Logo Calcorreiros

 

Como nolo montamos:

Antes de dar o paso de presentarte  nunha das nosas saídas recomendámosche que botes unha ollada a esta páxina para que coñezas a filosofía colectiva de Calcorreir@s. Para que saibas de que pau imos.

Hai tantas maneiras de patear como persoas. Cadaquén ten o seu ritmo e o seu xeito. Como resolvemos nós isto?.   

De un modo xeral é o guía, se o hai, o que establece o ritmo en función da lonxitude e dificultade da ruta e tendo en conta tamén o consenso do grupo.

 Velocidade do grupo: Se o colectivo todo tivese que parar cada vez que alguén quere deterse para facer unha foto, ver unha paisaxe ou calquera outra cousa, as pateadas serían eternas e aburridas porque se iría parando a cada paso. Iso non empece que cada quén faga as paradas que queira. Solo que despois debe reincorporarse ao grupo. Non hai que confundir a velocidade e o ritmo do grupo coa do individuo.

 Reagrupamentos: Cando o grupo se estira demasiado, de vez en cando fanse paradas de reagrupamento. A función destas paradas técnicas é volver compactar o pelotón para evitar que se rompa e alguén se poida perder. En canto chegan os últimos reiniciase a marcha. Se alguén se queda cando iso ocorre, aos poucos segundos o grupo volve estar roto e non valeu de nada o romperlle o ritmo á xente. Outra cousa son as paradas para descansar, comer, bañarse, ver algún lugar ou monumento ou o que sexa, que se acordan sobre a marcha e fanse tantas como a xente queira.

É importante, cando o grupo se estira ou a visibilidade é mala, que cadaquén se preocupe de non perder contacto visual co seu antecesor na marcha para evitar a ruptura e a posibilidade de perda. Os que van diante non teñen maneira de saber o que acontece atrás. Son os que non saben o camiño os que deben preocuparse de non perder contacto cos que o saben e non á viceversa. Nin temos estrutura para levar xente na cabeza e na cola nin esa é a nosa filosofía nin somos uns cativos aos que hai que levar da man.

 

Como ven sendo isto:

Calcorreir@s  é un colectivo aberto, calquera pode vir ás nosas saídas, non hai mais que estar no lugar e hora de saída  para ser un calcorreiro coma calquera outro.

Agora ben, o obxectivo de Calcorreir@s non é a divulgación do sendeirismo nin a súa función a de levar xente a patear. E moito menos a pasear. Pretende ser un colectivo de iguais ao que nos une a afección polos pateos. A quen non van dirixidas as actividades do colectivo é a aqueles que usan a información de Calcorreir@s como a carteleira dos cines ou os catálogos dos supermercados. Se hai algo de interese úsase e senón non. Total é gratis.

O calcorreiro ideal é aquel que ten vocación de acudir ás saídas. 

En Calcorreir@s apreciamos a aqueles que teñen vontade de seren habituais. Por iso nos esforzamos en avisar con suficiente antelación, para posibilitar que a xente poida cadrar as súas actividades. As convocatorias están dirixidas a aqueles que están interesados en vir, en ser parte de Calcorreir@s, e non en coleccionar información ‘por si acaso’ algunha cousa concreta lles pode interesar e nese caso ir ‘con’ Calcorreir@s.

 

Volver