Presentación do colectivo Auga Ras
 


O colectivo auga ras quere invitarvos a todos á súa presentación "en sociedade", que terá lugar o vindeiro venres 25 de abril no Café Arco, na praza do 2 de maio, ás 21:30 horas.

A intención de auga ras é servir de ponte entre os artistas galegos e as ras que aquí moramos, e os outros tamén. Axudar a aqueles que buscan un lugar no espacio escénico, para ollarnos no espello da sentemporaneidade. Colaborar, de xeito desinteresado, con aqueles que teñen menos opcións de mover a súa arte -sexa da índole que sexa- até esta cidade.

"O colectivo auga ras nace dunha mistura de ideas e soños, dos desexos e esperanzas dun grupo de xente diversa. Un colectivo heteroxéneo cun obxectivo común: mostrar a variedade cultural galega ao mundo, de aquí de alá e de acolá, alén dos xa comidos e degustados lacón con grelos e a gaitas varias como símbolos únicos do noso país. Somos parte dun pobo onde chove mais tamén vai sol, de regueifas e internet, de lacón con grelos e de filloas. Somos gris e tamén verde, monte e mar. Somos gaita e tamén partitura viva, guitarra eléctrica e música de cámara. E é esa Galiza múltiple e viva que vos queremos mostrar dese xeito novo de inventar, unha pinga da iniciativa e inspiración que move os novos creadores galegos"

E para celebrar a presentación do colectivo, auga ras organiza unha exposición de fotopoemas da artista viguesa Mariana Guiadanes. Trátase dunha compilación de instantáneas tomadas en diferentes lugares do mundo, que amosan unha sensibilidade precisa e preciosa, un xeito de recrear o efímero do momento e un dominio da lente como medio para contar unha historia diferente.

A entrada á exposición -que se mostra no Café Arco- é gratuita e a mesma permanecerá exposta ó público ata o vindeiro 13 de maio.


 

Mariana Guiadanes é traductora e intérprete. De palabras e imaxes.

É quen de chegar ás nubes cos pés no chan (iso sempre, húmidos, enraigados e vivos como a terra; os seus pés son raigames de bule-bule que saben patalear cando é preciso e gostan de probar cómo é pisar noutras leiras). Eses enganches tan fondos chegan ata os ollos da súa máquina de facer luces impresas. E nótanse.

Dende o lugar de Beade á Europa máis boreal, as imaxes poéticas e os poemas imaxinarios desta viaxeira volvénnos os ollos de ra e as pegadas coma a auga da tanxerina verde.

¡Qué o disfrutedes!


Exposición de fotopoemas de Mariana Guiadanes.
Café Arco, praza 2 de maio, 4. Madrid
Dende o venres 25 de abril


 
Volver á páxina principal


1
Hosted by www.Geocities.ws