| Ferrol,
cidade lixo
As rúas de Ferrol sempre están
suxas, iso non é nada novo. Pero a cuestión é que iso non é só culpa
do cocello, que parece que descoñeza a palabra papeleira, senón que as
persoas que principalmene teñen a culpa de que a cidade sexa un
vertedeiro incontrolado somos nós. Se temos un can na casa e o sacamos a
pasear, o mínimo que podemos facer se este deixa marca da fábrica no
chan da rúa e coller unha bolsa plástica pequena e recollelo, porque
dende logo a min no me fai ningunha gracia ir esbarando en montonciños
marróns e cheirentos, mentres paseo alegremente polas fermosas rúas
ferrolanas; todo porque o dono do can danlle asco as cagadiñas do seu
pekinés.
De todas formas é necesario
recoñecer que, coma xa citei antes, Ferrol non é unha cidade onde as
papeleiras sexan moi abundantes, e francamente, podes afundirte na máis
absoluta miseria cunha bolsa chea de merda, mentres paseas quiilómetros e
quilómetros sen encontrar unha bendita papeleira onde botar a bolsiña.
Cando a encontres, posiblemente estará de lixo a rebosar, e, as
cagadiñas do teu can xa se descompoñerían e poderás utilizalas para
abona-las plantas da túa casa. Xa verás que plantas máis verdes e
vigorosas.
Os que tampouco son moi
abundantes son os contenedores de lixo. Dende o meu punto de vista están
moi mal repartidos dentro da cidade, e, de todas formas, son insuficientes
en relación co número de habitantes. Outro problema dentro do mesmo é
que a xente non viu o capítulo de Barrio Sésamo no que mostraban a
diferencia entre dentro e fóra, polo que moitos, aínda que o contenedor
tiña capacidade para máis bolsas, déixanas no chan xunto ao contenedor,
porque o seu movemento de apertura parece ser que provoca grandes riscos;
xa se sabe, unha hernia polo descomunal peso da tapa, un desmaio polo
insoportable fedor do lixo, o salto dunha rata asasina que se alimentaba
da comida putrefacta... O que non pensamos é que algúns animais como
cans e gatos, sen dono, rompen as bolsas e esparcen o lixo por toda a
rúa, facendo que os paseos matinais sexan unha marabilla. Pero non só
animais domésticos sen dono fan destrozos, senón que algunhas aves coma
as gaivotas entran dentro da cidade e tamén queren coller a súa parte de
comida, polo que
cando vas alegremente pola
rúa dando saltos de cabritiña pensando que esa sombra que ves é un
avión de Iberia e que o chorrete grisáceo que vén cara a ti é
combustible, estás equivocado.
Aínda que neste punto
debo facer unha aclaración: chegados uns días da semana certa especie
animal tamén fai destrozos nas bolsas de lixo. Si, baixo un certo estado
de embriagez algúns individuos da nosa especie poden causar danos
similares, chegando moito máis lonxe que os cans, que ao fin e ao cabo
fano para comer e non por vandalismo gratuíto. En fin, ás veces a
evolución parece que vai cara atrás.
Xa que falo de lixo direi que
non estaría de máis que o concello fose pensando en poñer recollida
selectiva, con contenedores para papel e vidro, como mínimo, porque coma
sempre somos os últimos monos. Moitos concellos con menos habitantes que
Ferrol xa teñen este servicio, pero aquí se lle dá prioridade a cousas
que, tal vez non teñan tanta importancia como iso. Este tema do lixo
seguro que a moita xente traelle bos recordos. ¿Quen non recorda as rúas
de Ferrol esta Semana Santa, que entre as chuvias e a merda acumulada en
montañas só equiparables ao Everest, quedou un tanto deslucida?. Seguro
que a xente que veu alén da ponte das Pías reafirmou a súa idea de que
en Ferrol somos uns porcos. Aínda creo percibir ese arrecendo celestial.
Pero ¡que se lle vai facer!.
Diga eu o que diga a xente vai seguir botando o lixo mal no contenedor e
sementando o chan con fecundos papeis. Espero que a miña xeración, que
somos os adultos do mañán (quitando a rama vandálica e a do coma
etílico) podamos dicir que hai máis papeleiras e que os nosos fillos
usan na clase papel reciclado dos contedores da cidade. Tal vez sexa unha
utopía. Tal vez sexamos uns porcos.
Elena Montero, 3ºA
|
| Chamorro,
"a nova ruta do bacallao"
Xa o ano pasado
toquei nun artigo de opinión as marabillosas experiencias que os mozos
sofren cando van a Chamorro, pero visto o caso que se lle fixeron ás
miñas palabras, non me vai quedar máis remedio que, coma se fose unha
autómata que non ten máis labor na vida que informar á pobre xuventude
descarriada, volver repetir, polo menos en esencia o que xa dixen o ano
pasado, só que agora xa teño máis claro que ninguén me vai facer caso.
Se ti es un
adolescente coas veas berrando por alcohol de garrafón para rematar
tirado no chan cun coma etílico, paréceme estupendo. Que subas ao monte
e non entres nin siquera na ermita, tamén me parece estupendo, entre
outras cousas porque eu tampouco entrei. Pero que o monte quede convertido
nun rastrollo que apenas recorde o que foi, xa non me parece tan ben.
