þ A planta de Mougá

O problema dos Residuos Sólidos Urbáns na planta de Mougá continúa. Esta planta foi construída fai 15 anos, cun custo de 400 millóns abonados por tódolos concellos “da ría” que participaban no plan de reciclaxe, Ferrol, Mugardos, Ares, Neda, Fene e Narón. A planta tiña como obxectivo reciclar 100 toneladas de residuos urbanos, producindo compost (abono xerado pola descomposición de materia orgánica) que despois sería vendido. Actualmente conta con 45.000 toneladas de compost e materiais inertes, ademais de 90 toneladas de lixo vivo (tal e como vén das casas). Sen embargo, a planta non funcionou, e os municipios que levaban alí os seus residuos, excepto Ferrol, non contan cun vertedoiro nos seus concellos, polo que se ven na obriga de continuar levándoos a Mougá. Nun primeiro momento, ante a presión exercida polo concello de Ferrol para que deixaran de verter alí os seus residuos e retirasen os xa existentes, enterráronos no polígono industrial do Río do Pozo, actividade que foi denunciada ante as autoridades autonómicas, tralo que Augas Galicia abriu un expediente sancionador ó concello de Narón por autorizar o enterramento. As protestas por parte de Ferrol continuaban, e os municipios restantes intentan tramitar a autorización para levar o lixo a Cerceda, onde se construirá a incineradora de residuos. Este traslado traería consigo o desembolso de algo máis de 20 millóns de pesetas, diñeiro do que no dispoñen os concellos, polo que terían que aumentar a tasa de lixo de non ser que fose a Xunta ou Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente) o que custease o transporte. A situación da planta de Mougá é insostible, polo que Margarita López Pardo, conselleira de limpeza, exise a retirada dos residuos, e advirte que de non ser retirados nun curto prazo de tempo recorrerá ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e ameaza con pechar a planta tras recibir un informe no que se pon de manifesto a aparición de augas contaminadas no vertedeiro. O 18 de decembro de 1997, o alcalde de Ferrol manda un escrito ós outros alcaldes “da ría” no que se pon un prazo de 15 días para retirar os residuos, se rematado o prazo o lixo continúa en Mougá, abrirase un expediente para clausurar a planta, pero tras unha serie de alegacións, os municipios logran un novo aprazamento da clausura da planta, agora terase que estudiar de novo as alegacións presentadas antes de tomar unha decisión definitiva. Por se fora pequeno o problema da acumulación incontrolada de residuos, en xaneiro detéctanse focos de lume producidos pola fermentación do lixo acumulado, que foron apagados coa colaboración do concello de Ferrol ante a pasividade dos outros municipios; ademais os lixiviados, arrastre por filtracións de materiais contaminantes, son frecuentes, e provocan a contaminación das augas de San Xurxo.

 

Novas de Ferrol

þ O plan de Sogama

 Segue adelante o plan de xestión dos Residuos Sólidos Urbanos proposto por Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente). O plan inclúe agora a recollida selectiva de vidro e papel, entre outras cousas, en 14 municipios con máis de 1.000 habitantes. Estímase que en Galicia se producen ó ano 52.000 toneladas de vidro, das que se poderían recuperar 25.000, e 176.240 toneladas de papel. O custe do plan atópase ó redor de 29.000 millóns de pesetas, dos que 23.800 son para custear o complexo de Cerceda (planta incineradora e de reciclaxe), 2.400 para as ecoplantas (nova forma de nomear ás empacadoras de lixo) e 3.000 millóns para campañas de sensibilización e plan de recollida selectiva, que contemplaría a separación en orixe (nas casas) de papel, vidro, materia orgánica e pilas e medicamentos. Xesús Palmou, que a 30 de decembro de 1997 cedeu o seu cargo como presidente de Sogama a Luis Mingo Reiz, negociou en Bruselas a subvención de 12.000 millóns de pesetas en dous anos por parte de Unión Europea. O plan comezaría coa construcción neste ano de 7 empacadoras situadas en Ribadumia, Vilaboa, Narón, Silleda, Lugo, Boiro e O Porriño; en 1999 construírase a incineradora en Cerceda e o resto das empacadoras, que fan un total de 17. Luis Mingo afirma que as plantas de tratamento producirán en 25 anos menos dioxinas (compostos orgánicos que conteñen cloro) que os máis de 300 vertedeiros de Galicia nun ano. O conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, insiste en recordar que a incineradora só é unha parte do plan de xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que contempla tamén a minimización, a reutilización e a reciclaxe, alternativas que a primeira vista parecen incompatibles co plan.

þ A planta de Somozas

Xa está a funcionar a planta de tratamento de pilas en Somozas, situada moi próxima á de tratamento de Residuos Tóxicos e Perigosos. A planta costou 159 millóns, e foi financiada polo goberno central, que tamén custeará os gastos de mantemento mentres non se atope un sistema de financiación definitivo. O tratamento das pilas consistirá nun sistema de estabilización química, que consiste en inertizar os compoñentes contaminantes presentes nas pilas (metais pesados como o Litio, o Cadmio, ...) e transformalos en sustancias inocuas que poderían ser empregados na fabricación de fertilizantes agrícolas. O que non tratará a planta de Somozas é o mercurio contido nas pilas “botón”, debido ó encarecemento que suporía contar con ese tipo de tratamento especial. Estímase que en Galicia se producen 500 toneladas de pilas ó ano, das que o 50 % van ó lixo, polo que levarase a cabo unha campaña de concienciación para que tódalas pilas reciban o tratamento especial necesario para evitar que contaminen, recordemos que as pilas representan un dos maiores perigos para o medio se non son tratadas debidamente. No referente á planta de tratamento de Residuos Tóxicos e Perigosos (R.T.P), a onde levan os seus residuos un gran número de industrias galegas, atópase chea a primeira celda de seguridade. Os R.T.P son inertizados mediante un tratamento físico-químico, despois son enterrados no monte Marbán, situado a varios quilómetros da planta, en celdas impermeabilizadas por varias capas de minerais e plásticos, unha vez chea a celda, os residuos que contén son recubertos por unha capa de 20 centímetros de arxila, unha capa de poliuterano e por un metro de terra vexetal na que se prantará herba, Despois do enterramento, mantense o control de filtracións a augas subterráneas durante 10 anos.

þ Campo de tiro e escombros en Doniños

O pasado mes de outubro, realizáronse unhas obras nas cercanías da lagoa de Doniños, depositando os escombros producidos no sistema dunar do areal, de grande interese ecolóxico e moi débil. Ante este feito, numerosos organizacións protestaron e esixiron a retirada dos refugallos e a declaración de Doniños como paraxe protexido debido ó seu valor ecolóxico e paixasístico, para o que se pediu tamén a clausura do actual campo de tiro, organizándose diversas marchas e mobilizacións.

Hosted by www.Geocities.ws

1