A SEXUALIDADE DA MULLER

Casilda Rodrigañez e Ana Cachafeiro

Ó longo duns anos fúmonos topando cunha serie de datos que, en principio, case non chaman atención nen suxiren nada; son datos soltos que na sua desconexión non resultan significativos; son como as pezas dun puzzle que, dalgun modo, ficaron almacenadas nalgun lugar da nosa conciencia á espera de ocupar o seu posto na resolución do puzzle.

a) Pra Masters & Johnsons (1), as contraccións uterinas son unha compoñente esencial en todo orgasmo feminino. Maryse de Choisy (2) vai mais lonxe ó afirmar que éste... ten a sua orixe no pescozo do útero. E que se os psicoanalistas, dende fai tempo, veñen confundindo o orgasmo cervico-uterino co orgasmo vaxinal, non é só debido ó narcisismo masculino, nen tampouco non só á ignoráncia feminina, se non tamén porque as cervico-uterinas non frecuentan as nosas consultas.

b) Bartolomé de las Casas (3) e outros viaxeiros do século XVI escribiron que as mulleres das poboacións que atoparan en zonas do planeta desconectadas da nosa civilización, parian sen dor.

c) Histeria ven de 'hysteron', é dicir, de útero. Na Antiga Grecia criase que as enfermedades nerviosas ou 'histéricas' das mulleres eran debidas a que o útero sufria un desplazamento cara en riba. Platón e outros (4) falan do 'ventre errante' da muller, dun 'animal dentro do animal'.

d) O útero aparece sistemática e cuantiosamente reproducido na cultura que agora se está a desenterrar da chamada Antiga Europa, datada entre o 6500 e o 3500 a.c. (5). Naquel mundo simbólico, o útero era aquilo cuxo latexo significa a vida; algo análogo ó que no noso mundo simbólico significa o corazón: o amor e a vida. A arqueoloxía está a obter dados sorprendentes e reveladores daquela civilización. Con esta información vóltase evidente que o que relata a Xénese (datado precisamente cara o 3000 a.c.) non é a creación da natureza humana, se non as condicións dun novo modo de convivencia e de ser humán que se impoñen contra outras, e que inclúen o parto con dor, o transformación do 'hysteron' en 'histeria'. De feito a Xénese fala dun Paraíso do que foron expulsados os nosos primeiros proxenitores; é dicir, que ainda que o de 'primeiros' dá pé a pensar que dende o principio esa foi a nosa condición, non puderon omitir a existencia doutro mundo anterior ó actual. Por que se non inventa-la historia dun Paraíso, dun serpe-demo, dunha Árbore do coñecemento do ben e do mal cuxa accesibilidade fica tamén prohibida ca expulsión do Paraíso?

e) A oxitocina que se utiliza como oxitócico, como dilatador do útero na Medicina, empregábase nas orxías eleusíacas por medio do fungo do cornezuelo de centeo. A mesma química, unha aplicada no parto con dor forzada, é tamén a hormona do orgasmo, e por outra como afrodisíaco. A mesma hormona -a oxitocina- que está presente no parto pra dilata-lo pescozo uterino por iso se lle coñece como a hormona 'do amor'. (6).

f) nos partos actuais existen casos de partos orgásmicos. Segundo os que o estudiaron (Dr. Montañés Vicens, Juan Merelo-Barberá, Dr. Schebat do Hospital Universitário de Parides), son mais frecuentes  que se pensa.(7).

g) Dentro da práctica de partos 'alternativos' ou humanistas, é dicir, nos que a muller síntese apoiada, en confianza, etc., existe a constatación de Michel Odent (8) de que cantas menos ordes e menos se interfira, canto menos se provoca o neocortex da muller, facéndoa emprestar atención (racional) a conversacións, e canto mais desinhibido permaneza o cerebro ancestral, mais fácil resulta o parto. (A muller non pode estar nese estado se non está nese clima de confianza e de certa intimidade).

