Un gremio era unha asociación de artesáns que tiñan o mesmo oficio. Os gremios controlaban os prezos e a calidade dos produtos que se fabricaban. Vixiaban que houbese igualdade entre os artesáns do mesmo gremio, evitando a competencia. Para iso, facilitaban as materias primas aos mesmos prezos a todos os talleres do gremio, e todos os talleres usaban as mesmas ferramentas para que a calidade do traballo e as condicións deste fosen similares. Tamén fixaban o tipo e a cantidade de produtos necesarios para que houbese equilibrio entre a produción e a demanda.
Os talleres do mesmo gremio situábanse na mesma rúa.
Nos gremios, había 3 niveis de traballadores:
Aprendiz: Entraba no taller entre os 12 e os 14 anos; permanecía de aprendiz uns 6 anos. Era o nivel mais baixo do taller. Debía obedecer o mestre e non ausentarse.
Oficial: Era un artesán con certa experiencia que podía cobrar polo seu traballo, estaba baixo a supervisión do mestre e trataba de perfeccionar as súas habilidades. Era o nivel intermedio.
Mestre: Era o nivel máis alto dentro do taller. Para ser mestre había que realizar unha especie de «exame». Se o superaba, podía abrir o seu propio taller. Os mestres acollían aos aprendices, ensinábanlles o oficio e dábanlles alimentación e aloxamento.
Entre os exemplos de gremios medievais podemos citar os gremios de canteiros, ferreiros, oleiros, carpinteiros, monicrequeiros, xograres, muiñeiros, queixeiros, panadeiros, mercadores, vidreiros, cesteiros, caldeireiros, esparteiros, cereiros, tendeiros, zapateiros, sombreireiros, tecedores, xastres, mesoneiros, taberneiros, etc.