
O Foro Literario pretende ser un medio aberto á publicación de textos curtos de calquera estilo, procedencia ou temática, pasando unicamente polo raseiro do respecto aos dereitos humanos e o necesario límite de contido de 3 folios, escritos a dobre espacio en calquera das seguintes linguas: galego, castelán, catalán e vasco. Cada obra deberá de ser enviada á seguinte dirección: [email protected], e unha vez recibidas poderán ser lidas por tod@s @s internautas nesta mesma páxina. |
|



 |
Ligazóns
"Habelos, hainos" [Francisco Lendoiro Serrano]
"Caída libre" [Francisco M. Castiñeira Romar]
"Agoniante" [Gloria Fernández]
"Sangue vello, sangue novo" [Frederico]
(Comezo)
Habelos, hainos
Dende moi cativo oín contar historias de meigas, trasnos, mouchos, da Santa Compaña e... moitas cousas máis. Tamén crin que todo aquilo que escoitaba eran experiencias reais vividas polo orador de veceira. Teño que recoñecer que, de sempre, lles tiven moito ríspeto. As miñas crenzas foron esas ata que cheguei ós 19 anos. Nesa idade decateime de que todo eran trapalladas. Que non eran máis que lendas ou contos de lareiras. A miúdo contadas polos avós ós netos, para pasar aqueles longos e fríos invernos, dos de antes. Ou que eran historias de vellos, que diante dunha copa de viño, ou augardente, non tiñan outra cosa mellor que dicir, nas escuras e largas noites de tabernas. Que por non ter as comodidades audiovisuais de hoxe en día, inventábanas para mellor pasa-lo tempo.
Era así a miña maneira de pensar, razoar e crer, ata que una noite de verán, nunha desas tantas verbenas, que nos soe dar calquera concello da nosa terra. E despois de tomar una boa enchenta dun bo viño do Ribeiro ca tropa, encontreime fociño con fociño co que toda a xente lle gustaría atoparse, pero cre que non existe.
Contareivos o que me aconteceu sen quitar e sen poñer nada. É cousa vosa o que pensedes cando acabedes de ler esta historia.
Esperteime daquela borracheira deitado nunha toxeira, a beira dunha corredoira. Non me lembraba de coma fora dar alí co meu corpo. Do único que me lembraba era do viño que bebera, que fora bastante, (pero non mais ca outras veces). Pasado un pouco de tempo, comecei a lembrar de cando empezara a no ter control dos meus movementos, de cando as rapazas, e non tan rapazas, ríanse das miñas manobras para soste-lo meu equilibrio e non caer de fociños nas lagoas de lama que tiña o chan da festa. Neso estaba, tratando de poñer as miñas ideas no seu lugar, cando, e sen saber de onde saíu, alí o vin. Non estaba de seguro si aquelo que tiña diante dos meus ollos era un soño ou si era real.
Tratei de move-las mans para me esfregar os ollos, pero as pugas dos toxos do berce no que estaba deitado, craváronse por todo-lo meu corpo. Ante o dor que sentín, optei por quedarme inmóbil, cando de súpeto, observei que aquelo, o que estaba diante dos meus ollos, empezou a moverse compasadamente dun lado a outro coma unha bailarina na danza dos sete ventres, (pero esta danza era de sete ventres prominentes). Bailaba ao compás dunha música inaudible, o ao menos, eu non a escoitaba.
Aquelo que estaba diante dos meus ollos, tería..., calculo eu, uns 35 centímetros de altura, vestía vaqueiro de peto, de ¾ , de color negro, botas negras de caña con volta a altura dos xeonllos, camisa branca de manga larga, un cinto con unha ancha fibela dourada, e na cabeza, un gran sombreiro de cor negra con una cinta vermella de adorno. Tiña unha longa barba moi espesa e murcha. A nariz era ancha e dunha suave cor rosada. Recordoume a unha de esas figuras que soen saír nos libros de contos infantís.