 

Casos de recuperación dunha certa sensibilidade uterina

 

O que acabou de reter a nosa atención sobre este tema foron as testemuñas dunhas mulleres que recuperaran unha certa sensibilidade uterina, trala leitura do libro de Merelo-Barberá, no que afirma que a muller se socializa na ruptura psicosomática entre a conciencia e o útero. Esta percepción ou sensibilidade, ainda que difícil de traducir en palabras, foi descrita asi:

no momento do orgasmo comezaran a percibir, no centro e no interior da cavidade pélvica, como unha ameba que se retrae e que se expande  con cada oleada de pracer. Podíase asimilar tamén ó latexo dun corazón, ainda que mais lento, ou ó latexo do corpo dunha rá (9). no momento en que acaba o movemento de retraemento e comeza a expansión, podian empurrar e amplifica-la onda expansiva, o mesmo que nas contraccións da fase expulsiva do parto, ou ó defecar, cando 'veñen as ganas' como normalmente se di.

Ó amplia-la onda expansiva do latexo, amplifíca-se ó mesmo tempo a contracción uterina e a onda de pracer.

Isto supuso un troco no modo de percibir os seus corpos e na sua sexualidade. O simple feito de dirixir a atención/pensamento ó útero produce excitación e pracer ubicados nas paredes do útero e nos peitos.

Outra amiga comentábanos que entre a terceira e a oitava semana dun embarazo, atopábase nun estado de benestar flotante permanente, que podria calificar de pre-orgásmico. Relacionábao co concepto de 'gravidez', de senti-lo matriz pesado, hinchado, calcando o chan da cavidade pélvica.

Contrastados estas testemuñas con Juan Merelo-Barberá, este afirma que o útero efectivamente comeza a palpitar como un corazón dende o momento en que a muller se excita sexualmente; a palpitar e a descender. Afirma que o pescozo uterino se fai mesmo visible dende o exterior a simple vista en estado de excitación forte. Por iso na Antiguedade a muller fríxida era aquela cuxo útero non podia moverse e descender. Entón invírtese a valoración: a muller cuxo útero se move como un peixe é unha muller lasciva e pecaminosa; a do 'ventre errante', a do 'animal dentro do animal'; a que non está castrada nen sometida ó varón.

 

A fisioloxía do parto

 

Un animal medra a partir dunha soa célula, un zigoto que medra ata facerse un embrión. Este proceso require unha protección especial, porque o zigoto/embrión non pode dala a si mesmo. As especies animais que non se dotaron dunha protección adecuada, non prosperaron. Unha vez mais, unha forma de simbiose entre dous seres vivos resolve o problema da conservación e rexeneración da vida. Os ovos das aves teñen unha protección, unha cáscara de calcio, que non pode ser mais dura e protexer mais do que fai, porque, dado que se trata dunha estructura ovoidea  pechada, o embrión mesmo tena que poder romper cando chega a termo: isto, a saída, determina a sua fraxilidade. O invento dos mamíferos é sorprendente, como todo ou casi todo, na evolución das formas de vida. A mai garda dentro de si o óvulo fecundado no lugar de expulsa-lo e protéxeo ó tempo que se protexe a si mesma, ca sua movilidade, a sua propia nutrición, etc. Pero debe resolve-la contradicción entre a consistencia da envoltura protectora e a saída do embrión de dita envoltura no seu debido momento. A contradicción resólvea o tecido muscular: forte e á vez elástico e flexible, conectado co sistema nervioso da mai, e formando unha bolsa cunha porta de saída que pode pecharse e abrirse . O sistema neuromuscular está posto a punto prá locomoción, bombear sangue (o corazón é tecido muscular) etc., combinando o sistema nervioso involuntario e o voluntario. Aquilo que o noso organismo debe executar  (o bombeo do sangue, a respiración, a dixestión cando chega alimento ó estómago) realízase  polo s.n.involuntario; pero aquilo que só se realiza en momentos determinados, como correr pra cazar ou apañar un fruto dunha árbore, require a actuación do s.n.voluntario, seguramente sempre en conexión co s.n. involuntário: as engranaxes neuromusculares realizan o seu cometido á perfección.

Entón interveñen os sentidos, a percepción sensorial que indica cando o s.n. voluntario debe poñerse en marcha. Os sentidos na súa orixe, antes do desenvolvemento cultural que os recrea, están ó servicio da conservación da vida: o gusto, a vista, o ouvido, o tacto, o apetito, etc. O desexo sexual, ó igual que o desexo de comer ten esa orixe.