Xa sei que tal vez
o toxo, típico desas latitudes, non sexa a planta máis «fina» que nos
podamos atopar, pero non deixa de ser un vexetal, que para moita xente
encerra unha gran fermosura, e, que se está no monte será por algo;
porque a diferencia dalgunha xente que ese día pululaba polo monte,
no mundo
estase para algo máis que para pensar cantos grolos desa brebaxe infernal
que dan en chamar «calimocho», poderemos beber antes de que as nosas
neuronas comencen a suicidarse contra as paredes do cráneo.
Así, cun pouco de
sorte, os toxos e máis o individuo en cuestión chegarán, como nos nosos
comenzos máis lonxanos ao mesmo nivel, serán os dous vexetais. Cousa
curiosa é o contraste dos petoutos, de velos o día antes a velos o día
despoís. O día antes, así como o resto dos días do ano as pedras locen
unha cor gris, que varía nalgúns lugares por causa de musgo ou outras
impurezas nas rochas. Pero o día de Chamorro en cuestión estas
adquiriron uns matices amarelos causados sen ningunha dúbida polos
vómitos que estes "agradables adolescentes" regalaban aos
penedos. Se fose penedo estaría eternamente agradecida. E, para rematar
hei de dicir que existen unhas cousas chamadas bolsas, que poden nalgúns
casos ser utilizadas para bota-los desperdicios, e así non deixalos
estrados polo chan, porque contrariamente aio que podades pensar o lugar
ideal para os cartóns de tintorro canceríxeno non é entre os toxos.
Mentres vos recuperades da forte impresión producida polo descubremento
dun novo uso das bolsas de Alcampo, dirixireime a eses rapaces e rapazas
que, coma min non se emborrachan, nin deixan o lixo estrado nin vomitan
nos petoutos. Amigos, xa sei que somos poucos pero ¡resistiremos!.
Elena Montero, 3ºA |
| *
OS PLÁTANOS DA AVDA. DE COMPOSTELA
Formamos parte do obradoiro de
medio ambiente do I.B. Concepción Arenal, e queremos alertar sobre o dano
que se está causando ás árbores situadas fronte ó noso centro, na
Avenida de Compostela.
Trátase de plátanos que se
plantaron o día 16 de marzo de 1915, con motivo da festa da árbore, polo
que son case centenarias.
Toda a alineación sufriu unha
poda drástica que os deixou totalmente mutilados fai dous anos.
Ultimamente perderon tamén as raíces debido a unhas obras que se están
a realizar: pola dereita unha gabia para a conducción de augas pluviais
que os deixou indefensos fronte ós ventos do Norte, e pola esquerda,
outra gabia de máis dun metro para as conduccións eléctricas fíxoos
presa dos ventos do Sur (o día do accidente da ponte caeu unha árbore,
situada na residencia de oficiais). Por se non chegase con isto,
formigaron a beirarrúa rodeando todo o seu colo, de xeito que a auga e o
osíxeno non pasará ás poucas raíces que lles quedan.
Ante este feito, preguntámonos:
• ¿Por que se ten tan
pouco interese na conservación do noso patrimonio arbóreo?
• ¿Por que o concello
concede a licencia a unha obra que dana ás árbores para logo ter que
talalas por correr o risco de caer, como aconteceu noutros casos?
Deixando de lado a solución de
sustituir estas árbores centenarias por outras especies máis axeitadas
ó medio no que se atopan, cremos que a solución máis viable é
rebaixarlles as súas copas antes de que o vento dé conta dos seus case
20 metros de altura.
Por último, lembrarlle ó
responsable desta desfeita que unha árbore non é unha farola.
* Esta carta, reproducida aquí
integramente, foi publicada na Voz de Galicia no mes de febreiro.
Posteriormente, boa parte destas árbores foi sometida a unha poda que
rebaixou considerablemente a súa altura. |
| NOVAS
EXPERIENCIAS
O Taller de
Medioambiente é un dos talleres que hai no Instituto e adícase este ano
á recuperación dos xardíns do Centro. Este curso é o primeiro que
estou no Instituto e non coñecía ningunha destas actividades dos
talleres. Enteireime pola miña mestra de naturais que nos comentou como
era, o proxecto "Voz Natura" subvencionado por "A Voz de
Galicia", e as demais actividades, coma a recollida selectiva do
lixo, o proxecto "Coastwatch", a elaboración da revista "O
Galileo Verde", etc. Ao principio non lle fixen moito caso á idea:
xa tiña a
tarde ocupada dabondo como para ir ao Instituto a recolle-lo lixo dos
demais.
Nembargantes, o
proxecto Coastwatch pareceume que podía estar ben.. Ao final apunteime,
pero aínda non sabía se podería asistir ao taller tódolos días. A
primeira actividade importante que fixemos foi o rexistro de lixo na
costa. Esta actividade gustoume moitísimo pola cantidade de cousas que
aprendimos sobre os animais dos ecosistemas de beiramar, e convenceeume de
que verdadeiramente fora unha boa idea apuntarme.
O primeiro día que
fun traballar ao Instituto estiven cavando nos xardíns. Non é un
traballo cómodo ao principio, pero despois, resultoume divertido. E así
durante moitos mércores e xoves ata agora. En todo ese tempo aprendimos
como podar unha árbore e un arbusto, prantamos árbores, fentos e o que
me parece máis importante: respeitar e coida-la Natureza.
Carlos Teijeiro
Barjas, 1ºI |