| III Anxel Fole Ánxel Fole (Lugo, 1903 -1986) Premio Día das letras galegas 1997, xornalista, escritor, cultiva a narrativa, o relato breve e o teatro. A súa obra segue as correntes tradicionais da literatura galega, mais cunha temática máxica. A súa primeira novela é A lus do candil (1952), foi seguida por Terra brava (1955), Pauto do demo (1958), unha peza teatral, e as coleccións de relatos breves- Contos da néboa (1973) e Hist?rias que ninguén cre (1985). O seguinte vén de A lús do Candil Galaxia, Vigo 1968, p. 140 A cociña era a mellor do "pueblo". Mellor dito, había dúas cociñas. Unha de labor, coa súa lareira e o seu gran caldeiro de cobre para cocer as patacas e os nabos aos ranchos da ceba e da cría. Alí se facían tamén os magostos polo castañal, asando as castañas nun tambor. A outra cociña servía de comedor para os criados e para os obreiros. Non tiña lareira, senón unha gran cociña de ferro arredada da parede e rodeada de escanos, coa súa mesa de mármore branco. As paredes lucían unha banda de azulexos roxos e brancos. Alí ceaba tamén o señor cura polas noites de inverno (...). Ás dez menos cuarto puxémonos a cear. E boa garula tiñamo-los dous, pois a tarde fora fría, e un non comera bocado dende o xantar... Bon caldo de repolo lugués; xamón cru, ben curado; logo, as troitas fritidas con unto; despois, queixo do Cebreiro, moi gracioso, cheo de cocos. E por remate, un flan, que lle saíu moi ben á ama. O viño, lixeiro, da terra de Lemos, bebíase sen sentir. e Florinda entraba e saía silandeira. As súas pisadas facían estremecer o piso no fondo silencio noitébrego. O tic-tac do reloxo, a voz calmosa do crego. |