Saída Data Comentario

Participantes

138 A Lanzada - Siradella. O Grove. 7 / 01 do 2017 Iniciamos a tirada nunha pista de aterraxe correndo como se fósemos despegar. Subimos ao miradoiro de Siradella e xa logo todo foi un precioso paseo perimetrando a península do Grove. Visita á Lagoa de Bordeira e ao Con Negro onde algúns gavearon. Día espléndido. Moita xentiña. Cañas demoradas ao final. 31
139 Alvite - Sistelo - Porto Covo - Furado. Arcos e Monção. Sistelo III 28 / 01 do 2017 Malia o día presentarse fosco e a tirada non ser fácil, moita xentiña polas trochas de Sistelo. O tempo andou así, así, pero finalmente portouse. Xantamos na Branda do Furado fuxindo do frío. Pateada moi técnica por ter grandes tramos de laxes esvaradías e outros de pedra solta. Pero nada que os calcos non resolvan. O mundo estaba espléndido. Algunhas costas atascáronselle a algunha pero non foi nada que non tivese solución. A última costiña polo medio dos toxos tamén tivo a súa graza malia que se cadra nin todos lla encontraron. Cervexas na Portela de Alvite e fin de festa paseando e ceando en Monção. 25
140 Serra do Xurés. Balneario Río Caldo - Corga da Fecha. Lobios. 11 / 02 do 2017 A Corga da Fecha, miliarios, Cabaniña do Curro... Incorporamos dous calcorreiros novos que encontramos nos camiño. Outros dous andaron atrasados do grupo moito tempo. Tres cans. A guía, á que non sempre fixeron caso, tivo equipo de axuda. Comemos nun camiño. Topamos coa neve. O RCE desta vez case non se viu. Ao fin degustamos os melindres de Rosa máis unha tarta de ananás para celebrar o cento de saídas calcorreiras de Helena. Iso si, de tapadillo, sen fotos, semiclandestino todo.  17
141 Cangas - Aldán - Coiro. Morrazo. (Antroido) 25 / 02 do 2017 Démoslle un completo repaso ao concello de Cangas, todo polo interior. Tódolos participantes máis ou menos disfrazados. Aire ao Cruceiro do Hío. A subida ao Leboreiro por unha trialeira tiroulle a respiración a algún pero pagou a pena para xantar con vistas a escoller sobre a ría de Vigo ou a de Pontevedra. Logo a baixada pola fraga de Coiro, espectacular. As abellas parece que non estiveron moi de acordo connosco e atacaron a un par de calcorreiras. Cortámoslle a mexada a un bon home, santo varón!!. Tomamos as cañas finais antes do final e premiáronnos coa presenza dunha comparsa antroideira. Fin de festa no Jefe en Cangas onde todo estaba máis que bo.  19
142 Montesinho (Finde) 17 a 19 / 03 do 2017 Sábado por Muimenta. Domingo por Pinheiro Novo en plan patrulla de fronteiras. Os guías, esplendorosos. O sol deunos brasa. O sábado houbo dous retirados que seica durmiran mal. A ruta foi máis esixente do previsto. Atracamos dúas veces o bar de Muimenta. Moitos quilómetros en coche. Cea pantagruélica en Vinhais. Xantar final o domingo á beira da autovía e fin de xornada en Puxeiros. A Casa da Bica en Gondesende, cinco estrelas. Recuperamos o vello costume do baño. 17
143 Arga de Baixo. Serra d'Arga II. Caminha. 01 / 04 do 2017 A algúns non os vimos practicamente en todo o día. Mesmo fixeron un atallo ao final. Impresionante a Queda da Agua das Penas. Ameazou con chover pero non foi nada. Ocupamos dúas veces a Taberna do Horacio. A segunda vez por moito tempo. Visita ao mosteiro da São Jõao. Malandreamos no Stop pola noite e rematamos coma case sempre en Puxeiros 21
