g@lici@-suroeste edición electrónica    

[email protected]

 

Principal ] Arriba ] A Guarda Noticias ] O  Rosal ] Oia ] [ Tomino ] Tui ] Comarca ] Valenca ] Outras Novas ]

PORTADA

HEMEROTECA

MARIÑA

CONCELLO DA GUARDA

DEPORTE

CULTURA

ENSINO

DEMOGRAFÍA

GUÍA DO OCIO

REPORTAJES

Foz do Minho

CAMINO DE SANTIAGO

ATLÉTICO GUARDÉS

PARROQUIA STA. MARÍA

RÚAS DA GUARDA

COUSAS DA GUARDA

ARQUIVO DIXITAL AEREO

ENTREVISTAS

FOTOSAYER

Patrimonio arquivo e documentación

Arquivo Municipal

COLABORACIÓNS

BIBLIOTECA

DICCIONARIO

CONSULTOR estudiante

LITERARIA

AXENDA

MEDAS 21

EXFIMIÑO

S. XEROME EMILIANI

COMUNICADOS

PÁXINA ABERTA

ENLACES

BUZÓN DE EMPREGO

DIRECTORIO

TOMIÑO

Informa BETI REY

Mércores, 1 de decembro de 2004

O Problema de Correos en Tomiño en vías de solución

            Nos últimos días falabamos dos problemas que os veciños de distintas parroquias de Tomiño, sobre todo en Tebra, estaban a ter co reparto de correos. O problema parece ser que está en vías de solución segundo informa nunha nota o Presidente da Asociación de Veciños, Carlos Encisa.

            Logo das protestas realizadas polos veciños e de dirixirse ó Xefe Provincial de Correos, este contestaba a Asociación de Veciños a semana pasada, cando tamén visitaba Tomiño o xefe de Loxística de Correos, quen parece ser que amais se entrevistou co Alcalde.

            No día de onte o Presidente da Asociación de Veciños dirixiu un escrito ó Alcalde de Tomiño no que informa das últimas xestións e compromisos,  e insta ao rexedor tomiñés a que realice unha serie de melloras.

            Segundo Carlos Encisa, o Xefe Provincial de Correos, na resposta que lles remitiu, achaca os problemas rexistrados no reparto á falla de pracas nos barrios, así coma á falla de numeración nas vivendas. A isto o Xefe de Loxística, que estivo a semana pasada en Tomiño, engade que a numeración das vivendas é incorrecta xa que nalgúns lugares hai varias vivendas co mesmo número.

            Segundo expoñen os veciños o Xefe de Loxística entrevistábase a semana pasada co Alcalde quen se comprometía a pór as pracas cos nomes dos barrios e os números correctos nas vivendas. Amais o sábado pasado os veciños de Tebra celebraban unha Asemblea na que se comprometían a colocar buzóns en cada vivenda.

            No escrito da Asociación de veciños de Santa María de Tebra, asinado polo seu presidente Carlos Encisa, piden ao Alcalde que cumpra o compromiso adquirido co Xefe de Loxística, referido á colocación de indicadores cos nomes dos barrios e a numeración da vivendas. Tamén lle solicitan que faga ás xestións oportunas para que se amplíe o horario da  oficina de Correos en Tomiño, e que medie para que volva a abrir a Oficina que había en Santa María de Tebra, que daría servicio ás parroquias de San Salvador, Santa María e Vilameán.

            Por último os veciños manifestan a súa preocupación pola situación que pode darse o próximo mes de xaneiro cando se incorpore a súa praza o novo repartidor e se elimine o reforzo que se estableceu no servicio estes días, xa que se non se solventa  a situación, poderían repetirse os mesmos problemas.

.

O Club Deportivo Miño – Teixugos organiza a concentración de Augas Bravas “Cando o Tamuxe-Ruxe”.

            O Club Deportivo Miño – Teixugos de Goián celebra, do 3 ó 8 de decembro, a Concentración de Augas Bravas de Galicia en Inverno denominada “Cando o Tamuxe-Ruxe”.

            Este encontro, de referencia na Península, vai camiño de converterse nun dos principais a nivel europeo, e un ano máis congregará en Goián a centos de palistas nacionais e estranxeiros.

            Co obxecto de lograr que esta concentración sexa toda unha festa o Club Deportivo Miño, en colaboración con diversas entidades organizou tamén unha serie de actividades parellas.

            Así haberá dúas xornadas de Vídeo Forum no Centro Goianés en colaboración coa Asociación Cultural A Xanela. E o pavillón de Goián acollera un concerto no que actuarán Alberto Mvundi, Tino Baz e Foliada, entre outros. Aquí a organización corresponde á Asociación de Veteranos do Goian FC.

