Hosted by www.Geocities.ws




 Xermolo activo ... Por Félix Rodríguez
 


Xermolo activo

O día comezou coma sempre: gris. Pero non un gris calquera, non, un gris agrisado.

Sempre era así. A noite anterior podía rematar de moitas cores: negra, branca, vermella, incluso verde, tamén castaña. Nunca gris. Mais o comezo non variaba, repetíase unha e outra vez, e outra, e unha vez máis. Un ton moi neutro, moi pasivo, moi cheo de nada, moi infinito...

Tal vez o desexo de soñar, o feito mesmo de soñar provocaba o gris, o gris agrisado... Non o sabía, pero soñaba en branco e negro. Puña toda a atención en conseguir as cores máis marabillosas, máis atraentes. Tentaba encher o ar de matices nunca vistos, de tons estraños e abraiantes, de luminosidades cegadoras. Todo en balde, no momento de espertar só existía unha inundación de cor matutina, insulsa, abafante, eterna...

O día comezou coma sempre. Nada diferente se introducira entre os buraquiños da monotonía. A posibilidade de variación posuía un valor nulo, castrado. E, nembargantes, todo ocorreu sen ningunha repetición. ¿Que mudara? Pois que xa non era o que era. Non identificaba o que sentía. As percepcións igualaban por completo as anteriores, as dos miles e miles de días de curta vida acumulada. O cambio estaba no recoñecemento das cousas sentidas.

Non o aturaba, non o entendía, non o vivía, non o soñaba. O vivido converteuse en soñado e o soñado en vivido. Desta maneira vivía en branco e negro e o día remataba en gris agrisado.

Por iso ese día, que comezara coma sempre, foi o último.

Volver á páxina principal

 


1