144 Terras de Bouro. Campo do Gerês II. Serras Amarela e Gerês (FSL). Páscua. 13 a 16 / 04 do 2017 Dúas só nos acompañaron o venres que era o día de rebaixas.Descubrimos unha nova vía de ascensión á Louriça. Xoves, algo de calor, subimos á Louriça. Durilla. Venres un paseo onde tivemos reforzos.Sábado tamén lle chegou. Ceas e sobremesas con moitas risas. Visitas a museos e aínda que nas rutas non había cañas, nós topamos a maneira de tomalas. No camping había outros calcorreiros menos asiduos. Xestión e organización a cargo de Helena, coma sempre, perfecta. De volta xantar en Bubaces, natas en Castro Leboreiro e coma case sempre, remate en Puxeiros.. 8
145 Piñeiro - Bidueiros - Campo. Covelo. Suído. 06 / 05 do 2017 Algunha sufriu por cousa dun croissant (curasán, como din en Vigo). O Padín paseounos polos camiños dunha ollada persoal ao Suído. Bidueiros, xesteiros, foxo do lobo, chozos, puza de Piñeiro, camiño vello de Piñeiro, a ermida da Guía... o cabalo branco de Terry, os cabaleiros tipo cow boy como saídos dunha postal doutro tempo que tamén é este tempo, unha sinfonía en verde e amarelo. Miscelanea fermosa traballada con moito cariño. Tanto que mesmo a chuvia tivo vontade de nos visitar. Incomprensiblemente moitos preferiron non facer a parte seguramente máis bonita da ruta, o camiño vello de Piñeiro, retirándose en bloque. Misterios calcorreiros!!. Fin de xornada comendo callos e tortilla e leite frito e máis cousas en Estacas. 23
146 Viana - Abilheira - S. Mamede - Canos d'Água (Día da Letras) 17 / 05 do 2017 Os Vianatrilhos profilláronnos. Déronnos información, axuda coa guía, comida, bebida, café e boa compañía. Unha longa lista de lugares con historia. Un día hidráulico. Impresionante o sistema dos canos. Lecturas en San Francisco, Santa Luzia, San Mamede e nos Arcos do Fincão. Helena esplendorosa. Mel con broas. O Senhor López deunos un recital de música ao vivo. Remate no centro de Viana e fin de festa no Stop. 29
147 Pigarzos. A Lama. Suído. 03 / 06 do 2017 Un dia óptimo para andar. O Padín pastoreounos polos montes d’A Lama. Visita ao Foxo do Lobo de Pigarzos no que algúns calcos estiveran xa noutra saída e logo unhas voltiñas extra. Cea en Estacas. Remate en Puxeiros. 20
148 Barciademera - Fofe II. O Covelo. 24 / 06 do 2017 Deambulamos pola sombra arredor do Tea e os seus afluentes. Poldras, Carranos, pontes medievais, fragas, muiños.... Comida máis demorada que de costume con cervexas, viño e cafés, na Rectoral de Fofe. Baño na Poza do anguieiro onde desaloxamos a un pescador.Topamos unha botella de viño nunha levada. Rematamos ceando no Sebastián en Barciademera. 10
149 Campo e Pigarzos. Suído Central. (Seminocturna) 08 / 07 do 2017 Doce calcos na escuridade. Un novo que xa o ten pasado mellor. Unha neboeira contumaz apenas permitiu que vísemos a lúa uns poucos minutos. O Padín en plan campión controlando todo, menos a conxura dos fentos. Merenda previa en casa Chalán. Os chozos de Avión e Forzáns, un descubrimento para case todos. Dous foxos do lobo na noite. Algún chegou algo prexudicado ao fin que lle debeu parecer que non chegaba nunca. Almorzo frustrado nos Valos. Os últimos resistentes agardaron a que abrise Casa Gallardo. Rico o queique de Carmen. 12
150 Codeseda - Sabucedo. A Estrada 29 / 07 do 2017 Esplendorosa. A poalla puxo triste ao guía e contentos aos demais. Membros da Asociación Codeseda Viva presentáronse nos carreiros para nos dar información. O Ramón tíñanos un agasallo especial fora de concurso: Unha subida e unha baixada ‘técnicas’ que el pensou que a xente non faría pero fíxose. Como había néboa e non se vía a paisaxe, o  Alexandre obsequiounos cun pase de modelos en canillas. Carmen chegou un algo prexudicada, xa o ten pasado mellor. Xantamos en Sabucedo. Cañas en Codeseda. Callos finais no Ferrancho. 13