A reprodución nos mamíferos ten involucrada unha sensibilidade especial, unha inducción de tipo sensitivo que pon en marcha un sistema de producción de hormonas (a oxitocina do orgasmo e do parto é unha delas) pra realiza-las funcións sexuais reproductoras. Esta inducción sensitiva é o que chamamos instinto, ou nos humanos, desexo sexual. Por exemplo, as cochas só exaculan leite das suas mamas cando son estimuladas pola succión do bacoriño. Non é unha producción contínua, se non unha serie de exaculacións sucesivas á estimulación. Se alguén entra na cochiqueira e distrae á cocha, déixao de facer. Temos visto parir a unha gata varios gatiños. Cando remataba de lamber a bolsa e de se comer a placenta dun gatiño, reactivaba as contraccións pra expulsa-lo seguinte. Como se poidese controlar de modo voluntario as contraccións uterinas.

Uns versos mesopotámicos do terceiro milenio a.c. (10) dannos a entender que os humáns dos tempos nos que as mulleres parían sen dor, tiñan tamén o útero funcionalmente inervado no s.n. voluntario:

Ninhursaga, única e grandiosa,

contrae o matriz;

Nintur, que é unha grande mai

desencadea o parto.

¿Que millor invento podría facerse pra ter seguro o embrión e pra que saia cando chegue a termo, que a forte, dúctil e elástica bolsa uterina, co seu pescozo que pecha firmemente e á vez é capaz de se abrir? neste contexto situamos as contraccións uterinas pra dilata-lo pescozo. Agora ben, non é o mesmo mover un músculo contracturado, ríxido, que está medio atrofiado por non ser usado, que mover un músculo distendido e que é utilizado habitualmente. Actualmente parimos co útero ríxido, sen elasticidade, medio atrofiado e sen que o desexo estimule a producción de oxitocina. Por iso doen tamén as regras.

A sexualidade na que nos educan é a sexualidade dun corpo despezado, escindido en 'corpo' e alma (11). O que chamamos 'corpo' é en realidade o subproducto dun corpo despezado e en boa medida desvitalizado. A clave desta escisión é "a ruptura psicosomática entre a conciencia e o útero", como di J.Merelo Barberá.

O 'corpo' que as mulleres creemos que temos, é un corpo ó que lle foi arrebatado o órgano central do seu sistema eróxeno; é un corpo sen útero, con un sistema eróxeno que comprende só vaxina e clítoris.

E todo isto, establecido pola Ciencia; porque cando a sexualidade foi abordada 'científicamente' no século pasado, a sexualidade feminina que se definiu foi a dun corpo castrado, devastado, despezado; sometido e esplotado: unha sexualidade falocrática, vaxinal e/ou clitoridiana. Ainda que alguns chegaron a reconocer que habia algo 'indefinido' na sexualidade da muller (Groddeck), que era un 'continente negro', inexplorado e descoñecido (Freud) ¡E tan descoñecido!

E que ocorre realmente, ca verdadeira libido e anelo da muller? O desexo reprímese, sublímase en amores románticos e espirituais, manipúlase e, finalmente, o que fica despois de toda esta descomposición, oriéntase cara o falo, deixando un rastro de enfermidades psicosomáticas que proban a quebra da autorregulación da vida: partos traumáticos, histerias, depresións post-parto, falta de leite, dores menstruais, cancros de pescozo uterino e de mama elevadísimos, etc.

Pensemos no noso útero inexistente; no noso tecido muscular uterino, e pensemos en que se unha simple imobilización durante algun tempo por unha escaiola requere despois exercicios de reabilitación pra que o tecido muscular se recupere, ¿que seria, por exemplo, dun brazo que permanecera inmobilizado durante toda a vida, porque non sabíamos que tíñamos ese brazo nen pra que servia? Se quixésemos utilizalo, nos atoparíamos cunhos músculos que perderían a sua elasticidade, ríxidos e contracturados. E como todo o mundo sabe o que doe un calambre, podemos entón entender as dores da dilatación do pescozo uterino na nosa sociedade (12). É significativa que na Xénese se diga "parirás con dor", como algo novo que ia ser e que antes non era.

Ainda hai unha observación mais sobre a fisioloxía do parto na especie humán:

Ó adquiri-la posición erecta, o plano de inclinación do útero faise casi vertical, ficando o orifício de saída cara abaixo, sometido á forza da gravidade. Isto supón/require un perfeccionamento do dispositivo de peche e apertura do útero, un peche mais forte pra suxeitar 9 ou 11 kg. de peso contra a forza da gravidade. E o dispositivo de peche e apertura do útero non é outra cousa que o pescozo, cuxa relaxación total deixa unha abertura de ata 10 cm de diámetro. Por iso a orixe do auténtico orgasmo feminino está no pescozo do útero. A nosa opinión, contrastada con Merelo-Barberá, é que o orgasmo foi o invento evolutivo pra acciona-lo dispositivo de apertura do útero.

