Hosted by www.Geocities.ws




 Diatribas... Por Miguel Louzao Outeiro
 


Embaixada auga ras. Presupostos para sermos un pouco (ou sexa, como ter sentidiño entre tanta ausencia):

Diatriba Un: ser batracio


Da con-xuntura de varias especies xorde o verde. Ser verde é ser diferente, polo tanto existente, e claro, existir, aínda que sexa un chisco risco, cómpre existir. E xa fartos de ser grelos decidimos ser lacóns. Iso si, lacóns verdes: Batracios. Sermos verdes é tamén o estigma de ter cor. Hoxe que todo o mundo é branco, negro, rosa, amarelo, castaño (ser de maioría absoluta), aquilo do branco e azul é mistura atractiva e co verde revolucionaria. Porque comemos terra e herba de pequenos, cando aínda eramos máis pequenos. E comermos terra fíxonos impercetíbeis ao des--espero. Quen come terra nunca volta ser o mesmo. Coma quen come herba. Remoer terra (e herba) é coñecer o mundo con ollos de vaca, de vaca tola porque non se pode ser só vaca. E iso é unha epidemia. Unha doenza que te leva á cultura, ás cultu-ras. Ao ser verde é imposíbel non dar brincos. Tamén os hai que se arrastran, mais eses teñen veneno. Dar choutos é a única forma de andarmos, tamén bébedos. E claro entre chouto e chouto estamos no ar, coma as estrelas, e coñecemos palabras. Cada chouto é un verso, un aturuxo, un libro. E palabras, palabras, sempre palabras, como dixo aqueloutro.

Diatriba dous: crear o mar na chaira

Non é unha alucinación. Tampouco a reacción ao insulto. Non, isto é un soño que permanece de xeración en xeración: a limpeza. Sermos limpiñ@s. Ese foi o primeiro desexo dos homes e mulleres, mais o deterxente tardou en vir, e despois era moi caro, e houbo que andar así, e un día atopámonos no meio da rúa coa roupa nova e quixemos ser limpos. Coma calquera, non hai máis que ver a xente o limpa que vai pola vida adiante. Nesta chaira hai moito lixo, aínda que non todo é o que parece. Nós, xa sabedes os da banda de Laíño, os da banda de Lestrove, temos aquí moito de nós que limpar. Non hai Ariel que chegue! Nin sequera o noso Disiclín (Di-si-clín)! O mellor nestes casos é o sal. E para termos sal facemos o mar, e outras cousas tamén, aquí entre vós e convosco.

Diatriba tres: cataplús. Aí vai, carallo aí vai.

Un dixo "Temos forza para rachar o mundo" (X. S.) e o outro "dálle até que escache". E ras, rompeu, porque non hai pouco que non chegue nin moito que non se acabe. E nós, pequenos e chouteiros, sabémolo.

Por iso facemos da verticalidade do espazo unha brincadeira.


End: Non choredes, non choredes que hai cola-cao para todos.

 
Volver á páxina principal

 


1