Carlos E. Encisa de Sá

Asociación de veciños de Santa Mª de Tebra

Casa social de Tebra - barrio igrexa s/n

Tomiño

 

 

 

30 de novembro de 2004

 

Sr. Alcalde:

Como presidente da Asociación de Veciños de Santa María de Tebra diríxome a vostede en nome dos veciños en relación ás deficiencias no servizo de correos.

 

Como vostede sabe, o pasado día 20 de novembro os veciños de Santa María de Tebra acudimos á oficina de Correos de Tomiño (praza da mina) e presentamos máis de cen reclamacións polo deficiente servizo que sufrimos dende hai máis de tres meses. Este acto de protesta foi recollido nos medios de comunicación, aparecendo a noticia nas edicións do “Faro de Vigo” e “La Voz de Galicia” do día seguinte, o 21 de novembro. Asimesmo a noticia da protesta realizada polos veciños de Tebra foi publicada en internet (edicións dixitais dos citados xornais e en galicia-suroeste.com) e na edición de “Atlántico Diario” do 23 de novembro. As emisoras de OndaCero e RadioTui fixéronse igualmente eco desta protesta neses días, e incluso nesta última tiveron participación en directo mediante chamadas telefónicas numerosos veciños doutras parroquias da nosa vila afectados tamén polas deficiencias do servizo de correos, que se sumaban á nosa queixa.

Ademais das reclamacións, o pasado 20 de novembro enviei en nome dos veciños de Santa Mª de Tebra un escrito ó xefe provincial de Correos, D.José Manuel Paz Chapela, facéndolle chegar as nosas protestas, que inclúen ademais da escaseza de reparto nos últimos tres meses, o problema que supón o reducido horario de atención ó público da oficina da praza da mina. Adxúntolle copia deste escrito.

 

O pasado día 25 de novembro, 5 días despois, o xefe provincial respondeu cun escrito no que pon de manifesto que o servizo é deficiente principalmente pola ausencia de buzóns nas vivendas e pola ausencia de placas das rúas e de númeración nas vivendas. Desto último, da ausencia de placas das rúas e de numeración nas vivendas, o xefe provincial de correos di que a responsabilidade é do concello. Adxúntolle tamén copia deste escrito da resposta do xefe provincial.

 

Neses días, e de novo debido á protesta realizada polos veciños de Santa María de Tebra, puxéronse en contacto comigo como presidente da asociación persoas pertencentes ó sindicato UGT, na rama de correos. Estas persoas amosáronse interesadas pola situación, e informáronme dos pormenores da legalidade neste tema. Asimesmo, dixéronme que tiñan prevista unha entrevista con vostede o pasado xoves día 25 ás 12 da mañá. Posteriormente fun informado de que durante esa entrevista vostede comprometeuse a poñer as placas das rúas e os números nas vivendas.

Ó día seguinte a esa entrevista púxose en contacto comigo D. José Francisco Noya Castro, xefe de loxística da oficina central de correos en Santiago, tras acudir a outra entrevista con vostede no concello. O sr. Noya informoume de que tamén nesa reunión vostede se comprometeu a poñer as placas das rúas e os números nas vivendas, e pediume colaboración por parte dos veciños para solucionar este tema o máis rapidamente posible. O sr. Noya informoume ademais de que a numeración actual é incorrecta, pois non pode haber nun mesmo barrio números repetidos (p.ex: no barrio de Outeiro hai catro vivendas co nº12), e que non son válidas para a numeración de correos as denominacións de “núcleo” e “diseminado” que provocaban duplicidade nos números pois, segundo informa o xefe de loxística de correos, estas denominacións corresponden a datos de estatística e non deben utilizarse para a numeración de correos, que debe ser unívoca e sen repeticións de números no mesmo barrio.

 

Vostede sabe dos esforzos que vimos facendo na Asociación de Veciños de Santa María de Tebra por colaborar co concello en mellorar as condicións dos veciños, como xa o puxemos de manifesto en varias ocasións, como por exemplo formando parte na comisión de seguimento das obras da estrada PO-351, ou colaborando na corrección do inventario de camiños públicos, na que por parte da asociación se puxo a disposición dos veciños no local social, copias dos planos do catastro e do PXOM para realizar as consultas e incluso axudamos a redactar as reclamacións, aforrando ós veciños ter que acudir ó concello para facelo, e aliviando de paso ás oficinas do concello de todo este traballo. Daquela dende a asociación se colaborara en máis de cincuenta reclamacións de camiños públicos que non aparecían no inventario inicial.