 

Martes, 30 de novembro de 2004

O Concello de Tomiño construirá tres parques infantís

            O Concello de Tomiño vai construír tres parques infantís nas parroquias de Pinzás, Vilameán e no Campo da Feira en Tomiño. As obras veñen de ser adxudicadas recentemente.

            A inversión ronda ós sesenta mil euros, dos que algo máis de 33.400 proceden de fondos do PRODER II e os 26.400 restantes son aportados polo propio concello.

            Coa construcción destes parques infantís melloraranse notablemente os espacios de esparcimento para nenos e maiores no termo municipal. O obxectivo do goberno local é continuar con accións similares ate dotar a tódalas parroquias deste tipo de instalacións.

            Por outra banda, en relación con obras, o Concello de Tomiño vén de solicitar de Augas de Galicia unha subvención de 1.623.401,63 euros para financia-la obra do “Colector Xeral de Tomiño” na súa segunda fase.

O Concello de Tomiño recibe achegas por valor de 46 mil euros para a inserción laboral de parados

            A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, da Xunta de Galicia, vén de conceder máis de 46 mil euros ó concello de Tomiño, dentro da política de fomento da inserción laboral dos parados.  Esta importante achega se realiza ó través de tres programas de fomento do emprego.

            O primeiro é o Programa de Cooperación, no que o Concello de Tomiño percibe 3.136,12 € para a contratación durante dous meses de dous peóns destinados a servicios de limpeza de parques.

            Ó abeiro do Programa Labora, Tomiño recibe unha achega de 37.113,60€ para a contratación durante un ano de catro peóns para servicios de limpeza de rúas e zonas verdes.

            Por último se vén de prorrogar o servicio de Limpeza e Mantemento da Área Recreativa do Lago da Pedra e outras, grazas á subvención de 6 mil euros de Asuntos Sociais, aportando o concello idéntica cantidade. Aquí o fomento do emprego realízase coa contratación de empresas de economía social.

A Concellería de Cultura de Tomiño fai pública a súa programación para o mes de decembro

            Cinco espectáculos conforman a programación plantexada para este mes de decembro pola Concellería de Cultura de Tomiño en colaboración cos ciclos “Galicia nos sentidos” e “Sons de Fronteira”.

            O primeiro dos espectáculos previstos terá lugar este próximo venres ás once da mañá no Auditorio de Goián. Vai ser unha representación de títeres para escolares a cargo da compañía Falcatrúa. Os nenos do Colexio Rural Agrupado de Tomiño asistirán á representación de “Linocho e a lúa”.

            Dentro desta programación de decembro o día 19, á unha do mediodía, actuará no local social do pavillón de Barrantes, o trío Eire. Tamén o día 19, pero ás seis da tarde, no Auditorio de Goián, está previsto un concerto a cargo do tenor José Antonio Campo e a soprano Amparo Navarro, acompañados pola Agrupación Musical de Goián.

            O mércores 22 o público poderá disfrutar co directo da Orquestra Sinfónica de Melide, que a partires das oito e media da tarde, actuará no Auditorio de Goián.

            Por último o domingo 26 de decembro a Igrexa de Santa María de Tebra acollerá a orquestra Mesturas. Este colectivo ofrecerá un concerto a unha menos cuarto do mediodía.

 

(Redacción) Sábado, 27 de novembro de 2004

O director Xeral de Montes non ten coñecemento de que se vaian construír campos de golf ou urbanización algunha en Pinzás

Ante a pregunta formulada pola deputada do BNG, Rosa Darriba, sobre o proxecto de construcción de dous campos de golf e 840 vivendas en Pinzás por parte dunha empresa privada, o Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Ambiente respondeu que coñece “este suposto proxecto” polos escritos do veciños e pola iniciativa do Bloque no parlamento galego, pero insiste que non coñece ningún proxecto nin o anteproxecto.

De todos xeitos, di o Director Xeral na súa resposta, que a construcción destes campos de golf sería posible a través de concesión, pero suxeitos a unha limitación de tempo que unha vez rematada esta concesión revertiría na Comunidade de Montes. Ao ser así, o suposto de construcción de vivendas -afima o Director Xeral- é practicamente imposible que suceda, xa que tería que haber unha permuta con outro terreo que limitara tamén coa Comunidade de Montes ou haber un expediente de expropiación que demostrara a prevalencia do interese público sobre o propio valor do monte.

Todo o anterior require, ademáis, o informe previo da Consellería de Medio Ambiente e tampouco descarta que por tratarse dun campo de golf fose necesario un estudio de impacto ambiental. Segundo o Director Xeral nos casos de construcción de campos de golf hai moitos intentos e rumoroloxía, pero que na maioría dos casos non chegan a materializarse.