Tiña ese homiño, no chan, ó seu carón, un pequeno cazolo de barro. Cheo de moedas de ouro. E a danza que estaba a facer, era ao redor del. Moumeaba algo que eu non podía oír; era coma si falara con alguén. Nun momento determinado detivo a danza. Mirou cara a la lúa. Meteuse o dedo índice da mano dereita na boca e mollouno de saliva. Estivo así un anaco de tempo. Logo sacouno da boca, secouno cos beizos, axitouno levemente no aire, xirou uns 45º sobre se mesmo para a dereita. Camiñou once ou doce pasos. Sen deixar de moumear detívose nun pequeno claro de lúa. Sinalouno co mesmo dedo que se metera na boca. Fixo dous círculos no aire, e abriuse naquel sitio un pequeno burato no chan. E alí meteu a ola de barro. Acto seguido volveu a face-la operación co dedo á inversa e pechouse o burato da terra, deixando a ola enterrada. Mirou de novo a lúa, e dixo cunha voz clara e firme, para que eu o escoitara. "¡Outro mais!" E sen darme tempo a ver algo mais, fuxiu por éntre-la espesura. Que por certo, cando acercábase a ela apartábase e íalle deixando paso. Pechándose e volvendo ao seu sitio, logo de pasa-lo homiño.
Pasado un tempo e vendo que non pasaba nin oía nada, a duras penas, e como puiden, libreime do meu berce de toxos e fun ó claro de lúa onde estaba soterrada a ola. Tratei infructuosamente de abri-lo burato no mesmo sitio. Usei paos, pedras, usei todo aquelo que se achegaba as miñas mans. Incluso rompín a navalla que me regalara o meu avó, cando useina coma cicel. Pero foime imposible face-la mais leve riscádela na terra.
Entón ocorréuseme imitar ó homiño que vira intres antes. Púxenme diante do claro de lúa, alcei a meu brazo dereito e mirei para a lúa. Metín meu dedo índice dereito na boca. Molleino de saliva. Sinalei o lugar onde intres antes estivera o burato. Fixen dous círculos no aire. E cal no seria a miña sorpresa cando o pote cas moedas douradas apareceu diante dos meus ollos. O pote non era moito maior ca unha cunca de viño, se acaso, Pero estaba rechea de moedas a reverter, que relucían a luz da lúa. Axeonlleime e collina suavemente coas miñas mans. Alceina ata o meu peito e puiden contemplar de preto o meu tesouro.
Nese mesmo instante escoitei dicir a lúa. "¡Sí, outro mais!" Ó ratiño, notei que a ola, coas moedas, facíase cada vez mais e mais grande. Deixou de medrar cando case non podía abarcala con os meus brazos e sostela en peso. As miñas ilusións ían crecendo ao mesmo tempo que ía medrando o tamaño da ola. Pero ao ter que pousala no chan, por mor do peso excesivo da mesmo, dinme conta de que non era ela a ola, a que crecera, senón que fora eu o que encollera, ata ter a mesma altura daquel homiño que fuxira pola ramalleira.
Tardei un bo anaco de tempo en darme conta da miña nova situación. Cando vinme reflectido nunha poza de auga daquela fraga, foi cando entendín o que me acontecerá.
Di a lenda que ó remate do arco iris, esta soterrada unha ola con moedas de ouro. Aquela persoa que atope o lugar onde esta agochada, poderá leva-la. Pero eu, por ser un fugallas, non esperei a que aparecera o día, co seu arco iris e así pode-la coller. Por iso a lúa castigoume a ser trasno. ¿Por canto tempo? Aínda non cho sei. A lúa deume a roupa que levo posta e que está acorde a meu novo status. Coñecín a outros trasnos que me están a ensinar as normas de este castigo.
Non sei cando rematara o castigo que levo as costas. Preguntar non preguntei, e por se acaso, tampouco o farei, non vaia a quere-lo demo, que se me alongue un anaco mais este castigo. Polo de agora, estou mentres tanto recrutando a persoas que sexan tan o mais fugallas ca min.
