A materia prima sácase nas barreiras, facendo pozos ou buratos, cunha profundidade que varía entre medio a dous metros, e de seguida se practícan pequenas galerías para aproveitar ben o filón, a non ser que a boca sexa moi ancha e neste caso adóitase traballar ao descuberto.

      Dúas son as cualidades do barro máis estimables para a fabricación das olas: un máis "ligoso" ou forte, coñecido como "barro correuado" que se sacaba nas barreiras de S. Xinzo de Lobios e outro máis areoso, referido como "barro farangullán", procedente de Veiga de Liñares, da parroquia de S. Salvador de Figueiroá. Como se trata de dous barros brancos, para darlles algunha cor mestúrase con barro referido. Para os "asadores" úsase sen mestura o "barro farangullán" que soporta temperaturas moi altas. Noutros tempos sacouse barro doutros lugares.  

    

          Unha vez que o barro é carreteado ao alpendre, anexo á casa do oleiro, déixase secar no "barreiro", un chan de lousas de pedra. Alí golpéase coa "barra", peza de ferro sacada dunha lamia das rodas dos carros do país. A operación co barro denomínase "picar, á vez que se vai humedecendo con auga a fin de que abrandase, ou "molentar".

Cando o barro está perfectamente molentado, mestúranse as clases de cada barro na cantidade a empregar na tarefa do día e deposítase sobre unha lousa plana que se coñece como "a pedra de curtir o barro". Para curtilo golpéase co mallo ou "pisón", mazo de madeira de carballo que ten un mango de case un metro. Logo esvaríase, amasando ben, ao mesmo tempo que se humedece, cos pés e as mans, para eliminar as impurezas e evitar que leve gromos. Deste tratamento resulta unha masa de barro denominada "piadela". E así preparado, fórmanse dous bolos, ou "burillóns", para a tarefa do día que se deixa xunto á roda.

 

 

       En Gundivós os cacharreiros traballan con "rodas" baixas de grosa madeira de carballo, para que o seu peso alongue o xiro da roda, que se move nun vío de buxo ou cerdeira, e que o seu diámetro ten aproximadamente 60 cm. Esta roda leva unha peza central, coñecida por "fondeira", que se renova co desgaste polo uso. Por abaixo o vío está fixo no "tallo", unha peza rectangular, tamén de carballo, sobre a que asenta o conxunto da roda. Baixo a roda, inmediatamente por baixo, dúas táboas de carballo dispostas en cruz son o punto de apoio para impulsar a roda. Nos tempos actuais o centro da cruz adoita olevar unha caixa de bolas de aceiro para facilitar o xiro da roda.

 

       Para o seu manexo, a roda colócase no corredor da casa ou na cociña se fai frío ou chuvia, e nos días de sol e de calor ponse fóra ao fresco. Os cacharreiros traballaban durante todo o ano, porque as vendas máis fortes realizábanse polo inverno, pola época da matanza, e no verán coa vendima. O manexo do torno era cousa do propio cacharreiro ou cacharreira. Unicamente para as grandes pezas precisábase de axuda, para xirar a roda.

      Varios instrumentos son empregados para a confección das olas no torno. Unha simple lámina triangular de madeira, de salgueiro ou cerdeira, coñecida por "a pitela", de trece a vinte cms. de longo por cinco cms. na base e aguzada nun extremo, utilízase para rematar a superficie exterior dos cacharros e pola punta para as decoracións incisas. Os "trapos" de liño ou lá, mollados, son para rematar as paredes e o bordo, e "o cacho da auga" para limpar as mans e o material de traballo
Hosted by www.Geocities.ws

1