Grupo de corda SARABANDA
![]()
O grupo de corda SARABANDA está formado por cinco rapazas (primitivamente seis) de idades comprendidas entre os 15 e os 19 anos. Conta con tres violinistas, unha viola e unha violoncellista. Todas elas cursan os seus estudios musicais entre o Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo, de Ponteareas e o Conservatorio Superior de Música de Vigo e todas pertenceron á antiga Orquesta de Cámara "Reveriano Soutullo", fundada no ano 1.992. Actualmente están traballando e colaborando coa Orquesta Sinfónica "Reveriano Soutullo" e coa Orquesta de Cámara "Divertimento".
O quinteto SARABANDA, que comezou a súa andaina con concertos ofrecidos para os seus amigos e no propio Conservatorio, presentouse e debutou oficialmente coma tal o 29 de Maio do ano 1999 nun festival benéfico levado a cabo no Auditorio do concello ponteareán para axudar ós damnificados pola Guerra dos Balcáns.
A partir desa data comezaron a ofrece-la súa música por diversos lugares da provincia de Pontevedra, tales como Ponteareas (e as súas parroquias), Salvaterra, Reboreda, Cabreira, SoutoMaior, Arbo, Cedeira,... acadando sempre grandes éxitos. Algunhas das súas actuacións máis salientables tiveron lugar no Auditorio de Pontevedra, no Festival Homenaxe a Suso Vaamonde en Novembro do 99 e pouco despois no programa da T.V.E. "Desde Galicia para el Mundo".
Actuacións máis recentes leváronas a tocar ó "XVI Festival da Poesía do Condado", celebrado en Salvaterra de Miño, no "Instituto Camoês da língua portuguesa" en Vigo, etc...coincidindo a miúdo con grupos de renome como "A Quenlla", "Folia", "Piccola Camerada", ...e personaxes destacados do mundo da música, como Tino Baz.
O seu repertorio é moi variado. Nel atópanse dende obras clásicas (con compositores da talla de Bach, Mozart, Haendel, Vivaldi,...) ata cancións populares e temas galegos (contando con obras de Rogelio Groba, Xoán Montes, Suso Vaamonde , etc.).