Pleno do concello de Vigo
O Concello de Vigo esixe medidas urxentes para evitar a chegada doutra
marea
negra
O Goberno municipal convida aos vigueses a participar na manifestación
convocada pola plataforma Nunca Máis.
A Comisión de Goberno do Concello de Vigo aprobou a seguinte declaración:
Ante a certeza de que a só 22 millas das nosas costas se extende unha enorme
franxa de masas de fuel que abrangue todo litoral dende Fisterra á
localidade lusa de Esposende.
Ante a falta de eficacia, rapidez e transparencia na actuación contra a
marea negra demostrada durante toda a crise pola Xunta e o Goberno Central,
autoridades competentes nesta materia.
Ante a patente falta de medios técnicos empregados ata agora polo Goberno e
a súa reticencia a reclamar axuda internacional.
A Comisión de Goberno do Concello de Vigo acorda:
1) Esixirlles ao Goberno Central e á Xunta de Galicia que adopten de
inmediato as medidas necesarias para impedir que o fuel que permanece á
deriva fronte ás nosas costas se convirta nunha nova marea negra.
2) Aplaudir e agradecer a abnegada loita contra a marea negra dos mariñeiros
das confrarías da ría e continuar apoiando o seu traballo cos medios ao
alcance do Concello.
3) Agradecer a xenerosa colaboración dos centos de voluntarios e voluntarias
que ofreceron desinteresadamente o seu tempo e traballo para contribuir á
limpeza das illas do Parque Nacional e tamén a das empresas e institucións
que doaron medios materiais e persoais para afrontar esta catástrofe.
4) Facer un chamamento para que esa colaboración se manteña no tempo.
As tarefas de limpeza do noso país vanse prolongar durante meses e faise
imprescindible a cooperación de todos e todas. Seguiremos precisando de
material e de persoal voluntario. Cómpre que esa axuda se preste de forma
ordenada, polo que lle pedimos ao voluntariado que se organice a través da
Oficina Municipal de Voluntariado e ás empresas que aporten a súa axuda a
través do gabinete de emerxencia do Concello.
O voceiro do Goberno municipal, Xavier Toba, fixo un chamamento a todos os
vigueses para que se sumen á manifestación convocada para o mércores en Vigo
pola plataforma Nunca Máis. Toba dixo que é o momento de que os cidadáns
expresen toda a indignación que lles produce a actuación de Goberno Central
e Xunta nesta crise. Xavier Toba criticou tamén a actitude do ministro de
Fomento que anuncia o risco de chegada dunha nova marea negra “cando aínda
non puxo os pes en Galicia nin adoptou ningunha medida para frear a
contaminación da costa galega”.
Pola súa banda, a concelleira Belén Sío, insistiu na necesidade de que se
free o avance das manchas de fuel antes de que cheguen ás rías, utilizando
para iso todos os medios que sexan precisos.
Tema: Comisión de Goberno Data:
09/12/2002
Como siempre, me lo envía Viguito. Te tendré que invitar a
una cena.