 

Nesta ocasión, os veciños foron convocados en asemblea o pasado sábado día 27 de novembro e nela foron informados da situación, consensuando o compromiso de que aqueles veciños que todavía non o teñen, colocarán o buzón na vivenda á maior brevidade, solucionando a parte do problema que nos toca como veciños. Asimesmo, na mesma asemblea, os veciños amosáronse preocupados polo prazo no que o concello corrixirá as dobres numeracións e colocará as placas das rúas e os números nas vivendas, pois entendemos que ese paso é fundamental para conseguir o servizo que nos corresponde como cidadáns.

 

Por outra banda, o cambio de carteiro en Tebra ocasionou que na actualidade non exista oficina de correos en Santa Mª de Tebra, e no caso do correo certificado e cando o veciño non se atopa no domicilio cando pasa o novo carteiro, o veciño ten despois que desprazarse ó Seixo (xa sabe, sete km de ida e sete km de volta) para recoller esa carta certificada. Esto ademais ten que facelo en coche propio ou en taxi (pois non temos transporte público que combine adecuadamente), e antes das 12 da mañá, para atopar a oficina de correos aberta (os sábados antes das 11). Na asemblea do pasado día 27 numerosos veciños expresaron a súa preocupación pola posibilidade de que se manteña esta carencia no futuro, que deixa á zona de Tebra nunha situación deficiente no tocante a este servizo. Segundo informou o xefe de loxística de correos, ó que lle plantexei este problema da actual ausencia de oficina en Tebra, a praza de carteiro de Tebra-Taborda saíu a concurso como “sete horas de traballo en coche propio” e non co engadido “con aportación de local” como se estaba realizando ata agora. De todos xeitos, o xefe de loxística de correos tamén aclarou que “Correos está revisando as necesidades da zona para adecuar o servicio”, polo que neste tema esperamos tamén da súa contribución como alcalde que defende as nosas necesidades.

 

Finalmente, no “Faro de Vigo” do pasado venres día 26 de novembro tivemos a ledicia de ler que a xunta de goberno do concello que vostede preside reunírase o día 20 de novembro (dúas horas despois de que os veciños de Santa María de Tebra presentaramos as reclamacións en correos), e entre outras cousas decidira mandar un escrito reclamando melloras no servizo e expresando a vontade de colaborar con Correos. Iniciativa que aplaudimos e que, tras casi catro meses con deficiencias, sen dúbida ten que ver coa nosa protesta, o cal agradecemos. Como noutras ocasións, catro días antes da protesta informamos ó cuartel da garda civil das nosas intencións, e estamos seguros que vostede foi informado con tempo polas forzas de seguridade.


Por todo o anterior, diríxome a vostede para, en nome dos veciños de Santa María de Tebra, solicitarlle o seguinte:

 

1.      Corrixa as dobres numeracións das vivendas da zona. E infórmenos, no seu caso, dos novos números, para que podamos corrixilo nas empresas e persoas que nos envían correspondencia.

 

2.      Coloque as placas de rúas e barrios e os números nas vivendas, o máis rápido posible, pois diso dependerá que o servizo se normalice.

 

3.      Infórmenos dunha data tope na que ten previsto solucionar o exposto nos puntos 1 e 2.

 

4.      Realice as xestións para que en Santa María de Tebra volva a haber unha oficina de correos. Esta oficina en Santa María de Tebra daría de novo servizo tanto á parroquia de Santa  María como ás de San Salvador e Vilameán. Para facilitar este tema, invitámoslle a poñerse en contacto coa directiva da comunidade de montes e buscar o xeito de quizáis utilizar algún espazo na casa social. Nestes días tivemos constancia de que a oficina de correos de Goián está nun local cedido polo concello. Esto non é capricho, senón necesidade real dada a poboación de Tebra, á distancia ó centro e a inexistencia de autobús regular de utilidade.

 

5.      Realice as xestións para que se amplíe o horario de atención ó público da oficina da praza da mina. Esto suporía un beneficio para toda a vila.

 

 

Agradecendo a atención prestada despídese atentamente,

 

 

 

Carlos Encisa de Sá (DNI 36107653-E)

Presidente da Asociación de veciños de Santa María de TebraOs abaixo firmantes solicitan da Consellería de Política Territorial, Obras

Hosted by www.Geocities.ws

1