151 Miranda - Rio Frio. Arcos de Valdevez. II 19 / 08 do 2017 Todo moi entretido. Caídas varias, rascazos coas silveiras... Case todo pola sombra. Xantar ao pé dunha fervenza. Presentación do novo libro de Ferrín propiedade de Calcorreiros. Un par de fontes no camiño colocadas estratexicamente déronnos folgos. Ía calor. Ao remate quixemos parar en Paredes pero non foi posíbel porque estaba todo petado polo festival. Cañas en São Bento, cea no Stop e fin de festa en Puxeiros. 15
152 Sistelo - Estrica - Arcos. Sistelo IV. (VII Aniversario) 09 / 09 do 2017 O sétimo aniversario xuntou nos carreiros do Vez a 28 calcos dos que cinco eran novos. A subida á Estrica parece que custou algo. Era para quecer. Vimos unha vaca que sabía abrir cancelas. Moi accidentado todo, menos o terreo: caídas, bochas, mesmo un home vencido por un gato. Unhas cañas na beira do río que nos obrigaron a cruzar unhas poldras magníficas e logo as cañas finais nos Arcos. Celebración final en Puxeiros con festa. Fomos de taxi para o inicio da ruta. 28
153 Soajo - Mezio - Travanca - Branda da Cova. Soajo II. 30 / 09 do 2017 A peña andaba algo espesa. Perdemos dúas unidades xa antes do xantar. Logo outras dúas foron polo atallo e finalmente outra retopou conta un candullo. Ruta moi sendeirista con diferentes paisaxes e terreos. Visita á Cova, comemos á beira dunha cabana nun lugar espléndido. Unha costa por un souto deixou á xente coa respiración ofegante. Non houbo baño pero si cañas finais, onde recibímo-la visita dunha calcorreira, e cea no Soajo. 13
154 Carballeira de San Xusto - Campo Lameiro - Río Maneses. 21 / 10 do 2017 Visita guiada ao Parque arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro. Río Maneses espectacular. Camiños de contos de fadas. A chuvia ameazou pero contívose. Cañas na Casa de Dios. Cea na Gruta, en Xeve, superferolítica. A cousa rematou en Puxeiros máis alá das tres da mañá. Desta vez non tivemos accidentes. 24
155 Seara – Devesa do Cervo - Ferramulín. Seara II. Courel II.  11 / 11 do 2017 A Devesa do Cervo, un mundo distinto. O Courel aos nosos pes. Cervexa na taberna da Fina en Ferramulín. Algunha pasouno un pouco mal, outro foi a Vigo por ver Cangas. Os guías espléndidos. Fixeron de guías e de pais bondadosos. Tal cantidade de eventos paralelos e asociados que non demos feito a todo: Filmación, magosto, baile, cocido no Foguete con pista de terra incluída, bolos, muíño con queixo e marmelo, compra de mel como para quedarse a vivir alí. Haberá que volver, unha vez máis. Atopamos un calcorreiro no Carrete. Estreamos as camisetas novas. 20
156 Zobra – Campo Valiño. II. Lalín. 02 / 12 do 2017 O guía coma un pai, todo perfecto. Encontrou unha garrafa de viño que perdera hai cinco anos. Perdeuna hai cinco anos e era da colleita do 2016. Fixo algo de frío ás veces. Visita ás minas da Trigueira e á praia fluvial da Cabana. Algúns compraron mel en Zobra onde o taberneiro local nos abandonou. Moitos fuguillas que nin agardaron ás cañas final de ruta. Visita aos pendellos d’Agolada e á igrexa de Ventosa que a moitos non lles interesaron nada e nin sequera foron. Cea final en Santiso. A algúns custoulles encontrar o camiño de volta. 25
157 Campo e Pigarzos. Suído Central. 23 / 12 do 2017 A mesma que fixeramos en xullo de noite, desta vez de dia. Todo foi tan ben que non hai moito que contar. Dous foxos do lobo, un dobre. Chozos. Fin de pateada cunha vista á fervenza de Casariños. O mundo cheo de vacas, cabalos, e mesmo un xabaril. Remate en Casa Chalán. 20

 

 

Volver