Escribo esto dende un lugar descoñecido, no medio dunha das tantas fragas das que dispón Galicia. Atopei unhas follas de papel en branco e uns lapis nunha mochila dalgún rapaz que esqueceuna, cando veu a visita-la fraga. Deixarei esta nota escrita guindada nunha árbore preto do camiño. E se alguén a atopa, que a faga chegar a que poida espallala polo mundo. Podedes non crer nesto, coma fixen eu. Pero acordádevos de eso que din " De que hainos, hainos"
Francisco Lendoiro Serrano
[email protected]
(Comezo)
Caída libre
Cun nó no estómago aquel home asomouse pola fiestra do seu décimo noveno piso e mirou para abaixo. A xente, pequerrechas figuras de barro pintado dun vivinte belén urbano, paseaban pola rúa en direccións cruzadas con bolsas de tendas de roupa nas mans.
O home considerou unha vez máis a súa decisión. Guindarse pola fiestra, rematar con todo. Oíra que era a mellor morte posible, sen dor : un ataque ó corazón levábache a vida denantes de toca-lo chan, se a altura era a axeitada. Claro que as referencias non eran fiables, posto que ninguén volveu desa para contalo. Fixo uns cálculos mentais rápidos, sinxelos para el, profesor de Física : dezanove pisos máis o baixo, vinte pisos, tres metros por piso, total sesenta metros de altura, a caída duraría case tres segundos e medio e impactaría co chan a 123 km/h., sempre en termos aproximativos. Considerouno dabondo.
Tres segundos e medio. Qué pouco o separaba do seu destino. Mais seguro que se facían irrematables. De todos xeitos, se o ataque non viña nese intervalo, un choque a esa velocidade proporcionaríalle unha defunción rápida e instantánea. Desagradable tamén para os que a vería, eso si. Agardaba que ninguén se lle puxese debaixo nese intre, porque tamén o levaría con seguridade ó outro barrio.
Rematar por fin co sufrimento de ver escachados tódolos seus soños. Brillante estudiante de mozo, licenciado en Física e Matemáticas con Matrícula de Honra de prometedora carreira. Hoxe, calvo e gordo, corenta e dous anos. Mediocre profesor de bata branca nun mediocre instituto de tantos, branco das burlas de mediocres adolescentes hiperhormonais, máis ocupados en facer soar os seus móbiles na clase que na Dinámica ou na Cinética.
Por que ela tivo que deixalo. Por que marchara. Remitiuse ó dito anteriormente : mediocre profesor calvo e gordo etcétera.
Aburrimento. Silencio. Frío. Fartouse. Comezou andar con outros, co veciño de riba primeiro e logo outros moitos, ata que un día marchou soa, sen máis. Personificou no veciño de riba, brillante, triunfador, asesor de empresas, divertido, xoldeiro a tódolos seus amantes primeiro, logo en todo o que el nunca podería ser. Mastigou os seus ciumes e o seu resentimento en silencio, nunca amosou que se decatara, admitiu con dignidade a súa derrota. Envexoulle sen acritude todo o que tiña, todo menos a súa propia muller, que xa dera por perdida había tempo.
Todo rematara había tempo, a súa vida foi unha broma de mal gusto, breve, cruel e absurda. Só lle restaba un inútil e derradeiro alento vital, e ía afogalo contra o duro pavimento da rúa.
Subiu con axuda dunha cadeira á fiestra, sentou nela cunha perna de fóra. Mirou para o belén vivinte de aí abaixo. A decisión estaba tomada. Non era home de amagos.
Soou o teléfono. Case cae fóra do susto. Mirou para o aparello, como para un intruso non agardado, coma unha incógnita coa que non se contaba na ecuación. Pensou en non collelo, total para qué. Aínda estivo un anaco mirándoo soar, ata que puxo os dous pés no parqué e dirixiuse a el resolto a despachar ó inoportuno intruso axiña e realizar de contado a súa derradeira decisión. Descolgou :
- Si.
- ¿Paco?
- Si, son eu.
