Alguén dixo unha vez que se tivera unha ría como a de Ferrol construiríalle unha muralla de prata. E ¿que estamos a facer con ela?, botala a perder. A falta de sistema de depuración de augas residuais, os verquidos das industrias situadas á súa beira e das augas fecais, o saneamento pendente, os recheos,..., provocan diariamente a lenta morte da nosa ría.

A Ría de Ferrol

Paula / Lidia López Serra  

Industrias colindantes

Son numerosas as industrias que traballan preto da Ría de Ferrol, entre as que destacamos as seguintes:

Bazán (Ferrol) e Astano (Fene), asteleiros.
Matadeiro da mancomunidade (A Gándara). Os residuos producidos por este tipo de actividades son altamente contaminantes, e esta empresa de Ferrol verte os residuos líquidos directamente ás augas da ría xunto á desembocadura do río Inxerto.
Megasa (Narón). Siderometalúrxica, adícase á laminación de redondos para construcción. Esta empresa levou a cabo uns recheos que “comeron” 100.000 m2 á ría.
Poligal (Narón). Esta empresa adícase á fabricación de películas de plástico.
Forestal Atlántico (Mugardos). Adícase á fabricación de resinas e colas para empresas transformadoras da madeira. Existe en Mugardos unha planta de deslastrado e desgasificación de tanques de barcos.
Leyma (Narón). Industria láctea. m Marisqueo. Moitas familias de Ferrolterra viven dos bancos de marisqueo, tan ricos na nosa comunidade. Os bancos máis importantes son os de As Pías, o de Barallobre e o de A Malata.
Porto. Adicado fundamentalmente ao tránsito de carbón, madeira, papel, chatarra e cemento.

Recheos

Séguese barallando a posibilidade de ubicar un porto exterior na ensenada de Caneliñas, protexido polo cabo Prioriño. A construcción deste porto, que correría a cargo da autoridade portuaria, levaría consigo o recheo de 50.000 m2, as obras desenvolveríanse nun prazo de catro anos, e serviría para descargar carbón. Sen embargo, este proxecto non ten moitas posibilidades de realizarse, xa que tamén A Coruña quere un porto exterior, e o elevado custo destas construccións fai imposible a realización de ambos. A Coruña é a candidata preferida debido a que a actividade que alí se desenvolvería é moi superior á que se levaría a cabo en Ferrol. Outro recheo que si se realizará é o de 2.400 m2 nas Pías para continuar a ampliación da ponte, que contará con catro carrís. A consellería de pesca considera pequena a superficie, ademais de pouco productiva dende o punto de vista marisqueiro, aínda así, recoñecen o dereito dos mariscadores da zona a reclamar indemnizacións.

Verquidos

A ría de Ferrol recibe diariamente 60.000 m3 de augas residuais procedentes das industrias, do ámbito doméstico, do matadeiro da mancomunidade,... Ós verquidos de deterxentes, augas fecais, pesticidas, fertilizantes, e un longo etcétera, súmase a importación de carbón para a central térmica de As Pontes, que se deposita no peirao de Ferrol, provocando a sedimentación no fondo da ría de metais pesados. A importación de carbón continuará e farase máis intensa mentres non se atope outro carburante, xa que a mina de lignito de Endesa esgotarase nun prazo aproximado de 10 anos.

        

A depuradora

A ría de Ferrol carece aínda de depuradora de augas residuais, a pesar de que a Xunta aseguraba en 1991 que funcionaría en 1995, e sen embargo, aínda non se sabe onde se instalará. Nun pleno celebrado en 1996 acordouse buscar un emplazamento fóra da ría, botando as augas residuais ó mar aberto. Dos sete lugares que se barallaban para situara Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.), cinco foron rexeitados nunha reunión celebrada en Madrid e na que participaron o concello de Ferrol, o Ministerio de Defensa e a Xunta; os dous posibles emplazamentos da depuradora son: O Vispón, defendido polo concello, e Penencia, emplazamento pouco recomendable dende o punto de vista medio ambiental debido á súa proximidade á praia de Doniños. A construcción da E.D.A.R. debería ser unha prioridade para as autoridades competentes, xa que cada día bótanse ó mar 60.000 m(cúbicos) de augas residuais, que ademais de causar un grande impacto ecolóxico, perxudican notablemente ós mariscadores e pescadores da ría, que ven os bancos afectados pola contaminación. Sen embargo, parece que tampouco neste ano 1998 comenzarán as obras, pois a Xunta non destinará ningún diñeiro para esta construcción.

Hosted by www.Geocities.ws

1