Isto da coherencia ós datos inconexos do punto primeiro, e permite achegarnos ó modo de vida que expresa a simboloxía da cultura pre-patriarcal: Explica o paso do útero ó corazón, do hysteron á histeria, da serpe como símbolo do ben á serpe como o símbolo do mal (13).

 

O cuestionamento da orde sexual

 

Todo o anterior lévanos ó cuestionamento da actual orde sexual, que, xa de entrada, aparece como básicamente falocrática e falocéntrica.

A orde sexual forma parte das relacións de dominación e de Poder que atravesan a nosa sociedade; e non é coincidencia que a sexualidade na sociedade pre-patriarcal fose algo moi diferente da sexualidade que hoxe coñecemos. Como dixo Freud, no noso mundo actual só hai un sexo, o masculino, e toda a libido prodúcese de e para o falo. A muller é un ser castrado, e defínese polo que non ten. Pero isto tamén afecta, de rebote, ó home e ó que se supón que é a masculinidade (*). ca castración da muller, toda a sexualidade queda desquiciada, sacada de quicio.

(*) E aqui entraríamos noutro tema, que aqui só aparece tanxencialmente, que é a construcción dos xéneros -dos paradigmas do que é ser home e ser muller- como portadores das relacións de poder.

É difícil imaxinar ou pensar en algo que non existe na nosa Realidade: fáltannos a experiencia e as palabras. A sexualidade feminina pasou de ser a definición do mal (o pecado entrou no mundo pola muller, etc.), a non existir; é indecible e impensable como requerimento pra que non se sinta nen exista. De ahí tódolos rodeos que temos que dar pra expresa-las nosas intuicións e a información que imos topando. Ata aqui mencionamos as que se refiren a sexualidade da muller. Agora imos mencionar algunhas relativas á sexualidade en xeral pra avanzar na reconstrución do puzzle.

 

a) O amor ó próximo

A escisión do corpo da muller e o invento do amor espiritual, inscríbese nunha orde xeral dos sentimentos (14). Segundo De Choisy (15) hai datos históricos que proban que houbo un tempo no que o 'amor ó próximo' era físico, e era unha regra nunha sociedade basada na conservación da vida, no benestar e na axuda mútua. A espiritualización cristiá do 'amor ó próximo' forma parte da orde sexual represiva patriarcal. De Choisy conta tamén como, na transición á sociedade patriarcal, cando comeza a instituirse a monogamia e a exclusividade, aparecen as hetairas, o que a nosa cultura chamou 'prostitutas sagradas', pra "expia-lo pecado do matrimonio" e manter vivo o fluido do amor. Cando a monogamia e a parella, se xeneralizan, as prostitutas sagradas se manterán ainda durante algun tempo nalgúns lugares xunto cos cultos á deusa Mai.

O matrimonio aparece, ante todo, como a violación dunha lei relixiosa. Por moi incomprensible que sexa pra nosa conciencia moderna, isto ten a testemuña da Historia.(...) O matrimonio debia ser expiado xa que "polo seu exclusivismo viola a lei da divindade". A natureza non dotou á muller de tantos encantos pra que murche nos brazos dun só. A lei da materia, segundo esta filosofía relixiosa odia a coacción, rexeita todo limite, considerado como unha ofensa cara a deusa. O matrimonio só foi posíble despois dun troco de moral. (...) A monogamia debe compensar ca prostitución sagrada a sua infracción ás leis da materia e reconquistar asi a compracencia divina.(16)

A relixión da deusa apareceu durante a transición, nas primeiras cidades-Estado (e os seus vestíxios perduraron ata o fin da Idade Media), como unha forma de resistencia: un modo de conservar o antigo modo de vida e de cultivar a vida contra o Patriarcado, e por iso, entón, as prostitutas eran 'sagradas': eran sacerdotisas da deusa que vivían nos templos, pra rendir culto ó amor. Non é casualidade que a marioloxía, o culto á Virxe María apareza no século XII, pra machaca-los vestíxios dos diferentes cultos á deusa Mai, e facer prevalece-lo amor 'espiritual' sobre o amor verdadeiro.

