SEGUNDO DE CHOMÓN
     «Turolense nacido en 1871 e fillo de médico, delineante afeccionado á fotografía, Chomón xa está en París nos momentos iniciais de 1896, interesándose polo fenómeno cinematográfico. En 1902 instálase na cidade condal abrindo un taller para coloreado e rotulado das películas que lle envía o productor francés Pathé con destino ao cada vez máis importante mercado español. Comeza impulsando unha productora, a primeira do cinema español, para a que roda documentais, un Choque de trenes que combina imaxe real e maqueta, sainetes, unha película histórica e adaptacións de contos infantís nos que se exercita no manexo de sobreimpresións de obxectos de distinto tamaño.
Fotograma de Electric hotel (El hotel eléctrico)
      Paralelamente mantén o seu taller de coloreado e rotulado, e investigando neste último campo descobre o emprego dun recurso técnico chamado "paso de manivela" (rodaxe fotograma a fotograma dun obxecto cuxa disposición se modifica nos intervalos) que emprega para restar monotonía e aumentar a vivacidade dos rótulos mediante o efecto das "letras enredadas", e que aproveita, desenvolvéndoo, na filmación en 1905 dun Eclipse de sol. Este procedemento aplícao de forma enciclopédica á abraiante e crucial El hotel eléctrico, filmada en Londres para Pathé en 1908.
 
 
 
 
      Instigador da primeira productora nacional, prefigurador da utilización do "paso de manivela", inaugurador entre nós do filme científico, do xénero cómico da persecución, da mestizaxe entre imaxe real e maquetas, da apertura do sainete cinematográfico como xénero, do conto infantil filmado e trucado, do xénero da reconstrucción histórica… Non debe estrañar, pois, que en 1905 fixera as maletas, rumbo a París, contratado por Pathé en tanto experto en filmes de trucos para facerlle a competencia industrial e expresiva ao mesmísimo Méliès. Alí, en Pathé, construíu cámaras especializadas, desenvolveu a técnica do debuxo animado, inventou o filme protagonizado por bonecos, ideou un primitivo travelling que desenvolvería como elemento estrictamente expresivo, contribuíu a pór a punto o sistema cromático "Pathécolor"…

Fotograma de Electric hotel (El hotel eléctrico)
 
      Nada menos sorprendente que, correndo o tempo, en 1914 fose o responsable dos máis decisivos achados visuais do celebérrimo fime italiano Cabiria, ou que en 1926 Abel Gance requirise os seus servicios para a súa monumental Napoleón

Tomado de Cine español. Algunos jalones significativos, de Julio Pérez Perucha (Madrid, Filmes 210/Filmoteca Española/Confederación de Cineclubes del Estado, 1992)

   

Voltar á programación de xaneiro 2000

Hosted by www.Geocities.ws

1