- ¿Paco? Mira, son Tareixa. - Recoñeceu a voz amable da directora do seu instituto. - Chamaron ó instituto por ti. É sobre a bolsa que pediras, de investigación nos Estados Unidos, xa me contaron eles. Que cha concederon, Paco, que vas para Houston. Que leron a túa tese e están impresionados. A Houston.
- ¿O que? - Paco non soubo reaccionar. Tiña a mente en branco.
Aquello, sinxelamente, facía arder o papel onde estaba plantexada a ecuación.
- Que che concederon a bolsa os americanos, Paco. Tes que
chamalos mañá pola mañá sen falla. Noraboa, Paco. Teño que deixarte. Xa falaremos. Celébrao. Non veñas mañá por clase. Noraboa. Adeus.
- Adeus ... Gra-gracias. - Mais Tareixa xa colgara.
Non podía dar creto. Ata esquecera que solicitara esa bolsa.
Navegando nun ensoño, como aboiando un metro sobre o chan, saíu pola porta, baixou os dezanove pisos polas escaleiras. Ó saír á rúa, a choiva recibiuno. Nin sequera collera un abrigo.
Situouse xusto no anaco de rúa que tiña localizado para o impacto, tan só uns minutos antes, aínda que lle asemellaba outra vida pasada. Abríu os brazos baixo a auga como querendo ser parte da choiva, pechou os ollos e riu a gargalladas, si, a súa vella vida rematara, morrera, mais volvera nacer noutra nova vida ; a xente miraba para el como para un tolo máis na cidade e apuraba o paso, el seguía a rir e non os vía, como tampouco veu o seu veciño o asesor de empresas cando bateu contra el procedente do vixésimo piso dunha altura de 63 m. e a unha velocidade final de impacto de 126’5 km/h., aproximadamente.
Francisco M. Castiñeira Romar
[email protected]
(Comezo)
AGONIANTE
O brillo amargo dos teus ollos conxelaba a escuridade daquela noite. Cheo de
incertidume, mirabas a ningures con malencónico verdor; ese verdor acoitelábame
desgarradamente e sangraba o meu interior cunhas bágoas que non podías ver. Ese
verdor liberou un pasado que eu mesma condeara ó esquecemento, estúpidos erros
dunha estúpida noite de troula.
Por un maldito instante de falsa paixón perdín todo o futuro que a túa cálida
compaña me prometera.
Falaches sen palabras; unha dor infindamente intensa paralizoume o sentido e deu
paso á profunda agonía que dende entón levo pegada.
A túa presencia en recordos semella un veleno que non me deixa morrer, tal é a
crueldade na que vivo. Aínda podo sentir como me acariñas a pel con susurros,
leves vibracións dun ar namorado que só nós respirabamos na burbulla que nos
protexía do caos da outra realidade. Aínda a dozura dos teus beizos se pasea con
liberdade por min, aínda me arrebata a calor da paixón con que cada noite
entrabas en todos os recunchos do meu ser.
Arrastrada por todas estas pantasmas, afondo cada vez máis no remuíño dunha
neurose que ti protagonizas e eu manteño co deleite da miña loucura. Así espero
a eternidade; déixame ir esmorecendo en ti...
Gloria Fernández
[email protected]
(Comezo)
Sangue vello, sangue novo
O sangue votado do corpo é sangue que non voltara xamais a formar parte da vida, e cando o espeso elemento abandoa o corpo masivamente, o espírito pouco despois ascende afastándose do contacto cos vivos.
O somerxer os pulsos feridos na auga séntese un pequeno rexeitamento ó contacto co frío, mais este vai esmorecendo, e así un pódese relaxar e acomodar paseniñamente, lonxe do arrebato final, na tristura da infelicidade que determinuo o acto culminante, antítese do ledo día do nacemento.
Cumprido o trámite dos dous cortes o tempo deixouno fuxir coma sempre o fixera nos malos momentos, Carme fora unha magnífica actriz da traxedia cotiá, cando hai que chorar chórase, e cando hai que rir fínxese. Nos momentos nos que o peso do lixo que nos rodea faise insoportable mantiña o tipo, forte ante a tempestade, aínda que os lóstregos do mal alleo ou propio a atravesasen destruíndo un tras outro o edén interior. ¿Edén? Non claro que non. Paraíso sementador de infelicidade co que ela tivera a desgracia de nacer; co óbxectivo vil de servirlle de ferinte comparación coa merda que o mundo acolle no regazo e, que tan a cotío empéñase en asfixiar os que coma Carme desexan algo mellor.