Ó abandono ó primeiro que chegaba lle sucede a elección das persoas; Deméter venceu a Afrodita. Pasamos ó reino da parella. (Maryse de Choisy ibid.)

 

b) O desexo non é egocéntrico

Agora o desexo o induce o neocortex ante aquel ou aquela cuxa imaxe representa o prototipo  que che debe gustar, do que é adecuado pra formar a parella, obedecendo á orde sentimental establecida.

Hoxe non podemos entender o significado de 'o abandono ó primeiro que chega' dos outros tempos. Non podemos nen imaxinar algo tan simple como que o desexo descodificado. Pero o certo é que, sen mediar a destrucción do tecido social e os procesos de devastación e de domesticación das criaturas, o desexo non codificado é inducido por outr@; e abonda sentirse desexad@ pra desexar a quen che desexa.

O desexo, pola sua propia condición, derramase pra se fundir con outro, e guiase polo seu anhelo de compracer a outr@. É certo que, cando da integridade do noso ser mana o desexo e o sentimento puro, o seu tránsito é como unha caricia que lambe tódolos vericuetos dos nosos corpos e das nosas almas; pero o feito de que o derramamento do desexo nos produza pracer, non debe de nos confundir . O desexo xenuino non é egocéntrico. Como diria Kropotkin (17) obténse pracer dando, porque a procura do pracer e a solidaridade son as vías xerais do mantemento e da expansión da vida. E non hai niso nada misterioso nen romántico: sen esta cualidade (a axuda mútua e a procura do pracer ou de 'o agradable') o reino animal nunca tería desenvolto ou alcanzado a sua perfección actual. Desexar a outr@ é ante todo desexo de sacia-los seus desexos; e ó sacia-los desexos do ser desexado, fundímonos e saciámonos. É o compracer do pracer, e o pracer de compracer. O sentir do consentir, e o consentir dos sentimentos que se orixinan precisamente pra expandirse -a condición do mantemento da vida é a sua expansión (ibidem)-, e por iso dicimos que, na sua orixe, os desexos non son posesivos nen egocéntricos. A posesividade, con palabras de Deleuze e Guattari, é un contraefecto da represión.

A nosa condición humana está preparada prá abundancia da producción dos desexos, duns desexos saciables; e non prá carencia nen prá frustación. Pero a orde social tal e como está constituída, frustra e asfixia o noso anceo de vida dende o mesmo nacimento, e medramos cos desexos bloqueados e reprimidos. E ese anceo profundo reprimido, que habita no mais fondo do noso ser, é a que se idealiza e se canaliza cara o 'amor' posesivo, con toda a sua forza contida e con todo o desacougo acumulado durante anos. A criatura humana abandonada polos seus conxéneres convírtese en indivíduo en busca de compaña. O desexo transformouse xa en medo a carecer, e este medo, á sua vez, en afán de posuir a outr@. entramos no reino da parella, que presupón o reino do indivíduo.

O 'ego' é o resultado do bloqueo do fluxo da vida; cando o desexo deixa de fluir, o ser humán fica en soidade, e aparece o indivíduo, que trata de compensar a carencia e a soidade ca posesión; por iso a sua 'identidade' definese polo que retén, acapara e converte na sua posesión ('o meu ' papai, 'a miña ' mamai, a 'miña' casa...); aparece o 'eu-poseedor' por contra do eu-vivo-disolto: por contra do vivir disolto que fai innecesaria a metafísica e a 'identidade'.

O 'ego' fórmase pola imposibilidade do desexo de fluir e ca descomposición do amor, por un lado, en 'amor' sexual posesivo, que si é egocéntrico; e por outro, en 'amor' espiritual, que pode que non sexa egocéntrico pero que está desprovisto de desexo.

O 'amor', o desprendimento, a xenerosidade gozan dun prestíxio hipócrita na nosa sociedade sempre e cando sexa un sentimento mutilado, non sexa amor sexual. ¿Por que, en medio de tanta xenerosidade, o amor sexual ten que ser posesivo, exclusivo e egocéntrico? A resposta é clara: o desexo é o sustento da axuda mútua, e o Poder non pode manipular e controla-la vida mais que mutilándoa.

O 'ego' é unha impostura que aparece cas relacións de Poder. @s antropólog@s constataron en certas tribus a inexistencia da identidade individual; a conciencia que cada cal ten de si é a mera pertenza a un grupo, a de ser parte dun grupo humán; a esta forma de se percibir, chamárona miméticamente 'sistema de identidade grupal'.