            Dende o BNG en Tomiño pregúntanse como é posíbel que se alimenten este tipo de rumores e que nin o Concello nin ningún deputado do Partido Popular no parlamento galego, poña interese en averiguar o fundamento que poden ter estas actuacións e a posibilidade que teñen de seguir adiante, dende o BNG seguirase de perto este caso para que os veciños poidan ter a información axeitada.

 

Venres, 26 de novembro de 2004

O BNG de Tomiño inaugura hoxe local social  

            Ás nove desta noite está prevista a inauguración  da sede local do BNG en Tomiño. Trátase dun baixo emprazado na avenida principal do Seixo, na rúa Jose Antonio número 28. Ó acto de hoxe está prevista a asistencia de Santiago Domínguez Oliveira, membro da Executiva Nacional e concelleiro do BNG en Vigo, e de Olaia Fernández, deputada no Parlamento español.

            Este novo local, que hoxe vai ser inaugurado,  ten coma obxectivos ser un centro de traballo para a organización local do BNG, ó tempo que se busca que sexa un punto de encontro referencial para tódolos militantes e simpatizantes nacionalistas de Tomiño. Inicialmente o local abrirá para atender ó público tódolos luns de oito da tarde a dez da noite.  

.

O Concello de Tomiño diríxese a Correos demandando un mellor funcionamento do servicio no municipio

            O Concello de Tomiño vén de dirixir un escrito á Dirección Xeral de Correos de Pontevedra para lle transmitir ás continuas queixas que se están a producir no municipio polo “deficiente servicio de correos” neste termo municipal. Así o acordou a Xunta de Goberno local quen considera que este mal servicio débese, principalmente, á desaparición e á precariedade dos postos de traballo de repartidores nas distintas parroquias tomiñesas.

            Dende o Concello de Tomiño amosan tamén á Dirección Xeral de Correos a súa vontade de colaborar para mellorar o funcionamento deste servicio no municipio. Engaden amais a solicitude de ampliación do horario de atención ó público nas oficias de Tomiño e Goián, xa que debido ó importante incremento da poboación nos últimos anos, o horario actual é insuficiente para atender ás demandas dos usuarios.

 

Xoves, 25 de novembro de 2004

Tomiño conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

            En Tomiño a Concellería de Muller, Xuventude e Asuntos Sociais do Concello de Tomiño programou unha serie de actividades ante a celebración hoxe, 25 de novembro, do “Día Contra a Violencia de Xénero”.

            A primeira desenvolveuse onte no mercadiño semanal e nas rúas do centro urbano, e hoxe no IES de Tomiño. Será unha campaña coa finalidade de sensibilizar e esperta-la conciencia da poboación para facer fronte á violencia no fogar cos instrumentos que a lei ofreza e a sociedade teña ó seu alcance.

            Por elo na praza do Concello colocaron unha pancarta, confeccionada polas voluntarias para a ocasión co lema “Nas túas mans”. Co mesmo lema están a repartir pegatinas.

.

O BNG esixe beirarrúas na estrada Cotro-Seixo  

            O grupo parlamentario do BNG presentou unha enmenda ós orzamentos da Xunta para 2005 na que reclama o remate da urbanización da estrada Couso-Cotro, xa que segundo din, as obras pararon ó chegar ó núcleo de Tomiño, no Seixo, e non se completaron co remate do axeitamento dende o Seixo ata o Cotro.

            Dende o BNG esixen que se remate a estrada e que se constrúan as beirarrúas Cotro-Seixo, xa que segundo indican se teñen producido varios accidentes de gravidade neste tramo. Engaden que os veciños dos barrios da Costa e Cotro que se dirixen ó Seixo teñen que transitar por riba da calzada co risco que supón facelo nunha estrada cun tránsito denso e que circula a velocidades altas.

            O tema foi levado ó debate parlamentario polos nacionalistas, solicitando que nos Orzamentos de 2005 se inclúa unha partida para sufragar esta obras e correxir esta deficiencia, que indican “pode provocar máis accidentes se non se actúa a tempo”.

            Na nota, onda fan pública esta esixencia, os nacionalistas de Tomiño critican tamén que no seu parecer os Orzamentos da Xunta do próximo exercicio volven estar caracterizados pola “ausencia de investimento real en Tomiño”.

.

