Fundación: un administrador, un auxiliar de dirección, unha telefonista, un escribinte de secretaría, un sereno, un xardineiro, un carpinteiro, un bedel e catro mozos de limpeza.

Edificio da Escola de Nenas.

O solar da casa natal, coa compra de outros dous solares pasou a acadar os 935 m², cunha superficie edificada de 256 m² e 679 para xardín e patio de recreo. Todo elo sería unha escola para nenos de 4 a 7 anos e para nenas de 7 a 14.Cando os albaceas quixeron inaugurar a Escola, algúns veciños conseguiron que o Goberno prohibise a súa apertura pola proximidade co cemiterio parroquial. A Fundación solicitou do Concello a construcción dun novo cemiterio 1.790 m² no "camino que hay por la Magdalena de Cee a Brens", sendo o importe da compra de mil pesetas. A Escola de Nenas comezou a funcionar no curso 1887-88.

Dotación de material pedagóxico

Gabinete de Historia Natural: dotado con máis de tres mil novecentos exemplares do reino animal. Entre eles unha colección de insectos de Galicia. Mil especies de plantas de diversos países. En mineraloxía unha colección de cincocentos minerais e outros tantos fósiles. Unha extraordinaria colección de cunchas, con máis de dous mil exemplares de todos os mares e algúns ríos do mundo.

Gabinete de Física e Química: Con douscentos setenta e sete aparatos e máis de catrocentos productos orgánicos e inorgánicos.

Gabinete de Agricultura: noventa e dous modelos de instrumentos e máquinas agrícolas a escala reducida e mostras de terra, abonos e sementes.

Cátedra de Ximnástica Hixiénica: co mellor material do momento para os exercicios ximnásticos.

Cátedra de Debuxo e Pintura: No curso 1886-87 había 52 varóns e 54 mulleres matriculados. No propio taller de carpintería do Centro son feitos caballetes e outras pezas. Hai tamén unha colección de xesos de varios estilos, Renacemento e Gótico, outra de figuras humanas e cabezas e de extremidades.

Clases de Música: Clase diaria, de hora e media de duración, pero en días alternos para mozos e mozas. Ademais de Solfeo, hai clases de Canto, Piano e Violín. Dotado con tres pianos, moitos instrumentos de corda e algúns de vento, como ocarinas e flautas. En 1892 funciona o Orfeón con 25 voces. Orfeón e alumnos instrumentistas amenizarán as veladas artístico-musicais organizadas con fins caritativos e para recadar fondos para as festas patronais. Tamén consta a existencia da Banda de Música.

Clases de Caligrafía: Impartida tres días cada semana en clases dunha hora.

Clases de Xeografía: Colección completa de esferas, mapas murais do mundo, España, Galicia e cadros de Xeografía Astronómica e de Historia.

Teatro: Houbo obras de teatro para "recreo y cultura de los alumnos y del público en general". En 1904 había un escenario con surtido de decoración para ser armado no patio da escola de nenos no tempo de vacacións.

Farmacia: En 1887 empeza a funcionar a farmacia "en ella se hallan cuantos medicamentos puedan ser necesarios para toda clase de enfermedades y se facilitan gratis a los empleados del Colegio", "a precios sumamente baratos al público" e tamén "se les dan gratis a los pobres de solemnidad de la parroquia". O médico do Centro vacuna a todos os alumnos e as persoas do Concello que o desexen e gratuitamente.

Biblioteca: Obras de Historia de España, Xeografía, Debuxo, Física e Química, etc. Aberta máis adiante ó público, en 1901 conta con 1140 volumes.


Obras de arte

Cadros de Federico Madrazo: Federico Madrazo (Roma 1815-Madrid 1894), pintor, director do Museo do Prado, retratista. Fixo oito retratos para o Colexio da Fundación Fernando Blanco. Entre outros, está o retrato do filántropo ceense.

Cadros de Díaz Carreño: Francisco Díaz Carreño, avogado e pintor. Autor de seis retratos para o Colexio de Cee.Todos con temas relixiosos.

Xardíns: Datan de 1888, os xardíns arredor do edificio "no sólo con el fin de aumentar la belleza de éste, sino principalmente para que los alumnos en el intermedio de sus clases puedan proporcionar a sus almas algunos momentos de descanso y de recreo, tan necesario para emprender con más brío los abstractos trabajos de la ciencia"


Bibliografía

  "Historia de la Fundación Fernando Blanco". Antonino Castro García e Enrique Rey Rey. Separata de Compostellanum, Vol. XIX.

Vista da Ría Cee/Corcubión.

Esta páxina rende unha pequena homenaxe a  D. Antonino Castro García         

Información de contacto

Dirección de correo electrónico do I.E.S. Fernando Blanco (Cee)

[email protected]


volver
Hosted by www.Geocities.ws

1