cinelog.gif (3623 bytes)  

 

rotul3.jpg (3822 bytes)
CURSIÑO DE EFECTOS ESPECIAIS     En colaboración coa Casa da Xuventude de Ourense, curso impartido polo técnico Ricardo Spencer, único especialista na materia dentro do audiovisual e a escena de Galicia. O curso, esencialmente práctico, pero tamén con interpretación de guións, mostra de vídeos con rodaxes, etc., tivo unha duración de 20 horas, e transcorreu nos locais da Casa da Xuventude os días 31 de maio a 4 de xuño de 1999.

Spencer, brasileiro afincado en Vigo, licenciado en periodismo, ten unha experiencia de catorce anos como técnico en efectos especiais de todo tipo, primeiro no seu país natal e desde hai un tempo nas terras portuguesas e galegas, onde ten sido o responsable de efectos especiais de películas como Fisterra (de Xabier Villaverde) ou Blanca Madison (de Carlos Amil), telefilmes como O Tesouro ou Mareas Vivas (ambas para a TVG), e infindade de curtametraxes, pezas publicitarias, obras teatrais e montaxes dos máis diversos estilos.

As prácticas deste curso permitiron aos participantes realizar trucos baseados na utilización de materiais sinxelos, dispoñibles no comercio habitual e de baixo custe, e ademais facelos con total seguridade, posibilitando ao participante desenvolver os seus propios productos e orientalos a promover a capacidade de improvisación e adecuación a orzamentos mínimos. Temario do cursiño: o circuíto eléctrico — a fabricación de moldes de partes do corpo — a simulación de disparos no corpo — as maquillaxes e o sangue — as explosións controladas.


CURSIÑO DE GUIÓNS
CINEMATOGRÁFICOS

Curso impartido por Carlos Hervella, profesor titular da Escola de Imaxe e Son de Vigo, cunha duración de 20 horas, nos locais da Casa da Xuventude de Ourense, os días 10, 17, 24 de novembro e 1 e 7 de decembro de 2001.

Carlos Hervella
imparte na EISV as materias de Proxectos, Guión e Producción de TV; ten participado en películas como Dame algo, de Héctor Carré, ou Lena, de Gonzalo Tapia; e en produccións televisivas como Energías renovables (Canal +) ou os magazines Cousa nosa e 2010.

O contido do curso foi un achegamento pormenorizado ao guión cinematográfico e o seu proceso inicial: sinopse, tratamento, estructura, guión literario e guión técnico.

 

OBRADOIRO
DE CINEMA
Dentro dos Obradoiros de Extensión Universitaria 2002 da Universidade de Vigo, no campus de Ourense, o Cineclube Padre Feijoo organizou o Obradoiro de Cinema. Complementando a proxección de varias películas no Ciclo de Cinema Clásico (abril e maio), o curso, impartido por Henrique Torreiro, consistiu na análise das diversas facetas do fenómeno cinematográfico, desde a realización das películas ata o seu visionado, cunha duración total de 10 horas, convalidables por 1 crédito. As aulas teóricas complementáronse con visitas á cabina de proxección do salón de actos da Biblioteca Pública e ás dos cines Lauren Ourense.

Henrique Torreiro foi coordinador as edicións quinta e sexta do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense. Colaborador con críticas cinematográficas en medios radiofónicos (Onda Cero Ourense e Radio Voz Ourense) desde 1992, é secretario e programador do Cineclube Padre Feijoo desde 1995.

Os obradoiros, con diferente programa, fixéronse coordinadamente cos cineclubes Pontevedra e Kinema (Vigo).


Programa do curso: 1. As orixes do cinema: Prolegómenos — Inventos previos — As primeiras proxeccións públicas — A xestación do espectáculo cinematográfico; 2. Da producción á distribución: Historial básico do proceso cinematográfico — Vocabulario e oficios básicos — As redes de distribución; 3. A proxección: Os distintos formatos — Os proxectores — Os tipos de pantalla — Os estándares de son; 4. Achegamento ás análises cinematográficas: comentar unha película: Perspectivas básicas — Interpretación e comparación de críticas cinematográficas

 

voltar á páxina principal

 

Hosted by www.Geocities.ws

1