| A
CONTAMINACIÓN DO AR
|
|||
|
O petróleo é unha mestura complexa de hidrocarburos, pero tamén se atopan presentes pequenas cantidades doutros elementos coma nitróxeno, xofre e algúns metais (trazas). Sen queimar o petróleo, moitos dos hidrocarburos, tanto alifáticos coma aromáticos, pasan á atmosfera por evaporación. Queimando o petróleo os principais productos da combustión de hidrocarburos serían o CO2 e H2O; se a combustión fose completa. Se a combustión non é completa tamén se emite CO e unha variada gamma de productos orgánicos. Tamén se detectan en ambientes moi contaminados e debido a procesos de combustión de carburantes fósiles, compostos aromáticos, coma os benzopirenos, supostamente canceríxenos. Como dixemos, o petróleo contén cantidades de xofre que varían segundo a súa procedencia. Ao queimalo, prodúcense emisións de óxidos de xofre que, na atmosfera, poden oxidarse a sulfato e contribuír á acidificación da auga de chuvia. En procesos a altas temperaturas tamén se orixinan óxidos de nitróxeno que, coma no caso dos SOx, poden oxidarse a nitratos e tamén contribuír á acidificación das precipitacións.
|
Tamén
se orixina unha cantidade importante de partículas sólidas que,basicamente,
son cinzas constituídas por materiais carbonosos, aínda que se atopan
tamén outro tipo de partículas formadas por material inorgánico. A
contaminación do ar por partículas é importante xa que, entre outras
cousas, absorben na súa superficie grandes cantidades de contaminantes.
Así, o SO2 e o NO2 poden ser absorbidos e oxidados na superficie das
partículas.
Todas estas sustancias mestúranse na parte baixa da atmosfera e dispérsanse pola mesma debido á circulación das masas de ar. En condicións normais, estes movementos do ar poden ter un sentido horizontal ou vertical. O primeiro está gobernado polos ventos da zona. Se son fortes, os contaminantes teñen poucas posibilidades de acumularse e son dispersados; de todos os xeitos, as montañas e incluso os edificios dunha cidade diminúen a velocidade destes ventos, minorando o movemento horizontal do ar.
|
O
movemento vertical é debido a que a temperatura na troposfera diminúe
coa altitude. O ar máis próximo á superficie que está máis quente,
expándese e faise menos denso. Este ar cálido ascende ó través do
máis frío, dispersando ós contaminantes. Todas estas substancias
postas na atmosfera poden volver á superficie de dous xeitos distintos,
por transferencia directa, dos gases ou das partículas, pola acción da
gravidade (deposición seca), ou ben sufrir unha serie de reaccións que
dean orixe a outros tipos de contaminantes (secundarios), como é o caso
dos óxidos de nitróxeno e xofre que, debido a procesos de oxidación,
transfórmanse nos ácidos respectivos dando lugar á coñecida
"chuvia ácida" (deposición húmida).
|
Por último dicir
que, se unha persoa respira ao día uns 13 kg de ar, calquera tipo de
contaminante, aínda a concentracións baixas,pode
ter consecuencias nocivas para a saúde humana. O sistema respiratorio
é o máis afectado. Unha atmósfera contaminada por SO2 afecta sobre
todo a persoas maiores e a persoas con problemas respiratorios. Aínda
que en principio o 95% do SO2 inhalado queda retido na cavidade nasal,
penetra moito máis cando é inhalado pola boca o que ocorre nos casos
anteriores.O efecto tóxico que exercen as partículas s obre a saúde
depende da súa natureza química. Xa comentamos que as partículas
absorben gran cantidade de contaminantes. Así o SO2 pode introducirse
desta maneira no sistema respiratorio. |