 

c) A sociedade matrifocal

Segundo a antropóloga Martha Moia (18), na estrutura social matrifocal, a 'identidade' era grupal e a convivencia estaba basada no desexo (sexual) materno de benestar directamente vinculado á conservación e protección da vida. Tratábase de "axudarse na tarefa comun de dar e conserva-la vida". Os maiores e os fortes coidaban e protexian ós pequenos e ós débiles como requerimento de benestar de conservación do grupo. A axuda e non a loita eran a garantía da vida. Do recoñecemento da mai e do seu amor materno, brotan os sentimentos de fraternidade. Bachofen dicia do amor materno:

O seu principio é o da universalidade; en cambio o principio patriarcal é o da restricción... A idea da fraternidade universal dos homes ten a sua raíz no principio da maternidade; por iso, esta idea desaparece co desenvolvemento da sociedade patriarcal... O seo materno pode dar irmáns e irmás a todo ser humán... co desenvolvemento do principio patriarcal, esta unidade desaparece e é substituída polo princípio de xerarquía... (19)

A represión da maternidade, a 'espiritualización' do desexo materno, é un punto crave porque desconecta á mai dos desexos das suas criaturas e bloquéaos; é dicir, organiza o abandono e a soidade das criaturas humás, a devastación necesaria prá construcción do indivíduo. A dor do útero ríxido é compatible ca espiritualización do amor materno, pero o útero que palpita gozoso non seria compatible con ese 'amor' espiritual que organiza a supervivencia na soidade e no abandono afectivo.

Imediatamente despois de nacer, os nosos próximos, se nos alonxan, abandónannos, e medramos 'amando' patolóxicamente, sentindo pudor e vergoña dos nosos corpos e dos nosos sexos. O sentimento do pudor e o noxo cara os fluxos dos corpos son os muros que nos separan de nós mesm@s, que rompen os nosos corpos e nos separan dos demais. O tabu do incesto, en cuxo nome sepárase a mai da criatura, é a norma suprema que produce o 'amor' espiritual; en realidade, é a Lei cuxo cumplimento despeza os corpos.

Non nos imos estender en tódalas probas que delatan a represión da sexualidade primaria, materno-infantil. Remitimos a quen lle interese ó libro A represión do desexo materno (20). Só mencionaremos unha: a existencia xeneralizada na nosa sociedade de pezóns de plástico (chuchos, biberóns, etc.) como proba material da destrucción desta sexualidade e do deserto creado pola nosa cultura na etapa primal da vida humana. Porque o peor non é que o pezón sexa de plástico se non o corpo humán que falta detrás do chucho.

 

d) O deserto afectivo

A destrucción do modo de convivencia baseado na axuda mútua corrompe a sexualidade e crea o deserto afectivo.

Tres cousas proban de forma irrefutable, que a nosa orde sentimental, a pesar de Cupido, de San Valentín, etc. etc. é un deserto afectivo:

1) A angustia existencial que forma o noso esqueleto psíquico, e que nos acompaña durante as nosas vidas a niveis mais ou menos profundos, e que por iso aflora cando as cousas nos van mal (as famosas 'depresións'). Isto débese ó seguinte: a sociedade non recoñece nen acepta ás criaturas humanas como seres produtores de desexos; e iso significa que dende que nacemos a nosa existencia está cuestionada pola sociedade. Ainda que non nolo digan, ainda que non o sepamos, o noso inconsciente si sabe que a negación dos nosos desexos é a negación da nosa vida. Isto non é 'civilización', isto é un cuestionamento da nosa existencia que produce a angustia e o medo que larvan no noso interior e que saen á superficie segundo as circunstancias.

2) A insaciabilidade no afán de posuir, é outra 'proba', insaciabilidade que foi variando as suas manifestacións ó longo da historia do Patriarcado.

3) E, en fin, temos a aparición do animal de compaña, da 'pet', con toda a sua industria, como consolo e nimia compensación do deserto; tanto mais estendido canto mais desenvolvida está a sociedade patriarcal e hai mais individualización e mais soidade.

Está claro que neste deserto, a parella, ouo espexismo da parella, é o oásis, real ou virtual; o mal menor. Como o é pró neno do orfanato que unha familia ben constituída o adopte.