Pero o fin é o fin e avida continúa, outras persoas ocuparán o seu lugar na pantomima, e en nada notarase a súa ausencia no mundo. Na casa xunto con Carme vivía a súa filla Rosa; nena de sete anos de testemuñas e achádegos non ben desexados para os ollos dunha cativa. O último horror na súa mochila é a imaxe de atopar a súa nai no cuarto de baño, branca coma unha estatua, fría coma un carámbano de xeo. Non lle intentou falar ou berrar, porque a penas lle causou sorpresa, quizais porque a pesar da súa corta idade comprendía que era o que o futuro lle tiña marcado con ferro á que lle dera o ser.
Non houbo bágoas nos longos minutos nos que contemplou a súa nai morta, afacíase a idea, sinxelamente deixaba transcorrer o tempo para que a morte fose entrando de vagar na súa consciencia, unha vez que foi incorporada o seu sentir, foi cara o teléfono, e marcou os números de emerxencia que a nai tantas veces lle repetira cando saía pola noite e a deixaba soa na casa. Un policía atendeuna, e tras unha longa conversa para convence-lo de que unha nena no seu estado de serenidade viña de descubrir o cadáver da súa nai, comunícolle que non tardaría en chegar a representación da autoridade, non soubo que facer por consolala e colgou. Agora si a orfa comezou a chorar.
Chegou a policía e con ela unha psicóloga que de seguido púxose a conversa con Rosa, a afondar na tristura e disimula-la con verdades de maiores que sacan a razón os nenos e que só cobren a magoa facendo máis doado o traballo dos investigadores.?060;BR>
Pasados os anos a falta da nai acusouse menos, só laiándose con forza naqueles momentos tan ineludibles nos que a simbiose de nai e filla faise inreemplazable. Rosa casou, e saíulle ben o conto, pois trouxo o mundo tres nenos froito do que din que é quen de mesturar home e muller nun só pensar. Mais a negrura que onte absorbera a nai hoxe voltou a visitar á dona respetable; un día de nadal quixo a mala fortuna que o seu marido e os dous nenos se perdesen no medio dunha treboada no mar, sendo dados por mortos co paso dos días e a crúa realidade de ter rastrexada a zona ata o límite da esperanza. Os corpos non foran atopados, pero a experiencia dos mariñeiros da zona daba crédito ó drama, co que voltou para a casa coa perda asumida.
Unha vez máis estaba no cuarto de baño, todo cambiara a vista pero o seu sentir era a mesma escena, por instinto, por impulso, por seguir o guión deprendido, abriu a billa da auga enchendo o lavabo, colleu a coitela do seu marido tomando esta o papel do coitelo de cociña, situouno sobre o seu pulso esquerdo e deslizouno con rapidez, presionando o xusto ata que co rozamento do ferro coa pel o tecido cedeu e o vil metal atravesou as veas. A dor deixouse sentir, pero non lle fixo caso. O corazón bombeou sangue e este caeu sobre a auga, ela viuno, sentiuno, lembrouno, e caeu o chan a chorar. A súa nai deixara impronta na súa mente o sangue derramado coma o gotexar símbolo da alma que se escapa, xunto a esta lembranza corria a certeza do destino dunha filla que medrara coa falta omnipresente dunha nai. Correu o cuarto da súa filla, espertouna e abrazouna coma unha persoa que despois dunha longa vida de camiñar entre sombras reconciliase co seu pasado.
Tempo despois a familia voltouse a xuntar en alta mar nun barco estranxeiro de rumbo invariable coa radio rota, e o destino bicouna, e ela lle sorriu coma unha muller que acada a ledicia co pasado tranquilo e o futuro por disfrutar.
Frederico
[email protected]