A Asociación Xuvenil Taíña organiza un Magosto en Goián

A Asociación Xuvenil Taíña, continuando na liña marcada desde fundación deste colectivo de recuperar vellas tradicións e costumes da zona, vai oerganiza-la festa dos magostos. Será o sábado, 27 de novembro, a partires das seis do serán e terá como lugar de celebración a praza da Igrexa en Goián. Como é costume nesta antiga festa galega, serviranse castañas de balde. Para amenizar a festa “Taíña” contará con grupos de musica tradicional e farán unha gran foliada na cal cada quen pode traer o seu propio instrumento. Servirase viño, licor cafe e cilantro e rematará a festa cunha queimada popular.

A Asociación Xuvenil Taíña convida a tódolos goianeses e non goianeses a participar nesta festa e congratúlase de que sexa a mocidade de goián  a que recupere para este pobo unha festa que xa desaparecera.

 

Mércores, 24 de novembro de 2004

Actos culturais en Goián

            Dous son os concertos que esta semana se van celebrar en Goián dentro do ciclo “Sons de Fronteira” que promove a Fundación Comarcal O Baixo Miño.

            O primeiro dos eventos musicais deste ciclo celebrarase o sábado, ás nove da noite, no Auditorio de Goián. Será o espectáculo “Missa Magnificus”. E ao día seguinte, domingo, ás doce e media da mañá, a coral Ad Libitum actuará na Igrexa Parroquial de Goián.  

.

Actividades en Tomiño por mor do “Día Contra a Violencia de Xénero"

            A Concellería de Muller, Xuventude e Asuntos Sociais do Concello de Tomiño programou unha serie de actividades ante a celebración mañá, 25 de novembro, do “Día Contra a Violencia de Xénero”.

            A primeira destas actividades vaise desenvolver hoxe ,no mercadiño semanal e nas rúas do centro urbano, e mañá no IES de Tomiño. Será unha campaña coa finalidade de sensibilizar e esperta-la conciencia da poboación para facer fronte á violencia no fogar cos instrumentos que a lei ofreza e a sociedade teña ó seu alcance.

            Por elo na praza do Concello será colocada unha pancarta, confeccionada polas voluntarias para a ocasión co lema “Nas túas mans”. Co mesmo lema serán repartidas tamén unha serie de pegatinas.

            Amais hoxe, mércores, e mañá, xoves, os alumnos e alumnas de terceiro e cuarto da ESO do IES de Tomiño asistirán á proxección da primeira parte do documental “A espalda do mundo”. Logo haberá un coloquio no que participará a técnica de xuventude e a responsable da Oficina de Voluntariado da Mancomunidade.

            Amais para o sábado, está prevista a recepción, por parte do Alcalde, das once persoas que están a participar no programa de voluntariado no concello. Tamén acudirá a Concelleira de Asuntos Sociais.

            E xa para a próxima semana vaise celebrar en Tomiño a I Semana do Voluntariado. Será na casa de Cultura. De luns a venres, de catro a sete da tarde, poderase visitar unha exposición de Voluntariado e Cooperación cedida pola Asociación Solidarios para ó Desenvolvemento, e tamén se exporán os traballos dos alumnos do curso de Coiro, de fotografía, da Asociación de Veciños de Pinzás, e da Asociación Vontade, entre outros.

.(Redacción)

O PSdeG-PSOE denuncia a montaxe irregular dunha grúa que ocasiona atrancos a persoas e comerciantes

            O grupo municipal do PSdG-PSOE, de Tomiño, cualifica de “desidia” e “covardía política” a actitude do goberno municipal do PP en relación a instalación dun guindastre de obra sen licencia e ocupando o vial da rúa A Guarda dende hai meses, a pesar de ter advertido no Pleno do día 30 de outubro desta circunstancia. Naquel pleno, recordan os socialistas, se espuxo a situación de ilegalidade do guindastre, engadindo ademais do feito de estar utilizando o víal como depósito de materiais. Esta ilegalidade foi corroborada por un informe da policía local. “Daquela a hoxe”, engaden desde o PSOE, “a única actuación por parte da empresa constructora foi a sinalización con luces do valado da obra, sen que ata o momento se teña constancia de legalización desta grúa que está a ocasionar dificultades puntuais de tráfico”, sinalando tamén desde a formación socialistas, que se chega a pechar o vial para descargar materiais causando molestais aos peóns e usuarios de establecementos comerciais da rúa, sen que “se teña iniciado expediente sancionador por parte do goberno municipal”. Dáse a circunstancia, din desde o PSOE, que o propietario da empresa constructora foi concelleiro do PP na pasada lexislatura. O PSdG-PSOE reclama a inmediata retirada da grúa xa que ademais do perigo pontencial que supón para os que circulan por esta rúa, é un agravio para as empresas constructoras que cumpren coas súas obrigas.

 

Hosted by www.Geocities.ws

1