Non se pode restablecer o tecido social sen restablecer a sexualidade, iso que hoxe se convertiu nun comercio, un troco individualista e egoísta; nunha sexualidade deformada, tecnificada e limitada por unha disciplina que reprime e canaliza as descargas enerxéticas cara estereotipos que agora se fixan e expándense ca tecnoloxía audiovisual; unha orde sexual falocrática que directamente aniquila o vínculo da sexualidade co apoio mútuo e o substitúe pola posesión, a prepotencia e a competencia. Como dicíamos antes, a sexualidade está desquiciada e pra comezar a poñela no seu quicio hai que restablecer a sexualidade feminina e a mai antiga que, como dicia Lope de Vega "a cuanto vive aplace"; así podría fluir a emoción erótica pra rexenerar e sustentar o tecido social humán.

Non sirve reivindica-lo 'amor libre' sen mais. Porque hoxe por hoxe as relacións sexuais son relacións de Poder: tanto no sentido da dominación dun sexo sobre o outro -e por iso só hai sexualidade falocéntrica-, como no sentido de que 'amar' é apropiarse, posuir e acaparar ó/á outr@. Reivindica-lo 'amor libre' tal cual é como reivindica-la economía libre no mundo capitalista.

Converti-las relacións sexuais en relacións de Poder é algo moi simple e foi sumamente eficaz pra ordenar tódalas relacións sociais e asegura-la sua reprodución cas xeracións de homes e de mulleres.

Da armonía entre os sexos e entre as xeracións pasa-se á guerra e ás relacións patolóxicas que coñecemos na sociedade actual: e no centro de todo iso, o feito crucial da devastación do corpo da muller.

 

A recuperación da sexualidade da muller: escoitar e senti-lo latexo do útero.

 

A civilización patriarcal muda o principio da vida polo da morte, e por iso tivo no corpo feminino o seu principal inimigo e o seu obxectivo estratéxico central; Romeo de Maio (21) dicía que a historia do corpo feminino, na nosa civilización, é unha Ilíada de sufrimentos: na Xénese tamén se ordea a destrucción da serpe (o símbolo da sexualidade da muller) e a proihibición do seu coñecemento. Porque se a muller pare sen desexo e con dor, e se se aparta dela á criatura no momento do alumbramento (pra corta-lo desexo e a producción hormonal que regularía o acoplamento de ambas), a criatura fica privada da carga de enerxía que lle corresponde á sua integridade humana, ó tempo que a mai fica insensibilizada; insensibilizada ante os desexos e ante o sufrimento da sua prole; é dicir, capacitada pra realiza-las funcións nutricias maternas de maneira fría e aséptica, ca disciplina e a represión establecidas na orde social.

O parto será doloroso mentres as regras das adolescentes sexan dolorosas, é dicir, mentres non exista unha cultura que restableza a unidade psicosomática do corpo da muller: é dicir, que respeite, cultive e de conciencia á muller da sua condición, do seu sexo, da súa sexualidade, do que en realidade é. Unha cultura que recoñeza e nomee o latexo do útero como o latexo da vida. A miúdo decimos que o parto actualmente é unha violación do corpo da muller, como o é o coito cando a muller non o desexa, cando non opera o desexo e se realiza en estado de rixidez, de sequidade, con desgarros.

Prá recuperación da sensibilidade uterina e da sexualidade da muller, as nais temos que explicar ás nosas fillas dende pequenas que teñen un útero, pra que serve e como funciona. 

As mulleres temos que poñer en funcionamento o noso neocortex pra que a nosa conciencia asuma e asimile o útero; pra que o reintegremos na percepción do noso corpo; pra recompoñer o noso corpo despezado e que flua a corrente de sensibilidade entre o útero e a conciencia.

Temos que aprender a escoitar e a senti-lo latexo do útero; pratica-la visualizazón e a concentración no útero; e tamén recupera-la cultura arcaica e o seu mundo simbólico que definiron e expresaron a verdadeira sexualidade feminina e a rexeneración da vida.

A danza do ventre, nas suas orixes ancestrais, non debía consistir só no movimento do esqueleto pélvico; de feito, se se realizan os exercicios que nalguns sítios se recomendan (22) pra a preparación ó parto, pra exercita-los músculos pélvicos, se a muller se concentra no útero, se recuperou en algunha medida a sensibilidade uterina, pode chegar a diferencia-los músculos pélvicos dos uterinos.

Publicado no Ekintza Zuzena nº 19, Bilbo, 1999

 

 

NOTAS

 

(1) Masters,W. e Johnsons,V. Human Sexual Response.Intermédica, México 1966.

(2)  De Choisy, M. La guerre des sexes  Ed. Publications Premièrs. Paris 1970. Pags 45 y 47.

(3)  De las Casas, Bartolomé.  Historia de las Indias. Fondo de Cultura Económica, México, 1986 (1ª publicación 1552)

(4) Ver, por exemplo, o que se di en: Anderson, B.S. y  Zinsser,J.P.  Historia de las Mujeres: una historia propia.  Crítica, Barcelona 1991. 1ª publicación

(5) Ver obra de Marija Gimbutas, que fixo un estudio ó respecto en base a varios miles de pezas decoradas e talladas: The Language of Goddess. Harper- Collins, 1991 (1ª publicación 1989).

(6) Sendón de León, V. Más allá de Itaca. Icaria, Barcelona, 1988. E tamén:

    Hoffmann, A. LSD, cómo descubrí el ácido y qué pasó después en el mundo.   Gedisa, Barcelona, 1991 (1ª publicación en alemán, 1979)

(7) Citados en Merelo-Barberá, J.  Parirás con placer.  Kairós, Barcelona, 1980.

(8) Odent, M. El bebé es un mamífero. Mandala, Madrid, 1990.

(9) Nalgunhas culturas pre-colombinas, como a Tairona (da actual Colombia), a rá era o símbolo do útero.  Museo do Ouro en Santa Fé de Bogotá.

(10) Jacobsen, Thorkild.  The Treasures of Darkness Yale University Press, New Haven, 1976.  Pag. 108.

(11) Dicía Jesús Ibáñez que "a alma é unha compensación imaxinaria do corpo realmente despezado". Da familia ó grupo: do grupo ó bucle na árbore familiar.  Ponencia na Universidad Menéndez y Pelayo, 1983).

(12) Despois de escrito este artículo, lemos no último libro de Frédérick Leboyer, O parto: crónica dunha viaxe o seguinte: "Que fai sufrir á muller que da a luz? ... a muller sufre debido ás contraccións... unhas contraccións que non rematan nunca e que fan un dano atroz, pero son calambres! todo o contrario das 'contraccións adecuadas'.¿Qué é un calambre?  Unha contracción que non cesa, que se crispa e négase a solta-la súa presa e, polo tanto, non 'aflouxa a súa garra' pra transformarse no seu contrario: a relaxación na que normalmente desemboca.  Noutras palabras, o que ata agora se tomara por contraccións 'adecuadas' eran contraccións altamente patolóxicas e da peor calidade. ¡Qué sorpresa! ¡Qué revelación! Qué revolución en ciernes!" Pags. 244-246  Subraiados nosos.

(13) Unha descripción máis pormenorizada do parto e da lactancia, como procesos psicosomáticos e das interferencias sociais e médicas que organizan a maldición divina de parir con dor, pode lerse no artículo "Matricidio e estado terapéutico" no Archipiélago nº25, das mesmas autoras.

(14) García Calvo, A. El amor y los dos sexos  y Familia: la idea y los sentimientos.  Ed. Lucina.

(15) Maryse de Choisy, op cit.

(16) Maryse de Choisy, op. cit. pag. 196-7.  O entrecomillado é de Bachofen citado por M Ch.  A traducción é nosa

(17) Kropotkin, P. Folletos Revolucionarios I. Tusquets-Acracia

(18) En: Moia, M. El no de la niñas laSal edicions de les dones, Barcelona, 1981. explícanse estas características da sociedade matrifocal.

(19) Bachofen, J.J. Mitología arcaica y derecho materno.  Anthropos, Barcelona, 1988. (1ª publicación, Stuttgart, 1861).

(20) La represión del deseo materno y la génesis del estado de sumisión inconsciente.  Madre Tierra, Móstoles 1995.

(21) De Maio, Romeo. Mujer y Renacimiento Mondadori, Madrid, 1988 (1ª publicación Milán 1987).

(22) Por exemplo no libro do Colectivo de Mulleres de Bostón: Nuestros Cuerpos, nuestras vidas.  Madre Tierra, Madrid, 1996 (1ª publicación en inglés: 1977).

 

Voltar a páxina principal

Hosted by www.Geocities.ws

1